Category: Sen clasificar
David Castro intenta aprobar a Conta Xeral do ano 2022 ocultando documentación importante e cun pleno a horas intempestivas para evitar a asistencia de público.

- Convoca o pleno un xoves ás dúas da tarde para evitar a asistencia de público e concelleiros.
- O Conta Xeral sen os pertinentes e obrigatorios Memoria e Informe da Comisión de Contas, e ocultando determinados gastos.
David Castro está encirrado en facer as cousas mal, non sabemos se polo capricho de levarnos a contraria a Somos Ribadumia ou porque realmente o seu nivel de incompetencia para a xestión política é completo.
Como xa denunciamos no seu momento, o proceso de aprobación da Conta Xeral do ano 2022, que chega 5 meses tarde sobre o prazo límite de aprobación, acumulou varios erros, o máis grave a falta de parte da documentación que obriga a lei a dispor no expediente, tanto en exposición pública como no traslado aos concelleiros e concelleiras para o seu debate e aprobación.
Dixémolo e presentamos en tempo e forma un escrito, informando da situación, dos erros e solicitando o reinicio do proceso, facendo as cousas ben. Pois David Castro decidiu facer oídos xordos é tirar para adiante, seguindo cun proceso que non cumpre coa legalidade e ao final do cal, por non aceptar que houbo erros e perder unha semana en facer as cousas ben, insisten en aprobar a Conta Xeral nun Pleno convocado para hoxe a todo correr.
Onte tivo lugar de maneira previa ao pleno, unha Comisión Informativa de Contas, onde se deu conta do noso escrito e as xustificacións para non aceptar o que solicitamos, que como dixemos unicamente era o reinicio do proceso incluíndo toda a documentación obrigatoria. Dende Secretaría e Intervención do Concello confirmouse que efectivamente non se entregou esa documentación, argumentando, como en veces anteriores problemas informáticos. Máis sorprendente foi que se lle dixera ao noso concelleiro Sérgio Soutelo que a documentación completa se ía poder consultar no portal de Rendición de Cuentas do Estado. Sorprendente por dous motivos, primeiro por que a Conta Xeral súbese a ese portal “despois” de aprobarse, e polo tanto non se pode consultar antes da súa aprobación, e en segundo lugar porque a obriga de trasladar a Conta Xeral ao Tribunal de Contas e facela pública nos portais de transparencia pública non saca a obriga de ter toda a documentación no expediente a disposición da veciñanza no período de exposición pública e de trasladarlla aos concelleiros e concelleiras antes de levala a Pleno.
Pola nosa banda non imos permitir que se lle tome o pelo nin á nosa formación, nin moitísimo menos á veciñanza. A falta de documentación e ocultación de datos non é admisible. Esta tarde volveremos pedir a retirada da Orde do Día dese punto do Pleno de mañá, e se David Castro insiste en facer as cousas mal, teremos que solicitar amparo ante os Tribunais de Contas. Non sería a primeira vez que unha Conta Xeral lle vén de volta a David Castro por malas prácticas, xa pasou coa do ano 2019, e non podemos aceptar que o Concello funcione desta maneira tan lamentable e irresponsable. En xogo hai fondos económicos, e detrás deles investimentos e pagos de facturas.
Ocultándose da veciñanza e da oposición.
Por se a situación non era bastante mala, David Castro pensou que era boa idea convocar o Pleno de hoxe, que ten carácter extraordinario, as 14:15 horas. O obxectivo do señor Castro é ocultar o pleno da veciñanza, reducindo así a asistencia de público, bastante elevada nos últimos plenos, é tamén complicarllo aos concelleiros e concelleiras da oposición, que tamén teñen os seus traballos, e non sempre é posible coller horas para o pleno, por moito que teñan ese dereito.
Pero dende Somos Ribadumia xa lle adiantamos ao señor Castro que esas estrataxemas de mal pagador non van funcionar. Xa nos ocuparemos de que toda a veciñanza coñeza a súa xestión ao detalle. Polo que pedímoslle que deixe de enredar con xogos infantís , e se ventre en gobernar é xestionar o noso Concello, que foi para o que o puxo a veciñanza na alcaldía.
David Castro xoga ao despiste a conta de FITUR.

