Category: Sen clasificar
Novo desastre organizativo e manifesta irresponsabilidade de David Castro, nesta ocasión coa Feira da Familia.

• A Feira da Familia, realizouse por decisión de alcaldía na praza do Concello, a pesar dos chuvascos que caeron ao longo da tarde.
• Estaba anunciado o seu traslado por choiva para o pavillón de deportes de Barrantes, como en outras ocasións, pero David Castro negouse a pesar das peticións das entidades participantes e das nais e pais.
• David Castro obrigou persoalmente aos responsables das colchonetas inchables a poñelas en funcionamento estando molladas, algo que vai contra das normativas vixentes e que puxo en risco a integridade física dos nenos e nenas.
David Castro suma e sigue no caos total de xestión en cada área do seu goberno e no seu delirio autoritario que o leva a pensar que as cousas hai que facelas unicamente por que o mande el, digan o que digan o sentido común e as normativas vixentes. Neste caso, tivemos que asistir, por que ademais estivemos presentes, ao desastre organizativo da Feira da Familia, con saídas de tono do alcalde e de outros membros do goberno, ameazas a traballadores, queixas das nais e pais, e en xeral un completo despropósito.
De partida, compre dicir que a Feira da Familia, que nesta edición cumpriu catorce anos, tiña anunciado, e así figura no cartel do evento, que en caso de choiva se trasladaría ao pavillón de Barrantes. Pero David Castro negouse en redondo a trasladar o evento, e iso que os chuvascos pola mañá e a primeira hora da tarde, facían evidente que a festa non se podía realizar ao aire libre. O resultado desta negativa foi o previsible. Primeiro un caos coa asistencia, pois moitas familias trasladáronse ao pavillón pensando con toda lóxica que a feira estaría alí. Non era o caso e iso xa xerou certo enfado. Outras familias ao ver que o alcalde insistía en realizar o evento na praza do Concello, nin se molestaron en asistir, e outras marcharon ao chegar e encontrarse todo mollado, co cal a asistencia de familias á feira, comparado cos anos anteriores onde sempre tivo boa afluencia, foi escasa.

A choiva estivo presente boa parte da tarde, ata o punto de que unha actuación de paiaso prevista tivo que realizarse debaixo dos soportais dun edificio, pois o Concello non tivo a previsión tampouco de colocar unha carpa. Con todo, o máis grave foi a situación creada coas colchonetas inchables. A empresa que as instalou, empresa sobradamente acreditada e que ademais é veterana neste evento, xa advertiu dende o principio que con choiva esas instalación en concreto non se poden poñen en uso. O motivo é evidente, coa choiva o plástico dese tipo de inchables, que non están homologados para traballar con auga, volvese moi esvaradío, e iso converte a esas atraccións en moi perigosas, pois os nenos poden sufrir lesións. Hai unha norma UNE, en concreto a UNE: EN 14960/2014, que deixa moi claro que este tipo de atraccións, en caso de choiva non se poden usar. Ante a as ameazas do goberno local a empresa inicialmente instalou as colchonetas coa esperanza de que ao longo da tarde a choiva pasara de largo, pero non as inflou nin as puxo en funcionamento, primeiro por precaución, e despois porque ao chover e mollarse non debían facelo. Xa na última hora da tarde, o alcalde apareceu polo evento e ameazou aos responsables das mesmas obrigandolle, ademais con moi malas formas, a poñer as colchonetas, que estaban totalmente molladas, en uso, ademais sen advertir ás nais e pais dos perigos, ao contrario, David Castro aínda se amosou fachendoso de ter imposto o seu criterio ao dos profesionais que xestionaban as atraccións. Afortunadamente desa hora xa moitas familias desistiran e foron poucos os nenos que fixeron uso das colchonetas. Non pasou nada, pero outra vez, como xa pasou co desfile de entroido, se chega a pasar calquera cousa, ningún seguro se ía facer cargo debido a irresponsabilidade dun alcalde que se cree por enriba do ben e do mal, e despois virían os choros.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as actitudes e comportamentos autoritarios de David Castro e de parte do seu equipo, nin por suposto esta lamentable xestión dun evento que tivo ata este ano moi boa acollida. Non nos parece de recibo ter á choiva aos colectivos, incluído un grupo de anciáns do xeriátrico, que voluntariamente colaboran no evento, gorecidos unicamente por unhas pequenas carpas pensadas para tapar o sol, non a auga, nin que os nenos e nenas que quixeron participar en actividades como as colchonetas ou os xogos que había instalados ao aire libre tiveran todo o material mollado e non digamos xa ter que participar nunha actuación gorecidos baixo o soportal dun edificio, un espazo por certo privado, pois pertence á comunidade veciñal do edificio, e deberíaselle solicitar permiso previamente.
Esiximos explicacións públicas e responsabilidades políticas.
Por que pasou isto?
A pregunta que todo o mundo se facía o domingo era “por que non se levou o evento para o pavillón?” . Estaba anunciado e non sería a primeira vez que se trasladaba por mor do mal tempo. O que pasou non o podemos saber, agardamos que David Castro teña a ben dar explicacións, pero tendo en conta o importante partido e a celebración vividas no campo de A Bouza – onde se encontra o pavillón- , co merecido ascenso do primeiro equipo do Umia, para nos é evidente que o que pasou foi que David Castro volveu demostrar que non é capaz nin de xestionar os eventos, nin o uso das instalacións, nin de solucionar os problemas cando xorden. A situación do domingo e o fiasco da feira, que quedou reducida á mínima expresión, e xerou críticas nas nais e pais, teríase resolto, primeiro organizando os eventos cun calendario diante para evitar atoparse con tres ou catro eventos de certa importancia o mesmo día. Para o caso e pasando por alto que quen xestiona o pavillón e autoriza o seu uso é o propio Concello, se o pavillón, logo de contar con el, polo que fora non estaba dispoñible, chegaba con trasladar a festa a outro pavillón, en Ribadumia hai outros dous, ou con dispoñer unha carpa onde colocar os postos e atraccións e onde as familias puideran participar abrigadas do mal tempo. E en último caso, se non había capacidade para algo tan sinxelo como o que expoñemos, pois sería suficiente con aprazar o evento, que tampouco sería a primeira vez que se fai. Pero, unha vez máis, David Castro optou por fuxir cara adiante, pero as consecuencias desa fuxida pagounas, unha vez máis, a veciñanza.

