Category: Sen clasificar

O CONCELLO DE RIBADUMIA DENUNCIA NO XULGADO A SUSTRACIÓN DE DISCOS DUROS E O BORRADO DE DATOS DOS SERVIDORES INFORMÁTICOS DO CONCELLO.

  • Os incidentes tiveron lugar días antes da toma de posesión do novo equipo de goberno, e foron detectados con motivo dos traballos de elaboración da páxina web municipal e da contratación do sistema de gravación dos plenos.

   A primeiros do presente ano 2016 con motivo dos traballos de revisión informática necesarios para a actualización da Páxina Web Municipal e a contratación do sistema de gravación dos Plenos o equipo de goberno atopouse de maneira circunstancial cunha serie de incidencias nos servidores informáticos que almacenan toda a información relacionada coa xestión administrativa do Concello, motivo polo que acordou a contratación dunha auditoría do sistema a cargo de unha empresa externa.

pleno-03032016  Esta semana, logo de analizar os resultados desa auditoría e realizar todas as averiguacións oportunas, ante a gravidade dos feitos constatados, o equipo de goberno acordou poñer en coñecemento da xustiza os mesmos, presentando a correspondente denuncia, a fin de que se aclaren as responsabilidades as que houbera lugar e se investiguen os posibles responsables dos mesmos.

Os feitos detectados, segundo o informe da empresa auditora informática foron os seguintes:

  • Imposibilidade de restauración de copias de seguridade do servidor informático do Concello máis atrás do día 12 de Xuño de 2015 (a pesar de que o sistema estaba programado para conservalas durante 894 días).
  • Sustracción dos 2 discos duros de almacenamento das copias realizadas (sustituidos o 11 de xuño de 2015 non atopándose no Concello o volumen anterior).
  • Imposibilidade de recuperar posibles datos borrados con sotfware de recuperación de arquivos ó ser o disco duro “sobreescrito” con carácteres hexadecimais aleatorios.

   Débese ter en conta ademais que estes feitos, detectados agora, prodúcense xusto nos días anteriores a toma de posesión da nova corporación e posteriormente ao anuncio público do pacto de goberno que ía propiciar o cambio na alcaldía. Tamén que estes servidores están situados nun cuarto ao que soamente tiñan acceso o persoal de mantemento informático autorizado e os xestores do Concello nese momento.

   E máis que evidente a gravidade destes feitos denunciados, así como os posibles delitos cometidos polas persoas que, tanto pola súa acción directa, como pola omisión do seu deber de garda e custodia e boa xestión dos datos propiciaron que se cometeran.  Estariamos falando de incumprimento do deber de custodia de datos persoais e posible vulneración da Lei de Protección de Datos por parte das persoas responsables directamente de eses arquivos e de un Delito de danos contra a Administración Pública.

  E por iso polo que este equipo de goberno acordou a presentación da correspondente denuncia no xulgado, por un lado para que se investiguen os feitos denunciados e buscar que se aclaren as posibles responsabilidades legais e penais as que houbera lugar; e polo outro para poder salvagardar a posición do Concello diante dunha posible mala utilización ou uso dos datos que se puideran conter nos discos duros subtraídos.

O equipo de goberno considera que é o seu deber, unha vez comprobados estes incidentes, poñelos en coñecemento da xustiza. Tamén queremos deixar claro que dende o equipo de goberno non se está facendo ningún tipo de acusación directa, simplemente poñemos en coñecemento da xustiza os feitos e indicamos os nomes da persoa e empresas responsables directos da xestión informática no momento en que sucederon os mesmos.

Xunto coa denuncia presentouse o informe da informática realizado e solicítase que se comparezan, en calidade de investigados a anterior alcaldesa Salomé Peña Múñiz e a empresa responsable do mantemento informático do Concello.

Sobre a suspensión da BTTinto.

  • Debido ó seu elevado custo económico, presentáronselle os clubs organizadores varias alternativas que permitirían manter a proba, pero foron rexeitadas, polo que a proba fica suspendida.

   O equipo de goberno decidiu non facerse cargo economicamente da BTTinto, unha proba deportiva que levaba catro anos celebrándose coincidindo coa “Festa do viño Tinto do Salnés”, e que con saida  e chegada en Ribadumia transcorría maioritariamente polos concellos de Meis, Meaño e Poio.

