Somos Ribadumia participamos nun encontro con forzas  municipalistas de toda Galicia .

  •    A xuntanza tivo lugar en Monforte de Lemos, e reuniu a candidaturas de toda Galicia.
  • Acordo para impulsar un proceso de confederación de proxectos locais.

Este pasado sábado en Monforte de Lemos,  candidaturas municipalistas de toda Galicia  mantivemos un encontro co obxectivo de avanzar nas relacións entre nós e impulsar un proceso de confederación de proxectos locais. Pola banda de Somos Ribadumia estiveron presentes o noso Voceiro Enrique Oubiña e o noso Concelleiro Sergio Soutelo, que valoraron moi positivamente o encontro.

 Ao longo desta xuntanza, onde estivemos representadas agrupacións de máis de vinte Concellos, tanto na oposición como gobernando,  avaliáronse as diferentes situacións que temos nos nosos respectivos concellos,  e concordamos  na necesidade de seguir tecendo  rede entre os proxectos municipalistas, para apoiarnos nun traballo local que, moitas veces, se topa cun caciquismo moi asentado e  cunhas corporacións inmobilistas nos lugares onde estamos na oposición e con falta de apoio e as veces incluso información en temas concretos  nos Concellos onde gobernamos. Así, acordamos avanzar nunha confederación de forzas  locais para apoio mutuo a nivel de traballo municipal e asistencia xurídica, dando continuidade e homoxeneizando os diversos grupos que levamos anos xa colaborando entre nós.

   De cara as Eleccións Municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidimos avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao tempo, a suma dos votos de cara a escolla de deputados/as provinciais. As candidaturas asinantes cremos que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia  nas catro deputacións, podendo deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia”.

  Deste xeito, tamén consideramos relevante  presentarnos  unidas por que permite visualizar a suma total dos votos a estes proxectos que, en conxunto, representan a cuarta forza política do País, sendo, en moitos concellos, a segunda forza.

  Caracteriza aos proxectos locais presentes o combate frontal contra o caciquismo, a pésima xestión  dos recursos locais e  a parálise institucional e a participación no asociacionismo de base, sendo, fundamentalmente, veciñanza que quere un futuro xusto para os seus Concellos. Con este paso que avanza na coordinación a nivel galego, mantense a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espíritu das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século.

 Para as  candidaturas presentes “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país no seu conxunto  e da nosa veciñanza no ámbito máis local, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”.

   Queremos destacar tamén que  que somos forzas  “coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro con outras  forzas políticas e sociais”.

As candidaturas presentes aproveitamos  para amosar o rexeitamento  ao proxecto de Altri na Ulloa que vai supor no caso de saír adiante a morte da ría de Arousa, algo que nos afecta directamente.

David Castro négase a  buscar fondos para dotar unha nova sede para protección civil.

  •  Sumámonos a unha moción do PSOE  para dotar unha nova sede a protección civil.
  • Sergio Soutelo fixo pública a existencia dun acordo previo  e dun proxecto para Protección Civil no anexo de servizos sociais.
  •  Escusas e mentiras do señor Castro para non apoiar a proposta.
  • E mentres, para o desfile de entroido houbo que contratar seguridade privada.

  No Pleno celebrado oo pasado xoves someteuse a debate e votación unha proposta do PSOE que buscaba dotar a Protección Civil dunha nova sede, logo de que David Castro relegara a esa agrupación ao local social de Besomaño, un lugar pouco indicado que ademais deixou á veciñanza desa parroquia  sen o seu local social.

  Dende Somos Ribadumia non só apoiamos esa proposta,  que instaba ao Concello a dotar térreos ou un local para situar  unha nova sede e a buscar apoio económico da Xunta para realizar os investimentos necesarios, senón que propuxemos ampliar o acordo poñendo enriba da mesa unha alternativa xa planificada no 2017, durante o tripartito do que formábamos parte tanto nós xunto  á agrupación socialista e David  Castro. Unha proposta que o PSOE aceptou de bo grado, non así David Castro.

