David Castro sigue na súa cruzada contra o departamento de servizos sociais.

- Este mes vai eliminar o posto de auxiliar administrativa nese departamento, prexudicando así a todas as persoas usuarias.
- David Castro non renova o contrato da persoa que ten ese posto como vinganza, e non o quere cubrir a vacante tamén por vinganza.
- De novo no xulgado por cuestións persoais e por non facer ben as cousas.
- Pretende contratar unha segunda traballadora social para saltar por enriba da actual.
- Queixas veciñais continuas polo despacho do educador familiar.
Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia a situación á que David Casto pretende levar o departamento de servizos sociais, nas súas ansias por controlar politicamente a xestión de determinadas cuestións relacionadas coa emerxencia social e outras axudas municipais.
Esta semana comunicóuselle á persoa que realiza as funcións de auxiliar administrativa dese departamento que non se lle vai renovar o contrato ao remate deste mes. Isto non sería nada relevante senón fora por dúas cuestións. A primeira que esa persoa ten precisamente xudicializado o seu contrato e a súa situación laboral no Concello de Ribadumia. Outra vez David Castro no xulgado por non facer ben as cousas e por cuestións personalistas, como é castigar a unha persoa por defender os seus dereitos laborais, por non entrar en máis fonduras. Nós non imos caer en xuízos de valor, pero dende o noso punto de vista os Concellos e os alcaldes deben ser exemplares no trato igualitario e na aplicación do dereito laboral, polo tanto é moi preocupante ver como David Castro non sae dos xulgados con temas deste tipo, pois non esquezamos que mantén xudicializado o dereito á indemnización por accidente dunha traballadora xa xubilada á que primeiro quixo sacarlle parte da súa pensión. Por certo, un proceso xudicial que xa leva arrastrados uns cantos miles de euros en avogados que paga a veciñanza de Ribadumia.
A segunda cuestión ten que ver coa atención á veciñanza. A vacante do posto desa auxiliar administrativa, tal como figura no orzamento e se lle comunicou aos sindicatos, non se vai cubrir, deixando a Servizos Sociais sen ese apoio hoxe por hoxe imprescindible para poder facer fronte á cada vez maior burocracia nun departamento que xestiona todo tipo de situacións e axudas, como as axudas de dependencia, as de emerxencia social, ou a Tarxeta Benvida, ademais de dar tamén cabida aos servizos do CIM. E non o dicimos nós. O educador familiar e a traballadora social presentaron un escrito solicitando que se cubra ese posto por ser imprescindible precisamente debido ao volume de traballo que se xestiona, entre outras cuestións. Ademais o posto está cofinanciado pola Deputación, a través dunha liña que precisamente ten como obxectivo apoiar o reforzo dos servizos sociais comunitarios, polo que ao non cubrirse a praza o Concello perderá eses fondos e, en resumo, un posto de traballo necesario e que ao concello non lle está custando cartos, o cal implicaría perder por segunda vez un posto subvencionado para o departamento de servizos sociais, pois non esquezamos que fai tres anos renunciou a unha axuda económica de 115.000€ que permitirían, sen gastar un euro das arcas municipais, contar cunha persoa para programas de integración.
Ademais de non renovarse ese posto, nos orzamentos tamén figura a incorporación dunha segunda traballadora social, e de feito así se comunicou aos sindicatos. A este respecto en primeiro lugar recordarlle a David Castro a obriga de contratar seguindo a lista de emprego local existente, e que non pode contratar a dedo. Máis aló disto, dende Somos Ribadumia consideramos difícil de entender a necesidade de incorporar unha segunda traballadora social cando por outro lado se pretende recortar o persoal administrativo de apoio, porque o que vai acontecer é que o departamento vai caer, outra vez, no caos máis absoluto. Recordemos que durante case dous anos o departamento estivo sen a traballadora social e sen o educador familiar, precisamente por cuestións relativas a presións políticas, e o caos foi completo, con numerosos problemas.
Por outra banda, e isto posiblemente sexa o máis grave, a intención de David Castro é usar a esa segunda traballadora social para puentear á existente, coa que mantén o seu enfrontamento, e deixala coas mínimas funcións, unha práctica que xa vimos con outros postos de traballo. Isto obedece as intencións de David Castro de manexar politicamente o departamento de servizos sociais, que precisamente está separado do Concello para favorecer a intimidade das persoas usuarias e evitar as inxerencias políticas, en particular as de David Castro e o seu equipo, moi dados a vender como favores ou intentar bloquear determinadas cuestións que non deixan de ser servizos que dan as administracións públicas para axudar as persoas ante situacións complicadas, e coas que non se debe andar a xogar nin moito menos usar politicamente.
E no medio disto, case cada semana entran no Concello escritos da veciñanza solicitando que se cambie ao educador familiar de despacho porque onde está, como denunciaron os sindicatos e nós mesmos, non cumpre cos requisitos mínimos necesarios nin para que esa persoa poida desenvolver o seu traballo en condicións minimamente dignas, nin para atender as persoas, en particular ás que teñen algunha discapacidade ou acoden ao departamento acompañadas de nenos en carriño, por certo, habendo un despacho baleiro no mesmo local. Outro dos castigos persoais de David Castro a un traballador cuxas consecuencias as paga a veciñanza.
Dende Somos Ribadumia, non podemos admitir que se politicen os servizos sociais, nin que o alcalde pretenda decidir en base ao seu criterio persoal a quen se lle dan ou non se lle dan determinadas axudas, e esixímoslle a David Castro que cese nesas actitudes, restaure o normal funcionamento do departamento de servizos sociais, e por suposto que manteña o persoal necesario para que a veciñanza reciba a atención que precisa da maneira que precisa, e sen intrusionismo político.