   Hai que explicar que esta proba, tal como se viña financiando, supoñía unha carga económica para o concello moi elevada, e logo de consultar co comercio local concluíuse que os beneficios non xustificaban a inversión.

 O montante ó que no ano 2015 o concello de Ribadumia tivo que facer fronte foi de 40.000€, pero esta cantidade nin sequera supón o custo total da proba, polo que habería que sumar outros cargos ós que o Concello en anos anteriores non fixo fronte e que non están cuantificados, ou cando menos non constan nin no Concello nin na Deputación de Pontevedra, a outra patrocinadora da proba, pero que este ano terían que ser asumidos polo Concello de Ribadumia.

    A pesares disto, o equipo de goberno estudou detidamente as posibilidades de finanzamento existentes, e propúxolle ós tres clubs que cargaban co peso organizativo da proba dúas posibles alternativas, que permitirían afrontar a realización da proba:

  • A) Que a proba deixara de ser gratuita, pasando a ter un pequeno custe de 5€, grazas ós cales se podería financiar unha parte importante da proba.
  • B) Contratar toda a xestión da proba a unha empresa especializada, que tamén tería obviamente un custe para as persoas participantes, pero en contrapartida axilizaría e melloraría a xestión da proba, que nos últimos dous anos había adquirido polas súas dimensións unha gran complexidade.
pleno-03032016

Os membros do equipo de goberno consideran que o custe da BTTinto é excesivo, mais habendo outras necesidades que atender, polo que apostou por reforzar o apoio ós clubs deportivos, ás parroquias, ás politicas sociais e de promocion do emprego e a corrixir os erros de orzamento da Festa do Viño do Salnés.

 Os tres clubs, tal como admitiron nun documento emitido o pasado xoves, renunciaron ás alternativas propostas polo equipo de goberno, entendendo que non respondían o espírito inicial co que nacera a BTTinto. Por este motivo, e non tendo outras solucións validas que reduciran a carga económica para o Concello de Ribadumia, o equipo de goberno decidiu non patrocinar esta proba.

 

  O equipo de goberno non pecha as portas, a pesares disto, a recuperar este evento, pero sempre nunhas condicións que o fagan viable organizativa e economicamente.

   Por outra banda, hai que resaltar que o que si decidiu o equipo de goberno foi usar os fondos que o ano pasado se destinaron a BTTinto a outras partidas que se consideraron mais necesarias para  Ribadumia, de tal xeito que se reforzou a partida de apoio os clubs deportivos locais con 9.000€, se creou unha partida de 10.000€ de apoio ás festas parroquiais, creouse unha partida de apoio á creación de  emprego e a inserción social dotada con 2.000€, e o resto sumouse  á partida para a Festa do Viño Tinto do Salnés, que este ano, logo dunha profunda revisión dos custes reais da festa, veuse aumentada dende os 50.000€ do 2015 ata os 90.000€ .

   O equipo de goberno quere agradecer e felicitar ós tres clubs que durante estes anos cargaron coa organización desta proba pola súa importante labor, a protección Civil e a todos os voluntarios e voluntarias a axudaron a facer a BTTinto posible, e por suposto a todas aquelas persoas que durante estes anos participaron na proba.

Os veciños de Lois e os nenos do CRA xa poden disfrutar da nova calefacción na aula infantil e no centro cultural .

    Dende esta semana  o centro cultural de Lois e a aula do CRA anexa contan cun novo sistema de calefacción.

image[1] - copia

Estado da caldeira antigua. Na parte central podedes ver en detalle as condicións nas que estaba: presentaba perdas de combustible e de auga, ademais de que a instalación estaba feita dun xeito totalmente erroneo… tanto que á dereita podedes ver o sistema eléctrico de apoio que se estaba usando, tamen bastane defectuoso, que non solucionaba nada pero tiña un consumo eléctrico moi elelvado.

