• Este venres David Castro ten previsto consumar a compra do voto de Asperez poñéndolle unha “paguita” de case 80.000€ en 3 anos. • Non aceptaremos que a veciñanza de Ribadumia poña cartos para pagar as débedas de David Castro. • A Mancomunidade paralizada e ao borde da ruptura gracias á xestión de David Castro.
Dende Somos Ribadumia xa advertimos da nosa oposición frontal a que David Castro pague cos cartos da nosa veciñanza favores políticos, que é xusto o que vai acontecer este venres se David Castro saca adiante a súa idea de aprobar no Pleno da Mancomunidade unha liberación económica para o señor Asperez, unha liberación que con todos os custes andara próxima aos 40.000€ ao ano, e que suporá dispor de 120.000 € no que queda de mandato, dos cales 80.000€ irán dereitos ao peto de Asperez, que vai ter a máis que dubidosa honra de ser o primeiro liberado na historia da Mancomunidade.
Compre aquí remarcar que a liberación do Señor Asperez non ten nada que ver coa liberación dun alcalde ou Concelleiro dentro do ámbito municipal. Ao alcalde ou Concelleiros libéraselles para que poidan dispor de tempo para cumprir as obrigas dos seus respectivos cargos, algo ao que non nos opoñemos sempre e cando estean xustificadas. Pero no caso do señor Asperez non hai obriga que xustifique tal liberación. Debido ao funcionamento propio das Mancomunidades, o posto de delegado de turismo non ten nin capacidade de toma de decisións, nin competencias, nin responsabilidades nin obrigas específicas máis aló de ir a eventos en representación da Mancomunidade, en principio en substitución da presidencia, por iso se denomina “delegación”, e motivo polo cal os anteriores delegados de turismo, cando os houbo, non tiveron liberación ningunha. Dito doutro xeito, o cargo de “Delegado de Turismo” é meramente figurativo, motivo polo cal non obxecto unha liberación.
David Castro actúa cunha chulería tal que a día de hoxe non se molestou en aportar algunha xustificación creible ante o que é evidente que é un pago de favores a conta de fondos públicos, e nin sequera negou esta realidade. O descaro é tal que se permitiu manter paralizada a Mancomunidade varios meses, agardando a que no Concello de Meaño solucionaran a renovación dun dos representantes no órgano mancomunado, para garantirse a maioría no Pleno e poder sacar adiante tanto a liberación de Asperez como a designación da vicepresidencia na persoa da Señora Fole, unha persoa que non é alcaldesa nin forma parte do goberno do seu Concello, polo que non vai valer para outra cousa máis que para igualar as forzas na Xunta de Goberno da Mancomunidade, unha xogada esta que pode ser a puntilla que provoque a ruptura da Mancomunidade do Salnés logo de anos de funcionamento e entendemento.
David Castro actúa con total irresponsabilidade, poñendo en risco un ente que gracias á suma de todos os concellos que o compoñen, non só permite que determinados servizos sexan asumibles para Concellos pequenos como o noso, senón ademais que permite acceder a fondos económicos doutras administracións, que están agora en risco gracias á xestión dun señor que está unicamente traballando en beneficio persoal propio, algo indigno en política.
Dende a nosa formación xa advertimos de que non íamos aceptar que dos cartos dos nosos veciños e veciñas saia un só euro para pagar as débedas do señor Castro, e se o venres se aproba esa liberación, tomaremos as medidas pertinentes para que David Castro renda contas ante a veciñanza e para que o Concello de Ribadumia non teña que pagarlle nada a Asperez, e dende logo non aprobaremos nin daremos o visto boa un só euro dedicado aos pagos das débedas políticas do señor Castro, que as pague el do seu peto.
Limitado cartel de actuacións. Unicamente orquestras e grupos tributo, nin un so concerto de artistas ou grupos de actualidade.
Limpeza mellorable, problemas coa hostalería e tratos de favor aos postos de feira con respecto aos negocios locais.
