Lamentable estado do ximnasio municipal.

  • As instalacións sitas en Cabanelas presentan un estado de falta de mantemento, limpeza e coidado inaceptables.
  • Maquinaria rota dende fai meses, outra deteriorada polo uso, óxidos, desperfectos de todo tipo, as instalacións con numerosas deficiencias, e en xeral un estado pouco hixiénico.
  • Instamos ao goberno a que actúe, poña ao día e manteña o ximnasio municipal, que se mantén cos impostos de toda a veciñanza.
  • Hai un problema evidente coa limpeza das instalacións municipais e esiximos que se solucione.

O noso Concelleiro Sergio Soutelo, seguindo a súa rutina de visitas as instalacións de titularidade do Concello, e logo de recibir as queixas de varias persoas usuarias do ximnasio municipal, estivo esta semana nesa instalación, onde constatou o lamentable estado de deterioro e falta de mantemento, coidado e posta ao día que presenta.

   Ao longo da visita comprobamos todo tipo de deficiencias. De partida a propia instalación presenta luces fundidas, boa parte das duchas funcionando mal ou sen funcionar, colgadoiros rotos, óxidos e falta de mantemento por todos lados, goteiras sen reparar, e unha importante e moi preocupante falta de limpeza e hixiene nunha instalación que usan moitos veciños e veciñas do noso Concello e que polas súas características require dun especial coidado.

  No respecto á maquinaria do ximnasio, os óxidos e o deterioro de boa parte do parque das maquinas de peso é evidente, hai varias maquinas de exercicio cardiovascular, valoradas en miles de euros, avariadas e algunha mesmo desmontada nunha esquina, e detalles como asentos rotos que son unha mostra da desidia no mantemento e do pouco interese que o goberno do señor Castro ten polo ximnasio municipal.

  Ademais non falamos dunha situación puntual, pois as queixas polo estado da instalación, que resulta de todo inaceptable, veñen de meses atrás, aínda que nós agardamos un tempo antes de tomar outras medidas porque nos consta que o goberno está ao tanto da situación e contabamos algo mais de dilixencia. Non foi o caso, e polo tanto a vista da desidia do goberno do señor Castro, onte Sergio Soutelo presentou un escrito no Concello solicitando que se actue de maneira inmediata nesa instalación, recordándolle que é unha instalación de titularidade municipal, aínda que teña un uso compartido co club de piragüismo , polo que o Concello e o goberno local son os responsables de que estea, non xa ben, senón en perfectas condicións de uso para as persoas que por certo pagan unha cota por usar esa instalación e merecen que se lles trate con respecto e se lles dispoña un ximnasio en condicións. A maiores disto imos estudar outro tipo de medidas e propostas na liña de buscar unha alternativa pública que sexa axeitada que dea un correcto servizo cun horario amplo, e non unha instalación compartida.

Un problema coa limpeza.

  No caso da falta de limpeza e hixiene, o ximnasio non é un caso illado. Temos recollidas queixas de persoas usuarias de case todas as instalacións municipais, e en todas elas as nais das nenas e nenos que van a diversas actividades aos pavillóns ou aos locais sociais, se queixan da falta de limpeza, que ademais resulta moi chamativa e evidente.

Dende Somos Ribadumia temos claro que hai un problema coa xestión da limpeza no Concello, un problema de carácter político pola desidia de quen nos goberna, máis interesado nos palcos e nas fotos que na xestión do día a día do noso Concello, e pedimos que se actúe antes de que teñamos un problema real, ou que unha inspección nos peche unha instalación.

Estamos preocupados pola posible construcción dunha represa no río Umia en Cabanelas.

  • Temos constancia de que Augas de Galicia autorizou facer unha represa en Cabanelas, que sería moi dañina e afectaría gravemente a unha paraxe natural moi importante.
  • Esa obra sería a mesma que xa se tumbou  no 2016 con forte oposición do Concello de Ribadumia, incluído David Castro.
  • Pedimos a David Castro que aclare se se vai realizar esa obra e se el lle deu permiso para realizala.

