A primeira xuntanza veciñal sáldase con impresións positivas
Este pasado domingo tivo lugar a primeira dunha serie de xuntanzas que o equipo de goberno pretende realizar en todas as parroquias do concello, para pulsar a realidade municipal.
A aceptación nesta primeira xuntanza por parte das xentes de Sisan, que encheron o centro cultural, foi moi positiva, e o equipo de goberno comprobou que esta maneira de traballar, mais aberta á participación veciñal, cala entre os veciños e veciñas.
Onte o equipo de goberno falou de diversos temas cos veciños e veciñas, recolleu o estado deficiente dalgunha instalación municipal, como o acceso á casa de cultura e centro infantil, problemas con algunha conducción de auga, e tratou temas como o referente ó campanario da igrexa. Mesmo un grupo de xovenes aproveitou esta xuntanza para presentarse ante a veciñanza como o relevo da comisión de festas da parroquia.
En resumo, foron casi tres horas de conversa fluida, cos políticos traballando a ras da terra e de fronte á xente, e os veciños comentando as súas preocupacións. Ó final o equipo de goberno recolleu todas esas impresións, queixas e propostas e comprometeuse a traballar para resolver, se é posible, todas as cuestións, anque algunhas, como a de dotar de aseos o parque infantil, pudera non ser factible. Tamen se adquiriu dende o equipo de goberno o compromiso de xuntarse en próximos dias co consello pastoral para tratar en profundidade toda a cuestión do campanario.
En próximos días esta previsto que estas xuntanzas realicense no resto de parroquias, e no futuro mais próximo o obxectivo é manter esta formula de participación da cidadanía, afondando pouco a pouco nun concepto que dende Somos Ribadumia consideramos vital para mudar de verdade o xeito de facer política, e transformar o noso concello nun ente mais vivo, mais aberto e xestionado pensando nos problemas dos veciños e non en intereses partidistas.