Máis que discutible presenza de nenos no acto de inauguración.
Fracaso político e ridículo do noso Concello grazas a David Castro.
Dende Somos Ribadumia achegamos, como en anos anteriores, a nosa valoración da que foi a 51 edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación de Variedades Autóctonas, nome oficial da que para o común da veciñanza é a “Festa do Tinto”.
Comezando por aspectos organizativos, debemos lamentar varias cuestións. Por un lado as fallas de limpeza que provocaron, e non foi este o primeiro ano, que en determinadas zonas do centro de Barrantes os malos cheiros foran máis que notorios xa dende o venres. Tampouco vemos mellora noutros aspectos, e de feito as melloras que se venderon como novidade, como por exemplo a seguridade privada, nin era novidade nin tivo ningún tipo de repercusión na festa, como tampouco acaba o goberno de topar a palanca para xestionar correctamente o tráfico. Debemos lamentar que o goberno ocultara a existencia dun Punto Morado, do que case nin se informou nin se deu ningún tipo de información. Parécenos do mais lamentable que o señor Castro oculte este tipo de información, e se limite a cubrir expediente cun tema tan importante e necesario. Estes puntos serven de información, máis tamén de apoio ante determinadas situacións, e se se ocultan, como ven acontecendo nos últimos anos, ante situacións complicadas – non esquezamos a violación dunha menor na edición do 2022 – as mulleres e mozas afectadas non saben onde acudir e o punto morado non sirve de nada, menos se como neste caso ten horario reducido.
En canto ao cartel de actuacións, sen desmerecer as orquestras e grupos que viñeron ao longo dos catro días de festa, dende o noso punto de vista faltaron outro tipo de actuacións, de máis actualidade. As orquestras non ían fallar, menos nesta data e con este tempo, non esquezamos que co permiso das Festas de Santa Rita, a Festa do Tinto é o evento que marca o inicio do verán na comarca, ou dito outro xeito, orquestras con menos tirón, cando menos o venres e o sábado, ían encher igual. Neste senso o cartel foi completo, pero hai vida máis aló das orquestras, e un Concello non é a Comisión de festas dunha parroquia. A aposta pola cultura nun evento deste tamaño, sobre todo tendo en conta o orzamento, que roza os 200.000 €, debería ter sido maior. A xa costume de completar o cartel con grupos tributo a outros grupos, non é mala idea en certa medida, pero cando como este ano se abusa da formula, redúcese a Festa a un absurdo. Na Festa deste ano, sumando todas as actuacións musicais, non houbo un só grupo ou solista que fora o autor da súa música, nin un só grupo ou artista de actualidade, e dende logo a xuventude quedou fora do plano e so tivo alternativa grazas á aposta dos locais de hostalería por poñer actuacións propias, que aínda lles deu problemas co Concello.
Hai que ter en conta, a hora de valorar todo isto, o custe da festa. Con case 200.000 € de orzamento, que o Concello paga case íntegros, pois os ingresos rondan os 30.000€, esta festa cústalle a cada veciño e veciña 32 €, vaian á festa ou non vaian. Sae a 9 € por día se contamos como medio día a actuación do xoves. Comparativamente falando, a festa do Albariño de Cambados, na edición do ano 2022 que durou 10 días, tivo un custe de 685.982 dos cales o Concello enfrontou 491.377 euros. Isto significa que a cada veciño e cada veciña de Cambados a festa custoulle 3,5 € por día de festa. Non vamos a pedir o cartel de concertos do Albariño, pero a conclusión cos números na man é que en Ribadumia pagamos o triple por unha festa moito máis pequena, e nin un só grupo ou artista de referencia e de actualidade traemos para animar á xente moza e para darlle un pouco de peso cultural ao evento. Moito máis que lamentable.
