Orzamento 2024, tarde, mal e falso.

  • Un orzamento feito a todo correr, copia-pega do de 2022.
  • Datos falseados interesadamente.
  • O PP da Xunta, nin está nin se lle espera.
  • Abandono do rural nos investimentos, nula mellora dos servizos públicos e do apoio aos colectivos do Concello.
  • O Período medio de pago en case 100 días, e o Concello ao borde da intervención do Estado, grandes logros da concelleira liberada  de contas e de David Castro.

O goberno aprobou este xoves o orzamento para 2024. E fixo, como non podía ser doutra maneira, mentindo e enganando á veciñanza, presentando uns números que non se aproximan á realidade do noso concello e condenando ao goberno local a tirar de modificacións de crédito para completar o ano, algo por outro lado xa tristemente habitual.

O último orzamento de referencia é o do ano 2022. Con respecto a ese orzamento, temos un total que sube con respecto a ese ano case un 13%, que parece moito pero non é nada. Máis ben ao revés.

Pasamos de  4.293.795,18  no  2022 a  4.845.202,64 €  para este 2024. 551.407,46 € máis que fai dous anos. De partida, este aumento orzamentario responde unicamente ao aumento das aportacións do estado ás arcas municipais, pois o Concello non incorpora remanente de anos anteriores, nin aumenta as partidas de fondos propios, ou os seus ingresos, e seguimos sen noticias dos importantes investimentos que a Xunta ía facer en Ribadumia a cambio do paso de David Castro ao PP.

Dese medio millón de aumento con respecto a 2022,  385.069,14 € vanse as actualizacións e ao aumento do cadro de persoal, 252.151,78 euros xa unicamente para o persoal de gardería incorporado logo da súa municipalización. Así que de inicio temos un orzamento que apenas varía con respecto ao 2022, e polo tanto, como falamos máis abaixo, é unha estafa á veciñanza por irreal.

Centrándonos no propio documento, os investimentos reais, que son os cartos que o Concello dedica a obras, infraestruturas, mantementos das instalacións públicas e  dotación de servizos sube con respecto ao 2022   178.527,30 €. Pero , aínda que no total pareza que o goberno inviste máis no Concello, en realidade inviste menos, porque a maior parte dos fondos van a tres cuestións concretas e puntuais: o bonus track da obra da rúa Condesa, onde o Concello vai pagar con fondos propios  80.000 € enriba dos 211.344,89 que xa puxo para ese proxecto vía modificación de crédito,  a renovación do cespede de A Bouza, 267.178,91 € dos cales a veciñanza vai poñer  227.000 euros e poñendo a Deputación escasos 46.000€. O terceiro investimento vai ser o arranxo dos parques do centro de Barrantes, 169.512,22 € con cargo ao Plan +Provincia, antigo Plan Concellos.   A obra dos parques de Barrantes, para o caso de que se leve adiante, non esquezamos que no parque da Carballeira o Concello xa presentou e anunciou anteriormente dous proxectos distintos e unha Pump track  que non se realizaron, cómese dous terzos do Plan +Provincia, e os fondos propios do concello vanse tamén na súa maior parte á rúa Condesa. A consecuencia disto é o total abandono do rural, que apenas recibe investimentos para mantemento máis básico, fora as axudas fixas por exemplo do Plan Marco e fora a contorna de Puxafeita e Outeiro, unha zona que acumula xa preto de 200.000 € en investimentos e chapuzas viarias, non está claro para dar servizo a quen. Dende o noso punto de vista esta lamentable disposición económica é consecuencia da incapacidade de xestión de David Castro, que adoece dunha completa falta de previsión e de xestión, e que tampouco é capaz de encaixar os orzamentos na nosa realidade.

 Do resto do orzamento:

  •  seguimos sen darlle un uso ás partidas para emprendemento e apoio ás empresas, conxeladas nos 38.000€ e quedando cada ano sen gastar, convertidas en partidas comodín para que o  alcalde as poida usar en outras cuestións. Asi pois, apoio ao emprendemento e ás pequenas empresas do Concello: cero.
  • Un ano máis, e van sete, as partidas a clubs e entidades conxeladas. Ou peor, porque primeiro, os custes nestes aos para esas entidades subiron moito, e segundo , ao haber máis clubs deportivos que no 2017 pero a mesma partida, os clubs máis veteranos están levando menos cartos.  Apoios aos clubs, o mínimo. Non confundir co apoio a eventos privados como o AF7, que sube disimulado en varias partidas ata o punto que é imposible saber o que lle custa ao concello ese evento.
  • Tampouco se melloran os fondos para o comedor escolar e para o transporte do CRA, e iso que é evidente que fan falla, pois son servizos con boa acollida. Ribadumia non avanza en servizos de conciliación dende fai anos, ao contrario, mantén os recortes realizados neses servizos durante a pandemia. Outro logro de David Castro: o de non facer nada.