  O pasado 20 de marzo de 2025, un medio de prensa recollía unha nova que aseguraba que “Augas de Galicia ha autorizado la reconstrucción de la represa del río Umia, una obra que se acometerá en la zona de Cabanelas para evitar que el agua salada pueda entrar en la captación de agua potable de la isla de A Toxa”. Na mesma nova tamén se expoñía que “no se descarta que la autorización sea para acometer una actuación de carácter permanente, mucho más allá de los grandes bloques de piedra que se instalaban hasta el momento, llevando a la práctica un proyecto que lleva mucho tiempo en espera”, sendo esta unha clara referencia a un proxecto anterior ao que o Concello de Ribadumia, sendo David Castro Alcalde, denegou os pertinentes permisos por que, máis aló de consideracións medioambientais e do grave prexuízo que unha obra así tería para o Río Umia, para  a praia fluvial de Cabanelas, para o Club o Muiño e para un importante atractivo turístico, a proposta non cumpría co PXOM e polo tanto no se podía autorizar. Compre recordar que o Concello de Ribadumia, con David Castro á cabeza creou unha fronte común con pescadores, ecoloxistas e deportistas, chegando a dar unha rolda de prensa conxunta en febreiro de 2016 onde se deixou ben claro que a posición do Concello de Ribadumia era totalmente contraria á realización dese proxecto, que prevía ocupar máis de 1.400 metros cadrados de río.

   Dende Somos Ribadumia, xa preguntamos en xullo de 2023 polos permisos do azud que ese  verán se levantou como cada ano, nun escrito presentado o 31 dese mes e en cuxa resposta, 16 días despois, David Castro ademáis de asegurar que a empresa responsable non solicitara permiso para esa obra, expoñía o seguinte: 

 “Con data 4 de agosto de 2023 se recibe escrito de Augas de Galicia ao que se adxunta o anuncio de Información Pública da solicitude presentada por Gestora Inmobiliaria La Toja S.A. para a súa exposición ó público no taboleiro de anuncios dese concello por un prazo de vinte (20) días, contados a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e a admisión de reclamacións durante o mesmo periodo.

Así mesmo con esa mesma data se recibe outro escrito de Augas de Galicia no que se indica que “ante o Servizo Territorial de Augas de Galicia presentouse unha solicitude de autorización de recrecido de represa e solicítase do concello o preceptivo informe previo, segundo o establecido nos artigos 79 e 80 da da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, o que debe ser emitido no prazo de dez (10) días, conforme ó disposto no apartado 2 do artigo 83.” Con data 8 de agosto de 2023 por parte deste Concello remítese oficio a Augas de Galicia no que se indica que “en relación á solicitude recibida neste concello por parte de Augas de Galicia, respecto dos asuntos citados no encabezamento, solicítase a remisión da documentación técnica que defina as actuacións a realizar por parte de Gestora Inmobiliaria La Toja S.A., aos efectos de poder valorar a emisión do informe solicitado e que os interesados que así o desexen poidan ter acceso completo ao expediente que será posto en exposición pública”.

 Do exposto, cabe supoñer que Augas de Galicia debeu mandar a información requerida e que o Concello debeu tanto realizar o informe solicitado como no seu caso proceder á exposición pública do proxecto, pero pola nosa banda non tivemos constancia de ningún anuncio nin de que o proxecto referido estivese exposto en ningún momento. Tampouco de que se autorizase ninguna obra.

Pero agora vimos de ter constancia que xa non é que a empresa teña autorización para a obra de Augas de Galicia, senón que ademais ten previsto realizalas ao longo deste verán, ou como moi tarde ao principio de outono. E na nosa formación estamos francamente sorprendidos,  pois unha obra así requiriría do permiso do Concello de Ribadumia, que en ningún momento comunicou un cambio de criterio que iría contra os intereses da nosa veciñanza, e suporía una ataque directo a un dos nosos atractivos como Concello.

