David Castro insiste en buscar a confrontación en todas as cuestións municipais. Nós apostamos polo diálogo.

  • Novo bloqueo institucional de David Castro a Somos Ribadumia, entorpecendo o acceso a documentación de pleno e impedíndonos realizar o noso traballo. Neste caso ademais documentación importante, relativa ao orzamento e a liñas de axudas a empresas que levamos pedindo meses dende Somos Ribadumia.
  • Actitudes obstrucionistas e provocacións nas que non imos caer.
  • Facemos un chamamento ao entendemento,ao dialogo, e ao respecto insitucional.

Esta semana dende Somos Ribadumia vivimos asombrados un novo, e certamente retorcido, episodio na táctica do equipo de David Castro centrada en evitar a toda costa que poidamos ter acceso correcto a documentación, neste caso ademais documentación importante: o documento do orzamento e bases de axudas a empresas do concello.

Tal como expoñía Oubiña esta mañá, “as ansias de David Castro por adxudicarse medallas e ocultar de cara ao pleno municipal e a opinión pública que dende Somos Ribadumia levamos meses pedindo axudas para os diferentes colectivos do concello, para os comerciantes e para a hostaleria, levanlle a actuar das maneiras máis absurdas. Pero tanto da o que faga, a realidade é que agora vai ter que aprobar unhas axudas obrigado pola presión que levamos meses exercendo sobre o goberno e porque a Deputación de Carmela Silva non lle permite meter parte dos fondos que se perciben dende a Deputación en obras nin en farolas“. Dende a nosa formación non imos valorar estes últimos feitos, porque nos producen vergoña allea, pero temos claro que o que non imos facer tampouco é entrar en determinadas provocacións nin xogos políticos. Tampouco imos aceptar que dende o goberno local se poñan trabas á nosa labor nin se conculquen os nosos dereitos como formación política, un xogo que xa provocou tiróns de orellas de varias entidades da administración, como a Valedora do Pobo, a David Castro.

Insistimos na nosa vontade de traballar de xeito construtivo, asumindo a nosa posición, apoiando ao goberno en todo o que consideremos positivo para a cidadania, e buscando o dialogo en todo aquilo no que as diferentes forzas teñamos visións distintas, algo que levamos facendo dende o inicio da lexislatura, porque a pesar que de que David Castro o oculta e centra os plenos municipais en atacar a Somos Ribadumia, a realidade é que apoiamos ao goberno no 90% das cuestións que levou a pleno.

Para aclararlle ao goberno a nosa posición, esta mañá puxemos fin ao episodio iniciado o venres cando o goberno modificou o procedemento de actuación con respecto á documentación dos plenos sen informar nin avisar, provocando que non puideramos acceder a esa documentación e polo tanto valorala antes da Comisión Informativa que terá lugar hoxe, presentando un escrito, que transcribimos aquí, onde se explica meridianamente os feitos aos que nos referimos e as actuacións do concello.

No escrito, dende Somos Ribadumia expuxemos o seguinte:

  •  O pasado venres 9 de abril tivo lugar unha xunta de voceiros onde se lle trasladaron aos voceiros da  oposición os diferentes puntos do próximo pleno, de carácter extraordinario e a celebrar segundo se nos transmitiu na semana do 19 ao 25 de abril.  Enrique Oubiña, por motivos laborais non puido acudir, cuestión da que informou  por mensaxe á concelleira de Contas ao mesmo tempo que lle solicitou que transmitira se era posible calquera cuestión que se falase nesa xunta. A única resposta da concelleira foi unha foto dun papel cos puntos a tratar no pleno, sen aportar ningunha outra información.
  •  Ese mesmo venres 9 de abril,  como ven sendo habitual dende inicio da lexislatura remitíusenos a través dun correo electrónico, nun arquivo pdf unha convocatoria para este martes 13 de abril, as 21:00 horas co obxecto de celebrar sesión Extraordinaria de CI Contas, Economía, Facenda, Persoal e Réxime Interno, para o estudio e resolución dos seguintes asuntos comprendidos na Orde do Día:  Aprobación Orzamento Municipal para 2021,  Modificación bases axudas COVID 19  e  Aprobación bases axudas directas Deputación a sectores afectados pola pandemia. Nin no corpo do correo electrónico nin na propia convocatoria se incluía ningún tipo de información adicional relativa á documentación, que de maneira habitual viñase mandando xunto ao documento da convocatoria ou en correos posteriores. Certamente no corpo do correo electrónico aparecia o seguinte texto  “Recordámoslle que ten unha notificación pendente de ler no Sistema de Notificacións do Concello de Ribadumia- seguido dun enlace-”. Ao non facerse mención a ningunha documentación complementaria á que acompañaba o correo electrónico, non había motivo para pensar que ese enlace dera acceso a outra documentación diferente da xa incluída no correo, pero en todo caso seguindo o enlace, este levaba á páxina de presentación dun portal dentro do programa de xestión municipal, non a ningunha carpeta nin apartado que dera a entender que había algún tipo de documentación, ou como acceder a ela.
  •  Dende Somos Ribadumia contactamos co resto de forzas da oposición o venres  9 á tarde e o luns 12 de marzo  ao longo do día, para consultar se lles había chegado a documentación que botabamos en falta, e confirmáronnos que eles tampouco tiñan esa documentación.
  •  O martes 13, a primeira hora da maña presentamos un escrito por rexistro con número de entrada 2021 000000786 solicitando o adiamento da Comisión Informativa prevista para esa mesma tarde, debido a que non tiñamos a documentación, pedindo que se nos entregara e tiveramos tempo suficiente para analizala.
  •  Esa mesma maña a secretaria municipal informou ao noso voceiro  de que a documentación estaba aloxada no programa de xestión do Concello, e que para acceder a ela necesitábamos buscar un acceso a un espazo persoal nese programa, que ninguén nos informara que dispoñíamos, e ademais que para abrir a carpeta precisábamos dispoñer de certificados dixitais. O noso voceiro explicoulle a secretaría que efectivamente tiña certificados dixitais solicitados anos atrás, pero que non sabía se eran válidos pois levaba tempo sen usalos, e de que en calquera caso esa maneira de actuar non era en absoluto correcta, pois o mínimo, cando se cambia un procedemento, é avisar con tempo, sobre todo se, como neste caso, o cambio de procedemento  precisa dispor de ferramentas como certificados dixitais actualizados, que requiren de trámites burocráticos e tempo. O propio concelleiro tamén lle informou de que cando menos unha das outras forza políticas tampouco puidera acceder á documentación, polo que a situación era totalmente irregular. Nesa mesma mañá a secretaria volveu chamar ao noso voceiro para informarlle que se estaba valorando trasladar a Comisión Informativa a este xoves 15 de marzo, ao cal non puxo pegas, pero advertindo que estaba pendente de dispor da documentación, sempre recordando que hai que cumprir os prazos legais establecidos, como mínimo.
  •  Ese mesmo martes, as 14:20, corenta minutos antes do peche do Concello, o noso voceiro recibiu un correo electrónico, que non puido leer ata logo de rematar a súa xornada laboral, onde se lle informaba do adiamento da Comisión Informativa ao xoves 15. No mesmo correo electrónico, enviado dende alcaldía, insistíase na ruta para acceder a documentación aloxada no programa de xestión  do Concello, pero sen confirmar en ningún momento se os diferentes concelleiros puideran acceder á documentación, ou se esta estaba dispoñible dun xeito que non requirira ter realizado ningún proceso coa administración.
  •  O noso voceiro comprobou a última hora do martes que non era así e que a documentación seguía estando protexida pola condición de estar en posesión de certificados dixitais. Tamén comprobou que  os seus certificados non lle permitían acceder á documentación. O mércores a primeira hora da maña púxose en contacto coa secretaria para informarlle de que non puidera acceder a documentación. A secretaría comprometeuse a transmitirlla por correo electrónico, como así fixo a media maña.

  Este é o relato dos feitos que deron como resultado que o representante de Somos Ribadumia non puidera ter a súa disposición a documentación ata 24 horas antes da comisión informativa, polo que o primeiro que hai que expoñer é que ao non entregarse a documentación en tempo e forma, de manter a convocatoria da Comisión Informativa estarase incumprindo o lexislación establecida  en canto a prazos.

  Chámanos poderosamente a atención que o goberno municipal decidira modificar os protocolos de actuación en canto á xestión dos documentos precisamente de cara ao pleno – segundo se nos informou extraordinario – que vai incluír os temas a tratar máis importantes do ano: o orzamento municipal e diferentes liñas de axudas aos colectivos afectados pola crise derivada da pandemia da covid-19.

  Sexa casualidade ou non, é totalmente inaceptable esta falta de respecto cara as forzas políticas, que teñen representación gracias a un proceso democrático e que representan á veciñanza tanto como o partido que ostenta o goberno. Os cambios no funcionamento nos protocolos de actuación débense comunicar correctamente, e en tempo e forma. E dende logo, se estaba previsto que a xestión requirira de particularidades como ter certificados dixitais, deberíase informar das datas a partir das cales se ían realizar os cambios, para que os concelleiros e concelleiras puideran realizar os trámites necesarios para dispor das ferramentas dun xeito adecuado.

   É totalmente inadmisible que logo de informar de que non se puido acceder á  documentación, a resposta sexa un correo electrónico insistindo nuns mecanismos que non aportaban garantías suficientes de que todos os concelleiros e concelleiras ían poder acceder sen problemas a documentación.

