Category: Sen clasificar

En abril e David Castro coas axudas aos colectivos e clubs sen convocar.

As axudas a entidades deportivas, culturais e sociais para este ano están sen convocar.
• O ultimo tramo, 15% do total, das axudas do ano pasado esta sen ingresar un mes despois de aprobarse en pleno.
• Os colectivos municipais abandonados mentres David Castro fai promoción de eventos privados organizados por empresas de fora de Ribadumia.
• Cada día menos colectivos locais e máis problemas institucionais.

Dende Somos Ribadumia queremos denunciar o estado de retraso na xestión das axudas aos colectivos que traballan no noso concello, tanto clubs deportivos, como entidades culturais e sociais.

En orixe, as bases e o funcionamento foi establecido para que se publicase a convocatoria das axudas en xaneiro ou febreiro e como moi tarde telas aprobadas no Pleno Ordinario de maio. Poren, nos últimos anos, o normal neste Concello e con este alcalde foi que a Xunta de Goberno Local aprobase a convocatoria para as axudas e se publicase no Boletín da Provincia no mes de marzo, co conseguinte retraso, que ademais non se pode acortar pois o prazo de presentación de solicitudes esta regrado en 60 días naturais dende a publicación no Boletín Provincial, e despois aínda debe revisarse a documentación, realizar a valoración de puntos e aprobarse as cantidades económicas en Pleno.

Pois ao noso alcalde aínda lle debeu parecer pouco retraso, que este ano, xa comezado abril, ten sen publicar, posiblemente sen aprobar , a convocatoria das axudas municipais a eses colectivos. O resultado disto é que as axudas non se van aprobar antes de xuño, e xullo se se levan a Pleno Ordinario, co prexuízo que iso supón para estas entidades, que teñen que desenvolver os seus proxectos sen saber nin canto van percibir do Concello, se é que van percibir algo, nin cando.

Dende o noso partido non podemos compartir esta maneira de facer as cousas, deixando aos colectivos tirados e obrigados a facer as súas planificacións sen contar coa axuda municipal ou calculando a ollo e adiantando os cartos. No mellor dos casos, para cando cheguen as axudas, os colectivos veranse con medio ano fora e no caso de clubs deportivos coa tempada xa rematada, o mesmo que as ANPAS co curso escolar finalizado. E isto no caso que de que o 25% de entrega inmediata se chegue a pagar nun tempo razoable, cousa que dubidamos, pois cos prazos deste goberno o groso das axudas non chegará antes de rematado o verán, nin sequera xustificando os gastos no primeiro día logo de aprobarse, cando se aproben.

Ademais disto, resulta que o último tramo de axudas do ano anterior, que supón o 15% do total das cantidades aprobadas en cada caso, que debería terse aprobado e pagado en xaneiro, un mes despois de aprobarse no pleno de marzo, están sen ingresar nas contas dos colectivos. Co cal, en abril de 2024, o Concello aínda non rematou de pagar as axudas do ano 2023. E a isto David Castro chamaralle boa xestión, pero a nos parécenos un desastre.

Os colectivos locais abandonados, mentres se promocionan eventos privados.

En realidade, todo apunta a que a David Castro os colectivos locais, salvo para ir facerse fotos, danlle igual porque o único que lle importa é o AF7, un evento privado ao que non se cansa de facer promoción ata o punto de que nas redes sociais do Concello nos últimos días víronse publicacións promovendo aos negocios que colaboran con ese evento, todos eles de fora de Ribadumia, algo totalmente fora de lugar, porque non é de recibo que un Concello promova negocios e empresas privadas, e menos aínda se son de fora do Concello e entran en competencia coas empresas locais, e porque ademais o Concello de Ribadumia non é organizador dese evento, unicamente colabora, iso si, cunha boa cantidade de cartos e recursos que o señor Castro oculta da opinión pública.

En resumo, ademais de ter os fondos para estes colectivos conxelados dende o ano 2017, de retrasarlle cada ano un pouco máis o pago desas axudas, e de estar pendente unicamente dos eventos privados, nos últimos meses vimos colectivos como o do Pole Dance manifestándose publicamente contra o maltrato do señor Castro, leas nos xulgados con clubs deportivos como no caso do Xuventude Sisan, aínda sen resolver, asociacións culturais que deixaron a súa actividade cansas das actitudes do alcalde, ou outras que logo de nacer auspiciadas polo goberno local e despois de anos de vinculación con Ribadumia teñen un pe en concellos veciños porque neste non se lles fai máis que poñer trabas, cando non directamente faltar ao respecto, como vimos cos actos do 8M e os continuos desprezos a ESMAR.

David Castro manda unha enquisa polémica, pero fai responsable ao departamento de Inspección de Política Social e a Somos Ribadumia.

