SOMOS RIBADUMIA PRIORIZA A LOITA CONTRA O PARO.
O apoio ás novas empresas e o autoemprego, con axuda a través dunha caixa de financiamento e con exencións nos impostos, eixe fundamental na loita contra o paro.
Recentemente, Somos Ribadumia aprobou nunha xuntanza veciñal, as que serán as medidas que porán en marcha se gobernan logo das eleccións do día 24. Un documento que condensa en 37 propostas concretas unha nova maneira de facer política municipal, poñendo por diante os intereses e problemas dos nosos veciños e veciñas.
No ámbito da loita contra o paro, logo dunha profunda análise da situación local, onde o paro supera as 500 persoas, e ronda 25%, cun PP que solo ten ollos para obras faraónicas que ademais de innecesarias non resolven ningún dos problemas dos nosos veciños e veciñas, fíxose evidente a necesidade de tomar medidas concretas e urxentes que axuden a loitar contra esta situación, buscando axudar os emprendedores e mellorar a formación.
Logo de analizar detidamente a evolución orzamentaria e os resultados contables dos últimos anos, chegouse a conclusión de que exercendo un axeitado control sobre os gastos correntes do noso concello, e facendo os precisos axustes na xestión municipal , especialmente no que respecta a creación de empresas, e no seu aspecto impositivo era posible tomar unha serie de medidas, entre as que destacan:
1. Establecemento dunha caixa de financiamento local para apoiar proxectos empresariais viables de emprendedores de Ribadumia. Primando as axudas de financiación a aqueles proxectos empresariais que xeren emprego.
2. Aprobar a posibilidade de aprazar e acollerse a un período de carencia dun ano e de bonificacións nas Licenzas de apertura e Taxas municipais para aqueles comercios e negocios de nova apertura no Concello de Ribadumia. Porque Ribadumia necesita que se establezan novas empresas eu xeren emprego e aporten servizos os nosos veciños e veciñas.
3. Impulsar a creación dunha cooperativa social, para recoller e tratar a biomasa vexetal (restos de poda, forestais, etc.) e transformala en produtos comerciais (pellets, abonos, compostaxe, ….), unha proposta moi completa, porque permitiríanos crear postos de traballo impulsando o cooperativismo, pero tamén estariamos axudando a manter os montes limpos, a mellorar a xestión dos residuos organicos das plantacións, tanto das parras como dos invernadoiros, coa evidente mellora ambiental , e unha importante redución do risco de incendios.
4. Recuperación das parcelas do polígono industrial de Cabanelas sen actividade para poñelas a disposición de empresas en réxime de concesión a cambio da creación de empregos
5. Creación dun Viveiro de empresas para apoiar a emprendedores que queiran abrir novos negocios.
6. Apoio ó autoemprego na agricultura e viticultura; porque en Ribadumia a porcentaxe de terras de cultivo é moi alta, e polo tanto hai un nicho de posibilidades que explotar. Por iso centrarémonos no asesoramento nos trámites para aquelas persoas que queiran darse de alta, en informar sobre axudas económicas e na programación de cursos e obradoiros específicos.
7. Potenciar o mercado municipal de Abastos impulsando a realización de mercadiños e exposición de produtos da zona. Unha correcta xestión e impulso da, case abandonada polo pp, praza de abstos, permitira que o nosos comercio se mova, que as vendas aumenten e en xeral que a económia local mellore. E nesta liña Somos Ribadumia impulsara a creación de incentivos para fomentar o consumo no comercio e a hostalería local, con axudas, e descontos no acceso a instalacións e actividades do Concello (piscina, auditorio, …).
8. Promoción do turismo aproveitando o sector do viño; a recuperación dos cursos fluviais e o patrimonio arqueolóxico e natural do Concello (Castro de Besomaño – Ruta dos pazos, …). Programar rutas guiadas polo Concello, creando oferta laboral arredor do ocio e o turismo.
Con estas e outras medidas que Somos Ribadumia aprobou, sen demasiado esforzo económico na maioría dos casos , poderemos manter unhas liñas activas de loita contra o paro, algo moi necesario neste concello, e que o PP leva anos deixando completamente de lado