David Castro vende a alcaldía de Ribadumia ao PP de Galicia.

  • O medo a perder a alcaldía nas próximas eleccións lévao a dar de maneira definitiva o paso.
  • O acordo tomouse a costas da agrupación local do PP e do electorado de ambas formacións.
  • Queda demostrado que dende Somos Ribadumia estivemos sempre acertados nas nosas afirmacións e que David Castro enganou á veciñanza.

      O anuncio de que David Castro se vendeu ao PP non nos sorprendeu, pois dende  Somos Ribadumia coñeciamos o que se estaba cocendo dende fai anos, e de feito fixemos público que David Castro estaba negociando a súa integración no PP en abril do ano pasado, pero, como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “xa na lexislatura anterior David Castro amagou co cambio, e a ninguén lle escapa a súa proximidade a Gonzalo Durán, sen o cal David  Castro non é capaz de moverse.

   Dende Somos Ribadumia non valoramos  as decisión persoais; se David Castro está máis cómodo dentro do PP, nada temos que obxectar. A cuestión está nas formas e no fondo e no momento e situación política. Porque David Castro non é unha persoa que por afinidade política entre dende a rúa nun partido ou outro, como a maioría de nós, senón que o que fixo foi vender a alcaldía  de Ribadumia ao PP de Galicia, sen aclarar que vai recibir á cambio, despois de estar anos enganando a cidadanía vendéndose como un alcalde independente que non estaba nin co PP nin con ningunha outra forza. Ademais, no caso de IR, os ataques contra as persoas do PP local dende a súa fundación logo da expulsión de Nené Barral, foron dunha crueldade exacerbada.

  Dende o noso punto de vista Luís López comprou a prezo de ganga un alcalde perdedor, que se entregou sen rechistar porque sabía que se o PP presentaba lista propia a maioría absoluta esfumaríase tal como chegou. “En todo caso, como coñezo a David dende fai anos, teño claro que o que negociou co PP non o vai notar Ribadumia, senón que o vai notar el. Que carguiño de traballar menos que agora cobrando máis lle ofreceron? Saberase nos próximos meses, pero que David Castro, cunha maioría absoluta cómoda, se vendeu para intentar asegurarse o seu futuro vivindo da política, hoxe é un feito”.

  Ademais  a cousa xa empezou mal , pois o señor López tivo a desfachatez de vir a Ribadumia a presumir de ignorancia e a rirse de David castro na súa cara. “David Castro chegou á alcaldía precisamente gracias a un pacto en forma dos tripartitos que Luís Lopez  mesmo criticou ante ante os medios na presentación que fixo de David Castro –  exposto por certo como un trofeo – e o feito de que agora o PP lle compre o cargo so   demostra que nese partido ser unha persoa falsa e sen escrúpulos nin ética da puntos, e que os intereses da veciñanza para partidos como o PP non contan en absoluto, e so interesan os votos para agarrar o poder ”. Porque o que tamén é obvio é que detrás deste pacto está a loita por lograr dous dos tres deputados provinciais que se disputan na nosa comarca, unha loita onde o PP está en clara desvantaxe ao ter so dúas alcaldías. Máis aló disto, falar de que un alcalde que en menos de tres anos leva perdidos mais de un millón de euros en liñas económicas é “un alcalde que sabe xestionar consigue recursos” directamente parécenos unha tomadura de pelo cara a veciñanza.

  Así pois, temos que o que aconteceu en Ribadumia foi un matrimonio de conveniencia, realizado por puros intereses partidistas e personalistas,  sen ter en conta en ningún momento os intereses da  veciñanza de Ribadumia, e en concreto ríndose desas 1700 persoas que no ano 2019 votaron a un alcalde “independiente”, e que agora se encontran con que o seu voto foi para o PP, e das outras 800 que nas pasadas eleccións votaron contra David Castro e a favor do Partido Popular e agora se encontran con que llo poñen de candidato.

  Pola nosa banda, temos claro que en calquera caso o problema do goberno de Ribadumia hoxe non é de siglas, senón de persoas. David Castro é un mal alcalde, sen un proxecto de nada para o noso concello, que non se preocupa o máis mínimo pola veciñanza, que so fai accións a favor dos seus amigos e de quen poida darlle un puñado de votos, e que ataca furibundamente a quen lle leva a contraria, e nada diso vai mudar porque mude de partido.

  Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando pola nosa veciñanza, coa tranquilidade de que o que nos define son os nosos feitos e o noso sentido da ética e da honradez políticas, e co obxectivo,  de cara as próximas eleccións, de presentar un proxecto de futuro para a nosa veciñanza, respaldado por unha lista de persoas comprometidas con Ribadumia.

