David Castro confirma a súa incapacidade para a xestión dos espazos públicos.

  • Anuncia como un logro verse obrigado a contratar -a dedo- a tres empresas para “poñer ao día” os espazos verdes do Concello.
  • Insólito: anuncia que está adecentando o Concello para o AF7! . Esiximos desculpas por esa falta de respecto á veciñanza.
  • Cero novidade: levamos anos denunciando a privatización encuberta da xestión dos servizos municipais.
  • Nunca tanta maquinaria tivo o Concello, nunca tan pouco se fixo.

    Esta semana David Castro confirmou algo do que levamos anos informando á veciñanza :  non ten capacidade para xestionar o Concello e vese obrigado a subcontratar os servizos municipais, unha medida  inédita en Ribadumia iniciada fai uns anos polo propio Castro logo de alcanzar a maioría absoluta, nun Concello que non destaca nin polo seu tamaño nin pola súa falta de medios materiais

  O goberno local emitiu un sorprendente comunicado esta semana poñendo de manifesto a realidade da xestión de David Castro. Unhas declaracións que chocan frontalmente co declarado polo propio  Castro  en Pleno o pasado mes de novembro, cando asegurou que o mantemento de todas as áreas verdes, viais e rueiros do Concello “están nun estado moi bo”. Esas  declaracións foron realizadas durante o debate dunha moción do noso partido onde precisamente propoñiamos a creación dunha mesa de traballo para organizar e coordinar o mantemento dos espazos públicos do noso Concello que o goberno non aceptou, e agora demóstrase, por boca do propio David Castro, que era unha proposta máis que razoable, e unha medida moi necesaria porque o seu equipo non ten capacidade de xestión.

   Sobre o lamentable  estado real dos espazos públicos municipais temos feito innumerables comunicados e amosadas fotos e videos abondo. Tamén temos informado sobre a subcontratación de empresas, amigas, para determinadas labouras de mantemento ao longo do ano. Para a nosa formación, tendo en conta que nos últimos dez anos o Concello fixo investimentos en maquinaria que rondará  no seu conxunto os 400.000€, é totalmente inaceptable que sexa necesario recorrer a empresas externas, e emnos gastar 20.000 €.  Recordemos que con moitos menos medios, e unicamente reforzando o apoio que recibimos de BATA, durante o período 2015/2019 o Concello estivo en perfectas condicións  de mantemento, e que nós sepamos, nin Ribadumia aumentou de tamaño, nin temos máis kilómetros de viais nin moito menos máis zonas verdes.

Posta a punto para eventos foráneos, non para dar servizo a veciñanza.

  Pero o máis sorprendente do comunicado esta semana por David Castro está nos motivos esgrimidos para acometer este reforzo e contratar ata tres empresas para o que antes se facía con persoal municipal. Resulta que non se fai porque haxa unha responsabilidade cara a veciñanza – que paga os seus impostos – de ter o Concello coidado. O comunicado emitido polo goberno do señor Castro explica literalmente que “esta acción enmárcase nun plan de posta a punto do municipio de cara á chegada da época estival, coincidindo ademais coa celebración de eventos deportivos como a Fase Final da AF7…”, poñendo este evento por diante como motivo fundamental desta acción.

  Dende Somos Ribadumia consideramos totalmente inaudito, pero ademais absurdo, que se diga que se están gastando miles de euros por que hai que ter o Concello bonito para o AF7, un evento foráneo.  En verbas do noso Concelleiro Sergio Soutelo “nin sequera puxo de escusa  a nosa festa máis importante, que será en dúas semanas,  tivo que meter o AF7 como xustificación de algo tan básico como atender ao Concello, como se a veciñanza de Ribadumia estiveramos á disposición do que ese evento mande. Non podemos aceptar isto”.

Tampouco aceptamos que se fale de ter o Concello adecentado “cara á chegada da época estival”. O Concello debe ter os seus espazos públicos, todos eles, en perfectas condicións todo o ano, non só unha parte. E dende logo, temos moi claro que os Concellos que se coidan todo o inverno, pouco reforzo precisan durante o verán.