As falsedades do orzamento.

 Pero se por algo destaca o orzamento e pola súa falsidade. Por un lado, a última conta xeral aprobada, a do 2022,  xa deixou patente que o Concello de Ribadumia precisa para un funcionamento mínimo situarse nos 5 millóns e medio. Non esquezamos que os  números do 2022 deixaron un resultado final de máis de 6 Millóns de euros mobilizados.

Ademais, estamos en xullo, e moitos investimentos, como ben dixo a Concelleira de Contas no Pleno, xa están realizados ou comprometidos.

   Pois sorprendentemente, partidas como a da Festa do Tinto, que xa tivo lugar e  cuxas contratacións se realizan a principios de ano, mantén a partida de 120.000 €, cando no 2022 esa festa tivo un custe que rondou os 163.000 €. E esta non é a única partida que se mantén a pesar de que é evidente que os gastos ao cabo do ano son moi superiores. En total, o Concello oculta mais de medio millon de euros en gastos, que posteriormente terá que mover vía modificacións de crédito e desviando as partidas “comodín” dentro do orzamento.

Dende Somos Ribadumia non podemos apoiar uns orzamentos que non son acordes á realidade do noso concello, que inclúen partidas falsas por incorrectas, que entrampa os números e que supoñen un engano á veciñanza. Ademais todo isto deixando atrás tantas cousas por mellorar, dende os servizos de conciliación aos espazos públicos de todo o Concello.

  Por motivos laborais, Sergio Soutelo non puido estar presente no Pleno, pero si asistiron membros do noso partido, e debemos lamentar o triste espectáculo protagonizado por David Castro, incapaz de defender os seus propios orzamentos, enleandose con tubos e cuestións particulares sen vir a conto de nada.

O período medio de pago en 98 días.

Queremos recordar en último lugar, que a actual concelleira de contas, en excedencia precisamente do seu posto como técnica da administración local, e que cobra o dobre que a anterior concelleira de contas, non foi quen nin de xustificar o retraso na presentación do orzamento deste ano, nin a ausencia do orzamento do 2023, o cal nos fai preguntarnos se está concelleira foi liberada como un pago de favores, algo moi típico de David Castro visto o acontecido na Mancomunidade con José Asperez, ou se sinxelamente non está á altura do seu cargo. En calquera caso, dende a entrada do novo goberno a xestión económica caeu en picado. O xoves púxose de manifesto que o período medio de pago xa está en case 100 días, triplicando o máximo legal de poñendo ao Concello ao borde da intervención do Estado. Exisimos actuacións e medidas que poñan freo a está situación.

Solicitamos ao goberno de David Castro que dote nos espazos públicos cambiadores de cueiros e zonas de lactancia..

A maioría de locais municipais carecen de cambiadores de cueiros, e non hai ningún espazo de lactancia
• Propoñemos que se doten cambiadores de pañais en todos os edificios e parques públicos.
• Propoñemos tamén que se doten zonas de lactancia nos edificios e locais municipais.
• Do mesmo xeito, pedimos que cando se contraten aseos públicos, se incluían neles estes servizos.

Dende a nosa formación temos comprobado que a pesar de que somos un concello con moitos nenos e nenas pequenas, e polo tanto moitas familias que acoden ás instalacións e parques públicos, estes espazos non están actualizados para atender a esa realidade e a certas cuestións que ,cada vez máis, as nais e país reclaman. Neste caso concreto referímonos a ausencia de dotación de módulos cambiadores de cueiros, que favorezan esa labor tanto cando se está pasando un anaco nun parque, onde esta operación pode resultar ben incómoda, como cando se está participando nun evento cultural nunha casa de cultura ou no Auditorio, ou mesmo cando se acode ao concello ou ao local de servizos sociais para calquera trámite. E no caso dos locais públicos pasa o mesmo coa ausencia de espazos de lactancia, pois nin un só local de todo o Concello ten habilitada unha zona para facilitar esa labor.

