David Castro pasa de todo, e faltando tres días para o inicio do curso escolar, aínda non mandou a ninguén por alí, nin solucionou o problema.
As nais e pais preocupados pola situación.
Denunciámolo a principios de maio, e xa naquel momento o valado perimetral da aula do CRA de Ribadumia levaba semanas en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, suxeito por un apuntalamento moi básico de táboas feito de urxencia e separado do patio da aula por unha rede de plástico, unhas medidas que xa dixemos que nin eran suficientes nin as máis axeitadas tendo en conta que falamos dun patio con xogos e columpios onde xogan os nenos da aula e que ademais non fica pechado fora do horario lectivo, o cal supoñía un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula.
Pois pasou maio, e pasou xuño e o resto do verán, estamos xa ben metidos en setembro e o Concello foi incapaz de mandar un grupo de operarios, ou contratar a unha empresa para solucionar o problema, de tal xeito que a tres días de iniciarse o curso, o valado sigue suxeito por unhas táboas. Parece que ao Señor Castro unicamente lle interesan os paseos polas obras do centro de Barrantes, os xantares e as entregas de trofeos, pero as nais e pais e o profesorado desa aula están preocupados pola integridade física dos nenos e nenas que o mércores teñen que iniciar o seu curso escolar, e non nos parece aceptable de ningunha maneira que aquel valado siga nesas condicións. Esiximos a David Castro que actue dunha vez e solucione o problema, e que garanta a seguridade dos nenos, das nenas e do profesorado desa aula do CRA de Ribadumia.
A sentenza obriga a David Castro a facer o que debería ter feito antes: dialogar coas partes e tomar decisións.
Recorrer a sentenza implicaría pasar ao ataque contra o Xuventude Sisán, algo inaceptable.
Pedimos a David Castro que asuma as súas responsabilidades e se sente a dialogar coas partes implicadas.
Dende Somos Ribadumia, visto o resultado no xulgado da denuncia presentada polo Xuventude Sisán, que tal como lamentamos no seu momento foi forzada pola inacción de David Castro, que sendo o único responsable da xestión das instalacións municipais se puxo de lado e negouse a dar solucións ou dialogar coas partes, e aínda tivo a ocorrencia de tomar partido a favor da outra entidade implicada, queremos facer un novo chamamento para que David Castro abandone esa dinámica de confrontación e favoritismos.
A sentenza xudicial é clara e contundente no sentido de que deixa moi claras as obrigas de David Castro. Cómpre remarcar que o señor Castro chegou a argumentar que na xestión das instalacións municipais non rexían os principios da legalidade, dando a entender que o goberno local e por extensión o propio alcalde están por enriba da lei, argumento desmontado na propia sentenza, así como a maioría dos expostos polo Concello de Ribadumia, ao que obriga a facer o que debería ter feito antes sen necesidade de forzar a unha entidade a acudir a un xulgado e sen gastar cartos públicos en facer fronte a outro proceso xudicial.
David Castro, que en ocasións anteriores andivo moi áxil a facer públicas sentenzas de temas alleos ao funcionamento municipal, non parece ter moito interese agora en dar a mesma publicidade a esta sentenza, outro exemplo do nivel político que temos en Ribadumia.
Dende Somos Ribadumia consideramos bochornoso ter un alcalde metido nos xulgados día si e día tamén, ademais perdendo proceso detrás de proceso, algo que tampouco é gratuíto e cuxo custe sae do peto da veciñanza. E parécenos inaceptable que un alcalde teña tratos de favor cara determinados colectivos e de desprezo cara outros.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao señor Castro que deixe estas actitudes, acate a sentenza, se sente coas partes afectadas e dea solución ao problema. E advertímoslle, por se non caeu na conta: foi David Castro quen coas súas actitudes e a súa completa incompetencia obrigou ao Xuventude Sisán a acudir so xulgado, algo que nunca debeu acontecer. E o xulgado falou, alto e claro. Recorrer esa sentenza implicaría actuar de facto contra o Xuventude Sisán e a súa afección, algo completamente inaceptable nun alcalde.