Un valado de bloques de cemento leva semanas en risco de derrube no patio dunha aula do CRA.

- A situación de perigo dese valado para nenos e nenas é evidente, pero o Concello non pasou de apuntalar e sinalar.
- Nais e pais amosan a súa preocupación pola escasa seguridade e polo retraso no arranxo da situación.
- Esiximos do Concello celeridade e unha solución inmediata.
Dende fai xa semanas, un dos valados perimetrais da aula do CRA de Ribadumia está en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, o cal supón un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula.
Operarios do Concello procederon fai preto dun mes a apuntalar o valado a poñer unha rede a modo de separación polo lado do patio da aula, e xa non volveu por alí ninguén, o cal non nos parece nin de lonxe unha maneira dirixente de actuar.
No que respecta ás medidas realizadas para asegurar a zona, non nos parece nin seguridade suficiente nin solución. Unhas táboas por un lado cuns puntais que calquera pode tirar ou mesmo roubar, non nos parece a mellor opción. Menos unha solución que deba orquestar un Concello, do que se agarda un mínimo de profesionalidade. Polo outro lado o patio da aula, que conta con columpios e xogos, non se pecha fora das horas lectivas e algún grupo de nenos ou non tan nenos pode ir por alí a curiosear, e unha rede de plástico entre a área de xogo e o valado tampouco nos parece moita protección ante nenos de catro anos, non digamos xa nenos maiores ou adultos. E non o décimos unicamente nós, cónstanos queixas das nais e pais usuarios, da propia Anpa e do profesorado, pero polo que sexa David Castro fai oídos xordos ante a situación. Como xa vimos en ocasións anteriores, como no desfile de entroido organizado sen permisos, a David Castro mentres non pase nada a seguridade dálle bastante igual.
No que respecta a este abandono dun problema que está xerando preocupación, dende o noso partido debemos esixir que se actúe de maneira inmediata, se retire ese valado que está poñendo en risco a seguridade de nenos, nenas e profesorado, e se proceda a dispor unha solución que dea seguridade, aínda que sexa de maneira temporal. Existen solucións técnicas moito mellores e de maior seguridade que unhas táboas e uns puntais. Agardar a que remate o curso para solventar o problema non nos parece nin de lonxe algo razoable. E agardar a levar un susto para actuar tampouco.

David Castro, un alcalde mal pagador que oculta os datos da súa xestión ante a Xunta de Galicia e o Estado.