Esiximos a David Castro que rectifique publicamente estas declaracións. Os espazos verdes do noso concello, os parques, os rueiros e os viais deben estar en correctas condicións prorque é un deber do goberno local cara a veciñanza. Lamentable é que o goberno limpe as contornas dos campos das festas parroquiais unicamente días antes de cada festa, e que o resto do ano deixe todo abandonado, pero este tipo de declaracións son unha tomadura de pelo inaceptable.

Ante a grave situación da EDAR  de Lois, presentamos unha moción para que o goberno xestione unha solución.

  • Un informe de empresa que xestiona a EDAR de Lois destapa que está saturada e verquendo de xeito continuo.
  • David Castro negou a existencia dun convenio con Meis para ocultar a situación.
  • Propoñemos que se busque unha solución negociando unha actuación  conxunta con Meis, mesmo con outros concellos e outras administracións.

O Concello de Ribadumia ten un problema moi grande coa EDAR de Lois, e David Castro está máis preocupado de ocultar o problema que de darlle solución.

  O pasado 24 de maio de 2024 entrou por rexistro do Concello de Ribadumia un informe da empresa que xestiona a EDAR de Lois, elaborado ao fío dunhas obras que nese momento se estaban realizando no Concello de Meis, en concreto na rede de saneamento nos lugares de A Ponte Nova e As Portelas, que apuntaban a unha conexión con esa depuradora. Nós tivemos acceso a ese informe en setembro dese ano, logo doutro episodio de retraso na entrega de documentación tan habituais no goberno local. O informe resultou demoledor e ao tempo moi esclarecedor.

Demoledor porque puxo de relevancia unha realidade da que en ningún momento se informou á corporación, que é que a EDAR de Lois está completamente saturada, “ existindo un vertido por rebose do caudal que non pode asumir á instalación practicamente todo ano, agás os meses estivais (xullo-agosto-setembro).”  Está situación é totalmente inaceptable porque implica un verquido continuado ao río Cañón, que David Castro oculta e que máis aló do desastre ambiental, moi  importante pois o río Cañón  rega boa parte da parroquia de Lois e flúe ao río Umia,  a situación pode ter consecuencias legais moi graves con multas que piden superar o millón de euros e outras consecuencias como podería ser o peche da instalación.

 

  O informe resultou esclarecedor porque puxo de  manifesto a completa irresponsabilidade de David Castro, que  vai máis aló de ocultar unha situación e evitar buscarlle unha solución. O informe, insistimos que entrou por rexistro o 24 de maio, fai referencia a un convenio co Concello de Meis para conectar un grupo de vivendas da parroquia de Paradela a EDAR de Lois. David Castro negoulle ao PSOE no Pleno de Xullo a existencia dese convenio. Ante a discrepancia entre as declaracións do señor Castro e o informe da concesionaria da EDAR, o noso Concelleiro solicitou formalmente a Meis que confirmara a existencia ou non dese convenio, e en caso afirmativo solicitamos copia.

  Recibimos resposta do Concello de Meis o 14 de outubro de 2024, tanto a confirmación da existencia do convenio como unha copia do mesmo, perfectamente asinada polo alcalde de Ribadumia e pola alcaldesa de Meis con data do 30 de xullo de 2021. No mesmo día que recibimos copia dese informe tivo lugar un  Pleno Extraordinario, no cal David Castro non permitiu a Sergio Soutelo expor as súas preguntas na quenda correspondente, pero en calquera caso  dende a agrupación socialista confirmouse publicamente a existencia dese convenio con Meis, que David Castro insistía en negar, e  que recolle o seguinte:

“ Primeiro. Obxecto do Convenio. Este convenio ten por obxecto establecer a forma e condicións de colaboración entre as partes comparecentes para a prestación do servizo de sumidoiros de vivendas dos lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela) que evacuarán as augas residuais cara á EDAR de Lois (Ribadumia) con obxecto de mellorar as condicións de salubridade de persoas que posúen vivenda no ditos lugares.

