Pedimos que se preparen medidas extraordinarias de conciliación familiar este verán e que os fondos da festa do tinto se dediquen á reactivación económica do concello.
- Dende o inicio do estado de alarma o goberno non tomou ningunha medida de goberno que servira de alivio nin ás pequenas empresas nin á veciñanza.
- Estamos preocupados polas crianzas; non están recibindo educación formal dun de xeito igualitario como en moitos concellos, e as limitacións impostas polo goberno central poden crear un grave problema de conciliación familiar no verán.
- Pedimos que os fondos da festa do tinto e doutros eventos que non se van poder levar a cabo se dediquen á reactivación da economía local.
Dende Somos Ribadumia levamos pedindo dende o inicio do estado de alarma medidas de apoio ao comercio, a pequena empresa, os autónomos e á nosa veciñanza, sen que o goberno local atendera as nosas peticións, nin tomara a iniciativa nestes aspectos.
Porén, agora mesmo, dende Somos Ribadumia entendemos que hai cuestións que deben tomarse en conta sen máis dilación, e prever e anunciar medidas para o curto e o medio prazo, pois inda que o fin do confinamento xa se estea albiscando no horizonte, iso non vai ser o final da crise.
Por unha banda, un problema inmediato é a situación escolar dos nenos no noso concello. Temos constancia das problemáticas xurdidas para poder articular fórmulas de ensino a distancia, debido as desigualdades que existen en canto as ferramentas tecnolóxicas, pois non todos os nenos e nenas teñen acceso a un ordenador ou a unha rede de internet. A incapacidade do goberno local neste aspecto para actuar con rapidez e xestionar co colexio unha solución neste mes e medio que levamos de confinamento resúltanos cando menos sorprendente.
Por outro lado na próximas semanas previsiblemente teremos unha volta a normalidade paulatina, e debemos contar que as actividades que congreguen un determinado número de persoas vaian estar limitadas durante uns meses. Unha consecuencia directa pode ser a imposibilidade de realizar determinadas actividades, como festas ou xuntanzas ou eventos deportivos, pero máis aló diso, o noso Concello pode verse na situación de non poder realizar campus e escolas de verán, ou de limitarse o número de nenos que poidan participar, unha situación que, se hai un retorno á normalidade laboral dos adultos, pode provocar un problema grave de conciliación familiar. O goberno local debe prever todos os posibles escenarios con tempo para articular as solucións que sexan posibles, sen embargo a día de hoxe non fixo anuncio de ningún tipo, nin comunicou ningún plan de continxencia.
Onte presentamos un escrito no concello onde solicitabamos entre outras cousas que se tomen medidas inmediatas para atender á situación dos máis cativos, tentar salvar cando menos o que queda de curso escolar aportando os recursos necesarios para que os nenos e nenas poidan recibir un mínimo de educación á distancia, e elaborar un plan de continxencia que poida dar solución aos máis de 300 nenos que cada ano participan nos campus e escolas de verán no noso concello, en función das circunstancias que se dean.
Medidas de recuperación económica usando os fondos da festa do tinto e outros eventos.
A medio prazo, o goberno debe ter en conta os problemas do comercio e a hostalaría local para recuperarse deste golpe. Neste aspecto, unha das inxeccións económicas de máis importancia tanto para o comercio, como máis especialmente para a hostalería, e tamén para os pequenos produtores, é a festa do viño tinto do Salnés que se celebra cada ano a principios de xuño. A súa suspensión, necesaria na situación actual, supón un importante golpe económico para moitos negocios do noso concello, que se suma a situación de peche continuado e que dende Somos Ribadumia non podemos obviar. E a festa do Tinto non vai ser o único evento. O venres anunciábase tamén a suspensión da festa da Diversidade, e é máis que probable que outros eventos deportivos e culturais sigan o mesmo camiño. Este reducción na axenda de eventos ten como contrapartida que o concello vai dispoñer de maiores posibilidades económicas.
No escrito presentado o venres damos conta desa situación e volvemos pedir medidas concretas de reforzo das políticas sociais, de creación de emprego e de apoio as pequenas empresas e autónomos, ao comercio e a hostalería. Unha serie de medidas que van dende a exención de impostos aos negocios e empresas do concello, e rebaixas para a veciñanza ata plans de mantemento do emprego para as pequenas empresas. Cabe recordar que os mecanismos políticos e administrativos xa existen, e mesmo algunhas partidas económicas, polo que a aplicación é moi sinxela, solo é necesaria a vontade de actuación que de momento o goberno local non demostrou.
Mirar cara ao fúturo.
Como o orzamento deste 2020 está aínda sen aprobar, aproveitamos a ocasión para mirar cara ao futuro e propoñer partidas económicas para levar a cabo un plan de eliminación da fenda dixital para as crianzas e os colectivos máis desfavorecidos, así como outras destinadas a prever orzamentariamente un plan de continxencia para emerxencias como está no futuro, garantindo así dispor de fondos de xeito automático se esta situación ou outra similar volve repetirse.