Category: Sen clasificar

Rexeitamos que se carguen na veciñanza e nas empresas locais  as consecuencias da mala xestión do subministro de auga.

  • David Castro e algúns membros da Mancomunidade  culpabilizan a veciños e turistas, pero néganse  atopar medidas ou a resolver as fugas que teñen na rede, responsables de entre un 30% e un 50% do consumo de auga.
  • Ameazar con cortes puntuais, sen antes resolver as fugas na rede ou pechar duchas nas praias e regos de parques e zonas verdes  parécenos un ataque á veciñanza e ás empresas.
  • O presidente da  Mancomunidade prometeu  solucións que non chegan, e penaliza  ao Grove mentres axuda á Toxa a mellorar as súa captación en Cabanelas.
  • Agora todo son urxencias, pero as solucións tiñan que terse posto en marcha antes, e diso teñen culpa uns e outros na Mancomunidade.
  • David Castro pídelle á veciñanza  que peche a billa, pero mantén os regos nas zonas verdes do Concello. Lamentable.

   Dende Somos Ribadumia debemos expor a nosa preocupación pola xestión da auga que está levando a cabo o Presidente da Mancomunidade, con certo mutismo por parte do resto de gobernantes locais.

  Este que estamos vivindo non é o primeiro episodio de seca. Tampouco é a primeira vez que se fala dos problemas que ten a nosa comarca no verán debido ao aumento poboacional ou , no caso  do Grove, todo o ano debido á situación da canalización.

  De partida compre recordar as fotos do señor Castro e do resto do PP na ETAP de Treviscoso  cando montaron a moción de censura da Mancomunidade para segundo eles rematar cunha imaxinaria situación de ingobernabilidade e poñer solución precisamente as problemas como os da auga.

Pasaron os meses e, do mesmo xeito que pasou en Ribadumia todo era fume. Moitos anuncios de investimentos de cifras rechamantes pero sen poñer nun papel, non digamos xa nos orzamentos da Xunta, e tamén moita foto. Pero solucións cero. De feito, David  Castro da moitas largas e evita resolver o problema da conexión co grove ao mesmo tempo que favorece melloras na captación que hai en Cabanelas para dar servizo á Illa da Toxa, algo que nos parece moi lamentable.

  Polo tanto, de partida  consideramos que o señor Castro debería desculparse pola súa insostible  actitude e  dimitir do seu cargo por incompetente, o PP comarcal  pedirlle desculpas á veciñanza do Salnés poñer a un incompetente á fronte do ente comarcal, ademais pagando favores ou sexa que nin gratis saiu, e “animar” ao señor Castro a deixar o cargo poñendo a alguén máis competente, e o PP autonómico debería pedir desculpas e tamén forzar responsabilidades políticas por deixar a nosa comarca abandonada  ante un problema que afecta  a unha poboación de 113.000 persoas de maneira habitual pero que se aproxima ao millón nos meses de verán.

   Pero non toda a culpa é do PP dende o noso punto de vista. A Mancomunidade xestiona ben moitas cousas, pero hai un tremendo desaxuste, e non nos parece correcto que o seu obxectivo principal sexa únicamente o turismo. De feito, naceu precisamente co obxectivo de dar servizos como o da auga, sen os cales o turismo pasa de ser solución a ser un problema. Na situación actual ten moita culpa quen prometeu monte e moreas e non fixo nada, pero tamén ten parte de culpa quen deixa facer ou non facer sen moverse moito. Polo tanto consideramos que tanto os alcaldes e alcaldesa, como o resto de membros da mesa Plenaria da Mancomunidade tiñan que ter feito algo máis e deben facer algo máis do que están facendo. E falando máis en xeral, que no parlamento autonómico apenas se fale disto tamén nos deixa moi claro que as prioridades dos “grandes” partidos alá en Santiago son outras, sobre todo para a primeira forza da oposición, que como non ten alcaldías no Salnés non ten o moito  interese nestes temas.