Para iso, o Concello de Ribadumia cederá o uso da EDAR de Lois para que se sirvan persoas que teñen vivenda no lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela).

Segundo. Beneficiarios/as. As persoas beneficiarias deste acordo de colaboración son aquelas titulares de vivendas dos lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela), que poderán conectarse á EDAR que dá servizo á Parroquia de Lois (Ribadumia)”.  

   Compre remarcar que no Pleno de Xullo de 2024 David Castro ademais de negar a existencia do convenio, declarou, citamos literalmente que “as augas residuais dunha zona concreta de Paradela, que non tiñan (esas vivendas) onde vertela, estanse vertendo na nosa depuradora ( a de Lois)” . Esta afirmación é rotundamente falsa, non hai ningunha conexión realizada á EDAR de Lois dende o Concello de Meis, e de feito David Castro a día de hoxe non respondeu ás solicitudes de conexión realizadas e posteriormente reiteradas polo Concello de Meis en virtude do acordo asinado. Tal é así que preguntado pola situación a nivel de execución do convenio no Pleno celebrado esta pasada semana, o señor Castro non foi quen de dar unha resposta clara. O que si fixo o señor Castro foi bloquear o acceso ao video do Pleno, nun intento de ocultar o que aconteceu nese Pleno.

  Sen entrar a valorar o feito que a David Castro se lle ocorrera asinar un acordo sen antes solicitar os pertinentes informes técnicos que corroboraran que a depuradora de Lois podía asumir as conexións que solicitaba Meis, ou o de que agora evite cumprir as súas obrigas, asinadas por el mesmo,  optando polo silencio e negándose a resolver as solicitudes presentadas polo Concello de Meis, atopámonos que temos unha  situación concreta moi grave que afecta á depuradora de Lois tanto no seu momento actual con verquidos continuados, como ás novas conexións á rede de saneamento que a veciñanza solicite  – obviando o convenio con Meis – dende a propia parroquia de Lois, e que non se van poder realizar. Un problema moi grave, do que a corporación non tiña constancia, e  que dende a nosa formación entendemos que deber recibir unha resposta acorde e, sobre todo, urxente.

  Dende Somos Ribadumia queremos por de manifesto o problema, pero tamén propoñer posibles solucións.

E para nós a mellor solución está no diálogo e en abandonar a dinámica de confrontación infantil que David Castro mantén coa alcaldesa de Meis. O Concello de Ribadumia ten que poñer unha solución ao problema que ten actualmente, incluso sen dar cabida ao caudal procedente de Meis. Pero tendo en conta que  Concello de Meis ten tamén problemas para poder dar conexión de saneamento a parte do seu concello nunha zona ou en varias  lindantes ou próximas a Ribadumia, existe a oportunidade de colaboración e polo tanto de asumir custes de maneira compartida.

  Polo tanto, ten todo o sentido do mundo valorar unha actuación conxunta dos dous Concellos para, ben ampliar a depuradora existente se iso fora posible e razoable, ben para dotar unha nova depuradora que dera servizo sobrado e cun planeamento previsor de cara  o futuro, e que incluso se podería, estudando ben a súa situación, facer extensiva a Vilanova de Arousa ou incluso Portas. Compre remarcar que o propio informe da xestora da EDAR , propón como solución para a situación actual e para poder recibir o caudal de Meis a ampliación desa EDAR sita en Lois. E compre remarcar que se varios Concellos van da man nunha actuación deste calado e importancia, resulta  máis sinxelo obter fondos de outras administracións.

