Valoración da Festa do Viño Tinto.

  • Limitado cartel de actuacións. Unicamente orquestras e grupos tributo, nin un so concerto de artistas ou grupos de actualidade.
  • Limpeza mellorable, problemas coa hostalería e tratos de favor aos postos de feira con respecto aos negocios locais.
  • Máis que discutible presenza de nenos no acto de inauguración.
  • Fracaso político e ridículo do noso Concello grazas a David Castro.

   Dende Somos Ribadumia achegamos, como en anos anteriores, a nosa valoración da que foi a 51 edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación de Variedades Autóctonas, nome oficial da que para o común da veciñanza é a “Festa do Tinto”.

  Comezando por aspectos organizativos, debemos lamentar varias cuestións. Por un lado as fallas de limpeza que provocaron, e non foi este  o primeiro ano, que en determinadas zonas do centro de Barrantes os malos cheiros foran máis que notorios xa dende o venres. Tampouco vemos mellora noutros aspectos, e de feito as melloras que se venderon como novidade, como por exemplo  a seguridade privada, nin era novidade nin tivo ningún tipo de repercusión na festa, como tampouco acaba o goberno de topar a palanca para xestionar correctamente o tráfico. Debemos lamentar que o goberno ocultara a existencia dun Punto Morado, do que case nin se informou nin se deu ningún tipo de información. Parécenos do mais lamentable que o señor Castro oculte este tipo de información, e se limite a cubrir expediente cun tema tan importante e necesario. Estes puntos serven de información, máis tamén de apoio ante determinadas situacións, e se se ocultan, como ven acontecendo nos últimos anos, ante situacións  complicadas – non esquezamos a violación dunha menor na edición do 2022 – as mulleres e mozas afectadas non saben onde acudir e o punto morado non sirve de nada, menos se  como neste caso ten horario reducido.

   En canto ao cartel de actuacións, sen desmerecer as orquestras e grupos que viñeron ao longo dos catro días de festa, dende o noso punto de vista faltaron outro tipo de actuacións, de máis actualidade. As orquestras non ían fallar, menos nesta data e con este tempo, non esquezamos que co permiso das Festas de Santa Rita, a Festa do Tinto é o evento que marca o inicio do verán na comarca, ou dito outro xeito, orquestras con menos tirón, cando menos o venres e o sábado, ían encher igual. Neste senso o cartel foi completo, pero hai vida máis aló das orquestras, e un Concello non é a Comisión de festas dunha parroquia. A aposta pola cultura nun evento deste tamaño, sobre todo tendo en conta o orzamento, que roza os 200.000 €, debería ter sido maior. A xa costume de completar o cartel con grupos tributo a outros grupos, non é mala idea en certa medida, pero cando como este ano se abusa da formula, redúcese a Festa a un absurdo. Na Festa deste ano, sumando todas as actuacións musicais, non houbo un só grupo ou solista que fora o autor da súa música, nin un só grupo ou artista de actualidade, e dende logo a xuventude quedou fora do plano e so tivo alternativa grazas  á aposta dos locais de hostalería por poñer actuacións propias, que aínda lles deu problemas co Concello.

   Hai que ter en conta, a hora de valorar todo  isto, o custe da festa. Con case 200.000 € de orzamento, que o Concello paga case íntegros, pois os ingresos rondan os 30.000€, esta festa cústalle a cada veciño e veciña  32 €, vaian á festa ou non vaian. Sae a 9 € por día se contamos como medio día a actuación do xoves. Comparativamente falando, a  festa do Albariño de Cambados, na edición do ano 2022 que durou 10 días, tivo un custe de 685.982 dos cales o Concello enfrontou 491.377 euros. Isto significa que a cada veciño e cada veciña de Cambados a festa custoulle 3,5 € por día de festa. Non vamos a pedir o cartel de concertos do Albariño, pero a  conclusión cos números na man é que en Ribadumia pagamos o triple por unha festa moito máis pequena, e nin un só grupo ou artista de referencia  e de actualidade traemos para animar á xente moza e para darlle un pouco de peso cultural ao evento. Moito máis que lamentable.

  Como lamentable nos pareceu o trato dado aos locais de hostalería, enredando cos horarios, obrigando á retirada das terradas as dez da noite estando como estaban cheas e coas  vías públicas co tráfico restrinxido,  favorecendo aos postos ambulantes por enriba dos negocios locais, e en xeral abandonado e poñendo atrancos ao comercio e hostalerías locais. Atrás quedaron os anos onde o comercio e a hostalería local participaba de maneira coordinada decorando os escaparates, ademais coa axuda do Concello, e mesmo estando presentes na inauguración da e actos centrais da festa. Un retroceso este que non podemos valorar positivamente.

