Somos Ribadumia non apoiaremos os orzamentos municipais ante a falta de vontade de negociación do goberno de David Castro.

  •  Dende Somos Ribadumia presentamos nos últimos meses diferentes baterías de medidas, que o goberno local desestimou sen nin sequera contestar ou convocarnos para falar do orzamento.
    • O documento orzamentario, moi marcado polo covid, é claramente continuísta nun momento onde o concello precisa con urxencia dar saltos cara adiante en diferentes eidos.

thumbnail_large (1)  A proposta de orzamentos que o goberno local nos pasou o pasado venres, no límite legal do tempo, e sen case espazo para a negociación -o pleno será esta tarde- , para o caso de que David Castro tivera intención de negociar algo, resultou ser un corta e pega do orzamento do 2019, con ánimo continuista, elaborado por un goberno estancado nunha imaxe reducionista do funcionamento municipal, coa visión de que os concellos so ingresan impostos para pagar facturas.

   Dende Somos Ribadumia sempre defendemos unha posición de vontade e negociación co resto de forzas políticas. Nese aspecto presentamos a finais do 2019 ao goberno local unha proposta con diferentes medidas orzamentarias, abertas a debate, estruturadas en torno a diversos obxectivos, pero coa loita contra o problema da perda de poboación como o eixe central.

  A resposta de David Castro ante as nosas propostas, reforzadas en semanas pasadas con liñas de actuación pensadas para facer fronte ás diferentes problemáticas derivadas do estado de alarma, foi o completo desprezo político, pois nin aceptou negociar nin se prestou a debater unha sola das nosas medidas.

  Porén, tal como explica Enrique Oubiña “se a proposta orzamentaria trouxera medidas de importancia e realizables ou unha intencionalidade manifesta de resolver os problemas reais da nosa veciñanza e atacar cuestións como a perda de poboación, nos non teríamos problema en apoiar os orzamentos. Non é asi e o documento limítase a seguir na liña do anterior ano, sen investimentos importantes nin de relevancia. A maiores disto, a nosa proposta de desviar as partidas da festa do viño a axudar as empresas e reforzar a política social solo se recollen en parte,  no caso das empresas a través dunha liña de axuda da que falaremos noutro momento, pois agora mesmo estamos recuperándonos da impresión que tivemos logo de ler unha proposta tan sumamente simplista, burda e electoralista que case da risa, pero ao mesmo tempo xéranos tantas dúbidas que non sabemos nin se será tan sequera legal, e que agardamos teña correccións antes do pleno”.

   Dende Somos Ribadumia lamentamos a posición de abuso democrático ao que nos somete o goberno local, e agardamos que co paso dos meses, unha vez se lles pase a impresión de ter maioría absoluta, recapaciten e optén por outra perspectiva distinta, porque como di Oubiña “para ter este goberno, xa tiñamos ao de Salomé, e cando menos ela non pretendía aparentar un goberno distinto ao que era”.

Pedimos ao goberno que manteña os criterios de coidado medioambiental nas sendas fluviais do concello que impulsamos no anterior goberno.

wp-1590574576131.jpg• As limpezas que se están levando a cabo na ruta da pedra e da auga están deixando desprotexidas as ribeiras das canles fluviais.
• Na lexislatura anterior, establecéronse criterios de limpeza e mantemento coidadosos co medio ambiente, que melloran a calidade ambiental, a estabilidade do terreo nas ribeiras e o atractivo turístico.
En días pasados o goberno local reactivou aos equipos de mantemento dos espazos públicos. Unha medida que dende o noso punto de vista vai retrasada, pois as condicións xa o permitían, e a nosa veciñanza leva xa dende o inicio da desescalada usando as nosas sendas fluviais para saír a pasear e facer deporte, e tíñase que ter posto a atención neses espazos antes.

   Con todo, o que máis nos está preocupando é a maneira na que se está procedendo as labores de mantemento. Como se nun xardín particular se tratara, estase procedendo ao desbrozado sen ningún coidado máis que o de deixalo todo totalmente arrasado nalgunhas zonas chegando coas desbradoras ata a capa de auga. Algo innecesario, pois é suficiente con despexar o paso do camiño, pero que ademais supón un auténtico atentado medioambiental.

