Propoñemos que o Concello se opoña ao atranco definitivo previsto en Cabanelas, esixa a Augas de Galicia que cumpra coas súas obrigas en relación co río Umia, e promova actividades de posta en valor do río Umia.

  • David Castro oculta que a concesionaria da captación da Toxa logrou permiso de Augas de Galicia para realizar unha represa que afectara a 1.200 metros cadrados de río.
  • O estado de abandono o río Umia provoca desbordes, complica a realización de probas deportivas e de actividades turísticas.
  • Presentamos unha moción para instar a David Castro a actuar en beneficio da veciñanza.

   Dende Somos Ribadumia decidimos tomar a iniciativa logo de comprobar o pasotismo co que David Castro trata todo o que ten que ver co río Umia, o río que da nome ao noso Concello, que vertebra a nosa pasixase e é parte inseparable da nosa historia e do noso desenvolvemento rural e  social, como ben dan testemuño dende a Ponte dos Padriños, as fincas que se extenden ao seu carón, ou o Club O Muíño, que tantos logros leva anos logrando.

 Porén, a parte de para coller a auga para o subministro da nosa comarca, e de aportar un bonito acompañamento á senda que o percorre nalgún tramo, as administracións, tanto o Concello, o noso e outros río arriba, como Augas de Galicia e por extensión a propia Xunta de Galicia, non parecen ter demasiado interese no río Umia, nin nas oportunidades que pode supor.  Ao contrario, aínda se pretenden autorizar auténticos atentados ambientais a un río historicamente atacado polos  vertidos de moitas  fabricas, ou accidentes como o de Brenntag. 

  A día de hoxe, a falta de control das especies foráneas, en especial as vexetais, o completo abandono dos labores de coidado da canle do río, sumado ao maltrato que recibe do embalse de Caldas, provocan todo tipo de incidencias, dende derrubes a cambios no curso do río que pouco a pouco van comendo as fincas particulares e mudando a paisaxe, pasando por desbordes ás veces evitables ou con posibilidade de ser limitados. Dende Somos Ribadumia temos claro que as competencias son de Augas de Galicia, que leva anos desaparecida. Tal como explica “Sergio Soutelo, “Non actúa, non informa, non pon medios nin colabora coas administracións locais. A súa política real é a da inacción sistemática: só aparecen para poñer atrancos ou enviar informes cando xa é tarde. E mentres tanto, os ríos galegos énchense de lixo, ponlas, cando non arbores enteiras caídas,  e maleza. E cando a cidadanía ou os colectivos intentan actuar, topan cun muro de silencio, trabas administrativas ou unha burocracia inútil. Esta non é a xestión que Galicia merece”.  

  As competencias son de Augas, pero os Concellos, e no noso caso o Señor Castro, pode facer moito. Concretando, en toda a zona pola que transcorre a senda fluvial, e iso unha boa parte do tramo dentro dos limites do noso Concello, o goberno local  ten a capacidade para actuar logo dunha sinxela declaración responsable, tal como recolle a lexislación vixente, a Lei 9/2010 de Augas de Galicia, o Decreto 1/2015 e a Instrución 1/2019 de Augas de Galicia, que permite retirar árbores ou lixo do río sen autorización previa. E isto lévanos ao problema que ten nestes momentos o Club O Muíño coa organización do Descenso do Umia, previsto para o 6 de setembro, e que está en risco entre outras cousas polo abandono do río. A situación é repetida, pois dende O Muíño levan anos queixándose dos problemas do abandono das administracións a hora de axudar a organizar a proba  en base a dous eixes: o mal estado da canle do río, obstruída por arbores caídas ou nalgún tramo río totalmente bloqueado pola vexetación , e a imposibilidade de actuar a iniciativa propia  e facer labores mínimas para facilitar o paso das embarcacións. Esta situación xa provocou cambios na proba, que perdeu así boa parte do seu encanto, e a día de hoxe resulta insostible para os directivos do Club que xa trasladaron por activa e por pasiva, de maneira formal e informal, que se non se soluciona o problema deixaran de organizar a proba. E de feito a cuestión vai máis aló dun evento puntual, pois  o Club ten problemas mesmo para desenvolver os adestramentos diarios, pois hai árbores caídas que entorpecen as zonas de paso dos adestramentos, que ninguén retira nin permite retirar, e iso a pesar dos compromisos persoais do noso Alcalde, que mesmo acompañou a directivos do Umia a ver unha desas árbores fai xa meses, comprometendo unha solución que na dís de hoxe non chegou e que agardamos que chegue antes do Descenso do Umia, xunto a unha actuación completa cando menos no tramo polo que vai transcorrer, por que a realidade é que a celebración da 31ª edición desa proba, prevista para o 6 setembro, está a día de hoxe en perigo. 

