O Concello de Ribadumia denuncia a falta de persoal médico no Centro de Saúde

IMG_20150708_095220 O Concello de Ribadumia quere por de relevancia a situación de desatención que está a sufrir o Centro de Saúde do municipio, por mor da falta de substitutos para o persoal ausente.

Continuando coa política de recortes sanitarios que o Partido Popular está a levar a cabo e que afectan xa a toda a comarca, o Sergas acomete agora o desmantelamento do Centro de Saúde de Ribadumia. E é que dende o pasado 16 de xullo, só unha facultativa está a pasar consulta neste centro, o que supón unha importante demora na atención aos pacientes. Este feito prodúcese pola falta de contratación de persoal para substituír aos médicos que desfrutan das súas correspondentes vacacións, situación que, segundo a información facilitada a este Concello, continuará durante todo o mes de agosto.

As actuais circunstancias están a supoñer xa graves consecuencias, como a total sobrecarga na axenda dos facultativos cos que, a día de hoxe, non é posible concertar cita ata o 3 de agosto nun caso e ata o mes de setembro no outro.  Así mesmo, a doutora que se atope traballando en cada período debe atender cada día as súas propias consultas e as derivadas da axenda da súa compañeira, así como as visitas domiciliarias e urxencias dun total de máis de 3000 pacientes. Unha taxa, por certo, moi superior ao desexable (aínda entre as dúas facultativas que normalmente atenden este servizo), e que supera a razón existente noutros centros da comarca, situada entre 1.000 e 1.200 usuarios por doutor.

Con todos estes datos, queda clara a desatención á que se está vendo sometida a poboación de Ribadumia, que se atopa incluso en perigo de quedar sen atención médica no caso de que se produza unha urxencia e o persoal sanitario se atope, por exemplo, nun traslado en ambulancia ou nunha visita domiciliaria, ao que se sumaria o feito de que non poderían acudir ao Servizo de Urxencias de Cambados ata as 15:00 horas, cando este entra en funcionamento.

Entendendo que a atención sanitaria á que todos os veciños e veciñas de Ribadumia teñen dereito se está a ver comprometida, e partindo de que a administración local non posúe competencias neste eido, o Concello tomará as medidas que estean na súa man para rematar con esta situación:  en primeiro lugar, será remitido un escrito esixindo a inmediata substitución do facultativo ausente -independentemente do motivo da ausencia- ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés; así mesmo, solicitarase aos responsables destas áreas sanitarias que remitan ao Concello o protocolo que os pacientes deben seguir en caso de non ser atendidos, xa sexa por sobrecarga asistencial en cada momento ou por ausencia do persoal facultativo no centro. Finalmente, informarase aos usuarios e usuarias do Centro de Saúde das medidas que poden tomar no caso de atoparse nunha situación de desatención médica, facilitándolles ademais o asesoramento legal que precisen, a través dos medios municipais dispoñibles.

Enrique Oubiña explicaba esta mañá que “está non será a primeira vez que nos teñamos que dirixir ó Sergas por estas cuestións. E non será a última, por que o PP ten uns intereses que nada teñen que ver con manter un bo servizo sanitario, como xa advertimos no seu momento cando nos manifestamos  contra a reforma da lei sanitaria. Agora pagamos as consecuencias desa decisión de Feijoo e compañia, e a cousa vaise poñer peor, como xa estamos vendo con exemplos como a retirada do pediatra do noso centro de saúde.”

Pero, onde está Salome Peña?

Dende Somos Ribadumia sumamonos as criticas verquidas polo equipo de goberno cara o Partido Popular de Ribadumia polo seu abandono ós veciños de Ribadumia. Resalta Oubiña “esta completa irresponsabilidade por parte do PP local. Para  calquera cuestión que teña como referente á Deputación, por ridícula que sexa, Salomé e Luís  montan un espectáculo. Pero agora que temos unha situación que supón un prexuicio importante para os nosos veciños, e un recorte dos seus dereitos, permanecen desaparecidos do mapa.”

One comment

  1. Pingback: Traballamos para evitar que este verán quedemos de novo cunha soa médica. | Somos Ribadumia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s