A Conta Xeral do ano 2022, tarde, mal e con erros de todo tipo.

  • A Conta Xeral do ano 2022, que debería levarse a Comisión de Contas antes de xuño, e estar aprobada antes  de outubro púxose en exposición pública este mes de xaneiro.
  • O documento da Conta Xeral, coa documentación incompleta, erros, e ocultando cousas.
  • O Consello de Contas de Galicia xa apercibiu a David Castro por facer o mesmo no ano 2021, e antes diso no 2019 obrigou a corrixir numerosos erros documentais.
  • En perigo axudas económicas e investimentos para o noso concello.
  • David  Castro, suma e segue a desidia e o abandono das súas obrigas como alcalde.

   Dende Somos Ribadumia sempre nos amosamos comprensivos coa complexidade que conleva a xestión económica do Concello, pero a situación volveuse insostible.

  Por terceiro ano consecutivo, a Conta Xeral , neste caso do exercicio 2022, está no proceso de aprobación, iniciado coa realización da Comisión Especial de Contas ao que sigue un período de exposición pública e debera rematar coa súa aprobación en Pleno Municipal , fora de todos os prazos legais, pero  este ano o proceso ademais de bater record de retraso, está cheo de erros, que nos obrigaron a tomar medidas e solicitar a suspensión do mesmo e o seu reinicio facendo as cousas correctamente.

  Máis aló do desfase nas datas e na tardanza no inicio do proceso, resulta que este nin sequera se está realizando correctamente. A normativa que rexe a xestión contable dos concellos é moi clara e concisa, pero David Castro parece encirrado en saltarse cada unha das normas. De partida, a exposición pública debe anunciarse a través de varios medios, por medio dun edicto que debe publicarse no Boletín Provincial e manterse colgado no taboleiro de anuncios do propio Concello. Pois ben, polo que sexa, David Castro que cando vai ao Concello pasa por diante dese taboleiro, non caeu na conta de que o edicto non se expuxo publicamente, polo que as persoas que non teñan acceso ao Boletín Provincial, onde se publicou o pasado 17 de xaneiro, nin ferramentas dixitais, non van enterarse por non cumprir as obrigas que recollen o propio edicto.

    Tampouco existe un expediente ao que dar acceso á veciñanza que queira consultar a Conta Xeral. Ou, cando menos, non existía o 14 de xaneiro, cando un membro do noso partido acudiu a título particular a realizar a consulta do expediente, e tivo que agardar máis de media hora a que o persoal municipal solucionara o problema e encontrara o expediente.

 Un expediente que nin sequera está completo. A Conta Xeral non é un papel calquera, e hai unha norma que específica que documentos debe conter,  entre eles unha Memoria Explicativa de todo o documento e unha serie de certificacións bancarias, que polo que sexa non se inclúen nin no expediente que se trasladou ao Concelleiros e Concelleiras e se tratou na Comisión Especial de Contas nin no documento que dispuxo para a súa consulta.

  Polo tanto, de partida o proceso ten vicios suficientes como para ter que solicitar a suspensión do mesmo, cousa que xa fixemos.

Falta de transparencia e advertencias do Consello de Contas.

   Non só hai erros e falta de documentación no proceso de aprobación da conta do ano 2022, tamén hai ocultación intencionada de moitos gastos. Por exemplo, o Concello oculta en que gastou 166.000 € da Festa do Viño, unha festa que inicialmente contaba cunha partida de 120.000€, que foi preciso ampliar en 30.000€ que foron insuficientes deixando un déficit de máis de 16.000 euros,  que haberá que ver de onde se sacaron, pois os ingresos por ese concepto non  cadran.

  A lei permite presentar reparos, observacións e mesmo solicitar correccións na Conta Xeral, pero para facelo correctamente é preciso referirse ás partidas económicas  concretas, algo imposible neste caso debido a que a documentación presenta a numeración das partidas e dos conceptos económicos cortada, imposibilitando así calquera reclamación ou dando pé á súa desestimación.

   En resumo, un cúmulo de irregularidades , que nin sequera é a primeira vez que se producen. Ribadumia xa apareceu no Informe anual do Consello de Contas de Galicia polas súas irregularidades relativas ao retraso na tramitación e por incoherencias documentais na Conta Xeral do ano 2021, e tivo que facer correccións na Conta Xeral do ano 2019, ameazado coa retención de fondos da Xunta, situación similar á que aconteceu cos fondos do estado neste pasado ano, retidos dende novembro por non presentar o orzamento do 2023.

 Dende Somos Ribadumia insistimos en que David  Castro debe asumir responsabilidades, cumprir as normas existentes e deixar de complicar a xestión económica do Concello  e de poñer en perigo a chegada de fondos e os investimentos por parte doutras administracións.

Deixar un comentario