Situación similar é a que se vive nos eventos de maior público, como pode ser a Festa do Tinto, pero tamén outras como a recente Ruada das Gotas. Nestes e outros eventos o Concello ven contratando dende o 2016 cabinas de aseos, pero non se está tendo en conta estas necesidades que son moi específicas pero afectan a moitas familias, e no caso de eventos de maior tamaño, a falta dun espazo cómodo onde dar o peito con certa tranquilidade ou cambiar o cueiro dun bebe, para esas nais e país que queren ssocializ e articipar dos eventos cos seus nenos e nenas pequenos, resulta algo incomodo, cando ten ben sinxela solución.

Por estes motivos, esta semana Sergio Soutelo presentou por rexistro unha solicitude para instar ao goberno local a que por un lado “dote de módulos para facilitar o cambio de cueiros en todos os edificios de titularidade Municipal, así como en espazos verdes e parques infantís, e que esixa ás empresas que subministran aseos portátiles para os diversos eventos que organiza o Concello a que inclúan cambiadores nos mesmos” e polo outro que “na medida das posibilidades dos propios locais municipais, se habiliten zonas de lactancia nos mesmos, e que na contratación de aseos portátiles se inclúa tamén algún modulo que sirva como espazo de lactancia ou se doten zonas específicas”.

Un ano de mandato desastroso.

O custe en cargos políticos máis alto dende o inicio da democracia pero non hai ninguén que atenda no Concello.
• Perda de axudas, retención de fondos por non cumprir coas súas obrigas, os colectivos sen axudas e o concello sen orzamento dende 2022.
• Enfrontamentos con colectivos, con entidades, coa hostaleria local, cos alcaldes da comarca e con case todo o mundo,
• Espazos públicos en estado lametantable, erros de bulto na xestión, actuacións dubidosas e abandono de funcións.

Aínda que este primeiro ano de mandato de David Castro se puidera considerar continuísta, o certo é que o resultado, á vista dos acontecementos e da documentación, David Castro superou a súa propia dinámica ata establecerse no desgoberno máis absoluto, e podemos dicir que, con diferenza, estamos ante o peor alcalde da nosa historia recente, e como mínimo dende que saímos da dictadura franquista.

Comezando pola xestión da administración local, o que a veciñanza non ve pero remata notando, David Castro ten o Concello ao pairo, sen xestión, pero tamén sen recursos, e pagando as consecuencias. Estamos sen orzamento dende o ano 2022, o cal impide levar adiante novos investimentos ou aumentar as partidas de axudas a colectivos, por exemplo. Non se entregan os números do Concello en tempo e forma ante os organismos de control. Isto provocou xa varias retencións de fondos, ademais de que complica o acceso a determinadas axudas doutras administracións. Ao rexistro municipal non fan máis que chegar requerimentos de subsananción de erros de todo tipo, e constan obras importantes onde se falsearon documentos, como denunciamos no seu momento. Os colectivos municipais tamén sofren as consecuencias da falta dun alcalde ao mando do concello. Sen un motivo xustificado máis que a intención de prexudicar a determinados colectivos, as axudas deste 2024 convocáronse a inicios deste mes de xuño, logo de meses requiríndollo ao señor Castro, tanto nós como forza política como os propios colectivos.

Isto falando de inacción, por que falando de acción, topamos dende eventos como o desfile de entroido feito sen medidas de seguridade nin permisos, ata modificacións de PXOM feitas á medida dunha empresa concreta e intentos de legalizar unha nave que debería estar precintada, a politización esaxerada de todos e cada un dos eventos do noso Concello, a mala organización e xestión dos mesmos, como comprobamos na Feira da Familia ou na propia Festa do Tinto, os ataques a traballadores do Concello, cuxas consecuencias está pagando a veciñanza – consta media ducia de queixas formais polo ridículo despacho do educador familiar que impide a correcta atención – , ou os conflitos cos diversos colectivos municipais, algúns con final no xulgado, como no caso do Xuventude Sisan, e outros que xa informaron que ou ben deixan a súa actividade ou se cambian de Concello.

