Queixas polo retraso na reapertura do punto limpo.

  • A obra rematouse en marzo, pero o punto limpo segue pechado meses despois.
  • Disparouse o uso incorrecto dos contedores de lixo, e o abandono de enseres na rúa.
  • O Concello tampouco actúa ante o que queda tirado na vía pública, dando unha imaxe lamentable.
  • David Castro non da explicacións.

  O retraso sobre a reapertura do punto limpo municipal, sobre o que David Castro non quere dar explicacións, está motivando toda unha serie de inconvintes innecesarios, así como usos incorrectos dos contedores e en xeral un aumento da imaxe de suciedade no noso concello e das queixas veciñais.

  A obra do punto limpo, valorada en preto de 300.000€ ficou rematada no pasado mes de marzo, pero dende entón por alí non volveu ninguén, e o punto limpo, que se pechou o pasado novembro,  segue pechado.  A cuestión saíu a relocer nos dous últimos plenos, pero o señor Castro non deu nin explicacións do retraso nin data de reapertura.

   O resultado disto é un retroceso logo de anos de concienciación sobre a importancia de levar os materiais de obra domestica, mobles, enseres e en xeral todo o que non ten cabida nun dos contedores habituais ao punto limpo. A veciñanza que en principio gardaba ese material agardando unha pronta reapertura xa se cansou fai tempo, e levamos meses detectando un aumento de enseres e lixo de todo tipo que queda tirado na vía pública, en ocasións ao lado dos contedores, as veces dentro cando non corresponde, provocando incidencias de todo tipo, dende pequenos lumes ata a incapacitación  do contedor por estar cheo de restos de obra, por exemplo.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que non podemos pedirlle a veciñanza que teña uns comportamentos cívicos sen dotarlle os mecanismos para actuar correctamente. Ademáis, aínda que o Concello dispón dun camión para a recollida de enseres voluminosos, nin se publicita o servizo correctamente, nin tampouco está xestionando de maneira eficiente, provocando que moitas veces enseres de maior volume estean días na rúa, precisamente por esa falta de eficiencia na recollida.

  Tampouco se están recollendo os materiais de todo tipo que a veciñanza deposita ao carón dos contedores, e temos detectado un caso dun contedor mediado de restos de obra, que os operarios do lixo non poden volcar no camión da recollida, tendo que facer o valeirado das bolsas manualmente dende fai semanas, pero o goberno local, que obviamente está ao tanto, non manda tampouco a ninguén a recoller eses restos e deixar o contedor operativo.

Así pois, ante un problema provocado polo propio Concello acometendo unha obra que ninguén lle pediu, o propio goberno local de David Castro actúa con completa desidia, deixando todo abandonado.

 E todo isto súmase a problemas anteriores, como a falta de contedores suficientes, sobre todo de recollida selectiva,  en varias zonas do concello que provocan que metade da semana o cartón e plástico se acumulen no chan e arredor deses contedores, dando unha imaxe moi lamentable, unha situación que se fai moi relevante no centro de Barrantes,  ante o pasotismo de David Castro, que xa denunciamos en anteriores ocasións xunto á absurda distribución das  xaulas postas para disimular a presenza dos contedores, que en varios lugares resultaron ser mais pequenas que o grupo de contedores que tiñan que tapar, quedando algúns contedores fora das mesmas.

  E resumo, a xestión do lixo, como acontece co resto, adoece do mesmo problema de desidia e abandono político que o resto de áreas do Concello. E é unha xestión que estamos pagando. Non debemos esquecer que toda a veciñanza, os locais hostalerios e as empresas pagamos unha taxa de recollida de lixo, que irremediablemente se vai ver afectada pola suba do canón de SOGAMA aprobada esta semana, polo que non é aceptable que a veciñanza pague por este servizo e o Concello estea dando unha imaxe tan lamentable dia si e dia tamen.

Pedimos a David Castro que se reabra o punto limpo de maneira inmediata, e se non é posible que dea a cara e aporte as explicacións necesarias de porque esta o punto limpo pechado a estas alturas e como vai repercutir o aumento da taxa de SOGAMA  na veciñanza,  e que  resolva os problemas que o noso concello ten na xestión do lixo, dote contedores onde sexa necesario e en xeral que  deixe de mirar para outro lado.

O Concello de Ribadumia, multado por Augas de Galicia a causa da desidia de David Castro.

  • 1.500 € por “desatención a un requirimento de Augas de Galicia en materia de verquidos”.
  • David Castro non atende ás súas obrigas como alcalde, pero as multas páganse con cartos  da veciñanza.
  • Outros imcumprimentos documentados: varias deficiencias da rede de saneamento e pluviais sen resolver.