  Compre dicir que en calquera caso o que non pode facer o Concello é mirar para outro lado, e moito menos ficar calado. Ten recursos e mecanismos para actuar e para facer que outros, como Augas de Galicia, actúen. Pero sobre todo, ten a responsabilidade de facelo, como administración local que debe velar polos intereses da veciñanza.

  Por outra banda, temos coñecemento de que Augas de Galicia, que prohibe á veciñanza servirse do río para regar os campos pero permitiu a unhas familias de A Toxa meter unha captación en Cabanelas, autorizou no 2024 a construción dun azud permanente na zona coñecida por toda a veciñanza como “O atranco”, precisamente para dar servizo a esa captación privada. A construción dese azud de xeito permanente, unha obra que afectaría a unha superficie de case 1.200 metros cadrados do propio río, non é algo novo, e xa houbo un intento no ano 2016. Naquel momento contou coa oposición frontal do goberno de Ribadumia, encabezado polo alcalde actual e daquela,  David Castro, unha oposición á que por certo se sumaron entidades ecoloxistas, pescadores e o Club O Muíño, o PSOE, e por suposto Somos Ribadumia, ademais doutras forzas a nivel de Parlamento. Porén parece que algo mudou no pensar  do señor Castro, pois nin presentou alegación ao proxecto cando se volveu expoñer ao público no 2022, nin se esforzou o máis mínimo en informar ao resto da corporación e colectivos afectados dun asunto de tamaña importancia, máis ben ocultou a situación.

   Dende Somos Ribadumia seguimos considerando que esa obra é un atentado innecesario a o noso río Umia que vai supor un grave prexuízo para o río, que vai afectar tanto a pescadores como as persoas que cada verán baixan a Cabanelas a gozar do nosa única praia fluvial e aos nenos e nenas de O Muíño, pois o recorte na capa de auga vai deixalos sen espazo diante das súas instalacións para poder practicar o seu deporte. Pero tamén vai danar a imaxe dende o punto de vista paisaxístico do propio río e polo tanto vai ser un freo para a boa imaxe turística do noso Concello.

   Dende Somos Ribadumia pensamos que o río Umia, e toda a veciñanza e visitantes que se relacionan dun xeito ou outro con el, merecen un trato mellor.

 Indo cara posibilidades positivas, existe a posibilidade de  promover e apoiar alternativas de carácter turístico no río Umia. De feito nos últimos anos foron varias as empresas, algunhas do noso Concello, que se interesaron ou que intentaron realizar actividades de kayak turístico, unha alternativa que ben xestionada e regulada non entra en competencia co desenvolvemento natural do río. Por desgraza, os problemas derivados da falta de apoio das administracións e da falta de coidado do propio río, tanto en Ribadumia como augas arriba, provocaron que todas esas iniciativas quedasen en nada, ou sexan moi minoritarias. Pola nosa banda consideramos que se está perdendo unha oportunidade de poñer en valor o noso río, pero tamén de promover iniciativas de carácter turístico e lúdico que xeren emprego e riqueza no noso Concello, e tamén noutros Concellos río arriba. A maneira de poñer en valor a nosa paisaxe e de facer que sexa motor económico  é coidándoa e dándoa a coñecer dun xeito ordenado.

Por todo o anteriormente exposto, Sergio Soutelo ven de presentar unha moción para ser levada a  Pleno propoñendo os seguintes acordos :

  • A Corporación do Concello de Ribadumia acorda opoñerse á construción do azud permanente previsto no río Umia á altura de Cabanelas.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a tomar a iniciativa para facer todo o legalmente e socialmente posible para frear a construción do azud mencionado, e a informar ao Pleno da Corporación en cada Sesión Ordinaria das medidas tomadas e das iniciativas levadas a cabo neste aspecto, así como do resultado obtido.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a dirixirse a Augas de Galicia e  exercer as pertinentes medidas políticas, legais e de presión social, de maneira pública e notoria co obxectivo de lograr que Augas de Galicia atenda ás súas obrigas no relativo ao mantemento en correctas condicións da canle do río Umia,  e informando ao Pleno da Corporación en cada Pleno Ordinario do traballo realizado e dos avances conseguidos.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a dirixirse aos Concellos polos que transcorre o río Umia dende o encoro de A Baxe ata a súa desembocadura, e propoñerlles realizar accións conxuntas co mesmo obxectivo, aplicado a toda a canle do Umia dende o encoro ata a desembocadura.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a poñer en marcha medidas e axudas públicas, perfectamente reguladas e recollidas no orzamento anual, orientadas á promoción de actividades turísticas relacionadas co río Umia.
  • Instar ao Concello de Ribadumia a poñer en marcha, coa correspondente consignación orzamentaria, programas de posta en valor do río Umia.
  • lavado de cara mal feito ás farolas.

Deixar un comentario