  Como tampouco podemos valorar positivamente a organización do xantar do Tinto. Por unha banda a algún iluminado se lle ocorreu colocar a carpa da cociña, que ocupa un espazo importante na explanada onde aos buses do colexio deixan aos nenos, a principios de semana no canto de agardar como sempre ao xoves pola tarde, cando xa o colexio fica pechado. Creouse con isto un caos  poñendo en risco aos nenos e nenas ao obrigar aos buses a facer manobras complexas nun espazo reducido e cheo de nenos. Por outra banda o prezo subiu nos últimos anos dunha maneira esaxerada, e non só o que pagan os asistentes, que pasou de 25 a 30 € xa no 2022, senón tamén o custe real do prato  que á volta de pandemia pasou dos 29,70 €  aos 38,50 €, taza e viño a parte – e veremos este ano -.Pero máis aló disto, froito da gran xestión de David Castro, incapaz de negociar nada,   debemos lamentar o empeoramento en todos os aspectos do xantar. Na nosa formación defendemos o consumo responsable, pero a realidade é que este sempre foi un xantar baseado na máxima galega “se non sobra , é que falta”, e dende a volta de pandemia, ou o que é  o mesmo, dende que non estamos nós no goberno,  o prezo do xantar subiu pero o que se pon na mesa reduciuse, e xa levamos un par de anos que non sobra comida ningunha, ademais de que o servizo paga o aumento de aforo con retrasos importantes, e tamén a falta de espazo, pois os asistentes teñen que comer de maneira apertada e bastante incomoda, salvo obviamente na mesa presidencial. Moitas queixas se escoitaron no pavillón, ao noso entender xustificadas.

Unha máis que discutible presenza de nenos nos actos de inauguración.

Mención especial debemos ter para a pouco prudente idea que alguén, por alguén queremos dicir David Castro,  tivo de poñer aos nenos e nenas da escola de ocio disfrazados de valedores e valedoras dentro da carpa e compartindo espazo coas autoridades mentres estas daban inicio á Festa paseando polos postos e bebendo uns viños. Vaia por diante que os pais e nais poden e deben educar a seus fillos e fillas como consideren, pero unha institución pública  debe ter moito coidado con certas actitudes e maneiras de proceder. O de disfrazar aos nenos e facelos participes de determinados actos  non o vemos mal, ao contrario, pero unha cousa e disfrazalos de uvas como o ano pasado, e outra moi distinta poñerlles o traxe de valedor, un cargo  que se xura bebendo e prometendo promover o consumo de viño, unha bebida alcohólica. Pero o que de ningunha maneira nos parece aceptable é que menores dean o punto de inicio a esta festa de xeito activo e moitísimo menos que se lles leve de paseo polos stands con final nunha mesa onde se vai poñer viño e brindar. Debemos agradecer que ao señor alcalde non se lle ocorrera brindar cos nenos e nenas, porque en virtude do visto e transmitido, pouco lle debeu faltar. Queremos aclarar que preguntando a nais presentes, informáronnos de que na autorización que asinaron previamente non se especificou en que ía consistir a presenza dos nenos na inauguración, unicamente da indumentaria que debían levar. E grande foi a sorpresa e o posterior enfado das nais presentes ante os feitos que as pillou moi de sorpresa, rodeadas de medios de prensa, e con pouca capacidade de reacción sen montar un escándalo. Toda a nosa comprensión e agardemos que estas cousas deixen de suceder.

O fracaso político de David Castro

  Por último, queremos destacar o fracaso político de David Castro, que estamos pagando como Concello. De inicio, nin nos actos de presentación nin na inauguración estivo presente a oposición, que tamén forma parte da corporación, pois non foi convidada a participar. Un erro intencionado que logo o señor Castro, tentou disimular  nos actos centrais do sábado cun sonroxante episodio que imos pasar por alto. Por outra banda, logrou coa súa nefasta xestión que os alcaldes do PSOE da comarca lle deran plantón, e non mandaran nin sequera a alguén en representación dos mesmos a ningún dos actos. Non esquezamos que dos concellos lindeiros preséntanse viticultores ao concurso e levan premios, ademais da moita xente que nos visita estes días. Para Ribadumia, como Concello, esta situación e unha vergoña e supón unha lamentable imaxe pública.  Pero non so iso, a falta de peso político de David Castro é tal que ata os alcaldes do PP o deixaron de medio lado. Do seu partido unicamente estivo presente o alcalde de Meaño. Ao final, tiveron que entregar premios o alcalde de Barro, contrario á legalización do viño tinto, e o presidente da D.O.Rias Baixas, un ente tamén reacio, por non dicir contrario, á legación do folla redonda. Un absurdo todo. En todo caso, dende aquí parabenizamos a todos os gañadores e gañadoras.

En resumo, a nosa maior festa, referente da comarca, cada ano camiña un pouco máis cara atrás, da man dun xestor que non xestiona e que insiste en crear problemas no canto de aportar solucións, e incapaz de innovar nin de aumentar o atractivo dunha festa que no ano 2018 era un orgullo para a veciñanza, e agora é todo o contrario. Como non pode ser doutra maneira, esiximos outra xestión da festa, e volvemos insistir na necesidade dun patronato que tome as rendas e poña este evento no nivel que lle corresponde, que con 200.000 € de orzamento, e moito mais arriba de onde está.

Un comentario

  1. Lois Baulo's avatar
    Lois Baulo

    Faltouvos comentar o trato de favor a un hosteleiro do grove, que lle dan lizenza de pub para montar o seu garito fronte o ENCONTRÓ, chamase competencia desleal e prevaricación. E todo xk van na lista do PP. VERGOÑA

    Gústame

Deixar un comentario