- David Castro nega o evidente e oculta a realidade mentindo e insultando.
- O debate non está en FITUR, está en quen vai pagar a liberación de Asperez e en canto lle vai costar ese favor á nosa veciñanza.
- Reafirmámonos no dito, David Castro empezou a súa presidencia na Mancomunidade renegando da mesma e ocultando ante a veciñanza o traballo dese ente.
Parece que David Castro está algo molesto pola mala imaxe que desprendeu na pasada feira de FITUR, e antes diso no proceso da moción de censura da Mancomunidade. Por iso e por que non está logrando o estrelato rutilante que lle contou Gonzalo Durán que ía ter co seu ascenso a presidente da Mancomunidade. Quizais o señor Durán esqueceu explicarlle ao señor Castro que aos presidentes das mancomunidades pásalles como á muller do César, que non só teñen que ser presidentes, tamén teñen que parecer que o son.
Nos últimos días, como resposta á nosa posición ante o arranque da presidencia do señor Castro no ente comarcal, asistimos primeiro ao insulto nunhas declaracións aparecidas nun medio de prensa e agora , a través do primeiro comunicado de prensa que emite o Partido Popular dende o inicio de mandato, a un intento de dar a volta ao que é público e notorio atacando á nosa formación, e de paso desviar o centro de atención do importante.
En Somos Ribadumia podemos errar, pois somos humanos e humanas, pero non mentimos. E neste caso non só non mentimos, senón que o propio David Castro confirma o que décimos. Dixemos e agora reafirmamos que David Castro tentou minimizar ante a nosa veciñanza o papel da Mancomunidade en FITUR. David Castro confirmou onte – e fixo fincapé – a súa presenza nas presentacións da Xunta e da Deputación, e tamén que estivo presente na presentación da Mancomunidade. Nós non dixemos o contrario, de feito remarcamos a presencia do noso alcalde nos actos da Xunta e Deputación, pero tamén dixemos e así o demostran as publicacións nas redes do Concello, que o señor Castro ocultou intencionadamente a súa presencia na presentación da Mancomunidade, e tamén as actividades do ente comarcal en FITUR, mentres deu pulo e publicidade á súa presencia nas presentacións das administracións gobernadas polo PP. Dirémolo máis claro, o Concello publicou fotos das presentacións das campañas da Xunta e Deputación, pero ningunha da presentación da Mancomunidade do Salnés, unicamente unha foto de parte da comitiva da comarca, cando lle empezaron a pitar os oídos, e el non aparece na mesma. A este xeito de actuar poderáselle chamar de moitas maneiras, nós dicimos que David Castro renega do ente que preside. Se ao señor Castro non lle gusta, non é o noso problema, os feitos son os feitos.