  • David Castro asegura que a  enquisa foi auspiciada polo departamento de Inspección de Política Social.
  • Pedimos formalmente a ese departamento da Xunta que nos aclare se recomendan ese tipo de enquisas, e neses termos.
  • David Castro sinala á Xunta e a Somos Ribadumia, como sempre, pero esquece que o alcalde é el.
  • O sindicato CSIF esixe a retirada da enquisa.

   Dende Somos Ribadumia, vistas as declaración á prensa de David Castro, onde culpa do envío da enquisa enviada valorando ás mestras da escola infantil municipal ao departamento de Inspección da Consellería Política Social, e onde se acusa á nosa  formación de facer pública a situación, queremos deixar constancia de que na mañá deste mércores presentamos unha solicitude de aclaración directamente á  Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica , co obxectivo de saber se é certo que dende Inspección se auspiciou esta enquisa, ou se David Castro sinxelamente sinala co dedo para evitar facerse responsable.

 Máis aló disto, reafirmámonos no expresado. Esa enquisa non debería terse enviado neses termos, pois non pregunta nin polo Proxecto Educativo do centro, nin se refire a actividades xerais ou concretas do mesmo, nin pola calidade das instalacións nin, en  xeral , por nada sobre os que os pais e as nais poidan expresar unha opinión obxectiva, e unicamente pretende que as nais e pais valoren o traballo das mestras da gardería, algo difícil polo funcionamento da mesma, poñendo os seus nomes e nalgún caso apelidos e interpelando  unha valoración explicada, que ademais non conta con garantías de anonimato para ningunha das partes.

   Dende Somos Ribadumia, temos moi claro, e as declaracións do goberno veñen de aclaralo aínda máis, que a intención desta enquisa non ten nada que ver con mellorar a calidade de servizo na escola infantil e moito con crear polémicas e buscar xustificacións para accións posteriores, en base a esas enquisas, que ninguén aclarou quen vai xestionar nin como.

A situación das traballadoras da gardería.

Esta mesma mañá fíxose público na prensa que un dos sindicatos con representación municipal, o CSIF, presentou un escrito esixindo a retirada da enquisa por considerar que non se está cumprindo o Estatuto dos Traballadores Públicos. Ademais ese sindicato pon de relevancia que o goberno non convocou aos sindicatos para informarlle da situación das traballadoras da escola infantil, que agora forman parte do cadro de persoal municipal, e polo tanto deben ser tratadas como ao resto de empregados do Concello.

   Ante as acusacións sen sentido de David Castro .

Sobre as acusacións que se nos dirixen dende o goberno, recordarlle a David Castro que ten a mala sorte de vivir nunha democracia, onde os partidos de oposición, cando menos o noso, facemos o noso traballo. Se non quere que lle saquen a relocer os erros da súa nefasta xestión, terá que mudar a maneira na que xestiona. Nós imos seguir facendo o que consideramos que debemos facer dende o lugar que nos deu a veciñanza. E recordámoslle que cando esa veciñanza nos deu a posibilidade  de estar nun goberno non só o apoiamos a el, senón que durante catro anos o noso Concello non se viu envolto en ningunha polémica deste tipo, e a única diferenza entre entón é agora, é que nos non estamos no goberno.

David Castro ataca ás traballadoras da escola infantil.

  • Nunha enquisa mandada este pasado venres pídeselle a nais e pais  que valoren ás traballadoras  de xeito individual.
  • A enquisa fala de valorar unha “PROPOSTA PEDAGÓXICA” que non existe.
  • A enquisa que non se xestiona de maneira anónima, e é un ataque directo ás traballadoras e un mecanismo para crear confrontacións.
  • É o segundo intento de mandar esta enquisa. En xaneiro, pretendeuse mandar, con outro formato, pero retirouse para evitar controversias antes das eleccións autonómicas.

Dende Somos Ribadumia queremos poñer de manifesto a nosa posición contraria ante  unha enquisa que o pasado venres se enviou ás nais e país usuarios da escola infantil municipal.

  Nesta  enquisa  cun enunciado enrevesado interesadamente para disimular a intención da mesma exponse que “co fin de ter a opinión das familias de cara a avaliar a programación didáctica do centro, valore de 1  a 10 a súa opinión  sobre a labor do profesorado do centro con respecto as ACTIVIDADES planificadas en relación á PROPOSTA PEDAGÓXICA ANUAL”.  Pero a realidade da enquisa é que o que se pide é unha valoración de cada unha das traballadoras da escola infantil de maneira específica, non so poñéndolle nota, senón ademais pedindo a explicación desa nota.