Ribadumia conta con escudo propio, mais non con bandeira, a pesar de constar o seu rexistro na Deputación.
O libro de estilo é unha ferramenta moi útil para adecuar as comunicacións municipais as redes sociais e para dar coherencia á imaxe pública do Concello.
Tamén propoñemos un libro de estilo para a Festa do Viño Tinto e que se protexa legalmente a iconografía propia desta Festa.
Dende Somos Ribadumia temos constatado que hai cuestións relativas a imaxe institucional do Concello que requiren actualizarse, por moitos motivos, polo que pesentamos nas últimas semanas dúas mocións relacionadas con esta cuestión.
Por unha banda está a cuestión da bandeira do Concello. Ribadumia conta cun escudo heráldico oficial aprobado pola Xunta de Galicia o 5 de setembro de 1991 e publicado no DOGA o 16 de setembro dese mesmo ano. Porén, a pesar de que no arquivo da Deputación figura que o Concello aprobou unha bandeira no Pleno Municipal o 23 de febreiro de 1990, onde figura a seguinte descripción, “De azur (azul) con un bezante de oro y seis estrellas de plata dispuestas cuatro en jefe y dos a los lados del bezante”, non encontramos constancia no DOGA da súa aprobación pola Xunta de Galicia nin consta o seu uso en ningún momento.
Dende Somos Ribadumia consideramos que un Concello debe contar cun escudo, máis tamén cunha bandeira oficial que sosteña ese escudo ou que, como no caso da suposta bandeira aprobada no seu momento, recolla o esencial dese escudo e da identidade do noso Concello, que poida figurar nos edificios públicos e no Salón de Plenos como espazo onde reside a vontade popular, e usarse en eventos e en xeral en todo tipo de actos protocolarios.
Consideramos pois, que sería do mais interesante que o Concello se dotara dunha bandeira oficial. No caso de contar con unha, que se oficialice o seu uso, e en caso de que o suposto proceso de aprobación non quedara completado, que se recupere e se leve a cabo para que Ribadumia poida dispor dunha bandeira oficial, aproveitando incluso para renovar e actualizar se se considerase o deseño desa bandeira, que debe ser representativa do noso concello. E esa foi a proposta que presentamos co obxectivo de que se debata en Pleno Municipal.
Por outra banda está a cuestión da imaxe institucional do propio Concello e das comunicacións públicas do mesmo. Anos atrás esta comunicación limitábase aos bandos municipais, anuncios en prensa ou nos Boletíns Oficiais, e pouco máis. Hoxe en día, ademais de todo iso, a paxina web do concello e as súas redes sociais convertéronse mecanismos de continuo diálogo entre a administración local e a cidadanía. E nese aspecto as persoas que xestionan eses espazos dixitais deben entender cal é a posición do Concello, a súa seriedade e formalidade en tanto que falamos dunha institución pública, e ter uns mecanismos de comunicación que garantan esa corrección, que ademais deben ser independentes dos vaivéns da política. Tamén debe terse moi claro que cousas se deben publicar nas redes do Concello e que cousas non se deben permitir neses espazos, como comentarios ofensivos ou ataques persoais ou á propia institución.
É evidente a pouco que se miren as redes sociais do Concello que a ausencia dun manual de identidade institucional así como a carencia dunhas indicacións básicas para o uso da imaxe oficial do Concello e para comunicarse a través das redes, tendo en conta que as persoas responsables das áreas que afectan a isto, dende a elaboración de carteis ata as comunicacións do día a día nas redes, moitas veces son persoas con contrato eventual, ou sen formación en comunicación, impide transmitir unha imaxe institucional homoxénea do noso Concello, co correcto e necesario coidado nas comunicacións, e supón un obstáculo na mellora da comunicación coa cidadanía, que as veces non sabe se está lendo unha mensaxe dunha institución pública ou de alguén pasaba por diante o ordenador e escribiu o que lle pareceu.
