David Castro incumpre os seus propios acordos extraxudiciais.

  • O xulgado auspiciou un acordo entre alcaldía e  Sergio Soutelo para que este poida acceder ao rexistro municipal.
  • A proposta realizouna David Castro, e aceptámola, pero despois de feita,  el pasou do acordo, forzando a situación ata o límite.
  • David Castro tómalle o pelo ao xulgado, a Sergio Soutelo e a Somos Ribadumia.

  O que deberiamos anunciar como algo positivo, un acordo entre o goberno de David Castro e Somos Ribadumia para o acceso ordenado ao rexistro municipal, foi reventado polas actitudes de David Castro, que se dedica a enredar e a rirse de todo o mundo, dunha maneira infantil e absurda. Pola nosa banda, queremos deixar constancia do acontecido nestes últimos meses e das medidas que nos vemos na obriga de tomar ante algo que é inaceptable.

  A finais de novembro do ano pasado, Sergio Soutelo veuse na obriga de acudir ao xulgado ante o bloqueo ao que o tiña sometido David Castro, que  con todo tipo de escusas e argucias trataba de impedir que o noso concelleiro, cunha situación laboral que lle impide acudir presencialmente á casa consistorial dentro dos horarios de atención ao público, accedera telematicamente ao rexistro municipal, algo normal en calquera outro Concello.

  Este tema rematou cunha vista xudicial o 31 de xaneiro. Nela o propio xuíz indicou ao avogado do Concello moi claramente cales son os dereitos do noso  concelleiro, e “convidouno” a propoñer un acordo -con bastante concreción do que debería incluír – antes de rematar o período de conclusións, deixando así moi clara a súa postura e de paso a David Castro sen a razón por segunda vez en menos dun ano. Quedou patente que se o goberno non accedía a realizar a proposta indicada polo xuíz, o final do camiño xudicial sería  o mesmo, pero o Concello remataría pagando todas as costas. O  señor Castro colleu ben o recado, e ante o medo a outro revés xudicial, optou por aceptar a vía do medio que lle propuxo o xuíz, pero como se fose un neno que intenta facer trampa cos traballos escolares, andivo semanas mareando. Logo de realizarnos unha proposta inicial e de nos aceptarlla, alongou os prazos deixándoa sen asinar. Ao, final tivemos que dende a nosa parte enviarlle o acordo asinado xa fora dos prazos, quedando asinado por eles e presentado no xulgado o 29 de febreiro.

O 1 de marzo o xuíz, ditou un auto dando por válido o acordo quedando xa ratificado e en completa validez dende ese momento, o cal significa que o Concello  de maneira diaria debe subir ao espazo privado que Sergio Soutelo ten na sede electrónica, un espazo seguro e ao que só pode acceder el, os datos básicos de todas as entradas e saídas do rexistro municipal. Un acordo que garante todos os dereitos legais e é acorde a lexislación en cuestión de protección de datos, pois só se aportan datos moi básicos, non os expedientes completos, que se deben solicitar a parte e teñen outro proceso. Tampouco se inclúen cuestións que se presenten a través do portelo único e non vaian dirixidas ao Concello. Así pois, é o equivalente a consultar o antigo libro de rexistro de papel.

 Iso foi o 1 de marzo. Pois onte, quince días despois, logo de que o noso concelleiro se dirixira varias veces ao Concello para preguntar porque non se estaba executando o acordo impulsado polo propio alcalde, comunicóusenos que ao avogado non lle constaba o auto xudicial. Unha falsidade e unha tomadura de pelo en toda regra. O auto (este e todos) comunicaselle ás partes ao tempo, nós tivémolo o día 1 , eles por suposto que tamén. Ademais disto, dende Somos Ribadumia temos constancia, ademais de primeírisima man, de que o alcalde estivo ao tanto de todo o proceso e soubo o día 1 de marzo da confirmación vía auto xudicial do acordo, que ademais ten valor de sentenza firme.

  Á vista da situación, xa advertidos ao Concello de que estamos cansos da broma, e de que se o luns non se fai efectivo o acordo, nese mesmo día volveremos ao xulgado para que sexa o xuíz o que faga executar o acordo, con todas as consecuencias.

   Se xa é triste ter que chegar a un xulgado por algo tan básico, que despois de ter un acordo auspiciado por un xuíz pero proposto polo propio alcalde e aceptado por ambas partes, teñamos que tomar estas medidas por mor da irresponsabilidade o señor Castro, parécenos do máis lamentable.

   Esta é a segunda vez que dobramos o brazo de David Castro nun Xulgado, a anterior foi o ano pasado cando un xuíz obrigou ao  Alcalde a darlle acceso a Enrique Oubiña ao rexistro municipal, logo de tres ano e medio de loita pola vía pacífica que non deu froitos e nos obrigou a ir ante a xustiza.

Agora tivemos que volver, tamén pola terquedade dun alcalde que non ten reparos en tirar os cartos da veciñanza en avogados unicamente por mor dos seus caprichos. E agora, aínda non está contento con iso que se dedica a tomarnos o pelo, quizais pensando que non temos recursos para manter a loita, quizais pensando que nos imos render e pasar do tema, quizais porque lle fai gracia. Pois xa lle advertidos que nós somos un partido moi serio e rigoroso, e non nos rimos con segundo que cousas, e aínda que tamén sexamos un partido modesto, para defender os nosos dereitos temos recursos suficientes. Consideramos que non se debe xudicializar a vida política, porque non é a nosa función e porque ademais estas cousas van ao peto da veciñanza, polo que estamos forzando para evitar ir ao xulgado con outras cuestións, pero ante esta actitude do señor Castro, imos ter que reestudar a nosa liña de acción.

Deixar un comentario