David Castro admite que a modificación do PXOM ten como obxectivo legalizar a construción dunha nave.

• Argumentos contraditorios, dando a entender que xa actuou en dúas ocasións para dar a volta a sentenzas da APLU pero negando o evidente.
• O máis claro argumento de David Castro “esta modificación busca adaptar á realidade a situación desa zona porque o que está no Plan Xeral non é o que se ve alí ”. Efectivamente.
• David Castro non aclara porque a documentación obvia a nave ao tempo admite a súa existencia.
• Un ano para corrixir os erros pero David Castro non corrixiu nada, o mesmo tempo que a APLU leva sen responder a un recurso de reposición posto polos propietarios desa nave. Casualidade?
David Castro está decidido a aprobar unha recalificación de terreos en Cabanelas para tentar legalizar a nave construída de xeito totalmente ilegal – co seu silencio cómplice – e que conta cunha orde de derribo por parte da APLU, neste momento pendente da resolución ante dun recurso de reposición dende febreiro do ano pasado.
Sergio Soutelo non puido acudir ao Pleno por cuestións de causa maior, pero si estiveron presentes varios membros da Comisión Executiva , como ven sendo habitual, e dende o noso punto de vista as declaracións de David Castro deixan ben claro que o alcalde actúa de parte. Vaia por diante, que no caso de participar, Somos Ribadumia non ia votar a favor desa modificación do PXOM.
No debate desa modificación do PXOM David Castro presumiu de terlle dado a volta a dúas ordes de derribo da APLU, ademais dixo en que lugares, faltoulle dar os nomes dos veciños afectados, xustificando que dende o Concello se fagan actuacións para evitar derrubes de construcións ilegais. Unhas declaracións que pretendían xustificar o inxustificable. O que David Castro non dixo é que neses casos onde se puido actuar, tivo que requirir aos infractores para repuxeran a legalidade, que non sempre implica derrubar as construcións, de feito nos casos que se referiu o que había eran cuestións administrativas menores.
David Castro foi máis aló, pois no propio pleno deu conta de edictos de alcaldía actuando noutros casos onde , en contra de cómo se actuou en Cabanelas, si se requiriu a reposición da legalidade aos infractores e mesmo se puxeron multas coercitivas. Desta maneira nun so pleno fíxose evidente que David Castro actúa dunha maneira cando se trata de determinados veciños, con expedientes da reposición da legalidade e multas, actuara a APLU ou non, e doutra moi distinta cando o que actúa fora da lei é un amigo empresario, deixando pasar sen tomar ningún tipo de medida e chegando a modificar o PXOM para favorecer a ese empresario.
As actuacións da APLU e as non actuacións de David Castro.
Hai que remarcar que a APLU, moi áxil nas súas actuacións noutras ocasións, ten pendente dende fai máis de un ano resolver un recurso de reposición interposto polos propietarios dos terreos e da nave e muros levantados de maneira totalmente ilegal. Ou cando menos tiñao a semana pasada, cando ese órgano nos trasladou copia do expediente.
En Somos Ribadumia non sentimos desconfianza ante os diferentes órganos públicos, pero resulta chamativo este retraso, cando a resolución anterior da propia APLU, resolta cunha rapidez que contrasta coa paralización posterior, resultou contundente, pois non deixa opción á legalización da nave nin sequera no caso de que se modificara o PXOM, como se pretende.
No que non creemos en Somos Ribadumia e nas casualidades en política. E hai que dicir que resultan tamén moi chamativas as datas. O recurso de reposición referido foi posto o 22 de febreiro de 2023. David Castro anunciou o seu paso ao Partido Popular o 25 de febreiro, tres días despois. E dende ese momento a APLU ten pendente o tramite final do expediente e David Castro intentou ata en catro ocasións levar a pleno esta modificación, retirando da Orde do Día tres das catro veces, pero sen cambiar unha soa liña na documentación da modificación do PXOM. Se non se modificou nada porque se retirou dos plenos anteriores – con escusas bastante peregrinas – e porque se aprobou onte e on antes? Que foi o que mudou nestes meses?

O que David Castro non fixo dende o ano 2020 foi actuar como lle obriga a lei, ordenando e tomando as medidas pertinentes para paralizar a obra de construcións desa nave e do muro perimetral e a posterior reposición da legalidade, algo independente do que faga a APLU, como moi ben sabe o señor Castro. E ademais, tendo meses para corrixir a documentación da modificación do PXOM, unha vez que se fixo público que estaba ocultando a construción desa nave, tirou para adiante ignorando todas as advertencias de que está saíndose dos procesos legais e posiblemente caendo nun delito de prevaricación, arrastrando con el aos seus compañeiros de partido que onte levantaron a man apoiando unha modificación do PXOM moi dubidosa, pero cuxo tramite, ademais, e hai que recalcalo, non éxime das obrigas do señor Castro de actuar ante unha ilegalidade manifesta.