  E dende logo, as formas que  o goberno mantén cara a  nosa formación e en particular cara o noso voceiro  están totalmente fora de lugar. E aínda que Somos Ribadumia estamos moi acostumados ao bloqueo continuo ao que nos somete o goberno municipal, negándonos acceso a diversa documentación,  privándonos do nosos dereito a expoñer os nosos argumentos nos plenos municipais e en xeral poñendo todo tipo de trabas á nosa labor como forza política, non podemos admitir que se nos trate con desprezo, nin moito menos que se nos falte ao respecto debido como representantes da nosa veciñanza.

   Quizais nos tempos nos que o presidente dos Independientes por Ribadumia e  David Castro militaban no que hoxe é o Partido Popular as formas políticas foran as da imposición pola forza e ninguneo á oposición, e  que incluíran como mecanismos de xestión municipal  os  desprezos, ameazas, insultos, faltas de respecto e imposición política, pero xa non vivimos nese tempo, a pesar de que haxa forzas no panorama político estatal que desexen volver a el. Pola nosa banda, como xa advertimos, non imos entrar nese xogo. Non imos entrar nin en provocacións, nin imos participar no proceso de degradación política ao que o goberno actual de Ribadumia quere levar ao noso concello. O noso camiño é o do respecto as persoas, incluídas as que non teñen a nosa visión política. Nese aspecto, entendemos e asumimos que as diferentes forzas non poidamos poñernos de acordo en algúns asuntos, pero as discrepancias e as diferencias políticas deben amosarse, e pola nosa banda amosaranse, sempre dende o respecto as posicións dos demais e  o diálogo. Como afirmamos moitas veces , e está demostrado, sempre que Somos Ribadumia nos sentamos a dialogar con outra forza política, chegamos a acordos. E ese é o noso  camiño: o do diálogo. Aínda que, por suposto, ese camiño non implica ceder os nosos dereitos fundamentais como formación política, algo que tampouco imos facer, por moito que outras forzas políticas se encirren.

  Recordámoslle, unha vez máis, ao goberno que todas as forzas políticas que teñen representación municipal teñen os mesmos dereitos e deben ser tratadas con arranxo aos funcionamentos democráticos establecidos, e ao señor David Castro que gobernar non consiste en impoñer, e que precisamente o papel principal da figura do alcalde  inclúe a  responsabilidade de velar porque os dereitos de todas as concelleiras e concelleiros se respecten por igual, sexan os do seu partido ou os de calquera outro.

  Á vista das circunstancias, imos obviar a falta de respecto institucional demostrada en todo este proceso, pero  ante o limitado do de tempo material do que dispoñemos para poder analizar a documentación, que volvemos recordar inclúe a proposta de orzamento para o ano 2021 e varias bases de adxudicación de diferentes liñas de axuda económica para combater os efectos da pandemia,  e polo tanto son documentos complexos e da máxima importancia, poñemos en coñecemento da alcaldía que por responsabilidade non imos gastar os cartos da veciñanza nin sacarlle  tempo ao resto de membros da Comisión Informativa participando nunha xuntanza onde non nos encontramos neste momento en condicións de aportar nada. Se o goberno recapacita e decide corrixir a súa actuación buscando puntos de encontro e acordo con respecto a estes documentos antes de levalos a pleno, estaremos encantados de colaborar, aportar o noso punto de vista e acadar pola vía da negociación e do diálogo acordos en beneficio da veciñanza do noso concello. Se o goberno insiste na imposición, nos seguiremos como ata o de agora no noso lugar, que é ao lado da veciñanza, dende onde analizaremos a documentación e propostas do goberno local e faremos publicas as nosas posicións e todo aquelo que consideremos, a través do mecanismos que dispoñamos para elo.

Ademais do exposto, en nome da formación Somos Ribadumia SOLICITAMOS:

  • Seriedade no funcionamento municipal, en particular no que respecta aos funcionamentos democráticos.
  • Que en adiante, calquera modificacións dos funcionamentos municipais que afecten aos partidos políticos, se comuniquen adecuadamente, e con tempo e marxe suficiente para, se fora o caso, realizar as adecuacións necesarias.
  • Dado que é evidente que o goberno local non ten o máis mínimo interese en manter unha relación de colaboración coas forzas da oposición, cando menos cumpra coa lexislación en canto a dereitos e obrigas, e moi concretamente en todo o referido aos dereitos fundamentais das concelleiras e concelleiros.
  • Que, por favor, se  abandone a estratexia da confrontación, e se opte por unha relación baseada na defensa de principios e propostas de carácter político, e non en cuestións de carácter persoal.
  • Que, por favor, se retome a senda do diálogo establecida entre o 2015 e 2019, que foi innegablemente positiva para o  concello de Ribadumia e por extensión para a súa veciñanza.

Sen outro particular, reciba un cordial saúdo,

Comisión Executiva de Somos Ribadumia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s