Como lamentable nos pareceu o trato dado aos locais de hostalería, enredando cos horarios, obrigando á retirada das terradas as dez da noite estando como estaban cheas e coas vías públicas co tráfico restrinxido, favorecendo aos postos ambulantes por enriba dos negocios locais, e en xeral abandonado e poñendo atrancos ao comercio e hostalerías locais. Atrás quedaron os anos onde o comercio e a hostalería local participaba de maneira coordinada decorando os escaparates, ademais coa axuda do Concello, e mesmo estando presentes na inauguración da e actos centrais da festa. Un retroceso este que non podemos valorar positivamente.
Como tampouco podemos valorar positivamente a organización do xantar do Tinto. Por unha banda a algún iluminado se lle ocorreu colocar a carpa da cociña, que ocupa un espazo importante na explanada onde aos buses do colexio deixan aos nenos, a principios de semana no canto de agardar como sempre ao xoves pola tarde, cando xa o colexio fica pechado. Creouse con isto un caos poñendo en risco aos nenos e nenas ao obrigar aos buses a facer manobras complexas nun espazo reducido e cheo de nenos. Por outra banda o prezo subiu nos últimos anos dunha maneira esaxerada, e non só o que pagan os asistentes, que pasou de 25 a 30 € xa no 2022, senón tamén o custe real do prato que á volta de pandemia pasou dos 29,70 € aos 38,50 €, taza e viño a parte – e veremos este ano -.Pero máis aló disto, froito da gran xestión de David Castro, incapaz de negociar nada, debemos lamentar o empeoramento en todos os aspectos do xantar. Na nosa formación defendemos o consumo responsable, pero a realidade é que este sempre foi un xantar baseado na máxima galega “se non sobra , é que falta”, e dende a volta de pandemia, ou o que é o mesmo, dende que non estamos nós no goberno, o prezo do xantar subiu pero o que se pon na mesa reduciuse, e xa levamos un par de anos que non sobra comida ningunha, ademais de que o servizo paga o aumento de aforo con retrasos importantes, e tamén a falta de espazo, pois os asistentes teñen que comer de maneira apertada e bastante incomoda, salvo obviamente na mesa presidencial. Moitas queixas se escoitaron no pavillón, ao noso entender xustificadas.
Unha máis que discutible presenza de nenos nos actos de inauguración.
Mención especial debemos ter para a pouco prudente idea que alguén, por alguén queremos dicir David Castro, tivo de poñer aos nenos e nenas da escola de ocio disfrazados de valedores e valedoras dentro da carpa e compartindo espazo coas autoridades mentres estas daban inicio á Festa paseando polos postos e bebendo uns viños. Vaia por diante que os pais e nais poden e deben educar a seus fillos e fillas como consideren, pero unha institución pública debe ter moito coidado con certas actitudes e maneiras de proceder. O de disfrazar aos nenos e facelos participes de determinados actos non o vemos mal, ao contrario, pero unha cousa e disfrazalos de uvas como o ano pasado, e outra moi distinta poñerlles o traxe de valedor, un cargo que se xura bebendo e prometendo promover o consumo de viño, unha bebida alcohólica. Pero o que de ningunha maneira nos parece aceptable é que menores dean o punto de inicio a esta festa de xeito activo e moitísimo menos que se lles leve de paseo polos stands con final nunha mesa onde se vai poñer viño e brindar. Debemos agradecer que ao señor alcalde non se lle ocorrera brindar cos nenos e nenas, porque en virtude do visto e transmitido, pouco lle debeu faltar. Queremos aclarar que preguntando a nais presentes, informáronnos de que na autorización que asinaron previamente non se especificou en que ía consistir a presenza dos nenos na inauguración, unicamente da indumentaria que debían levar. E grande foi a sorpresa e o posterior enfado das nais presentes ante os feitos que as pillou moi de sorpresa, rodeadas de medios de prensa, e con pouca capacidade de reacción sen montar un escándalo. Toda a nosa comprensión e agardemos que estas cousas deixen de suceder.
