Chapuza na colocación dos puntos de recarga de vehículos en Ribadumia.
- A obra, unha chapuza mal feita.
- Un cadro eléctrico, sen permiso e ocupando un vial nunha zona fora do contrato de cesión.
- David Castro renuncia ao crecemento ordenado do nucleo de Ribadumia-Barrantes e ao crecemento de viviendas.
- Ano e medio despois de ceder o espazo, os puntos de recarga non seu puxeron en marcha.
O grao de chapucerismo ao que é capaz de chegar o goberno de David Castro, supérase a cada intervención. Meses despois de supostamente rematar a obra de instalación dos dous puntos de recarga que en virtude a un acordo coa Mancomunidade se puxeron na rúa Espadeiro de Ribadumia, demóstrase con outro exemplo esta afirmación que vimos de facer.

De partida, o Concello, en acordo Plenario en marzo de 2024, cedeu dúas prazas de aparcadoiro nesa rúa para a instalación deses dous puntos de recarga, que meses despois de colocarse, seguen sen dar servizo. O acordo recolle moi pormenorizadamente o espazo que se cedeu para esta actuación, limitado ao oco que ocupaban esas dúas prazas e nada máis, nin sequera se cedeu espazo na beirarúa.
Pois ben, feita a intervención, encontrámonos en primeiro lugar con que a propia obra é unha chapuza mal feita, cos puntos invadindo en exceso as prazas de aparcadoiro sobre unha cimentación de formigon de dubidosa feitura e resistencia, e nulo coidado estético.
Por outra banda, da nada apareceu un cadro eléctrico dun tamaño importante, dentro dunha armazón de obra, que non figura en ningún lado, separado varios metros dos puntos de recarga e fora por completo do espazo cedido á mancomunidade, sin autorización que conste por que ademais non a pode ter por que por se fora pouco, resulta que tal cadro está ocupando de cheo a vía pública.

Dende Somos Ribadumia queremos recordar que o PXOM recolle o vial onde está colocado ese cadro eléctrico, un vial agora pechado en falso, pero que nun futuro debe completar a seguinte mazá urbanizada desa zona, razón pola cal quedou o encabezado da vía aberto, como pode comprobar calquera que pase por alí. De feito, existe hoxe a estrutura dun edifico de vivendas que quedou sen rematar no seu momento do que corren rumores de que pronto se vai retomar a obra, dando así continuidade ao desenvolvemento desa zona, ou cando menos rematando esa parte.
É completamente inadmisible que David Castro permita a construción de elementos deste tipo, en lugares prohibidos, pois non esquezamos que o propio PXOM prohibe expresamente a construción de calquera tipo de estrutura nos viais públicos a excepción de paradas de bus.

E é totalmente inadmisible que a Mancomunide, presidida precisamente polo señor Castro, non tivera presentado un proxecto mellor redactado e máis completo, definindo ben o espazo necesario para incluír todos os elementos necesarios. Dende Somos Ribadumia íamos apoiar do mesmo xeito ceder dúas prazas de aparcadoiro que tres, se ían ser necesarias, ou outro espazo máis amplo noutro emprazamento chegado o caso. O que non podemos é aceptar este grao de improvisación.
Aínda que o mais lamentable é a falta de visión de futuro de David Castro, que con estas actuacións – das que é perfectamente consciente pois a parte de estar ben á vista foi facerse fotos ao seu carón – deixa claro que non prevé nin que se constrúa máis vivenda nin o crecemento ordenado do núcleo Ribadumia-Barrantes, nin outra cousa que non sexa aguantarse el na cadeira. Lamentamos esta actitude. Lamentamos que David Castro converta Ribadumia nun Concello sen lei no que calquera que convite a xantar ao alcalde poida construír calquera cousa en calquera lado, legal ou non, mentres o resto da veciñanza, especialmente aqueles veciños e veciñas que o señor Castro ten sinaladas como “dos outros”, ten que pedir permisos ata para respirar e soportar un control exhaustivo de todo canto fai.



