Category: Sen clasificar
Unha rotura na rede de auga pública leva 5 meses estragando auga.

- O concello actuou varias veces pero non reparou a fuga de auga.
- Centos de litros de auga pública, que se paga con cartos públicos, estragada a diario e o goberno mirando para outro lado.
- O Consumo de auga desbocado, a auditoría da rede de abastecemento sen facer e o goberno nin sequera repara as fugas das que ten coñecemento.
Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia unha situación que ademais de explicar a clase de goberno que temos en Ribadumia, supón un estrago de recursos públicos.
Na parroquia de Ribadumia detectouse no mes de setembro unha fuga de auga na rede de abastecemento. Varios veciños informaron ao Concello de que nun punto dunha estrada secundaria estaba nacendo auga. De partida, xa o Concello tardou en reaccionar, pois non foi ata novembro que foron atender á rotura.
Pero despois resultou que logo de abrir unha gabia de varios metros e acometer a reparación, a fuga seguiu producíndose, ata o punto de que a día de hoxe, cinco meses despois, segue nacendo auga no mesmo punto desa estrada.
Dende a nosa formación asumimos que unha reparación poida complicarse ou dar problemas. O que non podemos aceptar é o pasotismo e a chapuza. Os veciños levan meses chamando ao Concello avisando de que sigue saíndo auga, e a única solución do goberno local foi ir reasfaltar cando a auga desfixo o asfaltado que se había usado para tapar a gabia.
Queremos recordar que cando se produce unha fuga na rede de abastecemento, non so se estragan miles de litros de auga depurada, senón que ademais esa auga págase con fondos públicos. A última modificación de crédito levada a Pleno polo goberno incluía unha partida de 50.000 € para pagar auga, por enriba dos 165.000 € orzamentados para o 2024. E foi a propia Concelleira de Contas a que admitiu en Pleno que este gasto esaxerado estaba motivado por numerosas fugas na rede pública. Ademais, o goberno do señor Castro non realizou a obrigatoria auditoría da rede de abastecemento, polo que enriba de perder axudas promovidas pola Xunta para mellorar eficiencia das redes de abastecemento, non ten ningún control sobre a rede pública ribadumiense, e descoñece por onde se lle está escapando a auga.
Dende Somos Ribadumia pedimos dilixencia na reparación das fugas que como no caso do que falamos hoxe son coñecidas, e esiximos que se cumpran as normas e que o goberno realice a auditoría da rede de abastecemento para definir canta auga se está perdendo poder actuar para controlar esa perda.
Pedimos a Xuntos que aclare se está con David Castro ou coa oposición.

