Somos Ribadumia demandará no parlamento a través de En Marea que os veciños de Ribadumia e do resto da comarca se beneficien dos descontos e bonificacións do plan de transporte metropolitano de Galicia.

Reunión de agrupaciones de En Marea de O Salnés /

  • Criticamos a intención da Xunta de Galicia de deixar fora a práctica totalidade do Salnés (menos Sanxenxo) dos beneficios e descontos que terán os veciños das áreas metropolitanas de Vigo de Pontevedra no transporte público.
  •  Gonzalo Durán  “sobreactúa” unicamente por motivacións partidistas (para intentar ocultar a falta de propostas da Xunta de Galicia sobre o transporte do Salnés), e é incapaz como presidente da Mancomunidade de presentar unha alternativa consensuada e que recolla as necesidades específicas da comarca.
  • Consideramos que a proposta presentada, de xeito unilateral polo PSOE de Vilagarcía, quedaría coxa ao non ter en conta as necesidades doutros concellos do Salnés.
  • Instamos á Mancomunidade e aos Concellos a traballar dun xeito transparente na elaboración dunha proposta; contando con todos os grupos, e tamén cos axentes sociais e con expertos en materia de transporte.

   Concelleiros e representantes dos grupos afíns a En Marea con representación en diferentes Concellos do Salnés (SOMOS RIBADUMIA , SOMOS MAIORÍA VILAGARCIA,  GAÑEMOS VILANOVA, SOMOS CAMBADOS e SOMOS EN MAREA SANXENXO), celebraron unha xuntanza para analizar a situación do transporte público na comarca é valorar as declaracións e propostas aparecidas nos medios de comunicación nas últimos días, tanto por parte do Presidente da Mancomunidade do Salnés Gonzalo Durán, como por parte do PSOE de Vilagarcía.

   A xuntanza tiña como obxectivo por un lado analizar a situación actual das liñas de transporte, que se valora como moi negativa, xa que nin o trazado, nin os horarios actuais compren as expectativas da maioría dos Concellos; e por outro lado tamén consensuar unha posición común na defensa dos intereses de todos os veciños e veciñas da comarca. Entre as conclusións podemos salientar as seguintes:

FALTA DE INICIATIVA DA XUNTA DE GALICIA E EXCLUSIÓN DOS CONCELLOS DO SALNÉS (EXCEPTO SANXENXO) DAS BONIFICACIÓNS E DESCONTOS DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA:

   Debemos criticar en toda esta cuestión a posición da Xunta de Galicia, ou mais ben a NON POSICIÓN.  Despois de montar un auténtico desbaraxuste, promovendo ou permitindo as concesionarias a supresión de liñas, o cambio de horarios, etc;  sen ter en conta as necesidades dos veciños e veciñas do Salnés, agora a un ano da caducidade das concesións non é capaz de presentar un Plan para a nosa comarca, tentando “escorrer o bulto” e descargar nos Concellos o que é a súa responsabilidade.

   Tampouco fixo nada nos últimos anos por fomentar o uso do transporte público e evitar que se perderan liñas e conexións da comarca con outros punto de Galicia.

   E agora ademais todo parece indicar que finalmente os veciños e veciñas dos Concellos do Salnés quedarán excluídos das bonificacións e descontos que a Xunta de Galicia pretende implantar a través do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.   Tan só a poboación de Sanxenxo se podería beneficiar deste plan, neste caso concreto pola súa inclusión na área de Pontevedra (non do Salnés).   Este Plan ten previsto promocionar o uso do transporte público con diversas medidas, entre elas descontos para os usuarios diarios, bonos e incluso a implantación dunha tarxeta que permitiría aos menores de 19 anos viaxar gratis no autobús. 

   Na comarca do Salnés residen máis de 100.000 persoas en 9 Concellos, que comparten moitos servizos e infraestruturas. Non fai falta moito para imaxinar o aforro que esta inclusión permitiría facer a moitas familias do Salnés, pero a Xunta de Galicia decidiu deixar polo momento fora a nosa comarca.