 A realidade, e así o expuso Sergio Soutelo, é que “o local anexo ao edificio que alberga os servizos sociais comunitarios, xa se construíu no seu momento como unha primeira fase dun edificio que prevía levar un primeiro andar onde albergar a Protección Civil.  De feito, no Concello debe constar un proxecto básico dese novo local, que no seu momento foi amosado ao presidente de Protección Civil, que o valorou esegue valorando positivamente”.

  Compre remarcar que tanto o proxecto como a idea de trasladar a Protección Civil a ese novo local, nun espazo céntrico, con sitio para aparcar os vehículos e moi próximo ao local dos servizos sociais comunitarios, cos cales Protección Civil colabora de maneira habitual, estaba acordado entre os tres partidos do goberno, e mesmo o Partido Popular de Salomé Peña   amosara a súa disposición favorable.

   Contra todo pronóstico, pois o PP había dado voto favorable na Comisión Informativa, David Castro, que confirmou a existencia da proposta  que expuxo  Sergio Soutelo chegando incluso a colgarse a medalla da mesma ,  cambiou o paso, e baseándose en que segundo el non existe o proxecto básico do que falamos dende Somos Ribadumia ,  él e o seu grupo  votaron en contra desta moción, dando a entender que Protección Civil vai seguir onde está e que non ten ningún interese en dotarlles unha sede adecuada, e de feito é evidente polas súas declaracións  que ese corpo de voluntarios a David Castro estórballe.

 Gastando en seguridade privada.

  E mentres o señor Castro continua na súa guerra de desgaste contra Protección Civil,  cunha situación de enfrontamento inaceptable, a veciñanza paga as consecuencias con fondos públicos.

  O exemplo témolo no pasado desfile de entroido. O Concello, que durante anos tivo a súa  disposición á maior agrupación de voluntarios de toda Galicia en Concellos con menos de 10.000 habitantes, véuse obrigado a contratar unha empresa de seguridade privada para cortar as estradas e garantir unha mínima seguridade vial durante o desfile.

  Dende  Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as formas nas relacións do goberno  coa agrupación de Protección Civil, nin as escusas absurdas – e tamén falsas – esgrimidas onte no Pleno, atacando a Somos Ribadumia para xustificarse a si mesmo e intentando crear conflitos entre os partidos da oposición.

  Dende Somos Ribadumia agradecemos a talante dialógante do PSOE ,  grazas ao cal pensamos que se someteu a votación unha proposta  moi completa,  tamén apoiada polo BNG,  para un colectivo que cumpre unha función moi necesaria, máis nun Concello sen policía local, e que non merece os desprezos de David Castro.

A nosa posición sempre será a do diálogo en beneficio de Ribadumia e da súa veciñanza. Outros terán que explicar esas ansias destrutivas e de confrontación continúa.

Unha rotura na rede de auga pública leva 5 meses estragando auga.

  • O concello actuou varias veces  pero non reparou a fuga de auga.
  • Centos de  litros de auga pública, que se paga con cartos públicos, estragada a diario  e o goberno mirando para outro lado.
  • O Consumo de auga desbocado,  a auditoría da rede de abastecemento sen facer e o goberno  nin sequera repara as fugas das que ten coñecemento.

     Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia unha situación que ademais de explicar a clase de goberno que temos en Ribadumia, supón un estrago de recursos públicos.

 Na parroquia de Ribadumia detectouse no mes de setembro unha fuga de auga na  rede de abastecemento. Varios veciños informaron ao Concello de que nun punto dunha estrada  secundaria estaba nacendo auga.  De partida, xa o Concello tardou en reaccionar, pois non foi ata novembro que foron atender á rotura.

