Confírmase que o desfile de entroido non contaba cos permisos necesarios.

  • A documentación entregada confirma a ausencia de permiso da Garda Civil.
  • A autorización da Deputación non entrou por rexistro.
  • Esiximos responsabilidades e desculpas públicas por acusarnos de mentir cando quen mentiu foi o goberno.
  • Entregar a documentación en pleno non paraliza o proceso xudicial, por non entregar todo o  que se solicita.

   Neste pasado Pleno David Castro pretendeu paralizar ou facer decaer un proceso xudicial iniciado polo noso partido ante a súa negativa a entregar diversa documentación, facendo entrega da mesma no propio Pleno.

   Sobre a documentación entregada, moito teremos que falar, pero de partida diremos que non se entregou todo o solicitado, e polo tanto seguiremos pola via xudicial.

   Porén,  hai un tema que queremos comentar en relación a unha das solicitudes de documentación ás que respondeu en Pleno. En concreto ás relativas ao desfile de entroido.

  Unha vez analizada a documentación entregada resulta que todas as declaracións feitas neste Pleno e no anterior, onde se aseguraba que ese desfile contaba con todos os permisos e seguros,  e que o evento contou con toda a seguridade necesaria, resultaron ser falsas.

  Coa documentación na man, e logo das declaracións da propia Concelleira d e Contas, o desfile de entroido non contaba coa autorización pertinente e necesaria da Garda Civil. Si se fixo unha solicitude, pero non consta que a Garda Civil emitira unha resposta, polo tanto non existe esa autorización. E polo tanto o desfile fíxose sen ese permiso.

  Situación similar pasa co permiso da Deputación, que foi asinado o 9 de febreiro, o dia hábil anterior á cabalgata, pero non chegou a entrar no rexistro do Concello. Descoñecemos o motivo, ou se o Concello por erro obviou entregar esa documentación concreta, pero compre recordar que o que non entra por rexistro oficialmente non existe nin conta a efectos legais. Cos papeis, na man, a autorización da Deputación non chegou.

   Consta entre a documentación aprobada que protección civil axudou no evento cun equipo de 12 persoas. Tendo en conta as características do desfile, recordemos que ocupando un carril enteiro dunha estrada de dous carrís e tráfico abundante, non nos parece nin que fora suficiente nin que limitarse a controlar o tráfico dos cruces fora nin de lonxe a única medida necesaria. Isto non é responsabilidade do corpo de Protección Civil, e responsabilidade de quen organiza o evento e establece as medidas de seguridade. Como dixemos, cando menos dende o noso punto de vista, a falta de medidas físicas que evitaran que os nenos e nenas, e tamén os adultos, invadisen por accidente o carril de circulación, supuxo por en risco a integridade física dos participantes do desfile.

  No Pleno, a concelleira de contas encheuse moito a falar de que habíamos creado certa alarma social acusándonos mentir por dicir que o goberno organizou este evento sen os permisos necesarios cando non era correcto. Pois si que era correcto.

  E polo tanto esiximos responsabilidades políticas ante este feito tan grave, e no caso concreto da Concelleira de Contas, unhas desculpas públicas ante o noso Concelleiro e o noso partido, por acusarnos de mentir e crear alarma social, cando a que mentiu,. ademais en dous plenos distintos, foi ela, tal como queda demostrado. 

  Quen organizou e levou a cabo un evento de maneira chapuceira e sen contar cos permisos pertinentes foi o goberno local, quen mentiu foi o goberno local e quen creou alarma social poñendo en perigo a integridade física de nenos e adultos, foi o goberno local. Dende Somos Ribadumia, que para empezar non gobernamos, limitámonos a exercer o noso papel na oposición que inclúe fiscalizar a labor de quen si goberna,   aclaramos que unicamente puxemos en dúbida a existencia de permisos cando o goberno local bloqueou o acceso á documentación,  e agora entendese o por que dese bloqueo, que tivemos que romper acudindo a un xulgado.

Deixar un comentario