David Castro xoga ao despiste a conta de FITUR.

- David Castro nega o evidente e oculta a realidade mentindo e insultando.
- O debate non está en FITUR, está en quen vai pagar a liberación de Asperez e en canto lle vai costar ese favor á nosa veciñanza.
- Reafirmámonos no dito, David Castro empezou a súa presidencia na Mancomunidade renegando da mesma e ocultando ante a veciñanza o traballo dese ente.
Parece que David Castro está algo molesto pola mala imaxe que desprendeu na pasada feira de FITUR, e antes diso no proceso da moción de censura da Mancomunidade. Por iso e por que non está logrando o estrelato rutilante que lle contou Gonzalo Durán que ía ter co seu ascenso a presidente da Mancomunidade. Quizais o señor Durán esqueceu explicarlle ao señor Castro que aos presidentes das mancomunidades pásalles como á muller do César, que non só teñen que ser presidentes, tamén teñen que parecer que o son.
Nos últimos días, como resposta á nosa posición ante o arranque da presidencia do señor Castro no ente comarcal, asistimos primeiro ao insulto nunhas declaracións aparecidas nun medio de prensa e agora , a través do primeiro comunicado de prensa que emite o Partido Popular dende o inicio de mandato, a un intento de dar a volta ao que é público e notorio atacando á nosa formación, e de paso desviar o centro de atención do importante.
En Somos Ribadumia podemos errar, pois somos humanos e humanas, pero non mentimos. E neste caso non só non mentimos, senón que o propio David Castro confirma o que décimos. Dixemos e agora reafirmamos que David Castro tentou minimizar ante a nosa veciñanza o papel da Mancomunidade en FITUR. David Castro confirmou onte – e fixo fincapé – a súa presenza nas presentacións da Xunta e da Deputación, e tamén que estivo presente na presentación da Mancomunidade. Nós non dixemos o contrario, de feito remarcamos a presencia do noso alcalde nos actos da Xunta e Deputación, pero tamén dixemos e así o demostran as publicacións nas redes do Concello, que o señor Castro ocultou intencionadamente a súa presencia na presentación da Mancomunidade, e tamén as actividades do ente comarcal en FITUR, mentres deu pulo e publicidade á súa presencia nas presentacións das administracións gobernadas polo PP. Dirémolo máis claro, o Concello publicou fotos das presentacións das campañas da Xunta e Deputación, pero ningunha da presentación da Mancomunidade do Salnés, unicamente unha foto de parte da comitiva da comarca, cando lle empezaron a pitar os oídos, e el non aparece na mesma. A este xeito de actuar poderáselle chamar de moitas maneiras, nós dicimos que David Castro renega do ente que preside. Se ao señor Castro non lle gusta, non é o noso problema, os feitos son os feitos.

Dixemos e reafirmámonos en que o seu papel en calidade de presidente en FITUR foi irrelevante, sen apenas presenza nin actitude, algo patente na falta de intervencións ante os medios, e que non foi capaz de achegar unha imaxe de unidade da comarca; de feito este ano non tivemos a ata agora tradicional foto de todos os alcaldes, pero si tivemos, coa silenciosa aceptación de David Castro, o esperpento de Durán, facéndose notar para transmitir quen manda en realidade, sentado na presentación das campañas de turismo das que renega, pois non esquezamos que foi el o que rompeu o consenso en cuestións de turismo e montou un chiringuito pola súa conta indo contra a Mancomunidade. E aínda podemos reforzar máis todo o dito, pois se temos que atender ás declaracións públicas de David Castro e ás publicacións nas redes do noso concello, é imposible saber cales son as campañas turísticas da nosa comarca presentadas en FITUR, e isto resulta esclarecedor.
O certo, facilmente comprobable, é que para os recursos de comunicación do noso concello, a Mancomunidade na que participamos non existe.
A liberación de Asperez.
Á realidade é que David Castro intenta desviar a atención dun asunto bastante máis grave que á súa presencia ou non nunha feira. Enriba da mesa está á aprobación da liberación de Asperez, non sabemos se algunha máis, da que o señor Castro non quere que se fale, como non quere falar de quen vai pagar esa liberación.
Pedímoslle á David Castro que deixe de marear, recomendámoslle que non lle faga tanto caso a Gonzalo Durán, e abandone a táctica do insulto porque nós non imos entrar nese xogo. Tampouco vai colar o de acusarnos de mentir, pois como dixemos moitas veces a nosa verdade ten papeis que a sosteñan, como quedou patente en todas e cada unha das ocasións nas que David Castro quixo poñernos por mentireiros.
O que si debe o señor Castro é explicar cal é o custe do voto de Asperez é de Vieitez, quen o vai pagar e canto lle vai costar á veciñanza de Ribadumia. E dicimos á de Ribadumia, porque outros alcaldes da comarca xa adiantaron que os seus veciños non van pagar ese tipo de regalías en diferido.
En resumo, David Castro estréase como presidente da mancomunidade. É faino sen relevancia ningunha, totalmente absorbido por Gonzalo Durán, facéndo campaña para o PP nun intento de sumar galóns, e enfrontado ao resto de alcaldes e alcaldesa da comarca. Pero tamén ten un problema cos seus propios compañeiros na moción de censura, pois é evidente que o Xudas deste proceso quere as súas 30 moedas, pero tamén que Roma non paga traidores. Un problema cunha factura que pretende que a peguen os veciños de Ribadumia. Non o podemos aceptar.