    Dende o noso punto de vista non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar por varios motivos:

  • A enquisa vai dirixida a que os pais e nais dean unha opinión, obviamente subxectiva, do traballo das profesionais da escola infantil, non das actividades organizadas polo centro, nin do Plan Escolar no seu conxunto, nin da calidade das instalacións nin de ningún aspecto que unha nai pai poida valorar cun mínimo de obxectividade. Hai que recordar que os proxenitores deixan aos nenos e nenas no recibidor da escola infantil e non teñen acceso ás aulas e polo tanto, non teñen acceso ao traballo das profesionais.
  • As nais e pais non poden valorar a   suposta PROPOSTA PEDAGÓXICA, porque esta non existe. Existe un “Proxecto Educativo” da escola infantil, cuxa última edición coñecida é a do curso 2022/2023, que  xa é un corta pega do proxecto educativo do curso  anterior, realizado pola empresa que tiña a xestión da gardería, non pola dirección actual. Este “proxecto educativo”, para o caso de que fora actualizado,  non se entrega ás nais e pais coa documentación para a solicitude de praza, e tampouco se entregou no curso anterior, nin está publicado en ningún sitio. Se unha nai ou pais o quere ver ten que realizar unha solicitude por escrito ao Concello e agardar que dende alcaldía autoricen a entrega do documento. Así que dificilmente poden as nais e pais facer valoracións dun documento que descoñecen.
  • Nin sequera se estableceron mecanismos de anonimato para a enquisa, de  tal maneira que as traballadoras poden saber que nai ou pai as valora e como. E os pais e nais que queiran cubrir esa enquisa deberan facelo sabendo que todo o persoal na escola infantil podería ter acceso a ela.
  • A enquisa leva o encabezado do Concello de Ribadumia, pero non leva sinatura. Tampouco aclara quen a realiza, se o Concello, a dirección da escola infantil, ou alguén que pasaba por alí, nin quen a vai xestionar.
  • A enquisa é un ataque ás traballadoras da escola infantil, e busca alimentar enfrontamentos coa escusa das  opinións favorables e desfavorables das nais e pais. Posiblemente tamén busque xustificar algún despedimento.

Segundo intento de realizar esta enquisa.   Ademais do exposto, esta enquisa resulta ser o segundo intento que fai o Concello de que as nais e pais valoren o traballo das profesionais da escola infantil. O primeiro aconteceu en xaneiro, cun documento, sen membrete do Concello nin da gardería, nin de ningún tipo, que contiña un texto moito máis claro sobre o obxectivo da mesma, pois pedía, literalmente “valore de 1 a 10 a súa opinión sobre o profesorado , sendo 1 DESCONTENTO e sendo 10 MOI CONTENTO coa súa labor”. Os recelos creados pola enquisa, ademais preto dunhas eleccións, provocou que o documento se retirara e que se retocara o encabezado e  o texto para confundir sobre a intención real da enquisa.

Enquisa que se pretendía enviar este pasado xaneiro, sen membrete nin identificación, pero co obxectivo da mesma moi clariño, foi retirada xusto antes de empezar a repartirse.

  Parécenos que David Castro actúa dun xeito denigrante, ademais de con moita falsidade, ao realizar accións como estas. O traballo das profesionais debe valoralo a dirección do centro e o Concello como responsable da escola infantil, e pode e debe recabar a valoración dos pais sobre as actividades, o Proxecto educativo ou as propias instalacións, pero non se pode acpetar que se enfronte a nais e pais coas profesionais da gardería.

  Non temos claro se David Castro pretende con esta pantomima  xustificar algún despedimento, ou algunha das contratacións realizadas nos últimos meses – envoltas na sospeita do trato de favor –  ou ambas cousas. Pero dende o noso punto de vista, unha escola infantil é unha entidade moi seria, e xa está ben destes comportamentos infantís por parte do señor Castro, e de rirse das nais e pais.

David Castro incumpre os seus propios acordos extraxudiciais.

  • O xulgado auspiciou un acordo entre alcaldía e  Sergio Soutelo para que este poida acceder ao rexistro municipal.
  • A proposta realizouna David Castro, e aceptámola, pero despois de feita,  el pasou do acordo, forzando a situación ata o límite.
  • David Castro tómalle o pelo ao xulgado, a Sergio Soutelo e a Somos Ribadumia.

  O que deberiamos anunciar como algo positivo, un acordo entre o goberno de David Castro e Somos Ribadumia para o acceso ordenado ao rexistro municipal, foi reventado polas actitudes de David Castro, que se dedica a enredar e a rirse de todo o mundo, dunha maneira infantil e absurda. Pola nosa banda, queremos deixar constancia do acontecido nestes últimos meses e das medidas que nos vemos na obriga de tomar ante algo que é inaceptable.