Dende o equipo de goberno recordan que esta reforma, cun custe de casi 9.000€  levouse a cabo  debido ó estado lamentable da caldeira anterior, que obrigaba a súa renovación. Pero sobre todo, o cambio na instalación no centro social débese a que  a instalación que existía era totalmente deficitaria, coa superficie de radiadores mal calculada, e cunha instalación totalmente mal dimensionada, e peor executada, tal e como consta nos informes elaborados polos técnicos municipais. Todo isto, provocaba uns gastos de consumo moi elevados sen conseguir quentar o edificio. A situación era tan deficitaria que os usuarios do centro social tiñan que recorrer o apoio de media ducia de radiadores eléctricos de aceite, o cal provocaba un aumento importante no consumo eléctrico, sen que tampouco solucionase o problema, pois nin así se conseguía que o local acadase unha temperatura minimamente aceptable.

 

IMG_20160411_123754

Nova instalación, con maior potencia, circuitos diferenciados para a escola e o centro social, e un aforro de consumo con respecto á anterior dun 50%…E o mais importante: que agora si que hai calefacción.

A nova instalación consiste nunha nova caldeira diesel, que triplica a potencia da anterior, e no centro cultural toda unha nova instalación, onde ademais de renovarse toda a instalación de fontanería, moi deficitaria e con importantes perdas de calor, substituíronse os antigos radiadores por un sistema denominado “fan-coil” que mellora notablemente o aproveitamento da calor xerada pola caldeira ó forzar o movemento do aire dentro do local.

  O resultado desta nova instalación é  dun aforro previsto dun 50% no gasto de combustible, e que o local, partindo  dunha temperatura inicial de entre 5º e 10º centígrados, poida quentarse ata os  20º C.  en menos de vinte minutos. Ademais inclúese na instalación un programador que vai permitir unha mellor xestión do sistema, o favorecer que se poida ter temporizados o inicio e o remate do funcionamento da calefacción. Tamén se prevé un importante aforro eléctrico unha vez que se elimina o apoio de radiadores eléctricos que se estaba usando dende que o local se puxo en marcha.

 

 

 

O equipo de goberno acusa a Salomé Peña de querer danar a imaxe dos empregados municipais.

  • O equipo de goberno entende que o Partido Popular recorre á demagoxia cando fala destes temas, ademáis dun xeito insensato tendo en conta os antecedentes existentes no Concello do anterior goberno de Salomé Peña.

  Nun comunicado recente, Salomé Peña acusaba ó equipo de goberno actual de ter en nómina un cargo de asesor político. O equipo de goberno quere deixar claro que isa afirmación é totalmente falsa.  O concello de Ribadumia non ten contratado ningún asesor político.

 Sobre a contratación dos servizos dun asesor urbanístico municipal.

 O equipo de goberno tivo efectivamente que recorrer a traballos de asesoramento externo na área de urbanismo,  E tivo que facelo por varios motivos, principalmente dous:

  • Por unha banda para cubrir as baixas laborais do aparellador municipal, que ademais coincidiron en dous momentos críticos para o concello, cando había que elaborar as diferentes memorias e os proxectos de investemento para presentar aos plans de obras da Deputación provincia e da Xunta de Galicia.
  • Por outro lado, para poñer o traballo ó día. Hai que explicar que o departamento técnico nos últimos anos estivo totalmente saturado sen que o equipo de goberno anterior tomara ningún tipo de medida que axudase a aliviar esta situación, o que dou pé a unha gran cantidade de expedientes acumulados, algún dende o 2004, que tiñan o departamento totalmente desbordado cando en Xuño pasado o novo equipo de goberno comezou a traballar.
tanatorio-municipal-de-ribadumia_img257927t0

Para poder facer fronte o atasco que había no concello, redactar informes de situación de todas as instalacións municipais, e poder atender a asuntos urxentes, como a legalización do tanatorio ou as memorias e proxectos necesarios para acceder as axudas da Xunta e Deputación,  o equipo de goberno tivo que contratar un apoio externo, que permitira manter un servizo de atención ó público óptimo.

   Ademais do dito anteriormente, a situación na que este equipo de goberno se encontrou coas diferentes instalacións municipais era tan defectuosa que obrigou a elaborar informes pormenorizados, ademais de que se fixo necesario contar con  asesoramento profesional en diferentes obras, algunhas en situación complexa, como a do ximnasio municipal ou do campo de fútbol.