   Por iso da a impresión de que as “saídas de tono” de Gonzalo Durán, e do PP buscan desviar a atención desta realidade, que non se coñeza a falta de iniciativa e propostas da Xunta de Galicia e sobre todo como se pretende discriminar a poboación do Salnés excluíndoa do acceso as bonificacións do Plan de Transporte metropolitano de Galicia.

 

FRACASO DA MANCOMUNIDADE DO SALNÉS A HORA DE TRABALLAR, COORDINAR E PRESENTAR UNHA PROPOSTA SOBRE O TRANSPORTE PÚBLICO DO SALNÉS.  GONZALO DURÁN UTILIZA O SEU CARGO  COMARCAL DUN XEITO PARTIDISTA:

   A polémica mantida na prensa das últimas semanas entre o presidente en funcións da Mancomunidade de municipios do Salnés, Gonzalo Durán e o PSOE de Vilagarcía está a por en evidencia por un lado a utilización de xeito partidista do cargo que o Sr. Gonzalo Duran ostenta, presidente da Mancomunidade e polo outro o seu fracaso a hora de coordinar e elaborar proxectos de servizos comúns entre os diferentes Concellos.

   Agora no tema do transporte público fala dunha proposta que non presentou ao Pleno da Mancomunidade, nin aos diferentes plenos municipais, tampouco aos sectores sociais interesados.  Podemos falar como mínimo dunha PROPOSTA NON TRANSPARENTE.  Ademais todo fai indicar que esta proposta non esta nin traballada nin contrastada con informes técnicos ou económicos que garantan a súa viabilidade. Todo un “canto ao sol”

   Temos polo tanto un presidente da Mancomunidade incapaz de presentar unha alternativa consensuada e que recolla as necesidades dos veciños e veciñas do Salnés, e se adica a presentar “ocorrencias” pero sen contar nin co aval dos Concellos, nin da administración responsable do transporte público.

A PROPOSTA DO PSOE DE VILAGARCIA: COXA.

   Aparece tamén en escena o PSOE de Vilagarcía, falando dunha proposta “unilateral” deles, e sen contar sequera co visto e prace dos demais grupos políticos da corporación de Vilagarcía nin por suposto dos demais Concellos do Salnés.

   Hai que lembrarlle ao PSOE de Vilagarcía e a opinión pública que como antecedente a esta proposta do goberno de Vilagarcía está unha moción presentada conxuntamente polos grupos de ESQUERDA UNIDA E DE SOMOS MAIORIA VILAGARCÍA e aprobada por unanimidade polo Pleno da corporación de Vilagarcía na que precisamente instaba ao goberno municipal a actuar na defensa do transporte público e a crear unha mesa para elaborar un Plan de transporte para o Salnés (achégase copia da moción aprobada).

   Ese pode ser o motivo do anuncio do PSOE pero parece que se esqueceron de que na mesma moción aprobada tamén se falaba de consensuar a proposta con outros Concellos, coas ANPAS e asociacións do Concello así como cos demais grupos municipais.  Unha vez máis o afán de protagonismo e a falta de capacidade de dialogo fan que unha boa proposta presentada pola oposición municipal e aprobada polo Pleno, termine sendo un fiasco para o goberno socialista.

   Non obstante, máis ala de valorar se esa proposta e boa e se adapta as necesidades especificas de Vilagarcía, entendemos que pode quedar “coxa” ao non ter en conta as necesidades e aportacións dos demais Concellos do Salnés. E é que a nosa comarca e moi extensa e diversa, e con moitos núcleos e servizos de referencia espallados por todo o territorio.  Trasladar “mimeticamente” un modelo de Area Metropolitana como pode ser Vigo ou Pontevedra ao Salnés sería un erro xa que non se trata dunha único núcleo de referencia.

