Rexeitamos que se carguen na veciñanza e nas empresas locais as consecuencias da mala xestión do subministro de auga.

- David Castro e algúns membros da Mancomunidade culpabilizan a veciños e turistas, pero néganse atopar medidas ou a resolver as fugas que teñen na rede, responsables de entre un 30% e un 50% do consumo de auga.
- Ameazar con cortes puntuais, sen antes resolver as fugas na rede ou pechar duchas nas praias e regos de parques e zonas verdes parécenos un ataque á veciñanza e ás empresas.
- O presidente da Mancomunidade prometeu solucións que non chegan, e penaliza ao Grove mentres axuda á Toxa a mellorar as súa captación en Cabanelas.
- Agora todo son urxencias, pero as solucións tiñan que terse posto en marcha antes, e diso teñen culpa uns e outros na Mancomunidade.
- David Castro pídelle á veciñanza que peche a billa, pero mantén os regos nas zonas verdes do Concello. Lamentable.
Dende Somos Ribadumia debemos expor a nosa preocupación pola xestión da auga que está levando a cabo o Presidente da Mancomunidade, con certo mutismo por parte do resto de gobernantes locais.
Este que estamos vivindo non é o primeiro episodio de seca. Tampouco é a primeira vez que se fala dos problemas que ten a nosa comarca no verán debido ao aumento poboacional ou , no caso do Grove, todo o ano debido á situación da canalización.
De partida compre recordar as fotos do señor Castro e do resto do PP na ETAP de Treviscoso cando montaron a moción de censura da Mancomunidade para segundo eles rematar cunha imaxinaria situación de ingobernabilidade e poñer solución precisamente as problemas como os da auga.

Pasaron os meses e, do mesmo xeito que pasou en Ribadumia todo era fume. Moitos anuncios de investimentos de cifras rechamantes pero sen poñer nun papel, non digamos xa nos orzamentos da Xunta, e tamén moita foto. Pero solucións cero. De feito, David Castro da moitas largas e evita resolver o problema da conexión co grove ao mesmo tempo que favorece melloras na captación que hai en Cabanelas para dar servizo á Illa da Toxa, algo que nos parece moi lamentable.

Polo tanto, de partida consideramos que o señor Castro debería desculparse pola súa insostible actitude e dimitir do seu cargo por incompetente, o PP comarcal pedirlle desculpas á veciñanza do Salnés poñer a un incompetente á fronte do ente comarcal, ademais pagando favores ou sexa que nin gratis saiu, e “animar” ao señor Castro a deixar o cargo poñendo a alguén máis competente, e o PP autonómico debería pedir desculpas e tamén forzar responsabilidades políticas por deixar a nosa comarca abandonada ante un problema que afecta a unha poboación de 113.000 persoas de maneira habitual pero que se aproxima ao millón nos meses de verán.
Pero non toda a culpa é do PP dende o noso punto de vista. A Mancomunidade xestiona ben moitas cousas, pero hai un tremendo desaxuste, e non nos parece correcto que o seu obxectivo principal sexa únicamente o turismo. De feito, naceu precisamente co obxectivo de dar servizos como o da auga, sen os cales o turismo pasa de ser solución a ser un problema. Na situación actual ten moita culpa quen prometeu monte e moreas e non fixo nada, pero tamén ten parte de culpa quen deixa facer ou non facer sen moverse moito. Polo tanto consideramos que tanto os alcaldes e alcaldesa, como o resto de membros da mesa Plenaria da Mancomunidade tiñan que ter feito algo máis e deben facer algo máis do que están facendo. E falando máis en xeral, que no parlamento autonómico apenas se fale disto tamén nos deixa moi claro que as prioridades dos “grandes” partidos alá en Santiago son outras, sobre todo para a primeira forza da oposición, que como non ten alcaldías no Salnés non ten o moito interese nestes temas.

Actuar sobre as fugas de auga.
Como dixemos fai uns días, a Xunta de Galicia dende 2019 obriga aos Concellos a ter auditadas as redes de distribución de auga. Somos conscientes de que varios Concellos da Comarca fixeron esas auditorías e traballaron e seguen traballando por eliminar cando menos as fugas máis importantes. Pero non todos os Concellos. Un deles Ribadumia, que logo de anos negándose a realizar esa auditoría tena agora en marcha , en pleno verán e plena seca, polo que calquera resultado chegará en outono, e as solucións con este alcalde quizais nunca. Parécenos moi lamentable que o alcalde que preside a Mancomunidade sexa dos poucos coa rede sen auditar, pero é o mesmo alcalde que lle pide á veciñanza que peche a billa e aínda a día de hoxe sigue regando as zonas verdes do Concello.
Dende o noso punto de vista, tendo en conta que as fugas de auga beben entre un 30% é un 50% da auga pública, o primeiro foco de atención debería ser poñer freo a esas fugas, algo do que non falou ningún alcalde. E de David Castro non agardamos nada, pois ten fugas de auga a plena vista sen reparar, como para reparar as que non se ven, a parte de non ter feita a auditoría, pero consideramos que en xeral, a Mancomunidade debería establecer pautas de actuación conxuntas e establecer penalizacións para os Concellos que pasen de todo.
Dende logo, na situación actual, con tantas diferenzas entre o que fan uns Concellos e outros, parécenos un ataque á veciñanza e ás empresas da comarca, falar de cortes puntuais de auga habendo antes outras cousas que se poden facer, aínda que costen cartos. A veciñanza e ás empresas non pagan cos seus impostos unha rede para que despois esta non sexa eficiente. Menos para que pasen os anos sen que se aporten solucións. E dende logo, poñer enriba da mesa cortes de augas coa hostalería a pleno rendimento nun ciclo que no verán cubre as 24 horas os sete días da semana, non é razoable.
E entendemos que as situación é a que é e que compren solucións no moi curto prazo, pero seguramente se todos os Concellos puxeran da súa parte, antes de ter que facerlle pagar a toda a comarca a incompetencia duns poucos, poderíanse facer outras cousas e igual sería suficiente.
Pedimos as persoas que ostentan cargos políticos máis responsabilidade, máis e mellor previsión, máis actuacións e menos descursos. E o señor Castro que se tape un pouquiño, e que cando menos xa que pretende ocultar en que estraga a auga no concello do que é Alclade, cando menos que disimule e apague os regos das zonas verdes.