  A finais de novembro do ano pasado, Sergio Soutelo veuse na obriga de acudir ao xulgado ante o bloqueo ao que o tiña sometido David Castro, que  con todo tipo de escusas e argucias trataba de impedir que o noso concelleiro, cunha situación laboral que lle impide acudir presencialmente á casa consistorial dentro dos horarios de atención ao público, accedera telematicamente ao rexistro municipal, algo normal en calquera outro Concello.

  Este tema rematou cunha vista xudicial o 31 de xaneiro. Nela o propio xuíz indicou ao avogado do Concello moi claramente cales son os dereitos do noso  concelleiro, e “convidouno” a propoñer un acordo -con bastante concreción do que debería incluír – antes de rematar o período de conclusións, deixando así moi clara a súa postura e de paso a David Castro sen a razón por segunda vez en menos dun ano. Quedou patente que se o goberno non accedía a realizar a proposta indicada polo xuíz, o final do camiño xudicial sería  o mesmo, pero o Concello remataría pagando todas as costas. O  señor Castro colleu ben o recado, e ante o medo a outro revés xudicial, optou por aceptar a vía do medio que lle propuxo o xuíz, pero como se fose un neno que intenta facer trampa cos traballos escolares, andivo semanas mareando. Logo de realizarnos unha proposta inicial e de nos aceptarlla, alongou os prazos deixándoa sen asinar. Ao, final tivemos que dende a nosa parte enviarlle o acordo asinado xa fora dos prazos, quedando asinado por eles e presentado no xulgado o 29 de febreiro.

O 1 de marzo o xuíz, ditou un auto dando por válido o acordo quedando xa ratificado e en completa validez dende ese momento, o cal significa que o Concello  de maneira diaria debe subir ao espazo privado que Sergio Soutelo ten na sede electrónica, un espazo seguro e ao que só pode acceder el, os datos básicos de todas as entradas e saídas do rexistro municipal. Un acordo que garante todos os dereitos legais e é acorde a lexislación en cuestión de protección de datos, pois só se aportan datos moi básicos, non os expedientes completos, que se deben solicitar a parte e teñen outro proceso. Tampouco se inclúen cuestións que se presenten a través do portelo único e non vaian dirixidas ao Concello. Así pois, é o equivalente a consultar o antigo libro de rexistro de papel.

 Iso foi o 1 de marzo. Pois onte, quince días despois, logo de que o noso concelleiro se dirixira varias veces ao Concello para preguntar porque non se estaba executando o acordo impulsado polo propio alcalde, comunicóusenos que ao avogado non lle constaba o auto xudicial. Unha falsidade e unha tomadura de pelo en toda regra. O auto (este e todos) comunicaselle ás partes ao tempo, nós tivémolo o día 1 , eles por suposto que tamén. Ademais disto, dende Somos Ribadumia temos constancia, ademais de primeírisima man, de que o alcalde estivo ao tanto de todo o proceso e soubo o día 1 de marzo da confirmación vía auto xudicial do acordo, que ademais ten valor de sentenza firme.

  Á vista da situación, xa advertidos ao Concello de que estamos cansos da broma, e de que se o luns non se fai efectivo o acordo, nese mesmo día volveremos ao xulgado para que sexa o xuíz o que faga executar o acordo, con todas as consecuencias.

   Se xa é triste ter que chegar a un xulgado por algo tan básico, que despois de ter un acordo auspiciado por un xuíz pero proposto polo propio alcalde e aceptado por ambas partes, teñamos que tomar estas medidas por mor da irresponsabilidade o señor Castro, parécenos do máis lamentable.

   Esta é a segunda vez que dobramos o brazo de David Castro nun Xulgado, a anterior foi o ano pasado cando un xuíz obrigou ao  Alcalde a darlle acceso a Enrique Oubiña ao rexistro municipal, logo de tres ano e medio de loita pola vía pacífica que non deu froitos e nos obrigou a ir ante a xustiza.

Agora tivemos que volver, tamén pola terquedade dun alcalde que non ten reparos en tirar os cartos da veciñanza en avogados unicamente por mor dos seus caprichos. E agora, aínda non está contento con iso que se dedica a tomarnos o pelo, quizais pensando que non temos recursos para manter a loita, quizais pensando que nos imos render e pasar do tema, quizais porque lle fai gracia. Pois xa lle advertidos que nós somos un partido moi serio e rigoroso, e non nos rimos con segundo que cousas, e aínda que tamén sexamos un partido modesto, para defender os nosos dereitos temos recursos suficientes. Consideramos que non se debe xudicializar a vida política, porque non é a nosa función e porque ademais estas cousas van ao peto da veciñanza, polo que estamos forzando para evitar ir ao xulgado con outras cuestións, pero ante esta actitude do señor Castro, imos ter que reestudar a nosa liña de acción.