   Por iso vimos de presentar unha moción que propón o seguinte acordo:

–         Instar ao Concello de Ribadumia ao seguinte:

a)  que solicite a Espina&Delfín un estudo en profundidade da situación da depuradora de Lois que inclúa tanto os problemas técnicos ou de capacidade como as consecuencias que están tendo eses problemas no funcionamento da depuradora e no medio ambiente, e as posibles solucións, no curto e no medio e longo prazo.

b) con independencia do anterior iniciar de maneira inmediata un proceso de diálogo e colaboración co Concello de Meis para buscar unha solución conxunta ao  problema de saturación que vive a depuradora de Lois e que resulte beneficiosa a ambos Concellos, sen descartar ampliar a colaboración a outros Concellos pero en calquera caso sempre poñendo o foco en resolver o problema da parroquia de Lois e a saturación que ten a depuradora que hai nesa parroquia.

c) que o goberno local compareza ante esta corporación no próximo  Pleno Ordinario a partir da aprobación desta moción ou, se se considera facelo con anterioridade,  nun Extraordinario, para dar conta do recollido nos puntos anteriores, do estudo referido da situación da depuradora de Lois,  das solucións posibles, tanto a curto prazo para minimizar o impacto ambiental como a medio e longo prazo para dar solución á falta de capacidade da depuradora de Lois, das actuacións realizadas polo Concello de Ribadumia e  da evolución ou resultado das conversas mantidas con Meis e no seu caso con outros Concellos.

Mentres a Xunta e outros concellos da comarca impulsan a creación de vivenda pública, David Castro mira para outro lado e outros intereses.

·   Vanse construír na comarca do Salnés máis de medio millar de vivendas públicas, en Ribadumia cero.

·   Mentres a Xunta habilita mecanismos de axuda aos Concellos para dotar terreos para vivenda, David Castro mira para outro lado, e négase a levar a Pleno esta cuestión.

·   O alcalde négase a debater a nosa moción propoñendo que o Concello dote terreos para poñer a disposición da Xunta.  

·   Mentres outros Concellos fan os deberes, David Castro está noutros negocios e adícase a facer de axente inmobiliario para unha empresa  do sector xeriátrico.

  Como xa dixemos fai uns meses, Ribadumia está no momento xusto, ademais de reunir outras condicións, de que se constrúa vivenda pública e así, ademais de dar saída a unha necesidade que ten moita xente nova que quere instalarse ou non marchar do noso Concello, aumentar de poboación e estabilizarnos por enriba dos 5.000 habitantes.

  Por ese motivo no pasado mes de decembro, ao abeiro dos anuncios da Xunta de Galicia de impulsar parques de vivendas públicas nos Concellos que quixeran colaborar, presentamos unha moción propoñendo que Ribadumia fose un deses Concellos e xestionase a dotación de terreos que dispoñer a disposición da Xunta de Galicia.

  Meses despois, vemos como cada semana os Concellos da Comarca  do Salnés e a propia Xunta de Galicia anuncian a construción de vivendas que de momento poden superar en conxunto o medio millar de vivendas públicas, agardemos que sexan bastantes máis. Porén, Ribadumia non aparece en ningún deses anuncios.

   Unha situación que nos parece dunha enorme irresponsabilidade, ademais do enésimo exemplo da desidia do señor Castro, que nos deixa fora dos poucos avances que o goberno da Xunta está facendo no noso país. O pasado venres o DOGA publicaba unha  resolución pola que se regula o Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida e se dá publicidade do convenio para asinar entre este instituto e as entidades locais. Un programa que en resumo pretende facilitar o traballo burocrático dos Concellos á hora de poñer a disposición da Xunta parcelas edificables para a construción de vivenda pública.  Pois Ribadumia vai perder ese tren porque David Castro négase a levar a nosa proposta, que encaixa perfectamente no plan da Xunta, a Pleno e por suposto a aprobala polo único feito de que a presentamos nós, e tampouco tomou a iniciativa pola súa conta, deixando o noso Concello fora desta posibilidade, nun Concello onde fai anos que non se levanta un edificio e onde o acceso á  vivenda é un problema importante para moita xente.

Buscando terreos para regalarllos a unha empresa xeriátrica.

