Chapuza detras de chapuza, neste caso nas supostas labouras de mantemento do mobiliario das prazas do centro de Barrantes.

  • David Castro anunciou a bombo e pratillo unhas actuacións que quedaron en case nada.
  • Seis anos tardou en facer algo, pero o resultado só se pode definir como chapuza.
  • Ían poñer todo o mobiliario ao día pero non pasaron de pintar catro bancos e dar un lavado de cara mal feito as algunhas  farolas.

 Fai un par de semanas o goberno do señor Castro aseguraba con moito boato que estaba levando a cabo labouras de mantemento nas prazas públicas do centro de Barrantes e outros espazos, co suposto obxectivo de poñer todo ao día e alongar a vida dos elementos urbanos. Tendo en conta que esta é a primeira actuación que se realiza dende o 2018, cando baixo o mando de Enrique Oubiña e Pepe Lede  se produciu a última campaña de actualización do mobiliario urbano e de todos os parques e espazos públicos do Concello, o primeiro que temos que dicir é que sen tempo non foi .

   Porén, agora constatamos que ademais de acordarse seis anos tarde, o que mandou facer David Castro foi unha completa chapuza. De todo o mobiliario urbano que temos en Barrantes, que é moito, non pasaron de pintar uns bancos e as partes de madeira dunhas farolas, por certo deixando tal como estaban as partes metálicas, que están bastante deterioradas e con moito óxido. E dicimos que a actuación foi unha completa chapuza por que ademais do dito, no canto de lixar as madeiras e darlle un tratamento adecuado, os operarios recibiron orde pintar sen previamente tocar nada, indo a todo correr e a acabar pronto, deixando o mobiliario cunha moi mala imaxe, e ademais condenado a estar dentro duns meses incluso peor do que está agora mesmo, pois as madeiras, a parte de lavarlle a cara, hai que darlles os  tratamentos adecuados se se pretende alongarlle a vida ou cando menos que dean unha boa imaxe.

   Fora desta limitada actuación non se fixo nada. Na praza da Carballeira non  se actuou sobre os bancos do anfiteatro, que están moi deteriorados, nin se puxo ao dia a pista deportiva, nin se repararon as roturas nas lousas, nin se recolocaron as canastas que había na praza é se retiraron supostamente polas festas, e por non facer nin sequera se repararon as papeleiras rotas. Ademais disto, foi imposible determinar cales foron as actuacións realizadas na praza do Concello, ou sexa que non se fixo nada.  E no resto do núcleo tampouco se fixo nada,  nin se actuou sobre os maceteiros nin no resto de farolas  do núcleo que boa falta lles fai, por non falar de losetas rotas e outras cuestións de mantemento que deixan unha pésima imaxe do núcleo que alberga a maior poboación de Ribadumia.

   Dende Somos Ribadumia consideramos moi lamentable esta maneira de proceder, por que supón, primeiro rirse da veciñanza con anuncios de actuacións dunha dimensión que resultan ser bromas de mal gusto e con actuacións moi limitadas e moi mal realizadas, logo por estragar recursos en actuacións chapuceiras que non resolven nada nin van evitar o deterioro deses elementos, máis ben ao contrario.

   A realidade é que hoxe o mobiliario de Barrantes está igual de mal que fai un mes, e o que se tocou ademais transmite unha imaxe moi lamentable, pouco acorde a un Concello que pretenda presumir de ter os espazos públicos en condicións.  

Deixar un comentario