Category: Sen clasificar

Propoñemos que o Concello de Ribadumia actue xa ante os problemas do Servizo de Axuda no Fogar.

  • O Contrato do SAF leva vencido meses.
  • En perigo de quedar sen servizo máis de 120 familias.
  • Sumámonos ás traballadoras nas súas reivindicacións.

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha ferramenta fundamental para garantir que persoas dependentes poidan vivir con dignidade nos seus fogares, co apoio necesario para as súas necesidades diarias. É, polo tanto, un servizo esencial, tanto polo seu valor social como pola súa función de apoio ás familias.

Porén, a realidade actual do SAF en Galicia é moi preocupante Por unha banda temos unha precariedade laboral crónica: O convenio colectivo está sen actualizar desde 2011, con salarios baixos (en moitos casos arredor de 1.200 € brutos para xornada completa e contratos a tempo parcial de 20 horas semanais).

A isto debemos sumar a falta de protección laboral: As traballadoras acoden a domicilios sen protocolos claros de prevención de riscos nin medidas fronte a situacións de acoso. O asasinato en xullo de 2025 dunha traballadora do SAF en O Porriño, que xa denunciara riscos sen recibir protección, puxo en evidencia esta gravísima desprotección.

  En terceiro lugar temos unha Infrafinanciación estrutural: O custo real do SAF supera os 20 €/hora (os contratos actualizados en 2025 teñen un custo medio de 22,75€, mentres que os que hai en tramitación van dos 23,66€ aos 28,58€), pero Xunta e Estado achegan conxuntamente apenas 12 €/hora, obrigando aos concellos (e usuarios finais) a cubrir a diferenza a pesar de non ter competencia plena en dependencia. Segundo os últimos datos dispoñibles, a Xunta financiou un 27,35% en 2024, No caso do Estado, o importe financiado foi do 30,56% (a maiores de ter retrasos históricos nos pagos da financiación en dependencia). Esta falta de recursos tradúcese en sobrecarga para as traballadoras, listas de espera para as persoas dependentes e deterioro da atención. En Lugo, por exemplo, hai persoas con grao III agardando máis dun ano para recibir SAF.

   A esta situación xeral que queremos por de relevancia, súmase o caso concreto de Ribadumia.  O contrato do SAF no noso Concello está vencido dende comezos de ano,  de feito xa venceu a última prorroga obrigatoria, quedando o servizo no aire a expensas de que en calquera momento a empresa se desvincule do Concello ou deixe de acoller novas altas, situación que xa aconteceu anteriormente, sen que se iniciase un novo procedemento de licitación nin se presentase ao Pleno municipal. Compre remarcar que o convenio vencido establecía un prezo un prezo de 18,36 euros a hora de dependencia (sen IVE) e de 16,90 a de libre concorrencia (sen IVE), o cal queda por debaixo do xuste real do servizo.

   Esta falta de planificación pon en risco a atención a arredor de 80 familias dependentes do servizo, e outras cincuenta en proceso de tramitación.

O noso Concelleiro Sergio Soutelo estivo acompañando ás traballadoras do SAF na concentración organizada ante o Concello para defender melloras nas sías condicións laborais.

  Ademais, non podemos obviar a mobilización das traballadoras do SAF de Ribadumia, que co apoio da CIG o pasado 13 de agosto concentráronse reclamando solucións inmediatas: licitación urxente ou municipalización do servizo para garantir continuidade, mellorar as condicións laborais e asegurar calidade na atención. Nesa concentración estivo presente o noso Concelleiro Sergio Soutelo, e puido comprobar de primeira man cal é a situación desas traballadoras e amosarlle o seu apoio moral pero tamén político, asumindo o compromiso de levar o debate da súa situación a Pleno.

   Non consideramos relevante entrar no debate sobre se a competencia é da Xunta ou do Concello. É evidente que a Xunta ten competencias plenas en dependencia e debe asumir o seu financiamento, pero tamén é certo que o Concello non pode ficar de brazos cruzados cando un servizo esencial está en risco.

