Ante os problemas, actuamos: presentamos queixa formal ante o Conselleiro de Educación polos recortes no CPI Xulia Becerra Malvar.

imaxe de arquivo.
  • A Xunta non cubriu a praza de terapeuta pedagóxico do colexio, que atende a case trinta nenos e nenas.
  • Logo de manter conversas coa dirección do CPI e da ANPA, dirixímonos directamente a Román Rodríguez González.
  • Todo o noso apoio á comunidade educativa e ás familias ante os recortes na educación.

    Esta semana tivemos constancia que a Consellería de Educación decidiu, por motivos que descoñecemos, non  cubrir a praza de pedagoxía terapéutica que ao finalizar o pasado curso ficou vacante no CPI Xulia Becerra Malvar, de Ribadumia. De xeito inmediato dirixímonos tanto a dirección da ANPA como a do Colexio para ter coñecemento claro de cal é a situación, e amosarlle o noso apoio.

   Compre recordar a importancia vital dos terapeutas á hora de apoiar ao alumnado que precisa reforzo ou unha atención particular para que poida completar o seu ciclo formativo con normalidade. Dáse a circunstancia de que esta praza é  fixa no organigrama do colexio, polo que non hai xustificación posible para que se decida non cubrila. Ademais é moi necesaria, pois a persoa que a ocupe deberá atender a unha trintena de nenos e nenas, pertencentes a outras tantas familias, que neste momento encóntranse moi desgustadas, pero tamén contrariadas debido a que esta situación non se lle comunicara nin a elas nin á dirección do colexio, que xa tiña deseñada a axenda deste curso incluíndo a este departamento e ao alumnado que debía facer uso del.

   Co curso iniciado, a  situación vólvese moi complexa, complica a organización do calendario lectivo e deixa a esa trintena de nenos e nenas nun limbo, pois non poden recibir a atención que precisan tendo xa ademais as horas designadas para elo neste curso.

   Ademais do exposto, temos constancia de que dende a Xefatura Provincial de Educación, ademais de  manter unha postura de confrontación coa ANPA, néganse a dar ningunha explicación,  aínda que é evidente que este recorte enmárcase dentro da liña de recortes que están sufrindo a maioría de centros educativos de Galicia, seguindo a estela da política de defenestración dos servizos públicos iniciada polo goberno do PP coa sanidade.

    Por todo isto, dende Somos Ribadumia tomamos a iniciativa e dirixímonos directa e formalmente ao señor Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, D. Román Rodríguez, solicitándolle por escrito que de maneira inmediata procedera á reposición desa praza, e accedera a manter unha xuntanza coa comunidade educativa do CPI Xulia Becerra Malvar, para aclarar a situación xerada. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s