  Outras cuestións ante as cales David Castro non quixo responder no pasado Pleno foron relativas a temas de verquidos e saneamento.

   Unha delas foi a multa posta por Augas de Galicia por, citamos literalmente, “desatención a un requirimento de Augas de Galicia en materia de verquidos”. Dita multa foi interposta porque ante a detección dun verquido a un regato na parroquía de Sisán, e posterior comunicación ao Concello, David Castro mirou para outro lado, caendo noutro episodio de deixadez de funcións.

  A cuantía da multa, 1.500€, quizais ao señor Castro non lle pareza moi alta, pero moito ou pouco, vaise pagar cos cartos de toda a veciñanza, unicamente pola súa desidia e abandono das súas obrigas como alcalde.

   De feito, no propio expediente de Augas de Galicia certifícase que o Concello nin sequera se molestou en presentar alegacións ante a interposición da multa, o cal demostra que David Castro preferiu pagar antes que traballar e resolver un problema.

As preguntas concretas que se presentaron por esta cuestión, foron as seguintes:

  • Por que motivo alcaldía non actuou ante o requirimento de Augas de Galicia?
  • Porque motivo o Goberno de Ribadumia non atende as súas obrigas na cuestión do control de vertidos?
  • Porque motivo a veciñanza de Ribadumia ten que pagar cos seus impostos multas motivadas polo abandono da alcaldía das súas funcións?

É evidente que para respondelas non era necesario realizar ningunha consulta de documentación, e dende logo eran preguntas de fácil comprensión, ademais a data da comunicación  definitiva da multa é do 1 de marzo, así que tampouco é que o señor Castro non tivera tempo para pensar no asunto. David Castro non quixo respondelas para evitar dar a cara publicamente.

Deficiencias na rede de saneamento.

O verquido ante o cal David Castro non actuou rematando cunha multa non foi a única cuestión mediambiental ante a cal o alcalde non quixo dar explicacións no Pleno. Sergio Soutelo tamén presentou preguntas relativas a outra comunicación de Augas de Galicia, con data do 5 de maio, dous meses antes do pleno,  onde se informaba de varios problemas na rede de saneamento, e concreto un total de cinco incidencias  por entrada de augas pluviais á rede de fecais.

Desas cinco incidencias, catro tiñan a categoría de prioridade moi alta, ou sexa  que  debían resolverse de maneira inmediata, e unha de prioridade baixa que tamén requiría dunha solución, non tan inemediata pero si urxente. De feito no propio  informe urxíase á solución de todas estas incidencias. A David Castro Sergio Soutelo preguntoulle o seguinte:

  • Están esas deficiencias solucionadas a día de hoxe? ( 4 de xullo)
  • Se non fora así, cal é o motivo?

David Castro tampouco respondeu esta pregunta, sendo ben sinxelas de responder, polo que cabe supoñer que as deficiencias, cando menos no día no que se celebrou o Pleno, o 4 de xullo, estaban sen resolver. Esta falta de capacidade de actuación, ou máis ben desidia deliberada, podería carrexar máis multas ao Concello de Ribadumia, algo para nos inaceptable.

  E todo isto expoñémolo sen entrar na cuestión mediambiental, pero é evidente que permitir verquidos a un río, ou non resolver os problemas da rede de saneamento axudando así tanto a que se produzan verquidos da rede como á saturación das depuradoras de augas residuais, é un comportamento totalmente deplorable nun alcalde.

 Pedímoslle a David Castro que cumpra coas obrigas do seu cargo. Se non quere ou non é capaz, que dimita, pero mentres se decide cando menos que faga fronte ás multas cos seus propios cartos, pois a veciñanza non ten porque cargar con cuestións froito da súa irresponsabilidade e desidia.

David Castro oculta que unha inspección da Xunta topou numerosas irregularidades na Gardaría Municipal.

  • Material defectuoso e deficiencias nas instalacións.
  • Irregularidades no funcionamento, con persoal sen pasar o recoñecemento médico e sen horarios definidos na Xunta e co Certificado de delitos de natureza sexual sen actualizar.
  • En perigo a gratuidade da gardería por non cumprir as normas.
  • David Castro non quixo responder preguntas no Pleno.