O fracaso político de David Castro
Por último, queremos destacar o fracaso político de David Castro, que estamos pagando como Concello. De inicio, nin nos actos de presentación nin na inauguración estivo presente a oposición, que tamén forma parte da corporación, pois non foi convidada a participar. Un erro intencionado que logo o señor Castro, tentou disimular nos actos centrais do sábado cun sonroxante episodio que imos pasar por alto. Por outra banda, logrou coa súa nefasta xestión que os alcaldes do PSOE da comarca lle deran plantón, e non mandaran nin sequera a alguén en representación dos mesmos a ningún dos actos. Non esquezamos que dos concellos lindeiros preséntanse viticultores ao concurso e levan premios, ademais da moita xente que nos visita estes días. Para Ribadumia, como Concello, esta situación e unha vergoña e supón unha lamentable imaxe pública. Pero non so iso, a falta de peso político de David Castro é tal que ata os alcaldes do PP o deixaron de medio lado. Do seu partido unicamente estivo presente o alcalde de Meaño. Ao final, tiveron que entregar premios o alcalde de Barro, contrario á legalización do viño tinto, e o presidente da D.O.Rias Baixas, un ente tamén reacio, por non dicir contrario, á legación do folla redonda. Un absurdo todo. En todo caso, dende aquí parabenizamos a todos os gañadores e gañadoras.
En resumo, a nosa maior festa, referente da comarca, cada ano camiña un pouco máis cara atrás, da man dun xestor que non xestiona e que insiste en crear problemas no canto de aportar solucións, e incapaz de innovar nin de aumentar o atractivo dunha festa que no ano 2018 era un orgullo para a veciñanza, e agora é todo o contrario. Como non pode ser doutra maneira, esiximos outra xestión da festa, e volvemos insistir na necesidade dun patronato que tome as rendas e poña este evento no nivel que lle corresponde, que con 200.000 € de orzamento, e moito mais arriba de onde está.
A falta dun plan específico axeitado provoca que as zonas verdes e de lecer non se atendan da mellor maneira.
Sería moi positivo contar cun plan de actuacións para o medio e longo prazo, e para facelo realidade propoñemos á creación dunha mesa local do medio ambiente.
Cun traballo técnico de base e un plan avaliado polas forzas políticas sería posible mellorar e poñer en valor todos os espazos naturais e de lecer.
Días atrás xa solicitamos ao Concello que se acollera a unha liña da Deputación que permitiría recibir árbores cos que ir mellorando a situación dalgúns espazos.
Dende Somos Ribadumia levamos anos amosando a nosa preocupación polo estado dos nosos espazos verdes, parques e zonas de lecer. Atrás quedan xa os anos de cogoberno onde xunto ao PSOE como responsables das áreas de urbanismo e parques puxemos en marcha un plan de mantemento que sendo básico permitía ter un calendario de actuacións e un mantemento correcto.
A realidade é que hoxe por hoxe Ribadumia conta con varias zonas verdes, parques, xardíns, carballeiras, sendas fluviais, e outros espazos públicos de esparcemento, que se veñen coidando con maior ou menor dilixencia, pero que adoecen dunha enorme falta de previsión nos seus coidados a medio e longo prazo, así como dun plan respectuoso de atención, desenvolvemento e de posta en valor, nun tempo ademais onde estes espazos están cobrando enorme protagonismo social. A cidadanía, nas zonas urbanas e semi-urbanas, cada vez máis esixe espazos públicos de calidade e verdes, por enriba de prazas de pedra e formigón tan de moda noutros tempos, pero no rural onde todo o patrimonio natural e etnográfico é moi querido a veciñanza tamén esixe que as cousas se vexan coidadas. Do mesmo xeito, a xente que nos visita toma nota, valora e transmite a posta en valor -ou non – dos espazos naturais e o respecto polo medio ambiente.
