Category: Sen clasificar
Caos e mentiras coa xestión económica. E o Concello na corda frouxa debido á pésima xestión do goberno de David Castro.

- Demostrado ante o xulgado: a Modificación de Crédito de 840.000 € está anulada.
- David Castro pagou facturas con cargo a esa Modificación de Crédito antes de estar aprobada.
- Agora está intentando coller cartos do orzamento de 2025 – sen aprobar – para tapar o buraco que deixou ao usar cartos que non tiña.
- A Concelleira de Contas, mentindo e negando en Pleno cousas demostradas por ela mesma e ante o xulgado.
Nas últimas semanas, dende a nosa formación puidemos por fin, despois de acudir ao Contencioso, ter acceso a todas as facturas afectadas pola Modificación de Crédito levada a Pleno en decembro de 2024 e que supostamente estaba pendente da aprobación definitiva.
E foi o propio goberno do señor Castro o que ao trasladar a documentación ao Xulgado, logo de dous requirimentos formais e baixo ameaza de sancións, sacou á luz a realidade que leva meses ocultando: esa Modificación de Crédito, por valor de 840.000 € decaeu, segundo o declarado polo goberno ante o xulgado, por unha cuestión de prazos. E decaeu xa en xaneiro, polo que o goberno e a Concelleira de Contas levan mentindo dende entón.
Sergio Soutelo solicitoulle explicacións á Concelleira de Contas no pasado Pleno, a través de varias preguntas presentadas por escrito. As respostas da Concelleira, a esas preguntas e a outras presentadas por outros partidos da oposición en relación ao orzamento deste 2025, atravesaron todo o arco que vai dende a confirmación da realidade ao esperpento negando cousas que ela mesma declarou.
Pero os feitos confirmados están ademais documentados. A Concelleira de Contas declarou en Pleno que o contido do oficio asinado por David Castro e trasladado ao xulgado xunto coas facturas afectadas por esa Modificación de Crédito e outra documentación que o goberno ocultaba, era completamente certo. Ese oficio, entre outras cuestións di o seguinte: “No mes de decembro de 2024 aprobouse expediente de modificación de créditos respecto do cal, durante o período de exposición pública do mesmo, presentouse reclamación contra o mesmo e ao recaer a finalización do período de exposición no exercicio seguinte non puido entrar en vigor o mesmo, tendo que realizar numerosos asentos contables para a súa anulación.” O que significa este parágrafo é que a Modificación de Crédito, tal como expuxemos dende Somos Ribadumia no primeiro punto da alegación que presentamos no seu momento, decaeu por non completarse o proceso de aprobación dentro do ano fiscal correspondente. Ou sexa, a Modificación de Crédito presentouse tarde, e o goberno pretendía levala adiante, pero ao topar cunha alegación que non podían contradicir e ademais ser pillados incumprindo a lexislación vixente, non lles quedou máis remedio que deixar caer a Modificación de Crédito.