   En verbas do noso voceiro, Enrique Oubiña, “hai que recordarlle a este goberno que non están limpando ao redor da piscina de ninguén. Tanto os ríos e regatos como as súas ribeiras son espazos de vida, debe manterse o manto vexetais desas ribeiras, porque ademais de albergar vida animal, dan protección tamén á vida acuática, que non vota nas eleccións pero supón unha importante riqueza medioambiental que se destrúe se nos dedicados a actuar nos espazos naturais como nos xardíns particulares”.

   Se o goberno non quere escoitar nestes aspectos a Somos Ribadumia podería cando menos falar cos colectivos medioambientais e informarse sobre a importancia do coidado dos medios acuáticos, que xa sofren moito pola presenza continua de persoas, pero que sen esa protección vexetal acaban por transformarse en ermos, simples regatos de auga sen vida.

   Ademais, deben terse en conta outras cuestións. Manter a capa vexetal e o arbolado, permite asentar o terreo nas ribeiras, e evita os corrementos de terra e que os ríos vaian comendo espazo, e tamén incide, máis aló do ambiental, no mantemento das propias sendas, que aguantan mellor as riadas do inverno, como se leva comprobando dende que na lexislatura anterior impuxemos eses criterios de coidados, sendo exemplares.

   E por último, está a cuestión da imaxe turística. Para Oubiña “case parece unha tomadura de pelo que haxa uns paneis informativos con fotos e textos falando da importancia da flora se ribeira, e logo a poucos metros toda esa flora estea arrasada e non se poida ver nada máis que o amosado nas fotos dos paneis, que por certo a pesar das nosas queixas seguen feitos un desastre e sen coidado ningún. A imaxe que se levan as persoas que visitan o noso concello agora mesmo dubido moito que sexa a dun concello comprometido co medio ambiente e coa protección do medio natural”.

Pedimos ao goberno que amplíe as bonificacións fiscais ás empresas, e as faga públicas.

  •  As bonificacións sobre a taxa do lixo que se están comunicando vía correo, non están chegando a todas as empresas.
    • Estas bonificacións son a todas luces insuficientes, e ademais non teñen en conta a perda de clientela e de carga de traballo de traballo dos negocios que non estiveron obrigados a pechar.
wp-1589268844736.jpg

Enrique Oubiña  durante un acto público.

“Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar queremos felicitar ao goberno de IR por haber sacado por fin a cabeza do buraco, facernos caso e poñer en marcha algunha medida de apoio ás empresas do noso concello. Non cabe dúbida de que todo o que se faga é positivo”. Así se expresaba Enrique Oubiña ao ter coñecemento a través dun empresario do concello das bonificacións nas taxas do lixo que o goberno de David Castro está comunicando vía correo postal aos comercios e empresas ribadumienses.

Porén, para Oubiña “co que non podemos estar tan de acordo é co escurantismo á hora de xestionar unhas medidas que ao ir aplicadas sobre taxas municipais deben do mesmo xeito facerse públicas, non xestionarse de xeito privado”. Máis aló da democracia e das obrigas legais, o que nos preocupa é que esta maneira de actuar, en segredo, sen máis comunicación que unha carta que pode quedar no buzón das empresas días se os seus propietarios durante o confinamento non se achegan polo negocio ou non revisan o correo. E “que no caso de empresas amigas se lle sume a este esforzo comunicativo unha chamada de teléfono do Partido tampouco nos parece un bo síntoma de funcionento igualitario coas empresas do noso concello”.

   Con respecto á medida concreta, unha bonificación de 100% do recibo do segundo semestre do 2019 para os negocios pechados dende o 14 de marzo, e do 25% dese mesmo recibo para os que tiveron que pechar entre o 30 de marzo e o 9 de abril, sendo un avance e unha axuda, tampouco nos parece como para botar foguetes, tendo en conta as posibilidades económicas do concello de Ribadumia.

   Todos os indicadores din que detrás desta crise sanitaria vai vir unha importante recesión económica, que vai supoñer perda de postos de traballo, pero tamén de ingresos nos comercios, na hostalería e en moitos dos negocios do noso concello. Por ese motivo, sen desmerecer as medidas tomadas, queremos insistir unha vez máis na necesidade de por en marcha de xeito urxente medidas de calado no apoio ao comercio, a hostalería e as pequenas empresas do noso concello que axuden a evitar peches e despidos.