NOTA: o seguinte comunicado de prensa, e antes o escrito remitido a Ramiro Lorenzo dende a nosa formación pedíndolle que mentres estivese negociando co PP se mantivera ao marxe do traballo do Grupo Mixto que comparte con Somos Ribadumia e con BNG, foron mandados antes de saber que Ramiro Lorenzo, non sabemos se a título persoal ou como decisión do seu partido, xa ten un acordo con David Castro “pendente de poñer nun papel e asinar” . Compartimos o comunicado sen cambiar nada igualmente por dous motivos:
– reafirma a nosa posición, e demostra que alguén leva meses mentindo, pois cando Ramiro Lorenzo recibiu o noso escrito e emitíu a súa resposta o pasado mércores o trato con David Castro xa estaba pechado. Non compartimos nin avalamos a xestión de David Castro, e polo tanto non podemos compartir espazo, moito menos información, con persoas que si avalan esa xestión ata o punto de estar dispostos a incorporarse ao goberno do señor Castro.
– mantemos a nosa posición de colaborar con calquera formación ou persoas que estean interesadas en traballar por Ribadumia.
++++++++++++++++++++++++++++++++++
- Xuntos fixo público que está negociando integrarse no partido de David Castro,
· O Concelleiro de Xuntos forma parte do Grupo Mixto con Somos Ribadumia e BNG, e iso ten implicacións.
· Non se pode formar grupo con partidos da oposición e so tempo negociando integrarse no goberno.
· Todo o respecto polas decisións doutros partidos, pero pedimos o mesmo respecto institucional.
Fai uns días facíase público que Xuntos, a formación nacida logo do retorno de David Castro ao PP, estaba negociando a súa reintegración no Partido Popular.
Dende a nosa formación non nos corresponde valorar as decisións doutros partidos, nin sequera dun que nas súas filas inclúe a persoas moi maltratadas polo Partido Popular e polo propio David Castro, e que precisamente se presentou contra David Castro. En calquera caso será esa formación e no seu caso o seu Concelleiro quen deba explicarlle aos seus votantes ese cambio despois de todo o vivido, e tamén o seu prezo. Pero en calquera caso Xuntos debe entender que na rúa creou unha situación de incomprensión ao facer público que está negociando reincorporarse ao PP, e dentro da corporación, que é o que nos compete a Somos Ribadumia, creou unha situación moi incómoda.
Xuntos non ten grupo propio na Corporación. Está integrado con Somos Ribadumia e BNG no denominado Grupo Mixto. Isto non tería moito problema, máis aló do reparto dos escasos fondos municipais que corresponden para a actividades política, senón fóra porque debido a un exercicio de recorte de democracia por parte de David Castro, estamos obrigados a repartirnos entre as tres forzas que conformamos ese Grupo Mixto as Comisións Informativas, pois unicamente temos unha cadeira en cada unha das nove Comisións, ademais de irnos alternando nas Xuntas de Voceiros. Isto crea agora un problema, porque dende a nosa formación, como é comprensible, temos que ter a certeza e seguridade de que a persoa que vai a unha Comisión Informativa representándonos a todos vai expor as cuestións e realizar as consultas que os outros partidos lle solicitemos e no caso de votacións respectar os ditados que decidan entre os dous concelleiros e a concelleira que nos representan aos tres partidos, como tamén en determinados casos falar en nome de todo o grupo. Iso xa non é fácil en partidos de diferente ideario ou estratexias políticas, pero faise imposible compartir coa necesaria confianza espazo cun partido que xa anunciou boa sintonía co partido que ten o goberno e estar negociando reintegrarse nel.
Dende o noso punto de vista, se Xuntos ou o seu concelleiro queren negociar co señor Castro , deberían cando menos amosar un mínimo respecto polos outros partidos cos que comparten o Grupo Mixto e renunciar, cando menos en tanto non rematen as súaa negociacións co PP, que parecen estar moi avanzadas, a súa participación das Comisión Informáticas, ás que en calquera caso de momento o goberno local permite acudir de oíntes aos concelleiros e concelleiras non designados nas mesmas.
A resposta de Ramiro Lorenzo.
Todo isto que estamos comentando fixémosllo chegar ao Concelleiro de Xuntos nun escrito onde tamén deixamos moi claro que a nosa posición é a de colaborar con todas as forzas que queiran un cambio de rumbo político no Concello, moi necesario á vista de como se ven desenvolvendo o goberno do Señor Castro, respectando as posicións dos demais, pero tamén asumindo que na situación actual os partidos que queiramos darlle a volta ao goberno e a como se xestiona o nosos Concello, non podemos ir da man de quen está investigado por prevaricación nin de quen oculta información e documentación á oposición, e trasladándolle a nosa vontade de sentarnos a establecer unha folla de traballo para desenvolvernos no lugar que nos corresponde por vontade popular, que é a oposición, compartindo dentro do grupo mixto traballos e información.
A resposta, asinada polo Concelleiro Ramiro Lorenzo, sorprendentemente non se fixo agardar. Non a imos a valorar no detalle, porque nos parece que o Concelleiro nin acertou o ton e as formas, nin algunhas cousas que expresa se corresponden coa realidade. Pero en conxunto dounos a entender que todo vai seguir como ata agora. A pesar disto, polo ton do que expón na súa resposta, temos que pensar que o acordo con David está xa moi avanzado, o cal nos deixa nunha situación complexa, cun concelleiro asimilado polo goberno actuando dende a oposición.
Dende a nosa formación queremos trasladar un chamamento público ás persoas que conforman Xuntos por Ribadumia para que aclaren se se integran no Partido Popular ou non. De ser así pedímoslle que asuman as súas responsabilidades no que compete ao espazo que comparten con Somos Ribadumia e BNG. De non ser así, nos seguimos abertos a traballar e colaborar con quen queira construír outra Ribadumia distinta, dende a seriedade e o respecto polos funcionamentos democráticos, respectando as diferencias e poñendo en valor as cousas que nos son comúns.
David Castro pechou 2023 con preto de 1 Millón de euros en facturas sen pagar e con débedas con máis de 130 empresas locais e comarcais.