   Ribadumia non pode permitirse nin un día máis sen garantías de continuidade do SAF, sen medidas de protección para as traballadoras, e sen compromiso firme por un servizo digno e seguro para quen o precisa. Por ses motrivo, ante a habitual desidia do goberno local, dende a nosa agrupación presentamos esta semana unha moción para o seu debate en Pleno, onde propoñemos o  seguinte:

1. Instar á Xunta de Galicia a:

  • Actualizar e mellorar o convenio colectivo do SAF, equiparando salarios ao IPC acumulado e eliminando escalas salariais discriminatorias.
  • Implantar de inmediato protocolos de prevención e seguridade fronte a riscos laborais e situacións de acoso.
  • Incrementar a súa achega ao financiamento do SAF ata cubrir, polo menos, o 50 % do custo real do servizo.
  • Avanzar cara un modelo público de xestión directa, con orzamento e persoal suficientes, evitando a precarización mediante concesións con financiamento insuficiente.

2. Instar ao Goberno de España a:

  • Restablecer e aumentar a súa achega ao financiamento do SAF, cumprindo co previsto por lei e eliminando a “débeda” acumulada en dependencia.

3. No que respecta ao Concello de Ribadumia:

  • Tramitar de forma inmediata un novo procedemento de licitación do SAF para garantir a continuidade do servizo e mellorar as condicións laborais.
  • Valorar e estudar seriamente a municipalización  ou , como alternativa, o mancomunado do servizo, de forma temporal ou definitiva, para asegurar a súa calidade e estabilidade.
  • Garantir que ningún usuario ou usuaria do SAF quede sen atención por cuestións administrativas ou contractuais.
  • Establecer medidas de protección e apoio para as traballadoras que denuncien riscos ou acoso no desempeño do seu traballo.
  •  Incorporar cláusulas sociais e laborais estritas nos contratos ou na xestión directa, para asegurar condicións dignas e transparencia.

Sumámonos a Somos Cambados e propoñemos que o Concello de Ribadumia retire a bandeira europea pola súa actitude ante o exterminio en Gaza.

  • Cambados aprobou unha moción nese senso que facemos propia coa colaboración de Somos Cambados e presentamos no Concello para debaterse en Pleno.
  • Non podemos permanecer impasibles nin ante o que está acontecendo, nin ante a como esta actuando a comunidade internacional, nomeadamente a Unión Europea.

 Dende Somos Ribadumia decidímonos, logo de moito agardar que o goberno local tivera a ben facer algo, a tomar a iniciativa para que a nosa Corporación se exprese sobre o exterminio ao que Israel, coa complicidade da Comunidade Internacional, esta executando en Gaza.

Tal como afirman no seu Manifesto Urxente por Gaza, a Unrwa (Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos en Oriente Próximo), Unicef (Fondo de Nacións Unidas para a Infancia) e as ONG Save the Children, Médicos sen Fronteiras, Oxfan Intermón e o Movemento pola Paz, en menos de dous anos, máis de 56.000 persoas palestinas foron asasinadas polo Exército de Israel en territorio gazatí; máis de 18.000 nenas e nenos. Máis de 127.000 persoas foron feridas, moitas delas con amputacións, queimaduras, mutilacións e traumas imposibles de curar. Despois dos ataques cometidos por Hamás o 7 de outubro de 2023, con 1.200 persoas mortas e tomando arredor de 250 reféns, Gaza tense convertido no escenario do sufrimento humano máis insoportable do noso tempo, transformado nun símbolo brutal de dor.

   Segundo o citado manifesto, practicamente, toda a poboación gazatí vive desprazada e asediada, sen un lugar seguro onde refuxiarse. Máis da metade son nenas e nenos. Como consecuencia do asedio total imposto polas autoridades israelís dende o 2 de marzo deste ano, o 100% dos habitantes de Gaza corre agora risco de padecer fame, en palabras de Nacións Unidas. Máis de medio millón de persoas están en fase 5 de fame catastrófica, ducias delas morreron xa e seguirán morrendo se o Goberno de Israel non permite a entrada de axuda humanitaria masiva.

   A protección e asistencia especiais que o Dereito Internacional Humanitario outorga á infancia – e que constitúen unha obrigación legal para as partes en conflito – non se compren. Asasinados ou mutilados, cercados pola fame e o medo, nenos e nenas están sendo afectados de forma desproporcionada por este conflito. Más de 41.000 perderon a un ou ambos dos seus proxenitores. O impacto é tan profundo que foi necesario acuñar un novo termo para describir a aqueles que sobreviven, “nenos e nenas feridos, sen familiares superviventes”. Os ataques contra a poboación civil, a destrución de infraestruturas esenciais, a obstrución sistemática da acción humanitaria, a privación da auga e da comida, así como o desprazamento forzoso constitúen graves violacións do Dereito Internacional Humanitario.