  Remata Oubiña “ se David quere seguir comportándose como un meniño pequeno e mal criado, alá el, pero cando menos que cumpra coa súa función de goberno e poña os recursos municipais ao servizo de quen máis o necesita, agora e nos próximos meses”.

Pedimos a David Castro que cumpra a lei e restitúa a democracia no concello de Ribadumia.

  • O alcalde non convocou ningún pleno ordinario dende novembro. 
    • As funcións da oposición e o funcionento democrático están totalmente secuestradas polo goberno local.
    • David Castro segue bloqueándolle o acceso á información á oposición.
    • Acudimos á Valedora do Pobo, e non desbotamos outras medidas legais.

   Dende Somos Ribadumia asistimos con moito asombro pero sobre todo con moita preocupación ao soterramento do funcionamento democrático no noso concello. Tal como explica o noso voceiro “os concellos, e o noso non é menos, teñen establecidos uns funcionamento democráticos a través dos cales a cidadanía representada polos partidos participa na toma de decisións e xestión do Concello. Eses funcionamentos están regulados por lei, e ningún alcalde, por moita maioría que teña, pode saltarse a lei”.

   O órgano de decisión democrática que representa a todo o concello é o Pleno municipal. Dito Pleno tal como marca a lexislación vixente debe ser convocado ordinariamente e celebrarse como mínimo cada dous meses. En Ribadumia, por acordo plenario, as sesións deben ter lugar o primeiro xoves dos meses impares. Poren, o pleno de Ribadumia leva sen convocarse de xeito ordinario dende novembro do pasado ano, tres plenos que tiñan que terse celebrado e que non facelo supón “unha ilegalidade fragrante na que o noso alcalde actúa de xeito reincidente e sen escusa, pois non esquezamos que a potestade de convocar os Plenos ordinarios é exclusiva do alcalde”.

   Dende Somos Ribadumia fomos moi transixentes ata o de agora, pero máis aló do obrigado cumprimento da lei, un concello non pode estar tanto tempo sen realizar plenos municipais nin convocar aos órganos democráticos establecidos, como a Xunta de Portavoces. Hai que sinalar que máis aló dun pleno en decembro para axustar os desbaraxustes do goberno a través dunha modificación de créditos, e outro para o sorteo das mesas electorais en marzo, tampouco houbo plenos extraordinarios que permitiran aliviar en parte a paralización municipal.
Porque tal como explica Oubiña “David Castro está actuando dun xeito ditatorial, como se fora o amo é señor de Ribadumia, pero ademais no medio disto deixa o Concello completamente paralizado, sen orzamentos, sen aprobarse as liñas de axuda a entidades culturais, sociais e deportivas, sen aprobarse investimentos e obras, e unha serie de cuestións que deben someterse á consideración das forzas políticas representadaa e por extensión do pobo ribadumiense”. 

 Pola nosa banda, esta mañá presentamos un escrito no concello pedindo que se recupere o correcto funcionamento democrático. Porén “como no noso escrito non expoñelos nada que o alcalde non coñeza, e sabemos que os plenos non se convocan por puro interese do David Castro, remitimos tamén unha queixa á Valedora di Pobo, e se á situación non se rectifica daremos os pasos necesarios noutros ámbitos, pois o noso alcalde nom pode estar por enriba da lei”.

  Opacidade municipal.
Ademais desta inadmisible situación de parálise municipal, o goberno de David Castro segue encirrado en bloquear o acceso á información municipal ás forzas da oposición. Esta situación foi posta en coñecemento da Valedora do Pobo en marzo, tal como se explicou no seu momento. Este mes pasado vímonos na obriga de enviar outra reclamación, pois o goberno segue sen respostar a ningunha das solicitudes de información variada que levamos feito dende Somos Ribadumia. Neste caso “O señor alcalde négase á aportarnos información relativa á problemática creada pola súa penosa xestión do procedemento administrativo das multas de aparcadoiro,  que tivo como resultado que a varias persoas lle chegaran acumuladas ata sete multas xuntas”. Ambas reclamacións foron admitidas a trámite, e aínda que o Covid-19 ralentizou os procesos administrativos, en pouco tempo recibiremos as resolucións que non nos cabe dubida obrigarán ao goberno de David Castro a rectificar e entregar aquelo que tanto interese ten en ocultarlle a cidadanía de Ribadumia.