- O Remanente reduciuse á metade en só dous anos.
- A débeda coa mancomunidade era en novembro de 2024 de case 191.000€.
- En 2023 a Festa do Tinto supero ou 200.000€, e a Concelleira admite gastos en B na organización da Festa.
A David Castro logrou o seu obxectivo de que Sergio Soutelo non estivera no debate da Conta Xeral do ano 2023. Gracias a iso e a que outras forzas de oposición seguen estratexias distintas, que non afondan nos números do Concello, a Concelleira de Contas puido permitirse mentir e ocultar a realidade da xestión do goberno local.
Porén, a realidade da xestión do goberno local está nos papeis, e en Somos Ribadumia tomámonos moi en serio a xestión económica do Concello, por iso analizamos os documentos contables en detalle.
Sobre a Conta xeral imos deixar unhas notas importantes que dan unha visión máis completa de cal era a realidade económica do Concello de Ribadumia a 31 de decembro de 2023.
Hai que empezar recordando que no 2023 non houbo orzamento, e que o alcalde con maioría absoluta quixo ocultar así a súa xestión en ano electoral.
Aos 4.293.795,18 € que tiña pois prorrogados, ou sexa repetidos, do ano anterior, hai que sumar 777.087,13 € que colleu do remanente ao longo do ano, elevando o orzamento final de gastos ata superar os 5 Millóns de Euros.
Un dato que a Concelleira deu falsamente foi o do resultado contable do ano. Si deu superávit, ou sexa resultado positivo, pero non foi de 1,1 Millóns de Euros como dixo. O resultado do ano foi de 65.369,36 €, a cifra máis baixa dun peche económico anual dende que o señor Castro é alcalde.
En realidade, tal e como figura no documento contable, o goberno do señor Castro, moveu 7 Millóns de euros no 2023. Entre o ano 2022 e o 2023 o Concello gastou por enriba do orzamentado case 4,5 Millóns de €, o equivalente ao orzamento completo para un ano. Ou sexa, en dous anos David Castro gastou os cartos de 3 anos. Esta desviación entre orzamento e movemento real de cartos está motivada pola nula xestión do goberno, que fai os orzamentos anuais, cando os fai, copiando os de anos anteriores, e despois chegan axustes , axudas non contempladas, obras pendentes de anos anteriores.. e así de cinco millóns pasamos a sete.
O remanente acumulado finalmente quedou en 1’1 Millóns. A Concelleira encheuse a boca a falar que ese é un bo dato, pero a realidade é que dos 2.253.588,62€ que había de remanente a peche de 2021, xa so quedaban a peche de 2023 1.117.081,25 €.

En unicamente dous anos David Castro non só gastou o equivalente a 3 anos, ademais encolleu un remanente de máis de 2 millóns de euros á metade.
A debeda.
Cando se fala de remanente, hai que ter en conta os denominados saldos de dubidoso cobro, que inclúen ás empresas ou particulares que polo que sexa non se conta con poder cobrarlle algunha débeda e tamén partidas de outras administracións que non se van cobrar, normalmente por perda dalgunha liña de axudas afectada, ou sexa, subvencións que se meteron no orzamento como un ingreso pero que despois se perderon.

A peche de 2017 o saldo de dubidoso cobro foi de 552.812,88€., dos cales a maior parte son completamente irrecuperables, pero siguen figurando más contas porque non hai ninguén ao mando da xestión económica que poña os núemeros ao día. En 2018 e 2019 esta cifra estancouse en 560.738,68€. Pois ben, dende 2019 a 2023 este saldo subiu como a escuma e chegou xa a 969.560,81 €.
Case 1 millón de euros de dubidoso cobro. Ou a moitas empresas e particulares este Concello lle está perdonando pufos ou moitas subvencións se están perdendo. Dende Somos Ribadumia temos moi claro que máis ben o segundo. O goberno do señor Castro leva perdidos máis de 2M de Euros en axudas, dende que é alcalde en solitario, e a boa parte deles tivo que facerlle fronte o goberno con fondos propios, e iso queda refrectido na cifra de Saldos de Dubidoso Cobro.
A Conta Xeral deu resultado positivo, como dixemos 65.369,36 €,. Pero segundo o Balance de Situación das contas, a 31 de decembro de 2023 o goberno debía 939.816,66 €. En facturas pendentes de pagar. Como referencia a peche do 2021 a débeda era de 267.660,61 € , e no 2022 esta cifra disparouse ata os 612.149,50 €.