Actuar sobre as fugas de auga.

Como dixemos fai uns días, a Xunta de Galicia dende 2019 obriga aos Concellos a ter auditadas as redes de distribución de auga. Somos conscientes de que varios Concellos da Comarca fixeron esas auditorías e traballaron e seguen traballando por eliminar cando menos as fugas máis importantes. Pero non todos os Concellos. Un deles Ribadumia, que  logo  de anos negándose a realizar esa auditoría tena agora en marcha , en pleno verán e plena seca, polo que calquera resultado chegará en outono, e as solucións con este alcalde quizais nunca. Parécenos moi lamentable que o alcalde que preside a Mancomunidade sexa dos poucos coa rede sen auditar, pero é o mesmo alcalde que lle pide á veciñanza que peche a billa e aínda a día de hoxe sigue regando as zonas verdes do Concello.

  Dende o noso punto de vista, tendo en conta que as fugas de auga  beben entre un 30% é un 50% da auga pública, o primeiro foco de atención debería ser poñer freo a esas fugas, algo do que non falou ningún alcalde.  E de David Castro non agardamos nada, pois ten fugas de auga a plena vista sen reparar,  como para reparar as que non se ven, a parte de non ter feita a auditoría, pero consideramos que en xeral, a Mancomunidade debería establecer pautas de actuación conxuntas  e establecer penalizacións para os Concellos que pasen de todo.

   Dende logo, na situación actual,  con tantas diferenzas entre o que fan uns Concellos e outros, parécenos un ataque á veciñanza e ás empresas da comarca, falar de cortes puntuais de auga habendo antes outras cousas que se poden facer, aínda que costen cartos. A veciñanza e ás empresas non pagan cos seus impostos unha rede para que despois esta non sexa eficiente. Menos para que pasen os anos sen que se aporten solucións. E dende logo, poñer enriba da mesa cortes de augas coa hostalería a pleno rendimento  nun ciclo que no verán  cubre as 24 horas os sete días da semana, non é razoable.

E entendemos que as situación é a que é e que compren solucións no moi curto prazo, pero seguramente se todos os Concellos puxeran da súa parte, antes de ter que facerlle pagar a toda a comarca a incompetencia duns poucos, poderíanse facer outras cousas e igual sería suficiente.

  Pedimos as persoas que ostentan cargos políticos máis responsabilidade, máis e mellor previsión, máis actuacións e menos descursos. E o señor Castro que se tape un pouquiño, e que cando menos xa que pretende ocultar en que estraga a auga no concello do que é Alclade,  cando menos que disimule e apague os regos das zonas verdes.

Propoñemos que o Concello se opoña ao atranco definitivo previsto en Cabanelas, esixa a Augas de Galicia que cumpra coas súas obrigas en relación co río Umia, e promova actividades de posta en valor do río Umia.

  • David Castro oculta que a concesionaria da captación da Toxa logrou permiso de Augas de Galicia para realizar unha represa que afectara a 1.200 metros cadrados de río.
  • O estado de abandono o río Umia provoca desbordes, complica a realización de probas deportivas e de actividades turísticas.
  • Presentamos unha moción para instar a David Castro a actuar en beneficio da veciñanza.

   Dende Somos Ribadumia decidimos tomar a iniciativa logo de comprobar o pasotismo co que David Castro trata todo o que ten que ver co río Umia, o río que da nome ao noso Concello, que vertebra a nosa pasixase e é parte inseparable da nosa historia e do noso desenvolvemento rural e  social, como ben dan testemuño dende a Ponte dos Padriños, as fincas que se extenden ao seu carón, ou o Club O Muíño, que tantos logros leva anos logrando.