  Para o que si dispón esforzos e tempo o señor Castro é para buscarlle terreos a unha empresa xeriátrica que logo de pasear por todos os Concellos da comarca topou en David Castro o axente inmobiliario que precisa. Nas últimas semanas tivemos coñecemento das xestións feitas polo señor Castro para comprar, en Ribadumia e con cargo ás arcas municipais , terreos que poñer a disposición dunha empresa xeriátrica, e así solventar, a conta dos veciños e veciñas de Ribadumia, a proposta  que Sabela Fole lle obrigou a anunciar antes do peche do asilo cambadés e que o resto de Concellos da Mancomunidade, incluídos os do seu partido, xa dixeron que non ven factible.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que un alcalde non debe usar o Concello e os recursos públicos para favorecer deste xeito a ningunha empresa privada, menos a empresas con recursos sobrados. Se unha empresa privada desas características quere asentarse no noso Concello, non teremos nada en contra, pero non podemos aceptar  que teña o Concello que comprarlle os terreos e regalarllos como non se lle compran e regalan a ningunha das empresas privadas do noso Concello. No caso de que  goberno local considere a necesidade dun segundo xeriátrico en Ribadumia e polo tanto decida dotar recursos para ese obxectivo,  o xeriátrico que se faga debe  facerse  por iniciativa e cos recursos da Xunta, que é a administración que ten competencias para o tema, con recursos públicos e xestionada  dende o sector público, garantindo a atención de calidade  das persoas usuarias e tamén a accesibilidade para a ampla maioría, algo que non pasa co sector privado, con prezos deshorbitados e unha atención que esta en entredito en demasiados casos.

  E dende logo, consideramos que no momento actual é moito mais urxente en Ribadumia dotar vivenda pública que non un segundo xeriátrico privado, amén de outras medidas que dende o ámbito local se poden e se deben facer.  Por todo iso pedímoslle ao señor Castro que acepte a nosa proposta, ou no seu defecto que teña un mínimo de decencia e responsabilidade e leve as mocións do noso partido  a Pleno e que os partidos se posicionen ao respecto, ou aporten alternativas, e así buscar solucións conxuntas dende o diálogo.

   Por último, queremos por de relevancia o valeirado de contido dos Plenos Municipais. David Castro non só bloquea o dereito a falar e expresarse ao noso Concelleiro Sergio Soutelo, senón que  reduciu o contido  dos Plenos ao mínimo, sen levar ningún tema de relevancia para a veciñanza máis aló  de cuestións obrigatorias e urxentes ou xa fora de prazo, evitando debater boa parte das mocións da oposición ao negarse a levalas a Pleno e  intentado dividir na oposición, poñendo de bos a unha parte, de malos a outra e intentado comprar  outra. E mentres, as contas do ano 2024 sen pechar, o  orzamento deste ano sen aprobar, e centos de miles de euros paralizados e outros tantos en perigo de perderse e o Concello paralizado.

Privatización encuberta da xestión do Punto Limpo?

  • O Punto Limpo segue pechado sen motivo, pero David Castro está contratando os servizos do mesmo por separado.
  • Todo apunta a unha privatización encuberta da xestión do Punto Limpo.
  • Pedimos que se fagan públicos os contratos de xestión dos minipuntos limpos e da recíclaxe dos restos de obra e demolicións.
  • David Castro presume de reciclaxe mantendo puntos de verquido sen controlar.
  • Recordámoslle a David Castro o seu compromiso persoal e político de non privatizar  a xestión do Punto Limpo.

 Os últimos anuncios de David Castro falando de reciclaxe de restos de obra e dos minipuntos limpos colocados fai uns meses, mentres o goberno local mantén o Punto Limpo de Leiro pechado sen motivo aparente, xeran unha serie de dúbidas que dende a nosa formación creemos que deben ser resoltas de maneira pública.