  No pasado Pleno Ordinario, David Castro negouse a responder a diversas preguntas presentadas por escrito polo noso concelleiro Sérgio Soutelo segundo el porque non as entendía ou tiña dúbidas ao respecto das mesmas. Aínda  Sergio Soutelo xa presentou un escrito ofrecéndose á alcaldía para resolver calquera dúbida, a realidade non ten nada que ver con iso, e o señor Castro unicamente tentaba gañar tempo ante varias cuestións. De todas elas iremos falando nos próximos días, pero de momento queremos por de relevancia a situación da escola infantil municipal, que en febreiro recibiu unha inspección da Xunta de Galicia, que emitiu un informe cheo de deficiencias e requirimentos ao Concello, que de non cumprirse, e non sabemos se se cumpriron, porque David Castro négase a explicalo, podería supor a expulsión da escola infantil da rede de escolas gratuítas ao perder o patrocinio da Xunta, ademais da situación de inseguridade na que estarían os nenos e nenas.

  O informe da inspección contén, como dixemos, todo tipo de deficiencias. Por unha banda nas propias instalacións, con mobles, rodapés e plaquetas rotas que poden provocar cortes ou feridas nos nenos e nenas, e mobiliario tamén roto polo desgaste do uso e sen renovar ou que non é apto para o seu uso en escolas infantís.

 Detéctanse en canto ao funcionamento irregularidades na determinación dos días de peche. No relativo ao persoal resulta que varias traballadoras non tiñan pasado o recoñecemento anual médico, que neste caso é obrigatorio porque se debe acreditar a ausencia de enfermidades infecto-contaxiosas e defectos físicos ou psíquicos que impidan ou dificulten atender aos nenos e nenas. Ademais detectouse que o Concello non actualizou no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ( RUEPSS ) nin os horarios de varias traballadoras nin o Certificado de Delitos de Natureza Sexual, un documento obrigatorio, por moito que as traballadoras sexan da confianza de David Castro, para traballar nas escolas infantís.

  No relativo ás garantías para os nenos e nenas, o Concello ocultoulle á Xunta de Galicia as pólizas dos seguros de responsabilidade civil e sinistros cos que debería contar a Escola Infantil, que dende a nosa formación solicitaremos formalmente, non vaia a ser que aconteza como co desfile de entroido, que non tiña seguros específicos.

   O goberno de David Castro tamén lle ocultou á Xunta o proxecto educativo e a proposta pedagóxica, algo que non ten moita razón de ser pois son documentos que están a disposición das nais e pais, salvo que ese proxecto e proposta non cumpran algún parámetro ou conteña algo que se queira ocultar, que non nos parece que sexa o caso, mais ben outro exemplo de neglixencia e de desidia de David Castro, que pensa que as cousas se autoxestionan soas.

 Pasa o mesmo coa ordeanza fiscal da escola infantil, que define os prezos de uso. A Xunta detectou que varios dos prezos establecidos non encaixan nos parametros establecidos pola propia Xunta, en concreto parametros relativos aos prezos de comedor e de ampliación de horarios. Estes prezos, que deben pasar por Pleno, xa deberían terse solucionado, mais de momento non se modificaron.

  E pasa o mesmo con boa parte da documentación que é obrigatoria ter incorporada ao rexistro da Xunta, e que o Concello non incorporou dende a municipalización da escola infantil.  Estes incumprimentos supuxeron a advertencia da Xunta de Galicia de que de non resolverse a escola infantil podería ser expulsada da rede de escolas infantís financiadas pola Xunta e perder así a súa gratuidade.

  Compre sinalar que sobre esta cuestión, a pregunta específica presentada para a súa resposta no Pleno foi “Corrixíronse todas as deficiencias expostas nese requirimento?” ( en referencia ao informe e requirimento da Xunta ) . Pois David Castro negouse a responder á pregunta con escusas que ninguén cree. A realidade é que descoñecemos se se cumpriron as esixencias da Xunta, pero temos moitas dubidas en primeiro lugar porque as taxas de uso da escola infantil deben modificarse en Pleno e a día de hoxe iso non aconteceu. Ademais a negativa a responder a pregunta, que cun simple SI quedaría resolta, xera moitas dúbidas. Dubidas que tampouco axudan a disipar os rumores sobre favoritismos nas contratacións de persoal.

   Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación pola existencia de todas estas irregularidades, sobre todo no que afecta á seguridade dos nenos e nenas,  pero tamén no que atingue á situación das propias traballadoras e polas consecuencias que pode traer toda esta serie de incumprimentos, pois perder a gratuidade da gardería pola desidia do señor Castro afectaría directamente as nais e pais usuarias da escola infantil.