Ribadumia podería quedar sen pediatra a partir de maio.

  • Foi anunciada a praza de pediatra para Ribadumia/A Illa, pero podería ficar deserta dadas as condicións desfavorables do posto.
  • Se a pediatra actual accedera a outra das prazas convocadas na comarca ou no Hospital do Salnés, Ribadumia volvería quedar sen pediatra.
  • O SERGAS segue con parches electoralistas, co silencio cómplice de David Castro, que está desaparecido.

      O anuncio realizado polo Conselleiro de Sanidade fai uns días da convocatoria de varias prazas de pediatría na comarca trae letra pequena, moi en particular no caso da praza de pediatría que Ribadumia mantén compartida con A Illa que actualmente conta cunha profesional en situación de interinidade, ademais por tempo limitado.

  A realidade é que a convocatoria non supón nin a estabilidade da praza, só a garantiza – supostamente – durante dous anos, nin unha mellora nas condicións de traballo dos e das pediatras. Ademais, o feito de sacar unha convocatoria deste tipo non implica que necesariamente as prazas se vaian a cubrir, ao contrario, algunhas desas prazas poderían perfectamente quedar desertas, se non hai interese nelas. E se temos en conta que esta convocatoria non resolve o problema que condena a Ribadumia e a Illa , que é que ninguén quere traballar en dous centros de saúde tan alonxados entre si é dando unha calidade de servizo precaria, é moi probable que ninguén opte a coller esta praza.

  Por outra banda, a pediatra actual, que está dando servizo de xeito interino – nun contrato incluído dentro dun plan da Xunta que remata logo do verán – podería perfectamente optar a calquera das outras prazas ofertadas, buscando un destino mellor. Se isto pasara Ribadumia volvería ficar sen pediatra,  e antes do que pensabamos.

  Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados, como xa dixemos en decembro pola falta de solucións estables no tempo e con garantías no servizo. Insistimos na nosa proposta, que pasa por reestructirar o servizo e, ou ben contar cun pediatra a tempo completo e praza unicamente en Ribadumia, ou por modificar o reparto e que o servizo sexa compartido con outro centro de saúde máis próximo, como pode ser o de Meis, unha proposta que a anterior dirección da área sanitaria vía plausible, pero que a actual dirección parece non querer contemplar. Mentres isto non aconteza en Ribadumia o SERGAS tennos vendidos, cos nosos fillos e fillas condenados a só poder enfermar dous días na semana, e iso mentres dure o parche que será ata despois das  eleccións, logo teremos só nos quedara perder a maña en ir a outro concello ou acudir a urxencias.

   Outra cuestión que nos ten preocupados e a completa falta de compromiso e de acción política de David Castro, que en catro anos só apareceu para facerse dúas fotos e entorpecer o traballo realizado por Somos Ribadumia que permitiu entre outras cousas lograr o terceiro médico, e que garda un silencio traidor mentres a Consellería de Sanidade se rie da nosa veciñanza. A loita por ter unha atención primaria de calidade, por ter o persoal necesario no centro de saúde e por ter un servizo de pediatría  en condicións, complícase moito se o alcalde en vez de defender á veciñanza defende  os seus intereses persoais e os do Partido Popular.

David Castro fai anuncios electoralistas con proxectos sen concretar.

  • David Castro anuncia un pump track amosando un debuxo nun papel, sen datos nin orzamento, e realizado nun lugar moi discutible, debaixo das ventás dunha urbanización.
  • Ese proxecto, o segundo que presenta para ese parque en menos de dous anos, non se vai realizar, se se realiza, antes do 2024.
  • David Castro rise da veciñanza. Catro anos de abandono do parque infantil da praza da Carballeira, e en vez de reparar o deterioro, fai anuncios electoralistas.

      David Castro aposta polo populismo puro e duro e a propaganda sen contido na recta final do mandato. Este pasado venres erguémonos co anuncio de que o goberno local proxecta a instalación dunha pista pump track no parque  da praza da Carballeira. Un proxecto que ten máis de medida desesperada para entrarlle ao electorado de Barrantes, que de proxecto serio.

  De partida, o proxecto é o segundo que se presenta para esta zona do centro de Barrantes, para un parque que está, como recoñece o propio goberno local, nun estado lamentable. E tal e como pasara coa proposta anterior, está elaborado pensando máis nos votos que en solucionar problemas ou mellorar instalacións. Atendendo ao exposto na prensa, o que se pretende facer nesa zona é instalar unha pista pump track e outras actuacións. Sobre a instalación da pista chega con mirar o debuxo que se pasou á prensa para entender que non se pode poñer en ese sitio concreto, e que pretender  colocala aí vai ser conflitivo, pois, tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “a David Castro, tendo espazo abondo para poñer esa instalación, non se lle ocorreu mellor cousa que colocala debaixo das ventas de toda unha urbanización, pasando por alto a realidade de que ese tipo de instalacións son bastante ruidosas, motivo polo cal, xunto a outras cuestións de seguridade, deben colocarse a unha distancia prudencial das vivendas”.