  Sen valorar os supostos informes sobre uso dos minupuntos limpos, dende a nosa formación consideramos que na situación actual co Punto Limpo pechado facer valoracións sacando peito da que resulta a única alternativa posible para reciclar determinados elementos como as pilas, as lámparas ou os cartuchos de tinta, resulta algo presuntuoso, máis dando unhas cifras tan baixas. Falar de éxito na reciclaxe cando o propio goberno mantén verquedoiros no Concello onde se acumula de todo sen ningún control hixiénico e ambiental, e vendo o estado xeral de contedores e a acumulación de lixo e enseres na rúa que levamos meses denunciando,  parécenos ademais unha tomadura de pelo.

Centrándonos nos últimos anuncios do goberno local, compre recordar e remarcar que tanto os produtos que se recollen nos minipuntos limpos como os restos de obras e demolicións non se tiran no monte, senón que deben someterse a un proceso de separación para a súa posterior reciclaxe. Ata fai ano e medio está función realizábase con persoal municipal no Punto Limpo situado en Leiro, o mesmo onde o Concello invisteu 300.000€ nunha obra de ampliación  con data de finalización en marzo de 2024. Dende o peche  do Punto Limpo coa escusa das obras en novembro de 2023, o Concello non conta con espazos adecuados para a recollida de materiais para reciclaxe. Iso ten implicación directa,  xa o dixemos en novembro  cando ademais de poñer  de relevancia a existencia de dous puntos onde o goberno do señor Castro acumulaba verquidos de todo tipo, dos cales un sigue exactamente igual que entón, expuxemos que non había constancia de ningún contrato para a xestión dos minipuntos limpos, algo que o señor Castro desmentiu  pero ocultando o suposto contrato.

Meses despois encontrámonos con comunicacións do goberno local onde se fala de supostos informes dunha empresa sen identificar e con anuncios onde se fala da contratación dun servizo de reciclaxe dos restos de obra que por certo o goberno está acumulando nun verquedoiro completamente fora da lei,  ademais no centro de Barrantes, preto dun parque infantil e nunha zona na que se move moita veciñanza a diario.

Pero o que non fixo o señor Castro foi explicar a quen contratou – e mediante que procedementos – para xestionar eses restos de obra e demolición  e para a separación e tratamento do que se recolle nos minipuntos limpos. Tampouco explicou nin o custe nin a duración deses contratos. De feito o señor Castro nas súas comunicacións oculta intencionadamente cales son as empresas ou a empresa que está realizando esas funcións.

  Dende Somos Ribadumia temos a sospeita de que o señor Castro está privatizando a xestión do Punto Limpo de maneira encuberta , laminándoa en contratos menores coa escusa de que o Punto Limpo está pechado.  De partida, queremos recordarlle ao señor Castro o seu compromiso persoal e político amosado nos Plenos de non privatizar a xestión do Punto Limpo. Somos conscientes de que a palabra do señor Castro non vale absolutamente nada, como ben leva demostrado nestes anos, pero por iso mesmo poñemos de relevancia estes compromisos, e se o señor Castro quere facer o de sempre, cando menos que o explique claramente, xa despois a veciñanza fará as súas valoracións. Pero con independencia disto, dende a nosa formación entendemos que o señor Castor debe abrir de maneira inmediata o Punto Limpo e a través del, como corresponde,  facer unha correcta xestión dos materiais de reciclaxe, eliminado os verquedoiros dos que non quere falar ,  e deixar de gastar os cartos da veciñanza en contratos innecesarios. E se hai algún motivo xustificado para non abrir o Punto Limpo, que o explique claramente e deixe de enganar á veciñanza.

  O noso Concelleiro Sergio Soutelo vai solicitar os expedientes completos da contratación deses servizos e copia do que están facturando e dos supostos informes de xestión emitidos por esas empresas para corroborar que todo está correcto, e dentro do legal.

  En calquera  caso pedimos ao señor Castro que dea explicacións públicas de como se realizaron esas contratacións, se é que se contratou algo, e canto nos están costando.