O programa “Conta Comigo Ribadumia” remata a primeira fase de formación con 24 puntos de seguridade e 8 persoas na rede de acompañamento.
Ven de clausurarse a primeira fase do programa Conta Comigo, nun acto que reuniu a responsables dos locais adheridos e aos primeiros voluntarios que formarán a rede cidadá de acompañamento.
Na xuntanza, o concelleiro de Servizos Sociais, Enrique Oubiña, quixo “agradecer moi especialmente a alta participación e implicación de voluntarios e comerciantes, que superou amplamente as primeiras previsións e permite que teñamos boas expectativas de cara ó de futuro. Esa implicación é imprescindible para que este proxecto saia adiante. E gracias a todas estas persoas creamos unha rede que xa traballa na pevención – unha cuestión primordial – a través da información e da visibilización desta realidade, e no apoio ás vítimas, que agora poden estar seguras de que terán alguén que as acompañe nos momentos máis complicados.”
Monica Novas , encargada de impartir parte da formación do programa, aproveitou tamén a ocasión para presentar unha das seccións da páxina contacomigoribadumia.com, na que se recollen xa todos os puntos de seguridade preparados para informar e para acoller a calquera vítima de violencia de xénero que decida achegarse a pedir axuda, así como aqueles que contarán proximamente con este distintivo, á espera de rematar a formación.
Ademais destes locais, o programa conta xa con varios voluntarios e voluntarias, cos que Ribadumia comeza a tecer unha rede veciñal preparada para o acompañamento das vítimas de violencia de xénero en diversas situacións, como acudir ao xulgado, servir de apoio psicolóxico, actuar como reforzo no intercambio de menores entre proxenitores ou calquera outra circunstancia na que a vítima requira a súa axuda.
Todos os presentes coincidiron en valorar moi positivamente a experiencia, e consideraron importante a ampliación tanto da rede como da formación. Neste sentido, Oubiña explicou que “esta é só a primeira fase dun proxecto máis amplo, que iremos desenvolvendo ó longo dos próximos meses, incorporando pouco a pouco novas voluntarias e voluntarios, así como máis locais adheridos, construíndo unha rede cidadá que se comprometa persoal e socialmente contra os malos tratos e o apoio e solidariedade coas vítimas.” O concelleiro, ademais, sinalou “a importancia destas iniciativas que, aínda que poden non ser visibles a curto prazo, van conformando un futuro máis esperanzador para rematar cunha das grandes lacras da nosa sociedade”.

Este logo, colocado en lugares visibles dos locais colaboradores así como nos taxis participantes, identifica os puntos de seguridade.