O que non conten o informe da Xunta é ningunha proposta nin recomendación de   que se lle manden ás nais e pais enquisas de valoración do profesorado como a enviada o pasado mes de marzo, e tal como asegurou David Castro naquel momento . Si se recomendan enquisas para valorar cales son os mellores días para pechar a gardería, e que non se peche determinadas datas por decreto como se está facendo, cousa eu tampouco se fixo. Así pois, demóstrase que unha vez máis David Castro mentiu ao tentar cargarlle a responsabilidade dos seus feitos a un terceiro, neste caso a Consellería de Política Social, e unha vez máis as súas mentiras quedan demostradas por documentos asinados e con número de rexistro.

Confusión en Barrantes por que o Concello mantén os sentidos restrinxidos de circulación un mes despois de rematada a festa do Tinto.


Un mes despois de rematada a festa, no Caleixón Loureiro permanecen os sinais que obrigan ao sentido único e de prohibición de estacionamento en parte da rúa.
• Os sinais permanecen, pero a veciñanza non sabe se debe guiarse por eles ou ignoralos, o cal crea confusión, e posiblemente multas que non corresponderían.
• Pedimos a David Castro que aclare a situación con esa rúa e faga as cousas ben.

Para a celebración da pasada edición da Festa do Tinto, o goberno local procedeu ao reordeamento temporal do tráfico no centro de Barrantes, definindo algunhas rúas como de sentido único.

Un mes despois de rematada a festa, dende Somos Ribadumia comprobamos que algúns dos sinais temporais colocados para restrinxir e guiar o tráfico nalgunhas desas rúas seguen colocados. Referímonos en concreto á rúa Caleixón Loureiro. Na intersección desa rúa coa rúa capela e a rúa Remediós Alvarez, e ao longo da rúa Caleixón Loureiro hai colocados unha serie de sinais, tanto de dirección única, como de dirección prohibida e de prohibido estacionar. Dáse a circunstancia de que varios deses sinais non son homologados e/ ou están colocados dun xeito evidentemente pensado para ser temporal, pois aparecen amarrados de calquera maneira a postes que non corresponden coa sinalización de vías. Ademais para a colocación dalgún dos sinais procedeuse á retirada doutros que deben estar presentes.

O asunto é que o Concello de Ribadumia non emitiu ningunha comunicación, nin temos constancia de ningún bando nin resolución de alcaldía, polo que non queda claro se o sentido único neste tramo de vía vai a ser permanente ou se “por despiste”, quedaron eses sinais sen retirar. En calquera caso a situación crea confusión pois a veciñanza non sabe se debe facer caso deses sinais ou non, podendo dar orixe a multas se a garda civil actúa en base a eses sinais, pois unha parte da veciñanza ante a dubida non lle está facendo moito caso. Por isto, a veciñanza queixase da falta de información, de que se cambien sinais e sentidos da vía sen informar ás familias que viven nesa rúa, que non son poucas, e que aínda por enriba poida caerlle unha multa se non fan caso a uns sinais colocados de maneira bastante chapuceira. Ademais dáse a circunstancia de que o Concelleiro de Urbanismo vive nesa zona, así que coñecemento da situación debería ter abondo, co cal cabe interpretar que se os sinais non se retiraron ou foi por culpa dunha irresponsabilidade do concelleiro, que non sería tampouco raro, ou porque o goberno de David Castro quere meter un cambio de sentido das vías nesa zona pola porta de atrás.

Dende Somos Ribadumia entendemos que todo o centro de Barrantes debería someterse a unha actualización urbanística, de humanización e reordeamento do tráfico, eliminación dos semáforos, mellora da seguridade e dotación de aparcadoiros. E nesta zona en concreto do Caleixón Loureiro, os problemas circulatorios e de faltas de aparcadoiro son moi graves, máis dende que se ocupou o último edificio de vivendas, entre 2019 e 2021. Pola nosa banda levamos no noso programa, e veríamos como moi positivo unha reordenación do tráfico nesa zona, e dotar prazas de estacionamento. Pero as cousas hai que facelas ben, non de maneira chapuceira, con sinais mal colocados e amarrados a postes, recortando zonas de estacionamento, e aínda por enriba facelo con escurantismo e condenando á veciñanza a enterarse dos cambios vía multa.

Por todo o exposto, e logo de que esta cuestión saíra a relocer no último pleno sen que o goberno local fixera nada, este luns presentamos un escrito solicitando a David Castro que aclare a situación e que actúe. Se os sinais quedaron aí por error, que se corrixa o erro e se garanta que ningún veciño ou veciña vai ter que pagar multas pola incompetencia do goberno local. Se non foi un erro e se pretende manter no tempo o sentido único e as limitacións ao aparcadoiro, que se informe, que se proceda a unha sinalización correcta, e que se faga a actuación en toda a zona afectada, pois limitar unicamente unha parte da rúa non vai solucionar o problema nesa zona, e aínda pode agravalo.