Dixemos e reafirmámonos en que o seu papel en calidade de presidente en FITUR foi irrelevante, sen apenas presenza nin actitude, algo patente na falta de intervencións ante os medios, e que non foi capaz de achegar unha imaxe de unidade da comarca; de feito este ano non tivemos a ata agora tradicional foto de todos os alcaldes, pero si tivemos, coa silenciosa aceptación de David Castro, o esperpento de Durán, facéndose notar para transmitir quen manda en realidade, sentado na presentación das campañas de turismo das que renega, pois non esquezamos que foi el o que rompeu o consenso en cuestións de turismo e montou un chiringuito pola súa conta indo contra a Mancomunidade. E aínda podemos reforzar máis todo o dito, pois se temos que atender ás declaracións públicas de David Castro e ás publicacións nas redes do noso concello, é imposible saber cales son as campañas turísticas da nosa comarca presentadas en FITUR, e isto resulta esclarecedor.
O certo, facilmente comprobable, é que para os recursos de comunicación do noso concello, a Mancomunidade na que participamos non existe.
A liberación de Asperez.
Á realidade é que David Castro intenta desviar a atención dun asunto bastante máis grave que á súa presencia ou non nunha feira. Enriba da mesa está á aprobación da liberación de Asperez, non sabemos se algunha máis, da que o señor Castro non quere que se fale, como non quere falar de quen vai pagar esa liberación.
Pedímoslle á David Castro que deixe de marear, recomendámoslle que non lle faga tanto caso a Gonzalo Durán, e abandone a táctica do insulto porque nós non imos entrar nese xogo. Tampouco vai colar o de acusarnos de mentir, pois como dixemos moitas veces a nosa verdade ten papeis que a sosteñan, como quedou patente en todas e cada unha das ocasións nas que David Castro quixo poñernos por mentireiros.
O que si debe o señor Castro é explicar cal é o custe do voto de Asperez é de Vieitez, quen o vai pagar e canto lle vai costar á veciñanza de Ribadumia. E dicimos á de Ribadumia, porque outros alcaldes da comarca xa adiantaron que os seus veciños non van pagar ese tipo de regalías en diferido.
En resumo, David Castro estréase como presidente da mancomunidade. É faino sen relevancia ningunha, totalmente absorbido por Gonzalo Durán, facéndo campaña para o PP nun intento de sumar galóns, e enfrontado ao resto de alcaldes e alcaldesa da comarca. Pero tamén ten un problema cos seus propios compañeiros na moción de censura, pois é evidente que o Xudas deste proceso quere as súas 30 moedas, pero tamén que Roma non paga traidores. Un problema cunha factura que pretende que a peguen os veciños de Ribadumia. Non o podemos aceptar.

Os manexes de David Castro e Gonzalo Durán que queren facer pagar á veciñanza de Ribadumia.