   O sistema de saúde gazatí colapsou. Case todos os hospitais da Franxa están danados ou foron destruídos. A atención médica está sendo sistematicamente atacada en toda Gaza. Quen sobrevive aos bombardeos morre por falta de coidados básicos. Os equipos médico-humanitarios vense obrigados a curar feridas sen analxésicos e a racionar medicamentos esenciais. Nos quirófanos teñen que operar sen electricidade.

   Seguindo co sinalado no Manifesto Urxente por Gaza, a esta devastación, súmase un modelo de axuda imposto polo Goberno de Israel que exclúe os principios humanitarios, ás axencias de Nacións Unidas e ás principais organizacións humanitarias internacionais. Un modelo que, lonxe de aliviar o sufrimento, perpetúao, violando os principios fundamentais da neutralidade, imparcialidade e independencia. Non é un sistema de axuda humanitaria, é a militarización da axuda contra unha poboación famenta. Facilita desprazamentos forzados, bloquea o socorro vital e consolida o castigo colectivo como arma de sometemento. Nos últimos días foron asasinadas más de 500 persoas e máis de 4000 foron feridas nos postos de axuda militarizados como consecuencia dos disparos do exército israelí. Mentres, toneladas de alimentos, medicinas e material sanitario permanecen retidas ao outro lado da fronteira, a escasos quilómetros de quen as precisa con desesperación.

   Non podemos permitir a indiferenza e a complicidade ante este xenocidio. Non podemos aceptar que os gobernos europeos e a Unión Europea sigan observando en silencio mentres unha poboación enteira masacrada se desvanece baixo as bombas, os escombros, a inanición e o abandono. Cabe lembrar que o artigo 2 do Acordo de Asociación UE-Israel establece o seguinte: “O respecto aos dereitos humanos e os principios democráticos constitúe un elemento esencial do presente Acordo.” Cantos miles de nenos e nenas máis deben morrer para que os gobernos europeos e a Unión Europea actúen?

Fai uns días o Concello de Cambados, aprobou en Pleno unha serie de puntos tomando posición clara ante este xenocidio e a actitude da Comunidade Internacional e a Unión Europea. Dende Somos Ribadumia consideramos que a proposta dos compañeiros e compañeiras Cambadeses recollen o noso pensar perfectamente, polo que sumámonos á mesma e esta semana Sergio Soutelo presentou unha moción nos mesmos termos e propoñendo o seguinte:

–         A Corporación do Concello de Ribadumia condena o xenocidio cometido polo Estado de Israel contra a poboación palestina de Gaza.

–         A Corporación do Concello de Ribadumia declara ao Primeiro Ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, persoa non grata.

–         A Corporación do Concello de Ribadumia insta ao Goberno de España a deter calquera compra ou venda de armamento a Israel e a romper relacións diplomáticas con ese Estado mentres siga perpetuado o xenocidio contra a poboación palestina en Gaza.

–         O Concello de Ribadumia retirará a bandeira da Unión Europea da entrada  do Concello, mentres  a Unión Europea non condene con rotundidade o xenocidio que está cometendo Israel en Gaza e non suspenda o Acordo de Asociación con ese Estado.

Propoñemos que o Concello de Ribadumia actúe para conseguir que a  Xunta mellore o transporte público.

  • Sumámonos as reivindicacións de Cambados en materia de transporte público.
  • Propoñemos que o goberno local actúe e tome as medidas necesarias orientadas a que a Xunta modifique o Plan de Transporte Público.
  • A nosa veciñanza precisa ter conexións cos hospitais, coas universidades que cos centros da administración.  
  • David Castro, de  votar en contra do Plan de Transporte da Xunta a gardar silencio para non molestar ao PP.

  Dende Somos Ribadumia consideramos, igual que os nosos compañeiros e compañeiras de Somos Cambados, que debemos poñer un foco no problema que ten a nosa comarca, pero especialmente Ribadumia, coa practica ausencia de transporte público que nos comunique co resto da comarca, cos hospitais e universidades e coas cidades de referencia.