  Pola nosa banda mantemos a nosa oposición a que se realicen este tipo de obras polas consecuencias negativas que tería en todos os aspectos:  obviamente os medioambientais ao afectar gravemente ao cauce do río, e polo tanto á flora e fauna que nel conviven, e por extensión á pesca;  implicaría un aumento dos desbordamentos invernais en Cabanelas e Oubiña, suporía a desaparición da praia fluvial de Cabanelas e deixaría ao club O Muiño sen unha das súas zonas de entrenamento e ao noso Concello sen un dos seus puntos emblemáticos, por non falar das repercusións negativas de ter tamaño mamotreto no medio da senda fluvial do río Umia e da variante espiritual do  Camiño de Santiago que tantas persoas percorren a diario. Por iso, onte mesmo presentamos un escrito solicitando, primeiro, que David Castro dea explicacións e aclare a situación, e segundo, acceso a toda a documentación relacionada con este tema. En concreto, solicitamos o seguinte:

  • Que de maneira inmediata se me clarifique, ou que se faga público, cal é a situación actual e se certamente se vai acometer unha obra desa envergadura e un atentado medioambiental no Río Umia ao seu paso por Cabanelas – na zona comunmente coñecida como “O Atranco” – , e no caso de ser así se o Concello de Ribadumia informou favorablemente ou desfavorablemente e se concedeu ou denegou o permiso para esa obra e en base a que motivos.
  • Que dentro dos prazos establecidos pola lexislación vixente, se me faga entrega ou se me incorpore no meu espazo persoal dentro da sede electrónica os seguintes documentos:
  • Expediente completo e toda a documentación relativa tanto a suposta obra que se pretende realizar no río Umia á altura do lugar coñecido como “ O Atranco”, solicitudes, expedientes de obra, informes e autorizacións municipais ou calquera outro informe en relación a esa obra, e tamén toda a documentación existente relativa ao proxecto anterior.

Agardamos que David Castro despexe dúbidas de maneira inmediata e que, cando menos por esta vez, se manteña do lado dos intereses da veciñanza de Ribadumia.

David Castro cede a empresas externas maquinaria municipal.

  • Inaudito! Contrata empresas para labores de desbroce sen incluír a maquinaria no contrato.
  • Non contrata persoal dende o Concello, nin pide apoio á mancomunidade, pero paga a empresas externas por ceder persoal ao Concello que usen tractores municipais .
  • Inseguridade xurídica e legal  e estrago de cartos.

Logo de que David Castro anunciara a bombo e platillo a contratación de tres empresas para supostamente adecentar o Concello de cara o AF7 , nun lamentable comunicado do que xa falamos a pasada semana, encontrámonos con algo que non sendo novidade resulta totalmente inaudito e increíble na xestión municipal.

  Resulta que vimos de ser informados de que  David Castro contratou os servizos de tres empresas externas para labouras de desbroces, pero non como podería pensar unha persoa normal. O que fixo foi contratar a cesión de persoal, que polas tardes está usando a maquinaria municipal para eses traballos, a mesma maquinaria que pola mañá usan os empregados do Concello.

 Esta situación que agardamos que David Castro aclare de inmediato, resulta por completo absurda . Como explica  Sergio Soutelo “ o normal se vas gastar 20.000 € en contratar  tres empresas, é que esas empresas dispoñan a maquinaria necesaria para realizar o traballo. Para contratar persoas sen ferramenta, un Concello o que debe facer é contratar  o persoal cualificado que precise polo tempo que sexa necesario”. Non ten ningún sentido tirar cartos en empresas que só aportan persoal  cando ese persoal se pode contratar directamente e, a parte de saír máis barato,  o traballo pódese organizar dende o Concello, que por algo Ribadumia ten liberados a parte do alcalde, a dous membros do seu goberno, entre eles o concelleiro de urbanismo. Ademais, a propia Mancomunidade que preside David Castro ten un parque de maquinaria compartido, que suporía un reforzo e un aforro económico importante, pero por algún motivo David Castro renunciou a facer uso dese servizo incluso de maneira puntual. Outro exemplo do desastre da súa xestión no Concello e na Mancomunidade.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas que nin sequera é novidosa. Xa tivemos constancia destas prácticas en ocasións anteriores pero neses casos de xente de empresas externas manexando maquinaria municipal dicíase que era algo moi  puntual para cubrir unha baixa e escusas similares. Agora vemos que non ten nada de puntual e que é a maneira que ten o señor Castro de xestionar o Concello. Unha irresponsabilidades enorme, por que no caso dun accidente grave eses traballadores, usando maquinaria que non é da súa empresa  e sobre a que non teñen ningunha responsabilidade quedan nunha situación xurídica moi delicada, e o propio Concello, que cede o uso de maquinaria a persoas alleas ao Concello,  tamén. E sen accidentes graves, preguntamonos se se dera o caso dun uso indebido dos tractores municipais ou outra maquinaria que derivará en danos a terceiros  – moi habituais son  as pedradas nos coches ou a ventas de vivendas  –  ou en avaria na maquinaria, quen se faría cargo? Porque esas persoas non teñen ningunha responsabilidade legal sobre maquinas que non son da súa empresa.