Falando da xestión do público, o que afecta máis directamente á veciñanza, no último ano só puidemos constatar o abandono e pésima xestión que o goberno do señor Castro fai das problemáticas e en xeral de todo. Para comezar, estamos ante o goberno máis caro da nosa historia en liberacións políticas, pero no Concello non hai ninguén que atenda, e para falar co alcalde, como sempre, hai que “encomendarse a un santo”, e pasar diversos filtros. Lamentable que quen atenda á veciñanza sexa a secretaria particular do alcalde e non el mesmo como corresponde. A ausencia do goberno faise notar en moitos aspectos, pero resumindo, so diremos, e isto pode comprobalo calquera que se pase pola casa do Concello ou observe como se xestionan os traballos de mantemento, o caos na xestión municipal é absoluto, e só se salva en parte grazas á profesionalidade do cadro de persoal municipal, que salva moitas papeletas. Pero David Castro non so está ausente do Concello, tamén está ausente da xestión. Fugas de auga e outras roturas que se deixan estar días ou semanas, como o valado da aula do CRA de Ribadumia, que leva mais de dous meses aguantado por unhas taboas e uns puntais. Os cortes no subministro de auga e os problemas co alumeado público son continuos. As instalacións e espazos públicos xa superaron o estado de deterioro e abandono que encontramos no 2015 cando nos fixemos cargo da area de urbanismo, con especial gravidade a Carballeira de Ribadumia, que esta morrendo atacada por un insecto ao que o goberno non presta atención e unicamente corta as arbores mortas e oculta os tocóns, ou os parques de Barrantes, algún dos cales nin sequera cumpre coa legalidade. A política de parches e de favores ou ataques políticos converteu o concello nunha sucesión de obras sen sentido, con tramos de rúas ás que se lle aplican ancheamentos duns poucos metros para deixar o resto como estaba, ou incluso pistas que se deixan sen asfaltar porque pasan por diante da casa dalguén que mirou mal ao señor alcalde ou ao seu concelleiro de urbanismo. Non se rematan as obras que se comezan, ou déixanse en abandono, como o punto limpo que debería terse posto en marcha en marzo e sigue pechado. Abundan os contedores do lixo rotos, segue sen corrixirse a dotación destes elementos en zonas de moito uso, provocando que metade do tempo estean desbordados e xerando cheiros e incómodos. Non hai unha planificación a medio prazo, non digamos xa a longo, e vivimos a expensas das subvencións porque os fondos propios estanse usando para tapar os buracos da xestión do señor Castro, e moitas desas axudas pérdense por non reunir puntos ou por solicitarse tarde. As poucas obras que se fan veñen arrastradas de anos anteriores. David Castro, dende que ten maioría absoluta, non foi capaz de resolver nin un so dos problemas que afecta ao núcleo de Barrantes, e este último ano tampouco se avanzou nada nese aspecto. Ao contrario, co aumento de poboación nese núcleo dos últimos catro anos, problemas como a falta de aparcadoiro aumentaron, pero seguimos sen solucións.

No aspecto político, o desastre na xestión da Mancomunidade logo da moción de censura, que levou a David Castro a estar enfrontado coa maioría de alcaldes e alcaldesa da comarca e incluso cos seus propios compañeiros de partido, non deixa de ser unha extensión do que vivimos en Ribadumia. David Castro e o seu equipo non acaban de entender que unha maioría absoluta non é un cheque en branco e que a oposición tamén representa á veciñanza. Todo son atrancos, moi en concreto cara o noso partido, a hora de facilitarnos a documentación, ata o punto de que tivemos que acudir á vía xudicial, nun proceso que o señor Castro está alongando interesadamente cando o máis sinxelo, e barato, sería cumprir coas súas obrigas e respectar o traballo da oposición. A isto sumémoslle as faltas de respecto continuas nos Plenos e nos eventos públicos, e a intencionada tensión que se está creando na rúa e na que nós non imos entrar, pero que resulta preocupante, e xa temos a foto final do que é un completo desgoberno.

Dende a nosa formación, facemos un chamamento a David Castro a centrarse no goberno municipal, reconducir a situación de abandono na que esta Ribadumia, e a deixar dunha vez a política de confrontación continua á que nos quere levar. Non foi posto pola veciñanza para enfrontar a uns veciños con outros, nin para facer política de venda de favores e arranxos a medida de intereses particulares, nin para facerse fotos con cada pedra que encontra no camiño, senón para resolver os problemas do noso Concello e traballar para o conxunto da veciñanza.

Ridículo absoluto e perda de credibilidade de David Castro á fronte da Mancomunidade.

David Castro viuse obrigado a retirar da Orde do Día do Pleno da Mancomunidade os puntos polémicos porque lle deron plantón dous concelleiros do PP.
• Logo de facerse coa presidencia falando das divisións da esquerda, resulta que o que está dividido é o PP.
• Ridículo e total perda de credibilidade como Presidente da Mancomunidade, incapaz ata de dirixir o Pleno.
• Pedimos a David Castro que acepte o proposto pola esquerda e tome o camiño do diálogo. Se non é capaz, que deixe o cargo.