• Un ano máis, Ribadumia non presenta os seus números ante o Consello de Contas.
• Xa tivo retidos fondos por non facer as cousas ben, agora sigue poñendo en perigo multitude de axudas doutras administracións.
• O período medio de pago a provedores xa supera os 60 días.
• E mentres, as axudas aos colectivos seguen sen convocarse, seguimos tamén sen orzamento e co Concello á deriva.
David Castro sigue dando mostras do completo descontrol no que ten instalada a xestión municipal, poñendo en risco e paralizando a entrada de fondos doutras administracións pola súa desidia, e prexudicando ás empresas que dan servizo ao Concello.


Como advertimos en varias ocasións, a Conta Xeral de cada exercicio non se está mandando en prazo ao Consello de Contas, ente que fiscaliza a xestión económica dos Concellos. Pero non só iso. A realidade é que David Castro non remite ningún dos informes que dende o órgano de fiscalización se lle require. De feito, Ribadumia aparece no último “Informe de fiscalización das obrigas de remisión de información das entidades locais de Galicia e avaliación do entorno de control: control interno, contratos e convenios”, relativo aos exercicios 2019 e 2020, como un dos Concellos que non trasladou eses informes.

Recentemente, a principios de abril, o Consello de Contas volveu requirir novamente diversos informes económicos ao Concello de Ribadumia, pero non consta que o goberno enviara resposta.
O problema de todo isto, máis alo da falta de transparencia na xestión dos cartos que son de todos e todas as veciñas de Ribadumia, está nas consecuencias. En xaneiro advertimos de que o Concello levaba dous meses con preto de 200.000€ retidos por non cumprir coas súas obrigas cara o Ministerio de Facenda. Se está situación se mantén Ribadumia podería perder centos de miles de euros en axudas. A David Castro non parece preocuparlle, nin lle deben doer os cartos que non son del, pero dende a nosa formación si estamos preocupados, xa non so por esta maneira de facer as cousas, senón polo que poida ocultar tanta opacidade cos números.
Período medio de pago de máis de 60 días.
E a nosa non é unha preocupación baseada unicamente na ocultación dos datos. O período medio de pago a provedores segue subindo. No último ano o período medio de pago duplicouse, pasando dos 33 días do cuarto trimestre de 2022 aos 61 días do cuarto trimestre de 2023. En 2017, estando nós no goberno, ese dato era de 8 días.
Para aclarar, no ano 2017 as empresas que traballaban para o Concello cobraban os seus servizos ou subministros, de media, no prazo dunha semana , a finais do 2023 as mesmas empresas teñen que agardar dous meses de media para cobrar.
Sen orzamentos e sen axudas para entidades e clubs.
Outra cuestión a remarcar é a falta de orzamento, necesario para facer fronte aos investimentos que o Concello queira levar a cabo, e para outras cuestións, como a actualización das nóminas dos traballadores municipais por exemplo. Tampouco se poden ampliar as partidas para axudas a colectivos ou para emerxencia social, por exemplo, nin sequera se pode ampliar o que se destina á Festa do Tinto que terá lugar en tres semanas, e que ten que solventarse coa partida de 2022 que xa nese ano non foi suficiente sendo preciso sacar cartos doutros eventos culturais, unha circunstancia que agora David Castro pretende ocultar.
En resumo temos ao Concello coas mans atadas e cos fondos limitados polo definido no último orzamento, o do ano 2022, que xa non era ningunha marabilla nin daba moito marxe para mellorar nada.
Sobre este inxustificable retraso debemos lamentar que aínda por enriba da desidia na xestión, haxa que soportar as tomaduras de pelo é o “cachóndeo” co que o alcalde se toma este tipo de cuestións. Dende o inicio de lexislatura David Castro anunciou cando menos en catro ocasións plenos extraordinarios onde entre outras cousas iría o Orzamento, primeiro o do 2023, despois xa o do 2024 pero de todos eses plenos anunciados e comprometidos, non se celebrou ningún. Que saiba o señor Castro que ninguén lle cree xa ese tipo de promesas, pero que poñerse no pleno a elucubrar sobre futuros plenos que ou non ten pensado celebrar ou é incapaz de xestionar, supón altarlle ao respecto aos membros da corporación, que, cando menos no caso de Sergio Soutelo, non van aos plenos a pasar a tarde.
Por outra banda, cabe reseñar que seguen sen convocarse as axudas a entidades e clubs. Isto é totalmente inaceptable, e a Concelleira de Contas debería pedir desculpas públicas e se non o soluciona de maneira inmediata, dimitir. A convocatoria destas axudas non require de nada máis que un acordo en Xunta de goberno, ou un edicto de alcaldía, pois as bases están xa aprobadas dende o ano 2016 , e a partida económica da aie dependen figura no orzamento, aínda que sexa prorrogado. Así pois, estas axudas non se convocan porque ao alcalde e á Concelleira responsable non lles da á gaña. Nin máis, nin menos. E iso é un ataque cara os colectivos do noso Concello.
Confírmase que o desfile de entroido non contaba cos permisos necesarios.