- O anuncio dun máis que probable intento de dar unha liberación na Mancomunidade a Asperez, preocupante.
- David Castro pretende que os Concellos, ou sexa a veciñanza, paguen os favores políticos que el debe.
- Inaceptable que a Mancomunidade se use para cumprir os caprichos do PP, de David Castro e de Gonzalo Durán.
- David Castro, en FITUR, abandona o stand da Mancomunidade que preside para facer campaña co PP.
Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación ante o arranque de David Castro como presidente da Mancomunidade de Concellos do Salnés e os seus manexes para pagar as súas débedas políticas cos cartos da nosa veciñanza.
O anuncio de que David Castro e Gonzalo Durán teñen enriba da mesa levar a pleno a aprobación dunha liberación para o novo delegado de Turismo, o señor Asperez, parécenos totalmente inaceptable.
Comezando polo funcionamento da propia Mancomunidade, este ente leva moitos anos facendo unha aposta moi forte polo turismo, e mesmo tivo delegacións de turismo, como a que exerceu Gonzalo Pita, pero non tivo nin precisou ata o momento liberacións políticas. De feito, neste órgano non houbo ata o de agora ningún cargo político liberado, pois non ten sentido nun ente de participación voluntaria cuxas funcións, maiormente presidencia, se desenvolven como unha responsabilidade máis dentro do cargo municipal. A día de hoxe non hai ningún motivo obxectivo que xustifique pagarlle unha liberación a ningún dos postos políticos da Mancomunidade, moito menos unha delegación de Turismo..
Con independencia disto, está o contexto no que se fala desta liberación e os motivos da mesma, que nada teñen que ver coas necesidades do cargo. É evidente que David Castro e Gonzalo Durán están tratado de pagarlle o favor a José Asperez, o Concelleiro que deu o voto -xunto aos dous do Partido de Vieitez – que permitiu a David Castro acceder a presidencia da Mancomunidade. Pero nin a Mancomunidade pode usarse como unha oficina de colocación do PP, nin podemos aceptar que os cartos da nosa veciñanza se usen para pagar as débedas políticas de David Castro e Gonzalo Durán. Non hai que esquecer que os fondos da Mancomunidade en boa medida proceden dos Concellos, e que unha liberación desas características, segundo estatutos, tería que sufragarse a partes iguais polos nove Concellos da Mancomunidade, se se interpreta como un gasto xeral máis da Mancomunidade, ou con cargo á partida de accións de Turismo, onde os concellos pagan por poboación, pero que en calquera caso repercutiría nas arcas municipais.
Tampouco podemos pasar por alto que esa liberación debe ser aprobada polo pleno da Mancomunidade. E non sabemos o que votaran os representantes do resto de partidos, pero coa situación actual, parece difícil que haxa un acordo, e tal como nós o vemos, tensar a corda aínda máis con eses manexes, pode abrir a porta a unha ruptura institucional con consecuencias difíciles de medir. Polo tanto, pedímoslle ao señor Castro que deixe de atender tanto a Durán é atenda máis á prudencia é á sensatez, é que actúe cun pouco de seriedade, porque o que estamos vendo nestes días menos serio é calquera cousa
Polo que a nós respecta, non imos aceptar un cargo destas características e de producirse, imos opoñernos frontalmente a que o Concello de Ribadumia e a nosa veciñanza aporten fondos para pagar esta liberación ou outra destas características que se lle ocorra ao señor Castro. Se xa resulta indignante que o prezo do voto para a Mancomunidade se negocie en cartos, moito máis que se pague con fondos públicos. Se David Castro quere agradecerlle a Asperez o favor, que o faga pagando el do seu peto, e se anda falto de liquidez que lle axude o señor Durán, pero a nosa veciñanza non paga impostos para ese tipo de cuestións.
David Castro comeza a presidencia da Mancomunidade renegando dela.
FITUR pasou, pero deixa pouso. A división na Mancomunidade foi evidente no que posiblemente sexa o evento público máis importante no que participa este ente. A división non sorprende. Pero cómpre remarcar a incapacidade de David Castro para , na súa calidade presidente, dialogar co resto de alcaldes e alcaldesa e intentar dar unha mellor imaxe nun escaparate dese tamaño. Como tamén hai que remarcar o lamentable espectáculo de Gonzalo Durán, que foi a Madrid unicamente a exhibir a David Castro e a José Asperez como os seu trofeos políticos – non así Vieitez – e a crear crispación coa maioría dos alcaldes da comarca, algo totalmente fora de lugar.
A nivel local, David Castro leva días intentado ocultar a presenza da Mancomunidade en FITUR. Deu orde de realizar publicacións nas redes do Concello poñendo en valor as presentacións da Xunta de Galicia e da Deputación, ocultando todo o posible e intencionadamente as presentacións e o traballo da Mancomunidade presentando as campañas turísticas da nosa comarca e das que o noso Concello forma parte, e se nas últimas horas se mirou algunha publicación onde saía reflectida a Mancomunidade foi por mor das críticas que recibiu nas propias redes e na rúa. Non é unha opinión, revisando as publicacións das redes sociais do Concello é as fotos publicadas, queda claro que David Castro estivo moi dedicado ás presentacións da Xunta e da Deputación, pero non se preocupou o máis mínimo por exercer de presidente da Mancomunidade.
Así pois, David Castro inicia a súa presidencia renegando do ente que preside, no cal demostra o interese que ten en presidir ese ente. Pero isto tamén é unha artimaña política que busca dar relevancia ao PP en detrimento dun ente comarcal que se financia con fondos do noso Concello é do resto da comarca, cuxa maior parte de Concellos están gobernados polo PSOE é outras forzas. E dende a nosa formación non podemos aceptar que o señor Castro use os recursos municipais para facer campaña política en favor do seu novo , ou non tan novo, partido.

A Conta Xeral do ano 2022, tarde, mal e con erros de todo tipo.