David Castro iniciou 2024 con case un Millón de euros de cousas pendentes de pagar, máis do triple de como empezou 2022.
A lista de acreedores componse de 239 empresas, practicamente todas as entidades e clubs do do Concello, traballadores municipais, outras administracións e particulares. Do total, hai 130 empresas pequenas e medianas de Ribadumia e da comarca.
Así é como David Castro axuda as empresas e as entidades do noso Concello, deixándolle pufos e debéndolle cartos.
Sorpresa coa Mancomunidade.
A 31 de decembro de 2022 este Concello debíalle a Mancomunidade 22.807,51 €. Isto entra dentro do normal pois os recibos da ultima parte do ano é normal que se paguen no seguinte trimestre.
O que xa non é normal é que a 31 de decembro de 2023 a cifra fora 97.588,02 €. E este dato, que aparece na lista de acreedores do Concello, debía ser un dato aproximado, porque en novembro de 2024 a propia Mancomunidade meteu por rexistro un apunte da débeda que este Concello tiña nese momento con eles.
De 2023 estábanse debendo, en novembro de 2024 e posiblemente se sigan debendo, 118.789,16 €. Do 2024 en novembro debíanse 72.108,45 €.
En conxunto, en novembro de 2024 a débeda deste Concello coa Mancomunidade do Salnés era de case 191.000 €.

Isto é moi grave,tal como explica Sergio Soutelo. “Fagamos memoria.O goberno do señor Castro levou a pleno en decembro de 2023 unha modificación de crédito para facer fronte a un pago coa mancomunidade de 26.000 €. Porque 26.000 € e non toda a débeda dese ano? Non o sabemos, o que sabemos é que despois de todo o manexe de cartos, quedou a deber case 120.000 €, que en novembro do ano pasado estaban sen pagar”. Así que a ver a onde foron os cartos, os da modificación de crédito e os que se poñen cada ano no orzamento para os gastos correntes que temos mancomunados.
Por exemplo, a ver por que non se pagou a letra da compra de terreos para a EDAR nin a da planta fotovoltaica, estando as partidas dispoñibles e con fondos. A donde foron eses cartos? “David Castro é Presidente da Mancomunidade, e pretende que os Concellos compren naves, regalen terreos as empresas privadas para que monten xeriatricos, paguen liberacións … pero resulta que el non paga nin os cafés”.
Investimentos
En total, para resumir, para diversas obras e dotacións varias ao longo e ancho do Concello chegáronse a dotar para ese ano 2023, 2.503.618,25 €. De todos eses cartos hai que ter en conta que 649.815,62 € eran fondos que se pasaron do ano 2022 por obras ou dotacións que nese exercicio non se fixeron.
Ou sexa, David Castro empezou 2023 xa con obras por valor de máis de medio millón sen facer. Descontando isto, a dotación para investimentos propios do 2023 foi de 1.853.802,63 €. Desta cantidade, 836.226,22 e eran e seguen sendo para as obras da rúa condesa e para a ampliación do punto limpo.
Do total de fondos dispostos, como dixemos 2.503.618,25 €, quedou sen executar a metade. 1.276.309,3 € . Do executado, a maior parte foi nas dúas obras grandes, rúa Condesa e punto limpo.
O resultado disto é que a maior parte dos investimentos previstos para as parroquias quedou sen facer, e os que si se fixeron, foron os viñan con dous anos de retraso.
Dito doutro xeito, o alcalde non foi capaz en 2023 de facer máis obras que as as pendentes de 2022 e alguna de 2021.
De 49 partidas para investimentos, 39 non se gastaron ao completo, e desas 39, pois 19 partidas nin sequera se tocaron. 688.641,05 € sin usar. Deles unha parte pasou ao ano seguinte, outra parte foi directamente ao remanente, pero outra parte, perdeuse.

