Arquivada en firme a denuncia de David Castro a Somos Ribadumia e Enrique Oubiña.
- Fracaso de David Castro no xulgado. Nin a denuncia nin o recurso posterior ante a audiencia Provincial foron aceptados pola xudicatura, polo que non chegou a abrirse xuizo, nin proceso algún. Non había nada.
- David Castro intentou ocultar o seu fracaso, logo de alardear de que ía recorrer a denuncia xa desestimada. En xaneiro todo eran comunicados e roldas de prensa. Agora, cala.
- A veciñanza paga cos seus impostos os caprichos dun alcalde sen solucións que só sabe atacar á oposición e crear problemas onde non os hai.
Os intentos de David Castro por menoscabar a imaxe de Somos Ribadumia e de Enrique Oubiña acudindo ao xulgado con acusacións sen base legal remataron como era previsible, co arquivo firme da denuncia e por partida dobre, na sala do penal de Cambados e na Audiencia de Pontevedra.
Polo tanto, o primeiro que hai que dicir é que queda en evidencia que esas denuncias, presentadas sen probas que demostraran a existencia dun delito, ou como mínimo indicios que xustificaran o inicio dun proceso xudicial, eran fume, e que David Castro usou os recursos públicos para atacar a Oubiña e a este partido sen fundamentos de ningún tipo, unicamente coa intención de menoscabar a credibilidade da nosa formación e do noso voceiro e de crear medo para evitar que a veciñanza fixera públicas as súas queixas.
Indo ao cerne da denuncia, que recordemos veu motivada porque dende Somos Ribadumia expuxemos unha problemática que o verán pasado estaba afectando á auga de consumo, David Castro non foi quen de demostrar, nin ante a opinión pública nin ante o xulgado, que nos mentíramos nalgún momento.
Preguntámonos porque David Castro, que estivo moi áxil a ir á prensa a dicir que ía recorrer un auto xudicial que en esencia xa dicía que non había lugar a denuncia porque o alcalde non presentou probas que a sustentaran, non estivo tan áxil a facer público o arquivo da causa, e explicarlle á veciña porque o xulgado lle petou coa porta nas narices, e canto lle custou á broma á veciñanza ribadumiense, que foi quen pagou o avogado.
Agardamos de David Castro que asuma as consecuencias dos seus feitos, teña dignidade e pida desculpas polo menoscabo que intentou provocar na imaxe de Enrique Oubiña e de Somos Ribadumia, e que asuma persoalmente os custes políticos e económicos deste despropósito, porque a veciñanza de Ribadumia non ten porque financiar cos seus impostos os caprichos dun alcalde e dende logo tampouco merece un alcalde que use o Concello e os fondos públicos como se foran del.