  Pero despois resultou que logo  de abrir unha gabia de varios metros  e acometer a reparación, a fuga seguiu producíndose, ata o punto de que a día de hoxe, cinco meses despois,  segue nacendo auga no mesmo punto desa estrada.

   Dende a nosa formación asumimos que unha reparación poida complicarse ou dar problemas. O que non podemos aceptar é o pasotismo e a chapuza. Os veciños levan meses chamando ao Concello avisando de que sigue saíndo auga, e a única solución do goberno local foi ir reasfaltar cando a auga desfixo o asfaltado que se había usado para tapar a gabia.

Queremos recordar que cando se produce unha fuga na rede de abastecemento, non so se estragan  miles de litros de auga depurada, senón que ademais esa auga págase con fondos públicos. A última modificación de crédito levada a Pleno polo goberno  incluía unha partida de 50.000 € para pagar  auga, por  enriba  dos 165.000 € orzamentados para o 2024. E foi a propia Concelleira de Contas a que admitiu en Pleno que este gasto esaxerado estaba motivado por  numerosas fugas na rede pública.  Ademais, o goberno do señor Castro non realizou a obrigatoria auditoría da rede de abastecemento, polo que enriba  de perder axudas promovidas pola Xunta para mellorar eficiencia das redes de abastecemento, non ten ningún control sobre a rede pública ribadumiense, e descoñece por onde se lle está escapando a auga.

  Dende Somos Ribadumia pedimos dilixencia na reparación das fugas que como no caso do que falamos hoxe son coñecidas, e esiximos que se cumpran as normas e que o goberno realice a auditoría da rede de abastecemento para definir canta auga se está perdendo  poder actuar para controlar esa perda.

Pedimos a Xuntos que aclare se está con David Castro ou coa oposición.

NOTA: o seguinte comunicado de prensa, e antes o escrito remitido a Ramiro Lorenzo dende a nosa formación pedíndolle que mentres estivese negociando co PP se mantivera ao marxe do traballo do Grupo Mixto que comparte con Somos Ribadumia e con BNG, foron mandados antes de saber que Ramiro Lorenzo, non sabemos se a título persoal ou como decisión do seu partido, xa ten un acordo con David Castro “pendente de poñer nun papel e asinar” . Compartimos o comunicado sen cambiar nada igualmente por dous motivos:

reafirma a nosa posición, e demostra que alguén leva meses mentindo, pois cando Ramiro Lorenzo recibiu o noso escrito e emitíu a súa resposta o pasado mércores o trato con David Castro xa estaba pechado. Non compartimos nin avalamos a xestión de David Castro, e polo tanto non podemos compartir espazo, moito menos información, con persoas que si avalan esa xestión ata o punto de estar dispostos a incorporarse ao goberno do señor Castro.

mantemos a nosa posición de colaborar con calquera formación ou persoas que estean interesadas en traballar por Ribadumia.

++++++++++++++++++++++++++++++++++

  •     Xuntos fixo público que está negociando integrarse no partido de David Castro,

·       O Concelleiro de Xuntos forma parte do  Grupo Mixto con Somos Ribadumia e BNG, e iso ten implicacións.

·       Non se pode  formar grupo con partidos da oposición e so tempo negociando integrarse no goberno.

·       Todo o respecto polas decisións doutros partidos, pero pedimos  o mesmo respecto institucional.

     Fai uns días facíase público que Xuntos, a formación nacida logo do retorno de David Castro ao  PP, estaba negociando a súa reintegración no Partido Popular.

   Dende a nosa formación non nos corresponde  valorar as decisións doutros partidos,  nin sequera dun que nas  súas filas inclúe a persoas moi maltratadas polo Partido Popular e polo propio David Castro, e que precisamente se presentou contra David Castro. En calquera caso será esa formación e no seu caso o seu Concelleiro quen deba explicarlle aos seus votantes ese cambio despois de todo o vivido, e tamén o seu prezo. Pero  en calquera caso Xuntos debe entender que  na rúa creou unha situación de incomprensión ao facer público que está negociando reincorporarse ao PP, e dentro da corporación, que é o que nos compete a Somos  Ribadumia, creou unha situación moi incómoda.