   Tamén se anuncia que se vai proceder substituír os peches perimetrais dos dous parques infantís. Isto, de ser así, supón unha  rectificación con respecto á proposta anterior, onde David Castro pretendía saltarse a lexislación vixente e deixar os parques de xogos sen valla perimetral. Con todo, se pretende unificar as dúas áreas de xogo desa zona volvera incorrer nunha ilegalidade e non poderá facelo. A lexislación é moi clara a este respecto e establece que as áreas de xogo infantil deben estar divididas por franxas de idade e separadas entre elas fisicamente, ou sexa, con vallas ou setos.

 Todo isto xa llo advertimos no seu momento, “cando anunciou a bombo e pratillo un proxecto que pretendía eliminar as vallas e substituílas por un banco de pedra de 6.000€, un absurdo como unha catedral, e que ao final quedou en nada, como era previsible. Agora volve as andadas, propoñendo cousas sen xeito nin dereito”.

Isto é o que decíamos en outubro de 2021, cando David Castro anunciou a bombo e pratillo unha obra consistente en retirar unhas vallas e poñer un banco de 6.000 €.

Futuribles sen concretar

   O proxecto non só resulta pouco axeitado en canto ao que se pretende facer. Segundo se informou, a realización irá con cargo ás liñas económicas do plan Leader nas anualidades 2023/2024 que xestiona o GDR. Ou sexa, que non se vai realizar neste ano 2023, pois o proceso para acometer investimentos dentro destes plans acaba de iniciarse e nin sequera está aprobada a axuda económica, como moito presentado o proxecto, se é que presentou. Non só iso, “o suposto proxecto, pois a día de hoxe non pasa de suposto, non conta con orzamento, nin partida económica, nin está en proceso de licitación, nin nada de nada. A todos os efectos, o que temos son catro raias nun papel e moito fume electoral”.

   Neste aspecto parécenos unha completa tomadura de pelo á veciñanza que David Castro anuncie obras a futuros en plena precampaña electoral. Pero o máis grave é que mentres David  se entreten facendo debuxos no departamento de urbanismo e anunciando soños electorais, os parques infantís están cada día en peor estado, e nin sequera as escasísimas actuacións realizadas para lavarlle cara se fan ben, como vimos de comprobar noutro parque infantil tamén en Barrantes.

A realidade, é que cando esta lexislatura remate en maio, en catro anos David Castro ao núcleo urbano de Barrantes, que concentra a máis da metade da poboación de todo o concello, teralle aportado dous bancos para sentarse, e ningunha solución a ningún dos problemas que presenta a zona.

Para Oubiña “David Castro anda nervioso e actúa á desesperada con actitudes que de tan populistas resultan ata ridículas e refírome tanto ao anuncio de obras como a outras cuestións vistas nas redes sociais. Non sabemos se é que a integración no PP que xa todo o mundo da por feita e eles mesmos andan anunciando coa boca pequena se lle complicou, ou se caeu na conta de que, a parte de partido, un alcalde que pretenda a reeelecion ten que demostrar valía, ter traballado e unha xestión que o respalde, todo o que el non ten,  pero sexa o que sexa que lle pase, eu pídolle que predique co exemplo e sexa algo máis prudente”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que o núcleo de Barrantes precisa mellorar en moitos aspectos urbanísticos. E que hai que dotar elementos como ese pump track para a xente moza ou outras instalacións para xente menos nova, como parques de calistenia e, nese parque concreto, zonas de sombra, fontes de auga, aseos… Pero nada diso se pode facer de calquera maneira, nin moito menos anunciar obras sen xeito nin dereito mirando o calendario electoral.  Hai que actuar con sentido, tendo un proxecto integral, ben elaborado e adecuado aos espazos públicos e que estableza as necesidades que se deben atender. E o máis importante, antes de nada, hai que manter o que se ten, e non deixar que todo se pudra para logo poñerse a facer promesas para o posibles futuros agardando así xuntar catro votos.

Chapuza enriba de chapuza no Parque infantil de Barrantes.

  • David Castro mandou corrixir as deficiencias logo das nosas denuncias, pero o resultado resultou  unha chapuza en forma de parches.
  • Unha actuación de máis de 11.000 €,  con menos de tres meses, en garantía, remendada de mala maneira e sen solucionar problemas.
  • Non hai ninguén ao mando en Ribadumia.