Sen pretender criticar a quen goberna, o certo é que a xestión actual xera problemas. Como exemplos máis claros, máis aló do mal estado xeral dos parques infantís e o de case abandono de fontes e lavadoiros, aos que con sorte cáelles un paso de desbrozadora ao ano, temos a decadencia da Carballeira de Ribadumia, que está perdendo árbores de maneira paulatina, ou a xestión de zonas como as sendas que percorren as ribeiras do río Umia ou a do río Armenteira, prexudicadas polas rozas mal planificadas, excesivas como se ten denunciado, non so polo noso partido senón tamén por colectivos ecoloxistas, así como pola falta de arbores en determinadas zonas que aguanten o terreo na ribeira, provocando derrumbes e outro tipo de problemas, particularmente nas tempadas de choivas. Outros problemas veñen derivados como dixemos da falta de mantemento en parques, algúns sen zonas de sombra, ou dunha deficiente previsión, como no caso das limpezas de rueiros e elementos patrimoniais, que xeran queixas a pesar de que contamos con medios técnicos máis que suficientes.
Dende a nosa formación pensamos que a Concellería responsable dos parques e xardíns, debe hoxe por hoxe ser unha Concellería con moito máis desenvolvemento. Por ese motivo presentamos este pasado xoves unha moción onde propoñemos a creación dunha mesa local do medio ambiente, formada por persoal técnico cualificado e por representantes de todos os partidos políticos, co obxectivo de elaborar, avaliar e poñen marcha un plan de actuación e posta en valor que permita unha planificación a medio e longo prazo dos nosos espazos de lecer, o cal facilitaría enormemente a xestión en todos os aspectos.
Solicitude dunha axuda a Deputación.
Con independencia do falado, días atrás o noso concelleiro Sergio Soutelo presentoulle á alcaldía unha solicitude onde animaba a acollerse a unha liña de axudas da Deputación, publicada a principios de maio e que permitiría recibir un lote de árbores, ata 35, cos cales sería posible por exemplo repoñer parte do arborado perdido na Carballeira de Ribadumia, aínda que respectando a quen goberna non expuxemos ningunha preferencia. Si solicitamos que se fixera a maior brevidade dado o carácter de concorrencia non competitiva da liña de axudas. Pensamos que acollerse a este tipo de axudas, que son bastante escasas, se ademais se fixera contando de antemán co plan de desenvolvemento que propoñemos crear, axudaría moito á mellora das nosas zonas verdes e de lecer.
En resumo, o noso obxectivo é darlle a volta á situación que temos é mellorar a calidade dos espazos municipais de lecer, así como a posta en valor dos nosos medios naturais e patrimoniais, e facelo realizando propostas concretas e través da busca de acordos que permitan superar as diferenzas políticas. Por iso tamén trasladamos está proposta ao resto de forzas políticas, para que con tempo suficiente, pois o próximo pleno ordinario será en xullo, poidan analizada e propor as melloras que consideren.
• Incapaz de xestionar o ente comarcal, non se atreve nin a convocar os plenos. • Tomadura de pelo a conta da ampliación da ETAP de Treviscoso. • Dende xaneiro, cero novidades, cero xestión, cero relación cos concellos da Comarca e cero logros.
As últimas novas publicadas sobre a Mancomunidade do Salnés poñen de manifesto os dous grandes erros que cometeu o PP na nosa comarca. O primeiro coa moción de censura no ente comarcal, rompendo o clima de consenso que existía e que debe existir nun ente destas características. O segundo ao colocar de presidente deste ente a unha persoa que non ten ningunha capacidade, nin de xestión, nin de relación e de busca de acordos co resto de alcaldes e alcaldesa, nin sequera cos do seu partido, algo imprescindible nunha Mancomunidade de Concellos.
A Mancomunidade nin é un Concello nin pode funcionar como tal. Require de xuntanzas e de acordos entre as diferentes alcaldías, para poder traballar en conxunto polos obxectivos comúns, sen os cales a Mancomunidade non ten sentido. O illamento de David Castro, incapaz de comunicarse cos seus homólogos, coa salvidade do seu pai putativo político Gonzalo Durán, outro alcalde que tampouco é quen de ter un comportamento acorde ao seu cargo, fan inviable o correcto funcionamento da Mancomunidade, que leva traballando en piloto automático dende que se consumou a moción de censura.