Membros de Somos Ribadumia, entre eles o noso concelleiro Sergio Soutelo, estivemos o pasado venres na sesión do Pleno da Mancomunidade do Salnés, e puidemos comprobar de primeira man o grao de ridículo que alcanzou David Castro, así como a total perda de credibilidade á que chegou, entre o resto de alcaldes e concelleiros, incluídos os del, e ante toda a comarca pois o Pleno tivo ampla afluencia de público e medios de prensa, logo de que un concelleiro e unha concelleira de Meaño do PP lle deran plantón e lle rebentaran o plan de aprobar o orzamento da Mancomunidade, a liberación de Asperez e o nomeamento da vicepresidencia na persoa de Sabela Fole.

A ausencia desas dúas persoas do PP deu ao traste co plan, fixo públicos e notorios os problemas que atravesa o PP na comarca, pero sobre todo deixou patente a incapacidade de liderazgo do propio David Castro, que logo de usar as supostas divisións da esquerda para xustificar a moción de censura na Mancomunidade e facerse coa presidencia, resulta que as divisións están no seu partido e que ademais nin sequera o resto de alcaldes do PP estaba ao tanto da situación. O venres foi evidente que David Castro enganou a propios tanto como a alleos, perdendo a pouca credibilidade que lle puidera quedar e danando a imaxe do partido que o comprou fai un ano, que por certo andivo moi áxil a poñerse de perfil e deixar David Castro só co lío que el mesmo creou.

Dende a nosa formación non podemos valorar os motivos desas dúas persoas para non acudir ao Pleno, pero é evidente que os intentos de David Castro de pagar favores a Asperez e de paso colocalo en liña de acople co PP, non está gustando no grupo de Viéitez, con toda lóxica se temos en conta que os Independentes de Meaño son a primeira forza de oposición nese Concello. As diferenzas entre David Castro e o alcalde meañés, alimentadas por Gonzalo Durán, son coñecidas, e agora é coñecida a incapacidade de David Castro para dialogar con calquera outro cargo político, incluídos os do seu partido.

O papel de Gonzalo Durán.

O caos vivido o venres na Mancomunidade deixou outras lecturas. Gonzalo Durán declarou no anterior Pleno, en marzo, que non volvería aos Plenos da Mancomunidade, pero o venres asistiu coa clara intención de restregar a súa “victoria” ante o PSOE e o propio Viéitez, e de paso dar apoio e instruccións a David Castro, que non leva ben o de debater en igualdade de condicións nin a propia xestión dos plenos, visto o visto nese pleno. Logo do fiasco, Durán, xunto a Telmo Martín marcharon antes de rematar o Pleno, deixando de paso a David sen o apoio dos dous alcaldes do seu partido presentes. Unha mostra máis da falta de peso de David Castro no PP.

Antes diso, por se David aínda non había caído bastante baixo, puidemos comprobar o nivel de dependencia que ten do alcalde de Vilanova. Formalmente as forzas de esquerdas pediron a retirada do orzamento da Orde do Día, ademais con argumentos sólidos. Pero foi Gonzalo Durán, primeiro a través dunha nota e logo de viva voz á vista do momento de confusión no que quedou David Castro, o que deu orden de retirar ese punto e tamén os seguintes, que correspondían coa liberación de Asperez e o nomeamento de Sabela Fole como vicepresidenta, e evitar a perdida das votacións é un bochorno aínda maior.

Resumindo, na Mancomunidade o presidente é un e o que manda é outro, e se quedaban dúbidas, o venres despexáronse soas. E isto non pode ser aceptable, porque ademais o que manda non ten o mínimo interese no funcionamento da Mancomunidade, unicamente en resolver os seus conflitos persoais.

Chamada ao diálogo.
Con todo, o venres o que quedou patente por enriba de todo o demais é a situación de inestabilidade á que David Castro levou á Mancomunidade. Dende a nosa formación pedímoslle ao señor Castro que recapacite, que deixe de guiarse polas tolemias de Gonzalo Durán, e emprenda o camiño do diálogo co resto de alcaldes e alcaldesa da comarca e forzas con representación na Mancomunidade. O venres puido certificarse a ruptura do ente comarcal, e só se salvou gracias precisamente ao desplante do PP de Meaño, pero a situación está moi lonxe de normalizarse, e corresponde ao presidente asumir o liderazgo necesario e dar os pasos para reconducila. Nese aspecto, nós sempre estaremos dispostos a axudar. Pero se o señor Castro non é capaz de estar á altura das circunstancias, é mellor que renuncie á presidencia en favor de outro alcalde ou alcaldesa con mellor capacidade de diálogo que leve ao ente mancomunado ao estado anterior á moción de censura.