  A situación actual do transporte público por estrada na nosa comarca é peor da que era hai décadas. Co paso dos anos foron eliminándose liñas e frecuencias, ata o punto de deixar practicamente sen utilidade boa parte das conexións entre algúns dos concellos máis poboados do Salnés. De maneira que a existencia de determinadas liñas interurbanas parece hoxe meramente simbólica. As conexións por estrada coas principais cidades galegas tamén empeoraron notablemente, sendo inexistentes nalgúns casos e con viaxes máis longas ou duradeiras noutros. Neste  aspecto, no Concello de  Ribadumia quedamos practicamente incomunicados, e de feito non temos nin tan sequera comunicación cos dous hospitais de referencia, o do Salnés e Montecelo,  nin coas universidades e centros da administración máis próximos.

   O Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 29 de novembro de 2018, lonxe de axudar a mellorar, contribuíu decisivamente a empeorar a situación do transporte público por estrada na comarca do Salnés. No momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indicaba que o PTPG “marca as directrices para lograr un modelo sostible e eficiente que se adapte ás necesidades de mobilidade dos galegos do século XXI“. Unha afirmación que, cando menos, parece afastarse moito da realidade.

   Nun momento no que estamos a abordar o reto que supón acadar os obxectivos da Axenda 2030, a política de transporte público por estrada da Xunta, e particularmente o PTPG, non lle deixa outra opción á cidadanía do Salnés que seguir empregando vehículos particulares para dirixirse aos centros de traballo (polígonos industriais), hospitais (e centros de saúde), universidades, aeroportos, estacións de tren, centros comerciais ou de ocio, etc. E así resulta imposible ter unha mobilidade sostible, na que se dea prioridade ao transporte público para mellorar a seguridade vial e reducir a contaminación atmosférica e acústica.

   Para a cidadanía do Salnés, especialmente a que vive nos Concellos máis pequenos e afastados dos centros urbanos maiores onde se encontran as sedes administrativas, as universidades e centros formativos e os hospitais, dispoñer dunha boa rede de transporte público é unha prioridade indubidable. Xunto coa vivenda, a sanidade, o ensino ou o emprego representa unha das cuestións máis importantes para favorecer a economía e mellorar a calidade de vida na nosa comarca. Xa que logo, todos os concellos do Salnés, Ribadumia entre eles, deben prestar unha atención especial ao transporte público, expoñendo as súas demandas ao respecto ante a Xunta de Galicia e traballando na medida das súas posibilidades nesta materia tan importante para o noso futuro.

   Compre recordar que xa se debateu está cuestión en Pleno, cando David Castro era supostamente independente e gobernaba da man de Somos Ribadumia e do PSOE, dando como resultado a oposición da Corporación Municipal ao Plan  de Transporte da Xunta, sendo Ribadumia o primeiro Concello da comarca en presentar alegacións. Todo isto antes do 2019. En canto David Castro colleu a maioría absoluta, como con moitas cousas, gardou silencio cómplice coas políticas da Xunta.

Seguindo esta liña de pensamento, o noso Concelleiro Sergio Soutelo presentou esta semana unha moción no Concello coas seguintes propostas de acordo:

  • A Corporación do Concello de Ribadumia acorda  requirir á Xunta de Galicia,  a través dunha comunicación formal, a aumentar o número de liñas e frecuencias do transporte público por estrada entre as vilas que conformamos a comarca do Salnés, entre o noso Concello co Hospital do Salnés e de Montecelo,  e coas cidades de Pontevedra, Santiago e Vigo.
  • A Corporación do Concello de Ribadumia insta á Alcaldía, na súa calidade de Presidente da Corporación, a que se nos próximos seis meses a Xunta non atende a ese requirimento, poña en marcha todas as iniciativas e  as medidas pertinentes para que a Xunta de Galicia atenda a esta demanda tan importante para a nosa veciñanza, a convocar á  Xunta de Voceiros para coordinar as accións políticas que se deban levar a cabo dende a Corporación, a  convocar aos voceiros dos partidos con representación na Corporación para que participen nas xuntanzas que se poidan producir e a dar conta en cada Pleno Ordinario das accións realizadas e dos avances producidos.

Festa do Pan: novo fiasco de David Castro. Sen noticias da declaración de Festa de Interese Turístico e perdendo afluencia.

  • David Castro pasou de anunciar a declaración de Festa de Interese Turístico para este ano a silenciar esa posibilidade.
  • Unha festa estabilizada, pero á baixa, con cada vez menos presencia dos panadeiros e con actuacións discutibles.
  • Escándalo cos fogos de artifico nunha zona incendiable pola negativa a contratar actuacións locais.

