O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

- O proximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta de Galicia para que os Concellos adecuen as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.
- O goberno de David Castro incumpre as súas obrigas e nin informa aos negocios locais afectados nin atende aos requirimentos dos que pasan polo concello e solicitan adecuarse á lei.
- As axudas económicas, dende febreiro que os cartos da Deputación están dispoñibles, seguen sen distribuírse.
“Temos un goberno local que aparentemente so sirve para presentar espectáculos deportivos e facer fotos nas entregas de trofeos dos mesmos”. Ou cando menos, isto é o que podemos concluír vendo como o goberno local ignora as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta de Galicia.
Co inicio do ano 2018 entrou en vigor a LEI 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que, tal como explica Oubiña, “ regula todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas que se realicen tanto en espazos abertos como en locais pechados, incluídos os locais hostaleiros. Esta lei foi moi criticada por varios dos colectivos afectados, dende as comisións de festas ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que esta lei condenaba ao peche”.
Posteriormente, o 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o DECRETO 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. Este Decreto 124/2019 establece diferentes cuestións, e no seu anexo establécense os diferentes epígrafes aplicables aos locais hostaleiros e as normas aplicables en cada caso no relativo ás actuacións e actividades autorizadas en cada un deses epígrafes, “algo que afecta directamente tanto as comisións de festas do noso concello, como a locais hostaleiros, algún dos cales é referente dende fai anos na escena musical e cultural da comarca, e con este decreto, que non deixa de ser unha corrección encuberta, podería seguir mantendo o nome do noso concello no mapa cultural”.
Pero o decreto non so establece os epígrafes, as actividades autorizadas en cada caso e as esixencias requiridas, tamén establece a obriga para os concellos de realizar a adaptación das licencias municipais a esta lei, dando un prazo de dous anos que vencerá este 14 de outubro. “Pois a piques de finalizar este prazo, David Castro – e o mesmo podemos dicir das concelleiras de promoción económica e de cultura – parece que aínda non se enterou das súas obrigas, nin das consecuencias que a súa desidia podería ter para o desevolvemento cultural do noso concello e mesmo para algún negocio local”.
Ademais, hai que remarcar que algúns locais hostaleiros dirixíronse ao Concello en varias ocasións dende a entrada en vigor do Decreto da Xunta, e en todos os casos foron completamente ignorados polo goberno local, algo que dende Somos Ribadumia consideramos outro exemplo máis da incapacidade de David Castro para xestionar a vida municipal, ao tempo que demostra, ao ignoralas, unha grave falta de respecto cara colectivos e empresas..
Dende Somos Ribadumia, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non da pasos para regularizar a situación, presentamos este pasado venres por rexistro un escrito recordándolle a David Castro as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados por este decreto, os informe do contido do mesmo e da Lei de Espectáculos, lles dea un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo establecido pola Xunta se aproben en Xunta de Goberno Local, que é onde corresponde, as licenzas adecuadas a esta lei.
Dende Somos Ribadumia queremos ser optimistas e creer que a situación se resolverá, e que o goberno local fará un esforzo na defensa dos referentes culturais do noso concello.
Axudas económicas.
A todo isto hai que sumar que o goberno local segue a día de hoxe sen repartir as axudas covid que dispuxo a Deputación en febreiro. A este respecto remarca Oubiña que “se xa é lamentable que David Castro non quixera tal e como lle propuxemos reforzar esta partida con fondos propios tendo 50.000 € dispoñibles en dúas partidas que levan dous anos sen que ninguén faga uso delas e que todos sabemos que non se van gastar tampouco este ano, peor resulta que seis meses despois de que a Deputación puxera en bandexa 14.700 €, estes sigan sen distribuírse. Esta semana tivemos a primeira xuntanza da mesa de avaliación desa liña de axudas, onde quedou en evidencia todo o que levamos defendendo dende Somos Ribadumia nestes meses: sen criterios obxectivos de reparto, e sen reforzo económico por parte do concello esta axuda vai quedar nun chiste, que acabara repartindo unha cantidade moi pequena, e que ademais chegará bastante tarde”.
O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda seguiremos insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulsar e campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.