   Xuntos non ten grupo propio na Corporación. Está integrado con Somos Ribadumia e BNG  no denominado Grupo Mixto. Isto non tería moito problema, máis aló do reparto dos escasos fondos municipais que corresponden para a actividades  política, senón fóra porque debido a un exercicio de recorte de democracia por parte de  David Castro, estamos obrigados a repartirnos entre as tres forzas que conformamos ese Grupo Mixto as Comisións Informativas, pois unicamente temos unha cadeira en cada unha das nove Comisións, ademais de irnos alternando nas  Xuntas de Voceiros. Isto crea agora un problema, porque dende a nosa formación, como é comprensible, temos que ter a certeza e seguridade de que a persoa que vai a unha Comisión Informativa representándonos a todos vai expor as cuestións e realizar as consultas que os outros partidos lle solicitemos e no caso de votacións respectar os ditados que decidan entre os dous concelleiros e a concelleira que nos representan aos tres partidos, como tamén en determinados casos falar en nome de todo o grupo. Iso xa non é fácil en partidos de diferente ideario ou estratexias políticas, pero faise imposible  compartir coa necesaria confianza espazo cun partido que xa anunciou boa sintonía co partido que ten o goberno e estar negociando reintegrarse nel.

  Dende o  noso punto de vista, se Xuntos ou o seu concelleiro  queren  negociar co señor  Castro , deberían cando menos amosar un mínimo respecto polos outros partidos cos que comparten o Grupo Mixto e renunciar, cando menos en tanto non rematen as súaa negociacións co PP, que parecen estar moi avanzadas,  a súa participación das Comisión Informáticas, ás que en calquera caso de momento o goberno local permite acudir de oíntes aos concelleiros e concelleiras non designados nas mesmas.

A resposta de Ramiro Lorenzo.

  Todo isto que  estamos comentando fixémosllo chegar ao Concelleiro de Xuntos  nun escrito onde tamén deixamos moi claro que a nosa posición é a de colaborar con todas as forzas que queiran un cambio de rumbo político no Concello, moi necesario á vista de como se ven desenvolvendo o goberno do Señor Castro, respectando as posicións dos demais, pero tamén asumindo que na situación actual os partidos que queiramos darlle a volta  ao goberno e a como se xestiona o nosos Concello,  non podemos ir da man de quen está investigado por prevaricación nin de quen  oculta información e documentación á oposición,  e trasladándolle a nosa vontade de sentarnos a establecer unha folla de traballo para desenvolvernos no lugar que nos corresponde por vontade popular, que é a oposición, compartindo dentro do grupo mixto traballos e información.

   A resposta, asinada polo Concelleiro Ramiro Lorenzo, sorprendentemente non se fixo agardar. Non a imos a valorar no detalle, porque nos parece que o Concelleiro nin acertou o ton e as formas, nin algunhas cousas que expresa se corresponden coa realidade. Pero en conxunto dounos a entender que todo vai seguir como ata agora. A pesar disto, polo ton  do que expón na súa resposta,  temos que pensar que o acordo con David está xa moi avanzado, o cal nos deixa nunha situación complexa, cun concelleiro asimilado  polo  goberno actuando  dende a oposición.

  Dende a nosa formación queremos trasladar un chamamento público ás persoas que conforman Xuntos por Ribadumia para que aclaren se se integran no Partido Popular ou non.   De ser así pedímoslle que asuman as súas responsabilidades no que compete ao espazo que comparten con  Somos Ribadumia e BNG. De non ser así, nos seguimos abertos a traballar e colaborar con quen queira construír outra Ribadumia distinta, dende a seriedade e o respecto polos  funcionamentos democráticos, respectando as diferencias e poñendo en valor as cousas que nos son comúns.