Por todo o exposto, consideramos que a renovación da imaxe institucional, co seu conseguinte manual de comunicación, é imprescindible para avanzarmos cara unha administración pública actualizada aos tempos, que aposte na mellora das comunicacións e faga un esforzo maior na transparencia activa de cara á veciñanza. Por este motivo outra proposta que trasladamos a alcaldía para que a someta a debate plenario, é a creación dese libro de estilo, que dea homoxeneidade a imaxe pública do Concello de Ribadumia, e incluso que actualice a simboloxía oficial. Unha proposta ademais que tampouco e nada novidosa, pois moitos son os Concellos que contan cun libro de estilo que facilita enormemente o traballo das persoas que traballan tanto cuestións de deseño como na comunicación deses concellos, por exemplo o de Pontevedra, o de Boiro ou o de Negreira, que ademais de actualizar a súa imaxe corporativa recentemente teñen na súa web un completo manual de identidade corporativa e incluso un deseño oficial para a cartelería de obras, e do mesmo xeito outros concellos de Galicia como o de Santiago de Compostela ou Tomiño, pero tamén de fora de Galicia como por exemplo o de Collado Villalva, apostan por establecer guías de comunicación moi completas, que son de gran axuda.
Ademais do anterior, a proposta fixémola de maneira extensiva á Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación de Variedades Autóctonas. A Festa xa ten protexido o seu nome na Oficina de Patentes e Marcas, pero tendo en conta a importancia deste evento, moi asentado no noso Concello e na comarca, e que conta coas súas peculiaridades, consideramos que sería interesante establecer sobre o papel esas peculiaridades, dende a simboloxía que se usa no etiquetado das botellas que se presentan ao concurso a paleta de cores e tipos de letra que se usa para a cartelería e elementos promocionais, e no seu caso protexer legalmente aquilo que se queira manter como parte da imaxe propia da festa.
• David Castro ordenou o derribo do local onde se encontra Protección Civil, e como alternativa mandaos para a Casa de Cultura de Besomaño, que non está adaptado nin conta cos servizos mínimos. • Dende Protección Civil opóñense á medida por non contar cunha alternativa viable, e advirten de que se pode disolver a agrupación. • David Castro consuma a súa vinganza logo de anos reténdolles cartos, e manténdoos nun local en pésimas condicións. • A veciñanza de Besomaño, quedará sen local social ao quedar este ocupado por Protección Civil.
En silencio, sen levar a decisión a Pleno e ocultándollo á oposición e a opinión pública, David Castro está a punto de culminar coa, escusa dunha obra a súa vinganza contra o colectivo de Protección Civil, e rematar de liquidar á unha das agrupacións máis numerosas da comarca, só dous anos despois de irse facer fotos con eles no seu 25 aniversario, e só nove meses despois de saír na entrega de novos carnés do colectivo dicindo, citamos literalmente “O mínimo que podemos facer dende as administracións é recoñecer o voso esforzo e valentía e poñer todos os medios á vosa disposición”.
Pois para David Castro, “poñer todos os medios á vosa disposición” significa expulsar á agrupación da súa sede, sen darlles unha alternativa viable, condenadoos á súa disolución.
Esta semana o goberno “pasou recado” , pois nin sequera houbo unha comunicación formal, á agrupación de Protección Civil de que foran sacando as cousas da sede actual. Anteriormente houbera unha reunión onde se lles propuxo o traslado ao local social de Besomaño, pero dende a agrupación, segundo lle comunicaron a Sérgio Soutelo na reunión que mantivo onte con eles, non aceptaron a proposta, non porque non queiran moverse, senón porque o local proposto nin está ben situado nin reúne as condicións mínimas para ser usado por unha agrupación destas características.