 Porén, a parte de para coller a auga para o subministro da nosa comarca, e de aportar un bonito acompañamento á senda que o percorre nalgún tramo, as administracións, tanto o Concello, o noso e outros río arriba, como Augas de Galicia e por extensión a propia Xunta de Galicia, non parecen ter demasiado interese no río Umia, nin nas oportunidades que pode supor.  Ao contrario, aínda se pretenden autorizar auténticos atentados ambientais a un río historicamente atacado polos  vertidos de moitas  fabricas, ou accidentes como o de Brenntag. 

  A día de hoxe, a falta de control das especies foráneas, en especial as vexetais, o completo abandono dos labores de coidado da canle do río, sumado ao maltrato que recibe do embalse de Caldas, provocan todo tipo de incidencias, dende derrubes a cambios no curso do río que pouco a pouco van comendo as fincas particulares e mudando a paisaxe, pasando por desbordes ás veces evitables ou con posibilidade de ser limitados. Dende Somos Ribadumia temos claro que as competencias son de Augas de Galicia, que leva anos desaparecida. Tal como explica “Sergio Soutelo, “Non actúa, non informa, non pon medios nin colabora coas administracións locais. A súa política real é a da inacción sistemática: só aparecen para poñer atrancos ou enviar informes cando xa é tarde. E mentres tanto, os ríos galegos énchense de lixo, ponlas, cando non arbores enteiras caídas,  e maleza. E cando a cidadanía ou os colectivos intentan actuar, topan cun muro de silencio, trabas administrativas ou unha burocracia inútil. Esta non é a xestión que Galicia merece”.  

  As competencias son de Augas, pero os Concellos, e no noso caso o Señor Castro, pode facer moito. Concretando, en toda a zona pola que transcorre a senda fluvial, e iso unha boa parte do tramo dentro dos limites do noso Concello, o goberno local  ten a capacidade para actuar logo dunha sinxela declaración responsable, tal como recolle a lexislación vixente, a Lei 9/2010 de Augas de Galicia, o Decreto 1/2015 e a Instrución 1/2019 de Augas de Galicia, que permite retirar árbores ou lixo do río sen autorización previa. E isto lévanos ao problema que ten nestes momentos o Club O Muíño coa organización do Descenso do Umia, previsto para o 6 de setembro, e que está en risco entre outras cousas polo abandono do río. A situación é repetida, pois dende O Muíño levan anos queixándose dos problemas do abandono das administracións a hora de axudar a organizar a proba  en base a dous eixes: o mal estado da canle do río, obstruída por arbores caídas ou nalgún tramo río totalmente bloqueado pola vexetación , e a imposibilidade de actuar a iniciativa propia  e facer labores mínimas para facilitar o paso das embarcacións. Esta situación xa provocou cambios na proba, que perdeu así boa parte do seu encanto, e a día de hoxe resulta insostible para os directivos do Club que xa trasladaron por activa e por pasiva, de maneira formal e informal, que se non se soluciona o problema deixaran de organizar a proba. E de feito a cuestión vai máis aló dun evento puntual, pois  o Club ten problemas mesmo para desenvolver os adestramentos diarios, pois hai árbores caídas que entorpecen as zonas de paso dos adestramentos, que ninguén retira nin permite retirar, e iso a pesar dos compromisos persoais do noso Alcalde, que mesmo acompañou a directivos do Umia a ver unha desas árbores fai xa meses, comprometendo unha solución que na dís de hoxe non chegou e que agardamos que chegue antes do Descenso do Umia, xunto a unha actuación completa cando menos no tramo polo que vai transcorrer, por que a realidade é que a celebración da 31ª edición desa proba, prevista para o 6 setembro, está a día de hoxe en perigo. 

  Compre dicir que en calquera caso o que non pode facer o Concello é mirar para outro lado, e moito menos ficar calado. Ten recursos e mecanismos para actuar e para facer que outros, como Augas de Galicia, actúen. Pero sobre todo, ten a responsabilidade de facelo, como administración local que debe velar polos intereses da veciñanza.