Dende Somos Ribadumia entendemos a posición dos alcaldes e alcaldesa do PSOE, pois a situación ao que o PP levou a Mancomunidade é totalmente inaceptable. Por iso pedímoslle en primeiro lugar ao PP provincial e autonómico que tome medidas e poña orde no desbaraxuste que ten o seu partido na comarca e que o coloca fora dos funcionamentos democráticos, ademais de manter conxelado o desenvolvemento da Mancomunidade, algo que afecta a todos os concellos, estean gobernados polo PSOE ou polo PP. E pedímoslle a David Castro que amose un pouco da sensatez da que tanto fala e mude a súa actitude. Xa que escoitou os cantos de serea de Durán e se encirrou en ter a presidencia da Mancomunidade sen pedirllo ninguén, agora que asuma as consecuencias e se faga responsable do cargo. Ribadumia é un dos concellos pequenos dentro da nosa comarca e precisa da Mancomunidade para enfrontar moitas cuestións. De feito a Mancomunidade, que sirve para máis cousas que ir a feiras de turismo, é un importante motor que nos pode levar a mellorar enormemente os servizos que se lle dan á cidadanía e impulsar o desenvolvemento en moitos ámbitos da comarca, pero para iso hai que deixarse de caprichos políticos e poñerse a traballar.
A tomadura de pelo da Xunta a conta da ETAP. De todas maneiras, vendo como actúa o PP dende a Xunta, non nos parece que teñan moito problema coa situación da Mancomunidade do Salnés, máis ben ao contrario. O martes fíxose público que Xunta petoulle a David Castro coa porta nas narices coa ampliación da ETAP de Treviscoso e a coa substitución da tubaxe que da servizo ao Grove. A nova esixencia de que a Mancomunidade redacte un proxecto non é nin máis nin menos que unha tomadura de pelo e outra manobra evasiva para alongar a situación, algo que o presidente da Mancomunidade non debería aceptar. Porén, a David Castro, que resulta evidente que non consensuou a súa postura co resto de alcaldes e alcaldesa antes de ir falar coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nin despois de recibir a resposta ante estas problemáticas, o problema dálle igual, e limítase a manter a súa postura se submisión ante o PP.
Para nos é totalmente inaceptable que a Xunta pida agora, logo de anos mareando, que a Mancomunidade redacte de novo un proxecto. Pero máis inaceptable resulta que o presidente do ente comarcal volvera desa xuntanza sen ningún compromiso claro e formal e sen cartos para sacar adiante unha ampliación que leva anos proxectada e para a cal xa se dispuxeron os terreos, e que aínda por enriba diga que a reunión foi positiva e asuma o discurso de quen con total descaro se está a rir da nosa comarca. Unha postura a de David Castro que ademais non parece que sexa compartida polo resto de Concellos aos que como presidente da Mancomunidade debe representar. A realidade é que David Castro foi por cartos e veu de volta co recado de que os cartos os ten que gastar a Mancomunidade, e sen garantías de que sirva para algo, e el aceptou iso sen rechistar e sen asumir que cando fala como presidente da Mancomunidade, faino representando a posición de todos os concellos, non a súa persoal. Lamentable.
A ampliación da ETAP e a conexión de auga ao Grove non son obras importantes e necesarias unicamente para os Concellos con máis afluencia no verán. Os problemas de subministro neses meses págaos tamén a veciñanza de Ribadumia, con problemas en varias zonas do Concello nos meses de xuño a setembro, que quedan sen auga e con perdas de presión continuas. Cómpre unha solución e ten que ser inmediata, non podemos agardar a que os intereses políticos do PP e de David Castro, que nada teñen que ver coa veciñanza de Ribadumia, o vexan adecuado.