Lamentamos o peche anticipado da escola de verán.
- O aumento do calendario da escola de verán municipal, para que enlazara co final e inicio do colexio foi un dos logros do anterior goberno.
- O retraso do inicio estivo xustificado pola situación da COVID 19, máis que se peche anticipadamente non ten xustificación algunha.
- Cónstanos queixas de nais e pais que durante dúas semanas van ter que buscar alternativas para poder conciliar.
Vimos de ter coñecemento de que a escola de verán este ano vai reducir o seu calendario, pechándose o 31 de agosto, no canto de enlazar, como era habitual nos últimos anos, co inicio do colexio.
Hai que remarcar que a ampliación de calendario e horario entre outras melloras foron un logro do goberno anterior, participado por Somos Ribadumia e no cal Enrique Oubiña tiña as competencias de política social. Todas as melloras realizadas permitiron o aumento da demanda e que moitas nais e pais tiveran onde deixar as súas filas e fillos durante cando menos unha parte da xornada laboral. No caso concreto do calendario da escola de verán, o obxectivo era enlazar o final dun curso escolar co inicio do seguinte, evitando que as nais e pais tiveran tempos mortos durante os cales resultaba moi difícil solucionar a cuestión da conciliación.
Para Oubiña “era comprensible que o inicio da escola de verán se retrasara, dada a situación provocada pola COVID 19. O que non ten lóxica nin xustificación é que se peche a escola unha semana antes de tempo, deixando aos pais e nais co problema de ter que buscar unha solución ata que comece o colexio, cando o custe de manter a escola dúas semanas máis e sobradamente asumible.”
Dende Somos Ribadumia lamentamos esta decisión do equipo de David Castro, que volve por en evidencia a súa incapacidade para xestionar correctamente dende que non nos ten o seu carón. Pola nosa banda aproveitamos para remarcar o noso compromiso coas políticas de conciliación, ante os pasos cara atrás que está dando o goberno actual, pois non hai que esquecer que mentres nós propuxemos que de cara a este verán e este próximo curso se reforzaran as partidas económicas para poder ampliar o horario da escola de verán ás tardes e levar os servizos de conciliación – plan madruga, escola de ocio e comedor – as aulas do CRA, o goberno de David Castro preferiu recortar as partidas destinadas a conciliación familiar”.