De feito, sumando a partida para a pista de pump truck, outra prevista en parques infantís que tamén se perdeu, e algunha obra menor máis, este concello perdeu de momento ao redor de 130.000 €, que ben xestionados daban para moitas cousas necesarias.
É totalmente inaceptable que nun concello cun orzamento final de 5.3 millóns de euros, teña 2,5 millons para investimentos, so use a metade deses cartos.
Para o que non hai limite é para a Festa do Tinto. En 2023 superou os 200.000€, sen que ninguén sexa capaz a explicar en qué. Non só iso, a Concelleira de contas admitiu en Pleno que os ingresos da lotería non se computaron e se entregaron a “comisión organizadora “ da Festa para “pequenos gastos”, ou sexa para pagos en B . Recordemos que a Festa do Tinto a xestiona dende o 2016 o goberno local e esa “comision organizadora” non deixa de ser un grupo de persoal voluntario que axuda. Todos os gastos e ingresos os debe declarar o Concello. O que dixo a Concelleira é moi grave, por qué en todo caso os ingresos deben computarse e despois poñer na parte de gastos o que corresponda con eses “pequenos gastos”.

E esta é a realidade da xestión do goberno , cantada polos números que eles levaron a Pleno. Para rematar, compre recalcar que os erros detectados que confirmou tanto o goberno como o resto da oposición, non se corrixiron e tampouco se incluíu a documentación que faltaba, polo tanto aprobouse un documento con datos falsos a sabendas. David Castro, pois, minte e engana á veciñanza de Ribadumia, e faino ademais de maneira descarada. .
Esiximos explicacións públicas a David Castro e a Miguel Castro pola situación xudicial na que están inmersos.

- David Castro chamado a declarar como investigado por un presunto delito de prevaricación.
- Miguel Castro tamén esta chamado a declarar.
- Esiximos explicacións públicas inmediatas, logo de ocultarlle a situación ao Pleno a pesar de ser preguntado pola situación xudicial do Concello.
- Algo cheira mal na Festa do Tinto dende fai anos.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia pola prensa, ao igual que boa parte da veciñanza, de que David Castro está chamado a declarar este próximo luns como investigado por un presunto delito de prevaricación relacionado cos permisos para a instalación de terrazas durante a Festa do Tinto do ano 2024.
Que había certa problemática coas terrazas na última festa non nos era algo alleo, pois durante as festas producíronse varias denuncias da garda civil, ás que dende a nosa formación lle estabamos facendo un seguimento para ver como se resolvía a situación, aínda que coa información que apareceu no rexistro todo apuntaba a unha cuestión administrativa, relacionada maiormente con incumprimentos de horarios. Só nun caso o noso Concelleiro Sergio Soutelo detectou máis entrada de documentación e requirimentos de carácter xudicial, pero non eramos coñecedores de que o proceso tivera unha viraxe no senso de que houbese unha posible actuación ilegal por parte de David Castro.
E non eramos os únicos que sabiamos que algún problema había, pois outras formacións xa preguntaron en Plenos anteriores , a última vez no Pleno deste pasado xoves onde dende as filas socialistas se lle preguntou a David Castro especificamente sobre a situación xudicial do Concello, e David Castro, sabendo que este luns ten que ir a declarar como investigado, ocultou a realidade ao Pleno e á veciñanza, sendo un tema tan grave e que ademais afecta ao seu compañeiro de filas Miguel Castro, e a unha traballadora do Concello.
A Festa do Tinto leva anos con sombras, algunhas delas, como o número de persoas que cada ano acude gratis a comer ao Xantar de Confraternidade, xeran moitas dubidas sobre o uso que se da a ese xantar e aos cartos públicos, doutras relacionadas coa xestión da propia festa xa temos tamén expresado a nosa opinión, como tamén recordamos a festa en pandemia na casa do alcalde precisamente un venres do tinto logo da actuación duns grupos de cantos de taberna.

En calquera caso é moi preocupante que o nome de Ribadumia e do noso evento máis importante saian nos medios por este tipo de cuestións que danan a súa imaxe.
Resulta totalmente inaceptable que David Castro oculte esta situación, polo que esiximos que de maneira inmediata compareza publicamente e dea as explicacións pertinentes, con total transparencia. E dende logo, esixiremos as responsabilidades políticas pertinentes como se confirme algún tipo de actuación incorrecta ou ilegal.