- A Conta Xeral do ano 2022, que debería levarse a Comisión de Contas antes de xuño, e estar aprobada antes de outubro púxose en exposición pública este mes de xaneiro.
- O documento da Conta Xeral, coa documentación incompleta, erros, e ocultando cousas.
- O Consello de Contas de Galicia xa apercibiu a David Castro por facer o mesmo no ano 2021, e antes diso no 2019 obrigou a corrixir numerosos erros documentais.
- En perigo axudas económicas e investimentos para o noso concello.
- David Castro, suma e segue a desidia e o abandono das súas obrigas como alcalde.
Dende Somos Ribadumia sempre nos amosamos comprensivos coa complexidade que conleva a xestión económica do Concello, pero a situación volveuse insostible.
Por terceiro ano consecutivo, a Conta Xeral , neste caso do exercicio 2022, está no proceso de aprobación, iniciado coa realización da Comisión Especial de Contas ao que sigue un período de exposición pública e debera rematar coa súa aprobación en Pleno Municipal , fora de todos os prazos legais, pero este ano o proceso ademais de bater record de retraso, está cheo de erros, que nos obrigaron a tomar medidas e solicitar a suspensión do mesmo e o seu reinicio facendo as cousas correctamente.

Máis aló do desfase nas datas e na tardanza no inicio do proceso, resulta que este nin sequera se está realizando correctamente. A normativa que rexe a xestión contable dos concellos é moi clara e concisa, pero David Castro parece encirrado en saltarse cada unha das normas. De partida, a exposición pública debe anunciarse a través de varios medios, por medio dun edicto que debe publicarse no Boletín Provincial e manterse colgado no taboleiro de anuncios do propio Concello. Pois ben, polo que sexa, David Castro que cando vai ao Concello pasa por diante dese taboleiro, non caeu na conta de que o edicto non se expuxo publicamente, polo que as persoas que non teñan acceso ao Boletín Provincial, onde se publicou o pasado 17 de xaneiro, nin ferramentas dixitais, non van enterarse por non cumprir as obrigas que recollen o propio edicto.
Tampouco existe un expediente ao que dar acceso á veciñanza que queira consultar a Conta Xeral. Ou, cando menos, non existía o 14 de xaneiro, cando un membro do noso partido acudiu a título particular a realizar a consulta do expediente, e tivo que agardar máis de media hora a que o persoal municipal solucionara o problema e encontrara o expediente.
Un expediente que nin sequera está completo. A Conta Xeral non é un papel calquera, e hai unha norma que específica que documentos debe conter, entre eles unha Memoria Explicativa de todo o documento e unha serie de certificacións bancarias, que polo que sexa non se inclúen nin no expediente que se trasladou ao Concelleiros e Concelleiras e se tratou na Comisión Especial de Contas nin no documento que dispuxo para a súa consulta.
Polo tanto, de partida o proceso ten vicios suficientes como para ter que solicitar a suspensión do mesmo, cousa que xa fixemos.

Falta de transparencia e advertencias do Consello de Contas.
Non só hai erros e falta de documentación no proceso de aprobación da conta do ano 2022, tamén hai ocultación intencionada de moitos gastos. Por exemplo, o Concello oculta en que gastou 166.000 € da Festa do Viño, unha festa que inicialmente contaba cunha partida de 120.000€, que foi preciso ampliar en 30.000€ que foron insuficientes deixando un déficit de máis de 16.000 euros, que haberá que ver de onde se sacaron, pois os ingresos por ese concepto non cadran.
A lei permite presentar reparos, observacións e mesmo solicitar correccións na Conta Xeral, pero para facelo correctamente é preciso referirse ás partidas económicas concretas, algo imposible neste caso debido a que a documentación presenta a numeración das partidas e dos conceptos económicos cortada, imposibilitando así calquera reclamación ou dando pé á súa desestimación.
En resumo, un cúmulo de irregularidades , que nin sequera é a primeira vez que se producen. Ribadumia xa apareceu no Informe anual do Consello de Contas de Galicia polas súas irregularidades relativas ao retraso na tramitación e por incoherencias documentais na Conta Xeral do ano 2021, e tivo que facer correccións na Conta Xeral do ano 2019, ameazado coa retención de fondos da Xunta, situación similar á que aconteceu cos fondos do estado neste pasado ano, retidos dende novembro por non presentar o orzamento do 2023.

Dende Somos Ribadumia insistimos en que David Castro debe asumir responsabilidades, cumprir as normas existentes e deixar de complicar a xestión económica do Concello e de poñer en perigo a chegada de fondos e os investimentos por parte doutras administracións.