Dende a nosa formación entendemos que antes de sacar a un colectivo como este da súa sede, cómpre dispor dunha alternativa viable, isto é, un local que estea adecuado para esa función. A este respecto hai que recordar que o local que se construíu para acoller ao banco de alimentos e o ropeiro municipal foi deseñado, e no concello constan os planos, para dotar nun primeiro andar a sede de protección Civil, esa si deseñada contando coa colaboración e posterior aprobación da directiva da agrupación de Protección Civil. De feito o tellado desa instalación está realizado de maneira provisional pensando na súa retirada para dar lugar ao andar que falta. A obra estaba prevista para o ano 2019, pero David Castro destinou os cartos a outras cuestións e desistiu de facer a parte que falta e dotar a esta agrupación dun espazo en condicións adecuadas.
Se a proposta do goberno é levar a agrupación para Besomaño, antes terán que adecuar o local, e explicarllo aos veciños e veciñas desa parroquia, a primeira de Ribadumia que perde un local social.
A escusa é a construción dun aparcadoiro, que conlevará o peche do actual entre o colexio e o campo de fútbol déixando ao Umia cun espazo de aparcadoiro ridículo onde dificilmente entrará ducia e media de coches. Este derrube do único local propio que ao Concello lle queda no centro de Barrantes, e a posterior adecuación do espazo non estaba prevista no proxecto das obras que se están realizando na rúa Condesa, polo que vai supor un aumento, outro máis, do custe para o Concello, que terá que pagalo con fondos propios gracias á falta de previsión e ao estado de improvisación continua na que vive o goberno local. Ademais vaise facer o aparcadoiro nunha contorna educacional, pois o ximnasio que está na mesma parcela, ademais de que o usa o colexio, alberga o Plan Madruga, o comedor escolar e a Escola de Ocio, así como outras actividades municipais, co cal David Castro pretende alonxar o perigo para nenos e nenas en horario lectivo dun punto e achegalo no outro, en horario lectivo pois o ximnasio úsao o colexio , e cando se realizan actividades municipais, a maioría con nenos. Un despropósito absoluto.
Outro colectivo díscolo que David Castro intenta sacar do medio.
Pero no fondo isto non deixa de ser unha escusa pagada con fondos públicos para que o señor Castro poida cumprir as súas vinganzas persoais. Porque o que pretende realmente é que o colectivo de Protección Civil desapareza ou marche de Ribadumia, como xa fixo antes e sigue facendo con outras entidades como ESMAR, á que lle negou o mesmo local no que agora di que quere albergar a Protección Civil, por non falar da guerra aberta contra o departamento de servizos sociais ou os ataques xudiciais a unha traballadora do concello, a veciños particulares e mesmo ao noso partido e ao noso voceiro Enrique Oubiña.
Neste caso concreto resulta que esta non é a primeira xogada que lles fai. Anteriormente castigounos sen acceso a auga pública nas instalacións durante dous anos, tamén lles retivo a axuda do ano 2022 e 2023, e como explicaron dende a propia agrupación dende o 2021 tiveron que limitar as actuacións nas que participan no noso Concello porque David Castro incumpre a normativa pola cal a agrupación debe ingresar o que se lle cobra polo servizo ás aseguradoras dos vehículos en caso de accidentes ou a outros concellos cando solicitan a participación desta agrupación ante calquera cuestión ou evento.
O que nos traslada este colectivo é o seu cansanzo ante as actitudes de David Castro, e advirten de que se pode disolver a agrupación se o trato non se corrixe, se lle dota dunhas instalacións adecuadas antes de sacalos de onde están, e se lles dan un mínimo deses recursos que David Castro tanto alardeou de que era o mínimo que había que darlle.
Pola nosa banda só podemos lamentar a actitude chulesca, absolutista e demagóxica de David Castro, que excede calquera medida no comportamento que debe ter un alcalde. E dende logo non podemos aceptar que sen comunicalo, sen levalo a pleno, sen falalo coas partes afectadas, non só Protección Civil, tamén a veciñanza de Besomaño que queda sen local social, e os colectivos que de cando en cando facían uso dese local, decida de maneira unilateral e totalitaria usar un local público para un fin para o que non está preparado, deixando á veciñanza desa parroquia sen ese local, e enterrando alí á agrupación de Protección Civil, sen ter preparado o local adecuadamente, unicamente como medida de presión á ver se marchan do Concello. De pura vergoña.