  O goberno de Ribadumia parece encirrado en demostrar a súa incapacidade para a xestión municipal en todos os aspectos, e o seu pasotismo total e absoluto nas súas funcións.

  O último exemplo topámolo estes  días en forma de parcheados nun céspede artificial que non leva posto nin tres meses, e en uso un terzo dese tempo. Recapitulando, fai uns días dende Somos Ribadumia faciámonos eco das deficiencias que presentaba o parque infantil sito nas inmediacións do CPI Julia Becerra Malvar tres semanas despois de abrirse ao uso logo dunha reforma de máis de 11.000 €.

   Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “ o goberno de David Castro tivo a ben tomar medidas, e mandou persoal, enténdese que da empresa que realizou a obra, a reparar parte das deficiencias. Pero o que non se fixo, ou eu quero pensar que non se fixo pois o contrario sería para chorar, foi supervisar os traballos. Resultado: unha chapuza”.

As deficiencias, tal como denunciamos, consistían maiormente na mala colocación do céspede, quedando dun xeito irregular nuns puntos, con levantamentos e comezando a despegarse do caucho sobre o que foi colocado noutros. A solución da empresa foi cortar os anacos de céspede que viron dubidosos e poñer parches, ou colar sen moito coidado os laterais que estaban levantados. Sen máis.

   Se falaramos dunha instalación de varios anos, desgastada polo uso e o paso do tempo, poderiamos pasar por este parcheado como solución parcial. Pero falamos dunha instalación que foi feita fai tres meses, que está en garantía, e cuxas deficiencias se deben a erros na instalación. Non é aceptable que a empresa actúe deste xeito, parcheado e tapando erratas, cando o que debería facer é levantar o céspede é colocalo correctamente. Porque “ os parches colocados, que a ver canto duran, nin sequera solucionan todos os defectos que quedaron, nin solucionan o problema de base que é a colocación da capa de céspede no seu conxunto”. E se esa maneira de actuar non nos parece aceptable, menos aceptable resulta a actuación pasotista do goberno local, que é quen ten que controlar que as obras se fagan correctamente, ao permitir que a empresa solucione desta maneira e dalo por bo.

Os antecedentes con Oubiña no goberno.

   Dende Somos Ribadumia denunciamos este tipo de actuacións dende o sentido común, pois “ ninguén na súa casa permitiría que unha intervención desas características fora resolta de maneira tan chapuceira. A calquera de nós ven unha empresa e colócanos un céspede desa maneira nun patio da casa, e facémosllo levantar volvelo a poñer ben”.

   Pero ademais, falamos dende a experiencia de goberno. No mandato anterior, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo, houbo que realizar moitas actuacións de posta ao día nos parques infantís e outros espazos públicos, pero a diferencia na actuación ante os problemas xurdidos fala por si soa. Podemos poñer dous exemplos. Un deles na reparación do patio da escola de infantil, que foi cambiada na súa totalidade. Unha intervención similar nunha contorna moi próxima ao parque infantil referido. Durante as obras de substitución do chan, detectouse un erro na soleira e na drenaxe, e a empresa tivo que desfacer todo o traballo xa feito, e volver a realizalo nas condicións correctas. Iso foi así porque Oubiña estivo onde lle correspondía estar. Outro caso, que tivo a súa repercusión, foi na reforma do ximnasio do Colexio, que se viu atrasada por un defecto no proxecto que provocaba a entrada de humidade dende a soleira do edificio. Nese caso houbo que agardar meses ata que o bo tempo permitirá actuar, pois foi preciso unha impermeabilización por fóra bastante complexa de realizar e que non podía facer en inverno. A empresa adxudicataria da obra non estivo nada de acordo, pero había un concelleiro responsable cos fondos públicos e co seu traballo, e tamén con capacidade de mando para xestionar estas situacións. E a hemeroteca pode dar conta disto.

  Dende Somos Ribadumia estaremos sempre apoiando aos gobernantes, sexan do partido que sexan, que actúen con responsabilidade. Somos conscientes de que as obras moitas veces presentan problemáticas, as veces incluso meses despois de rematarse. E sabemos que moitas desas problemáticas serán sobrevidas, pero outras non. A nosa posición é a demostrada dende o goberno: se hai que corrixir un erro, ou desfacer un traballo e volvelo facer, que se faga, e se hai que reclamarlle á empresa  adxudicataria, pois reclámaselle,. Pero non podemos aceptar que se tiren os cartos da veciñanza en obras chapuceiras, nin este abandono de funcións do goberno de David Castro, que xa só está pensando en como agarrarse a súa maioría, aínda que a vista de como gobernan, non temos claro para que a queren.