  Por outra banda, temos coñecemento de que Augas de Galicia, que prohibe á veciñanza servirse do río para regar os campos pero permitiu a unhas familias de A Toxa meter unha captación en Cabanelas, autorizou no 2024 a construción dun azud permanente na zona coñecida por toda a veciñanza como “O atranco”, precisamente para dar servizo a esa captación privada. A construción dese azud de xeito permanente, unha obra que afectaría a unha superficie de case 1.200 metros cadrados do propio río, non é algo novo, e xa houbo un intento no ano 2016. Naquel momento contou coa oposición frontal do goberno de Ribadumia, encabezado polo alcalde actual e daquela,  David Castro, unha oposición á que por certo se sumaron entidades ecoloxistas, pescadores e o Club O Muíño, o PSOE, e por suposto Somos Ribadumia, ademais doutras forzas a nivel de Parlamento. Porén parece que algo mudou no pensar  do señor Castro, pois nin presentou alegación ao proxecto cando se volveu expoñer ao público no 2022, nin se esforzou o máis mínimo en informar ao resto da corporación e colectivos afectados dun asunto de tamaña importancia, máis ben ocultou a situación.

   Dende Somos Ribadumia seguimos considerando que esa obra é un atentado innecesario a o noso río Umia que vai supor un grave prexuízo para o río, que vai afectar tanto a pescadores como as persoas que cada verán baixan a Cabanelas a gozar do nosa única praia fluvial e aos nenos e nenas de O Muíño, pois o recorte na capa de auga vai deixalos sen espazo diante das súas instalacións para poder practicar o seu deporte. Pero tamén vai danar a imaxe dende o punto de vista paisaxístico do propio río e polo tanto vai ser un freo para a boa imaxe turística do noso Concello.

   Dende Somos Ribadumia pensamos que o río Umia, e toda a veciñanza e visitantes que se relacionan dun xeito ou outro con el, merecen un trato mellor.

 Indo cara posibilidades positivas, existe a posibilidade de  promover e apoiar alternativas de carácter turístico no río Umia. De feito nos últimos anos foron varias as empresas, algunhas do noso Concello, que se interesaron ou que intentaron realizar actividades de kayak turístico, unha alternativa que ben xestionada e regulada non entra en competencia co desenvolvemento natural do río. Por desgraza, os problemas derivados da falta de apoio das administracións e da falta de coidado do propio río, tanto en Ribadumia como augas arriba, provocaron que todas esas iniciativas quedasen en nada, ou sexan moi minoritarias. Pola nosa banda consideramos que se está perdendo unha oportunidade de poñer en valor o noso río, pero tamén de promover iniciativas de carácter turístico e lúdico que xeren emprego e riqueza no noso Concello, e tamén noutros Concellos río arriba. A maneira de poñer en valor a nosa paisaxe e de facer que sexa motor económico  é coidándoa e dándoa a coñecer dun xeito ordenado.

Por todo o anteriormente exposto, Sergio Soutelo ven de presentar unha moción para ser levada a  Pleno propoñendo os seguintes acordos :

  • A Corporación do Concello de Ribadumia acorda opoñerse á construción do azud permanente previsto no río Umia á altura de Cabanelas.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a tomar a iniciativa para facer todo o legalmente e socialmente posible para frear a construción do azud mencionado, e a informar ao Pleno da Corporación en cada Sesión Ordinaria das medidas tomadas e das iniciativas levadas a cabo neste aspecto, así como do resultado obtido.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a dirixirse a Augas de Galicia e  exercer as pertinentes medidas políticas, legais e de presión social, de maneira pública e notoria co obxectivo de lograr que Augas de Galicia atenda ás súas obrigas no relativo ao mantemento en correctas condicións da canle do río Umia,  e informando ao Pleno da Corporación en cada Pleno Ordinario do traballo realizado e dos avances conseguidos.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a dirixirse aos Concellos polos que transcorre o río Umia dende o encoro de A Baxe ata a súa desembocadura, e propoñerlles realizar accións conxuntas co mesmo obxectivo, aplicado a toda a canle do Umia dende o encoro ata a desembocadura.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a poñer en marcha medidas e axudas públicas, perfectamente reguladas e recollidas no orzamento anual, orientadas á promoción de actividades turísticas relacionadas co río Umia.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a poñer en marcha, coa correspondente consignación orzamentaria, programas de posta en valor do río Umia.
  • lavado de cara mal feito ás farolas.