   E todo isto sen valorar os posibles favores políticos que o señor Castro poida estar  manexando con esa maneira de actuar.

  Pedimos a David Castro aclare as condicións das empresas contratadas e que persoal está usando a maquinaria municipal, e para o caso que   deixe de comportarse como se estivera “xogando as casitas” co Concello. A xestión dos recursos públicos é algo moi serio que se debe realizar con rigor, con moito sentido, moito coidado polas persoas que traballan para o Concello e polos propios recursos municipais  e con moito respecto pola veciñanza que é quen paga cos seus impostos todo o que se fai.

Quen paga as guerras persoais de David Castro?

  • Un auto desestimatorio feito público desvela que David Castro presentou denuncias  en calidade de alcalde.
  • Queremos saber se David Castro está usando recursos públicos para as súas cuestións persoais.

Fai uns días a prensa  fíxose eco dun auto xudicial que desestimaba un recurso presentado por David Castro contra unha desestimatoria  a partir dunha denuncia interposta polo propio  Castro contra un veciño de Ribadumia por presunta inxurias.

  Tanto a sentenza como o auto do recurso, resultaron contrarios aos intereses de David Castro, que tivo a ocorrencia de denunciar a unha persoa como presunta propietaria dun perfil en redes sociais crítico coa súa persoa, sen aportar, segundo corroboran tanto a sentenza como o auto desestimatorio do recurso presentado contra esa sentenza que se fixo público.

  Dende Somos Ribadumia xa temos declarada a nosa postura contraria a calquera ataque persoal contra calquera persoa, e por suposto contra  as persoas que exercen na política, unha postura que por certo o señor Castro non ten. Polo tanto, se houbo un ataque  persoal debemos antes de nada condenalo. 

  Outra cuestión distinta é que David Castro se dedique a denunciar a  calquera que o critique, con acusacións graves, realizando sinalamentos públicos buscando “xuizos paralelos” na opinión pública, pero  sen aportar probas que fundamenten eses sinalamentos, como se mira neste caso,  que non foi o primeiro. Pendente está unha denuncia contra outro perfil nas redes do que pretende responsabilizar ao noso voceiro Enrique Oubiña, outro episodio en campaña que tamén denunciou e que rematou igual que o que hoxe nos ocupa,   ou a denuncia interposta no 2022 tamén contra Enrique Oubiña  e Somos Ribadumia por denunciar publicamente os problemas durante o verán coa auga pública e  que  foi arquivada sen admitirse a trámite por absurda.

  Neste último  caso feito público a semana pasada que pon fin a unha denuncia posta no 2023, en plena campaña electoral,  hai unha cuestión relevante que nos preocupa.  Ese auto feito público deixa constancia de que David Castro presentou a súa denuncia a titulo particular, e despois ampliouna  incluíndo a súa condición de alcalde.

 Así  que a primeira pregunta é “ quen paga o avogado?  Dende Somos Ribadumia temos moitas dubidas ante o que empeza a parecer un episodio de persecución apoiado en recursos municipais, polo que o que nos corresponde  como formación política é solicitar ao señor Castro que compareza publicamente e explique ben que anda facendo, e aclare se esa persecución legal contra quen lle leva a contraria a paga el ou a paga a veciñanza.

  Non é probable que David  Castro vaia a dar a cara, polo que sobre esta denuncia e todo o proceso xudicial que tivo imos solicitar toda a documentación que haxa no Concello sobre este tema, se o levou o servizo legal do Concello, e imos presentar unha serie de preguntas para que o señor Castro explique en Pleno  se certas informacións en relación con este tema son certas, e no seu caso saber canto lle están costando ao Concello as persecucións persoais do señor Castro. Non esquezamos que o Concello tivo que facer fronte aos custes dun proceso  contra unha extraballadora que ademais dunha indemnización de máis de 30.000 € costou miles de euros en avogados e costas xudiciais.