- A documentación entregada confirma a ausencia de permiso da Garda Civil.
- A autorización da Deputación non entrou por rexistro.
- Esiximos responsabilidades e desculpas públicas por acusarnos de mentir cando quen mentiu foi o goberno.
- Entregar a documentación en pleno non paraliza o proceso xudicial, por non entregar todo o que se solicita.
Neste pasado Pleno David Castro pretendeu paralizar ou facer decaer un proceso xudicial iniciado polo noso partido ante a súa negativa a entregar diversa documentación, facendo entrega da mesma no propio Pleno.
Sobre a documentación entregada, moito teremos que falar, pero de partida diremos que non se entregou todo o solicitado, e polo tanto seguiremos pola via xudicial.
Porén, hai un tema que queremos comentar en relación a unha das solicitudes de documentación ás que respondeu en Pleno. En concreto ás relativas ao desfile de entroido.
Unha vez analizada a documentación entregada resulta que todas as declaracións feitas neste Pleno e no anterior, onde se aseguraba que ese desfile contaba con todos os permisos e seguros, e que o evento contou con toda a seguridade necesaria, resultaron ser falsas.
Coa documentación na man, e logo das declaracións da propia Concelleira d e Contas, o desfile de entroido non contaba coa autorización pertinente e necesaria da Garda Civil. Si se fixo unha solicitude, pero non consta que a Garda Civil emitira unha resposta, polo tanto non existe esa autorización. E polo tanto o desfile fíxose sen ese permiso.
Situación similar pasa co permiso da Deputación, que foi asinado o 9 de febreiro, o dia hábil anterior á cabalgata, pero non chegou a entrar no rexistro do Concello. Descoñecemos o motivo, ou se o Concello por erro obviou entregar esa documentación concreta, pero compre recordar que o que non entra por rexistro oficialmente non existe nin conta a efectos legais. Cos papeis, na man, a autorización da Deputación non chegou.
Consta entre a documentación aprobada que protección civil axudou no evento cun equipo de 12 persoas. Tendo en conta as características do desfile, recordemos que ocupando un carril enteiro dunha estrada de dous carrís e tráfico abundante, non nos parece nin que fora suficiente nin que limitarse a controlar o tráfico dos cruces fora nin de lonxe a única medida necesaria. Isto non é responsabilidade do corpo de Protección Civil, e responsabilidade de quen organiza o evento e establece as medidas de seguridade. Como dixemos, cando menos dende o noso punto de vista, a falta de medidas físicas que evitaran que os nenos e nenas, e tamén os adultos, invadisen por accidente o carril de circulación, supuxo por en risco a integridade física dos participantes do desfile.
No Pleno, a concelleira de contas encheuse moito a falar de que habíamos creado certa alarma social acusándonos mentir por dicir que o goberno organizou este evento sen os permisos necesarios cando non era correcto. Pois si que era correcto.
E polo tanto esiximos responsabilidades políticas ante este feito tan grave, e no caso concreto da Concelleira de Contas, unhas desculpas públicas ante o noso Concelleiro e o noso partido, por acusarnos de mentir e crear alarma social, cando a que mentiu,. ademais en dous plenos distintos, foi ela, tal como queda demostrado.

Quen organizou e levou a cabo un evento de maneira chapuceira e sen contar cos permisos pertinentes foi o goberno local, quen mentiu foi o goberno local e quen creou alarma social poñendo en perigo a integridade física de nenos e adultos, foi o goberno local. Dende Somos Ribadumia, que para empezar non gobernamos, limitámonos a exercer o noso papel na oposición que inclúe fiscalizar a labor de quen si goberna, aclaramos que unicamente puxemos en dúbida a existencia de permisos cando o goberno local bloqueou o acceso á documentación, e agora entendese o por que dese bloqueo, que tivemos que romper acudindo a un xulgado.