   Pasou a Festa do Pan, e parecera que David Castro quixera obviar que aconteceu. Dende Somos Ribadumia, como sempre, optamos por agardar un tempo prudencial, antes de facer unha valoración, e evitar así afectar de ningunha maneira ao evento, pero a realidade é que David Castro vai de fracaso en fracaso.

  Queremos recordar que fai un ano, o propio David Castro sacaba peito falando de “xa se está entregando documentación” para obter a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, e de feito, nun medio de radio chegou a declarar que a edición deste ano xa contaría con esa distinción. Unha pasada de freada que supoñemos está detrás do silencio este ano ao respecto desta cuestión.

  A realidade é que cando fai un ano falaba de que xa se estaba presentando documentación, David Castro mentía descaradamente. O primeiro paso, que é a aprobación polo Pleno Municipal do inicio do trámite, non se realizou ata o 5 de setembro, tres semanas despois de celebrarse o Pleno. E dende ese día nunca máis se soubo, por que a realidade é que  David Castro non moveu un papel.

  Dende Somos Ribadumia consideramos unha tremenda tomadura de pelo mentirlle a veciñanza e as persoas voluntarias que colaboran na organización e desenvolvemento dese evento dicindo que se estaban facendo trámites e que xa este ano íamos ter esa ansiada declaración, cando en realidade non se estaba facendo nada. David Castro e as Concelleiras de eventos e cultura, perfectamente ao tanto tamén deste fiasco froito en primeira estancia da vagancia do goberno local, deberían desfilar en fila pola porta dos dimitidos, pero como sabemos que David Castro non ten pensado asumir ningún tipo de responsabilidade, non digamos xa o seu equipo, asumimos que a veciñanza vai seguir sufrindo a este alcalde un pouco máis.

Sobre o desenvolvemento da Festa.

Por outra banda, a propia festa da síntomas de ter pasado a súa mellor época, e empeza a adoecer de certa falta de frescura que a levan a perder asistencia de maneira paulatina. Non axudan determinadas cuestións, como o apretado das mesas e cadeiras, ou o longo dalgúns actos. Dende Somos Ribadumia recollemos queixas de todo tipo, pero hai cuestións que debemos salientar. En primeiro lugar que a algunha cabeza pensante se lle ocorrera tirar fogos de artificio moi  preto da propia festa practicente enriba da Carballeira e nunha zona particularmente seca e cun piñeiral ao carón, algo que puido provocar un importante susto. A Carballeira de Ribadumia está situada nunha zona moi concreta que fan bastante inviables cousas como os lumes de artificio por non ter unha zona segura onde lanzalos, pero iso ano noso alcalde non parece preocuparlle moito. En todo caso debemos lamentar que na situación de especial seca deste ano e dese día concreto, o goberno se dedicara literalmente a xogar co lume.

   Unha cuestión que xerou moitas queixas e molestou a unha boa parte da nosa veciñanza foi a xestión do espazo para cear. A maioría da veciñanza informóuselle que a Carballeira permanecería pechada e non se poderían reservar mesas ata as 18:00 horas, pero a realidade foi moi distinta e a maior parte das mesas e cadeiras desa hora resultou que xa estaban reservadas, o cal xerou, a parte de enfados e xente que se foi, a sensación de que en Ribadumia hai veciños de primeira aos que se lle permite todo, e outros de segunda aos que se lle obriga a cumprir horarios. Dende logo non podemos compartir esta maneira de actuar favorecendo a uns e prexudicando a outros.

  Tampouco podemos valorar positivamente que tendo grupos musicais no noso Concello o goberno opte por contratar grupos de fora de Ribadumia, que ademais saen máis caros.

E dende logo, se algo botamos en falta nesa festa, é a presenza dos panadeiros, que venden o produto ao Concello pero fai tempo que non participan activamente do evento.

 O que si debemos por en valor e o traballo e Alecrin e de todo o corpo de persoas voluntarias que fan posible a realización da festa do Pan.

  Dende Somos Ribadumia temos moi claro que a Festa do Pan merece unha revisión a fondo, e tamén un goberno que traballe por poñer en valor a nosa tradición muiñeira e de elaboración deste produto, actualizando o evento, tendo coidado con certos detalles, e dándolle un valor engadido que permita manter unha boa afluencia de xente, pero que ese non sexa o único obxectivo, e que tampouco sexa tan alta que impida  á nosa veciñanza gozar dese evento con tranquilidade, isto é: sen ter que facer colas longas, andar as liortas por coller un par de cadeiras ou comer apertados, entre outras cousas.