   Entendendo a necesidade e a importancia de que todos os Concellos do Salnés teñan unha boa conexión con Vilagarcía de Arousa, por tema de servizos públicos, hospital ou conexión con outras redes de transporte como pode ser o Tren, tamén se deben ter en conta outras necesidades plantexadas dende os diferentes Concellos do Salnés.

   Polo tanto, dende os grupos municipais reunidos entenderon que se debe traballar nunha proposta consensuada que recolla todas as necesidades dos veciños e veciñas do Salnés, tanto de transporte público municipal, como “intracomarcal” como as posibles conexións con outros puntos de Galicia.

Pero para iso non valen nin propostas “inmaduras” e sen contrastar cos Concellos e actores implicados, nin plan pensados unicamente para “a miña localidade”.   Tampouco vale que a administración responsable “se poña de lado” sen ser capaz de trasladar propostas elaboradas que resolvan os problemas que a situación actual do transporte público esta a crear no Salnés e moito menos que se pretenda excluír aos veciños e veciñas da comarca das bonificacións que se van a implantar noutras localidades do pais.

Finalmente, o grupos reunidos en Cambados acordamos:

  • Trasladar ao Parlamento galego a través do Grupo de EN MAREA estas cuestións para que demande da Xunta de Galicia que a comarca do Salnés se inclúa no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e os veciños e veciñas poidan acceder as bonificacións e descontos que se prevén implantar no Plan.
  • Demandar publicamente da Mancomunidade do Salnés e dos diferentes Concellos abandonar as “posturas partidistas” e poñerse a traballar nunha proposta de liñas e horarios para organizar o transporte público no Salnés, tanto entre os diferentes Concellos da comarca, como con outras localidades de interese.
  • Esta proposta debe ser realizada dun xeito transparente e participativo, contando coas aportacións de todos os grupos políticos dos distintos Concellos do Salnés e tamén cos actores interesados e recabando informes de técnicos na materia. A idea e chegar a un deseño do transporte público que se adapte e cubra as necesidades de todos dos veciños e veciñas do Salnés.
  • Entendemos que esa proposta debe integrar as demandas de diferentes Concellos que xa foron trasladados a Xunta de Galicia, entre as que podemos mencionar:
    • A conexión de Ribadumia e do resto de  Concellos da área de saúde do HOSPITAL DO SALNÉS co propio hospital.
    • O aumento das frecuencias e horarios dos Concellos de Meaño, Meis, Sanxenxo e O Grove con Pontevedra e nomeadamente co HOSPITAL DE MONTECELO.
    • A conexión dos núcleos de poboación cos POLIGONOS INDUSTRIAIS dos Concellos.
    • A mellora da comunicación entre as zonas rurais, e os núcleos urbanos da comarca.
    • O aumento de frecuencias entre O Grove e Cambados – Vilagarcía (INEM, ISM, XULGADOS, TREN, …). Tamén entre a A Illa e Vilanova e a vez con Vilagarcía e Cambados.
    • Estudar a implantación de servizos específicos no verán para o acceso as praias e tamén algún servizo nocturno as zonas da “movida” (NOITEBUS).
    • A mellora da comunicación coas Universidades
  • Demandar de todas as administracións implicadas, Xunta, Mancomunidade e Concellos o pórse a traballar en Plans específicos de apoio e promoción do uso do transporte público, tanto entre colectivos específicos como na poboación en xeral por razóns de índole medioambiental.

Esta será a posición que defenderemos os grupos de SOMOS RIBADUMIA, SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA, SOMOS CAMBADOS, GAÑEMOS VILANOVA e SOMOS EN MAREA SANXENXO nos nosos respectivos Concellos, na Mancomunidade e que trasladaremos ao Grupo parlamentario de EN MAREA no Parlamento Galego.

Ao mesmo tempo informamos que non apoiaremos as posicións “partidarias” que só buscan o enfrontamento político en vez de preocuparse de verdade por resolver os problemas dos cidadáns do Salnés.

One comment

  1. Pingback: Non son o PSOE ou SOMOS, son Gonzalo Durán  e o PP. | ENRIQUEoubiña

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s