Chapuza detras de chapuza, neste caso nas supostas labouras de mantemento do mobiliario das prazas do centro de Barrantes.

  • David Castro anunciou a bombo e pratillo unhas actuacións que quedaron en case nada.
  • Seis anos tardou en facer algo, pero o resultado só se pode definir como chapuza.
  • Ían poñer todo o mobiliario ao día pero non pasaron de pintar catro bancos e dar un lavado de cara mal feito as algunhas  farolas.

 Fai un par de semanas o goberno do señor Castro aseguraba con moito boato que estaba levando a cabo labouras de mantemento nas prazas públicas do centro de Barrantes e outros espazos, co suposto obxectivo de poñer todo ao día e alongar a vida dos elementos urbanos. Tendo en conta que esta é a primeira actuación que se realiza dende o 2018, cando baixo o mando de Enrique Oubiña e Pepe Lede  se produciu a última campaña de actualización do mobiliario urbano e de todos os parques e espazos públicos do Concello, o primeiro que temos que dicir é que sen tempo non foi .

   Porén, agora constatamos que ademais de acordarse seis anos tarde, o que mandou facer David Castro foi unha completa chapuza. De todo o mobiliario urbano que temos en Barrantes, que é moito, non pasaron de pintar uns bancos e as partes de madeira dunhas farolas, por certo deixando tal como estaban as partes metálicas, que están bastante deterioradas e con moito óxido. E dicimos que a actuación foi unha completa chapuza por que ademais do dito, no canto de lixar as madeiras e darlle un tratamento adecuado, os operarios recibiron orde pintar sen previamente tocar nada, indo a todo correr e a acabar pronto, deixando o mobiliario cunha moi mala imaxe, e ademais condenado a estar dentro duns meses incluso peor do que está agora mesmo, pois as madeiras, a parte de lavarlle a cara, hai que darlles os  tratamentos adecuados se se pretende alongarlle a vida ou cando menos que dean unha boa imaxe.

   Fora desta limitada actuación non se fixo nada. Na praza da Carballeira non  se actuou sobre os bancos do anfiteatro, que están moi deteriorados, nin se puxo ao dia a pista deportiva, nin se repararon as roturas nas lousas, nin se recolocaron as canastas que había na praza é se retiraron supostamente polas festas, e por non facer nin sequera se repararon as papeleiras rotas. Ademais disto, foi imposible determinar cales foron as actuacións realizadas na praza do Concello, ou sexa que non se fixo nada.  E no resto do núcleo tampouco se fixo nada,  nin se actuou sobre os maceteiros nin no resto de farolas  do núcleo que boa falta lles fai, por non falar de losetas rotas e outras cuestións de mantemento que deixan unha pésima imaxe do núcleo que alberga a maior poboación de Ribadumia.

   Dende Somos Ribadumia consideramos moi lamentable esta maneira de proceder, por que supón, primeiro rirse da veciñanza con anuncios de actuacións dunha dimensión que resultan ser bromas de mal gusto e con actuacións moi limitadas e moi mal realizadas, logo por estragar recursos en actuacións chapuceiras que non resolven nada nin van evitar o deterioro deses elementos, máis ben ao contrario.

   A realidade é que hoxe o mobiliario de Barrantes está igual de mal que fai un mes, e o que se tocou ademais transmite unha imaxe moi lamentable, pouco acorde a un Concello que pretenda presumir de ter os espazos públicos en condicións.  