   Este equipo de goberno entende que o departamento de urbanismo e obras é primordial no funcionamento municipal, porque ademais é o departamento que mais actividade ten, polo servizo directo ós veciños que ofrece. Por ese motivo se fixo un esforzo en reforzar esta area e desatascar toda acumulación de  traballo que había, contratando un apoio externo. Non solo íso, pois nun primeiro momento houbo outro técnico contratado a través dun plan de Deputación, para esa mesma area.

Que fixeran falta tres técnicos nun momento dado pode dar unha idea da cantidade de traballo acumulado que había.

Unha pequena medida, pero un importante aforro.

  Hai que remarcar que o feito de que contratando a esta persoa, o concello aforrou unha importante cantidade cartos, pois solo a elaboración das memorias e proxectos de investimento, se se fixera como en anos anteriores acudindo de xeito puntual a empresas externas, suporían uns 25.000€, o que habería que sumar a elaboración de todos os informes técnicos das instalacións municipais. Co cal se pode concluír que este equipo de goberno, o contratar unha persoa para sacar adiante toda esta carga de traballo conseguiu un aforro importante. Tal é así que as partidas orzamentarias para estes puntos son inferiores ás de anos anteriores, polo que nin sequera se pode dicir que haxa un aumento no gasto municipal, se non todo o contrario.

transparencia.

  Este equipo de goberno, en todo caso, fixo público tanto a contratación do persoal para a area de urbanismo, como dos seus emolumentos en plenos anteriores, e ademais aparecen perfectamente recollidos nos orzamentos municipais aprobados no último pleno.

   O que  non entende este equipo de goberno é como a señora Peña, que tanto presumía de boa xestión, permitiu que a situación da area de urbanismo chegara ós extremos nos que estaba en xuño do ano pasado, cun servizo escaso de medios e persoal, e acumulando traballo sen facer dun xeito alarmante.

 A demagoxia do PP.

pp ases.

O PP pretende facerlle crer ós veciños que en Ribadumia hai contratado un asesor político. A realidade é que os unicos asesores políticos coñecidos no concello agora mesmo son Rafael Louzán e Luis Serantes, e anteriormente Lidia Alvarez, que ocupaba despacho no concello e realizaba traballo político para ó PP.

 Tampouco se entende que se pretenda dar a unha persoa contratada para labouras exclusivamente técnicas o título de asesor político. Usar os empregados municipais de arma arroxadiza contra o equipo de goberno excede toda ética e todo sentido da responsabilidade política. Dende este equipo de goberno temos moi claro en política non vale todo, nin podemos permitir este tipo de afirmacións nin que se acuse a traballadores municipais deste xeito e nestes termos, polo que estudaremos as medidas legais oportunas.

Ademais, que quen formule esas acusacións sexa precisamente o PP  de Ribadumia non deixa de ser irónico. Hai que recordar que foi o PP quen SI tivo neste concello varios asesores políticos contratados a cargo da deputación durante anos, nalgún caso con despacho no propio concello. Asedores que o PP mantivo durante todo o tempo que estivo no goberno con total descaro, e recoñecedendoo publicamente. E tamén convén recordar que  o PP contrataba asesoramento legal a membros da súa organización política e incluso concelleiros da corporación anterior como se demostrou no propio pleno de orzamentos, algo que este equipo de goberno esta estudando por se fora necesario tomar medidas legais.  Ademais, non debemos esquecer que a día de hoxe os únicos asesores políticos coñecidos en Ribadumia son Rafael Louzán e Luís Serantes, ambos con nóminas de case 44.000€ anuais, polo que quizais Salomé Peña antes de facer este tipo de acusacións debería mirar algo mellor o que ten dentro do seu partido, e facer algún acto de contrición.

O equipo de goberno reiterase no seu apoio a todos os traballadores municipais, que fan unha gran labor, e insiste en que non vai permitir que ningún político do Partido Popular poña en dúbida, como xa fixo en diversas ocasións, nin a súa profesionalidade nin o traballo que realizan, e moito menos que se lles apliquen etiquetas como a de “asesor político”, e chegados a este punto, se o Partido Popular non rectifica nas súas declaracións estudaranse outro tipo de medidas.