Instamos a David Castro a actuar xa ante unha nova posibilidade de adquirir a antiga Alfageme.

  • O IGAPE abreu un prazo para presentar ofertas.
  • A cifra  de partida é de 150.000€, unha cantidade razoable, que un alcalde competente con carné do PP debería poder incluso mellorar.
  • Instamos a  David Castro a actuar xa e non deixar escapar esta oportunidade.

   Fai uns día facíamos pública a nosa proposta, presentada no Concello en forma de moción, de que o goberno local realice as xestións pertinentes para facerse coa parcela da antiga Alfageme. Xa nese momento explicamos os motivos polos  cales consideramos que adquirir para a veciñanza  eses terreos é unha enorme oportunidade para o noso Concello, que tería así a posiblidade de por un lado acabar cun problema de salubridade denunciado pola veciñanza, e por outro recuperar un espazo nunha zona de gran valor ambiental, que reforzado con outras actuacións como a ampliación  da senda do Umia permitirían a valorización desa zona tan interesante como case descoñecida.

  Da nosa proposta non tivemos resposta por parte do goberno do señor Castro, pero este pasado 23 de xullo,  no DOGA publicouse o acordo polo cal  o IGAPE  deixa “ aberto, durante trinta días naturais, o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, previo ao procedemento de alleamento en cuarta poxa pública para a venda dun inmoble, propiedade do instituto polo que se acorda deixar aberto, durante trinta días naturais, o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, previo ao procedemento de alleamento en cuarta poxa pública para a venda dun inmoble, propiedade do instituto”, fixando o prezo mínimo da poxa en 150.000€, unha cantidade que consideramos razoable para unha parcela de case 8.700 metros cadrados. Non esquezamos que o Concello pagou non fai moito  máis que esa cantidade por unha parcela de mil metros para únicamente facer un aparcadoiro. Ademais, en Somos Ribadumia non somos ningún ilusos sobre como funciona o goberno do PP na Xunta, e sabemos que un alcalde minimamente competente con carné do PP, podería incluso mellorar esa cifra inicial, e conseguir, senón a cesión gratuita dos terreos como parte dalgún  convenio de colaboración para a súa recuperación, cando menos un prezo moi axustado.

 Por outra banda, compre remarcar que a día de hoxe Ribadumia non conta con Orzamento para o ano 2025, polo que aínda hai tempo de encaixar esta adquisición no mesmo, para o  caso de que o goberno decida aprobar un orzamento. En caso contrario asumimos que o declarado polo señor Castro é correcto e o Concello dispón de recursos para facer fronte a unha compra deste calibre, que entendemos é moi asumible.

  Dende Somos Ribadumia queremos pasar por alto a falta de resposta á nosa proposta dende  o goberno local e á ausencia da nosa moción na lista de temas previstos para o próximo Pleno, inicialmente previsto para esta semana, un síntoma moi esclarecedor de que a David Castro non lle interesa nin o máis mínimo Ribadumia nin moito menos falar das nosas propostas, nin sequera unha tan sinxela de asumir como esta,  pero pedímoslle que mire máis aló das siglas e dos personalismos , e traballe pola veciñanza e polo que é beneficioso para o Concello.

  Dende Somos Ribadumia non temos afán de protagonismo nin un particular interese en debater as nosas mocións se, como neste caso, resulta prioritario  que o goberno actúe sen agardar a debates plenarios. Dende logo no relativo a esta cuestión consideramos que neste momento resulta máis urxente e importante que o Concello aposte por actuar e facerse con esta parcela, por ese motivo onte Sergio Soutelo presentou un escrito dirixido á alcaldía onde o insta a actuar xa e realizar as xestións que como alcalde lle corresponden para facerse con esa parcela. Agardamos que o noso alcalde, que logo de semanas desaparecido, unicamente apareceu para facerse fotos en eventos deportivos e comidas, saiba, cando menos nesta ocasión, estar á altura.