Compre remarcar neste punto que dende xaneiro, a Concelleira de Contas negou en numerosas ocasións que a Modificación de Credito decaese, e de feito tivo a cara dura de decir neste último Pleno, logo de leer ela mesma o paragráfo exposto máis arriba, que a Modificación sigue pendente de resolver. Dende Somos Ribadumia entendemos que o único pendente é que a Concelleira de Conta nun Pleno da anulación desa Modificación de Crédito, e que pida desculpas por mentir de maneira reiterada, ademais usando unhas formas moi pouco correctas a maior parte das veces.
Por outra banda, a Concelleira de Contas asegurou que a proposta de Orzamento deste ano non se levou a Pleno por que se están realizando unhas modificacións para dar acollida a facturas derivadas da anulación da Modificación de Crédito. O que a Concelleira non dixo foi que isto aconteceu despois de que o Contencioso ameazara ao goberno local con sancións por ocultar documentación, obrigando ao señor Castro a presentar as facturas en sede xudicial, coa sorpresa de que moitas desas facturas xa estaban pagadas. Preguntada polo particular, a Concelleira de Contas confirmou que efectivamente se pagaron facturas con cargo a Modificación de Crédito antes de que esta estivera aprobada definitivamente, unha tremenda irregularidade, e posiblemente ilegalidade, pois os cartos non estaban a disposición do goberno. Nunha cousa ten razón a Concelleira de Contas, e é que meter nun orzamento que andará nos catro millóns e medio facturas do ano anterior por valor de case outro millón, e facelo de maneira legal, vai requirir de moita enxeñería financeira.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de actuar. Non podemos aceptar que se propoñan Modificacións de Crédito tarde, mal e sen ter en conta os prazos legais, que se oculte a documentación á oposición, nin cousas da máxima gravidade como que se gasten cartos da veciñanza sen ter a dispoñibilidade legal para facelo, ou que se pretenda entrampar un orzamento que se tiña que ter aprobado en decembro pasado para meter gastos doutros anos logo de usar cartos que non se podían usar.
E sobre todo é inaceptable que unha Concelleira minta nos Plenos da maneira na que mentiu nestes meses, e en concreto neste último Pleno a Concelleira de Contas. Neste caso concreto por que máis aló de que ten unha liberación de 1.900 € ao mes que paga a veciñanza, motivo polo que se agarda dela certa dilixencia nas súas funcións, ademáis resulta que o seu posto de traballo no Concello era de Técnica da Administración Local, polo que non falamos, e ademais ela mesma se esforza en remarcalo en todos os Plenos, dunha persoa ignorante en canto a xestión económica local.
Que desta hora, a Concelleira de Contas non teña dimitido é unha burla á veciñanza. Pero tampouco agardamos outra cousa deste goberno. O que queremos deixar constancia é da nosa preocupación, por que á vista desta maneira de xestionar, e das queixas que estamos recibindo de empresas que levan meses sen cobrar, é posible que o Concello estea atravesando unha situación económica delicada.
O PP de Ribadumia tumba a nosa moción contra o xenocidio de Gaza.
- O PP de Ribadumia négase a aprobar unha moción que condenaba o xenocidio de gaza e pedía a retirada da bandeira europa pola súa actitude ante ese xenocidio.
- PSOE e BNG votaron a favor.
- Lamentable actitude do PP, con insultos, faltas de respecto, declaracións absurdas e mesmo erros de bulto, e co alcalde oculto detrás dunha concelleira.
No Pleno que se celebrou este pasado xoves, e que rematou derivando nun espectáculo lamentable por parte do PP, con intervencións denigrantes e continuas faltas de respecto cara a oposición e moi en concreto cara Somos Ribadumia e Sergio Soutelo, debateuse unha moción presentada pola nosa formación, condenando o xenocidio que Israel está cometendo en Gaza, propoñendo nomear a persoa non grata a Benjamin Netanyahu, instar ao goberno central a romper relacións diplomáticas con Israel , deter a compra-venda de armamento con ese país, e a retirar a bandeira da UE temporalmente pola súa actitude e actuacións ante este conflito.
A proposta contou co apoio do PSOE e do BNG, que dende Somos Ribadumia agradecemos. Por desgraza, o Partido Popular non pode aceptar ningunha proposta de Somos Ribadumia, nin pode ir en contra dos ditados do PP de Madrid, e opuxéronse á moción.
Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar debemos lamentar a actitude cobarde do señor Castro que ante un tema desta importancia delegou o debate nunha concelleira para evitar así pronunciarse. Pero sobre todo debemos lamentar a propia actitude da Concelleira Mar Rey, que ante a falta de argumentos minimamente razoables, optou polo insulto e o desprezo, a parte de demostrar un completo descoñecemento de cómo está conformado o goberno de España, dos funcionamento lexislativos e institucionais e mesmo dos partidos que conforman a corporación en Ribadumia, expoñendo que Somos Ribadumia forma parte doutro partido de ámbito nacional cando levamos legalizados como partido independente dende 2018.
Dende a nosa formación podemos admitir argumentos contrarios, razoados e expostos dentro do respecto institucional, pero non podemos admitir como argumento a falta de respecto, o insulto e o desprezo.
Na súa intervención Sergio resumiu moi ben a nosa opinión ante a postura do PP : “quen vota en contra desta moción, está votando a favor do silencio. E cando un partido cala diante dun xenocidio, convértese en cómplice. Iso é o que está en xogo aquí: ou nos poñemos do lado dos dereitos humanos, ou do lado da inacción e da barbarie.
É moi cómodo dicir que isto non é competencia municipal. Pero si é competencia municipal dar exemplo, educar en valores, mostrar solidariedade e dicir claramente que en Ribadumia non aceptamos crimes contra a humanidade. Se os nosos nenos e nenas merecen protección, tamén os de Gaza.
A retirada da bandeira europea non é un capricho: proponse como un aviso político e simbólico á Unión Europea para que cumpra coas súas propias normas. Ao votar en contra, o PP está a dicir que a bandeira vale máis que as vidas humanas. Esa é a mensaxe que lle van trasladar á veciñanza”.
Por último. Onte a corporación tivo a oportunidade de, como aconteceu co conflito de Ucrania onde se votou unha moción por unanimidade, amosar unidade ante a barbarie, pero o PP prefiriu o papel de complice e de soldado raso do PP nacional. Non so pola oposición á moción. En comisións, dous días antes, Sergio Soutelo propuxo mudar a moción por unha declaración institucional. O PP negouse e non quixo nin propoñer un texto alternativo nin outra declaración distinta, porque o que pretendía era ir ao Pleno a insultar e a votar en contra da proposta de Somos Ribadumia.
Debemos lamentar que nun exercicio de cinismo difícil de igualar, no Pleno o PP, despois de negarse a apoiar o nosa moción ou unha declaración conxunta tal e como se lle propuxo, anunciou que van propoñer eles unha declaración institucional de cara a o próximo Pleno. E nin sequera unha declaración propia, senón unha que está distribuíndo o PP dende Madrid. Que o goberno local entre nestas loitas políticas pensadas para quedar ben ante a opinión pública e desgastar a quen esta no goberno central a conta dunha desgraza do tamaño do xenocidio de gaza parécenos vomitivo, pero dende logo nós, a diferenza de David Castro, escoitaremos e valoraremos todas as propostas que se poñan enriba da mesa da Corporación Local, veñan do partido que veñan.
Estamos preocupados polas posibles complicacións que poida traer a realización dunha etapa da Volta Ciclista a Galicia en plena vendima.
- A proba, ten previsto bloquear e cortar a estrada que une Leiro con Ribadumia durante máis de tres horas, en hora punta da entrega de uva nas bodegas.
- Preocúpanos as molestias que poida ocasionar no transporte da uva ás bodegas.

Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa preocupación polas complicacións que a celebración da primeira xornada da Volta a Galicia de Ciclismo poida ter para a nosa veciñanza.
Vaia por diante que non temos ningún tipo de oposición a que esa proba deportiva ou calquera outra se realice no noso Concello. Pero a nosa función, como formación política, ademais con forte compromiso local, é a de velar porque a nosa veciñanza non se vexa prexudicada por ningunha circunstancia ou evento.
Ribadumia vaise ver afectada por dúas etapas da Volta a Galicia. A segunda delas, que terá lugar o 12 de setembro, non nos parece demasiado problemática por que ao ser unha proba de ruta queremos pensar que os cortes nas vías serán puntuais e breves. Cousa distinta a proba da que estamos falando, que terá lugar o día anterior, 11 de setembro, e que consistira nunha contrareloxio que dará inicio á Volta a Galicia de Ciclismo e que vai implicar, e así se explicou na presentación do evento, que todo o tramo da estrada EP-9305, entre a rotonda da Fonte do Corvo en Leiro e a praza do Concello xa case en Barrantes, vai quedar cortada durante un mínimo de tres horas, entre as seis e as nove da tarde, coincidindo co horario de maior movemento de transporte de uva no noso concello. Ese corte vai supoñer unha coitelada que case vai dividir o Concello en dúas partes illadas e separadas, e de feito, varias bodegas can quedar practicamente incomunicadas nese período de tempo.
Dende a nosa formación, somos moi conscientes de que a vendima, que en Ribadumia ten un peso económico importante, é un momento do ano de moitísimo movemento por estrada, de transporte de uvas pero tamén de persoas entre viñedos, en moi poucos días e co tempo para realizar o traballo de recollida da uva limitado, e polo tanto, son días de andar con presa. Ademais este ano, o atraso polas choivas da vendima xera un plus de preocupación e nerviosismo. Neste aspecto, un corte de estrada que vai obrigar a desvíos de trafico e amplas voltas para chegar a viñedos e bodegas, parécenos algo a ter moi en conta, pois o desvío de todo o tráfico por estradas secundarias, cunha importante cifra de grandes tractores, camións e furgóns circulando enriba do tráfico habitual, pode ocasionar atascos e problemas.
Dende Somos Ribadumia pedimos que se poña especial celo na xestión do tráfico, cunhas medidas de seguridade e de distribución do tráfico acordes á situación, que se informe moi ben, e se limiten as molestias para os viticultores ao mínimo necesario.
Organizamos a I Xornada Municipalista.

· Unha xornada técnica, formativa e de debate orientada a formacións municipalistas de toda Galicia.
· Será o próximo 4 de outubro.
· Coa colaboración de Somos Cambados e Agora Galicia.
Dende Somos Ribadumia vimos de lanzar, logo de meses de preparación, a que será a I Xornada Municipalista, un encontro de carácter técnico, formativo e de debate que supón un paso adiante no traballo colectivo que vimos realizando dende fai anos con outras formacións do noso espazo político, e que se encadra dentro do proxecto de confederación do municipalismo iniciado formalmente o pasado febreiro co nacemento de Agora Galicia.

O encontro, dirixido polo noso Concelleiro Sergio Soutelo e pola Concelleira de Somos Cambados Noelia Gómez, está orientado a formacións municipalistas, terá un carácter técnico e formativo, e nel desenvolveremos catro bloques:
- dereitos fundamentais dos cargos públicos, onde analizaremos os dereitos e obrigas dos concelleiros e concelleiras, nun relatorio ofrecido pola avogada Tania Varela.
- Clase mestra sobre economía local, da man de Patricia Oubiña, da Executiva de Somos Ribadumia é de Enrique Oubiña, exconcelleiro da nosa formación, no cal en dúas partes diferenciadas se trataran diversos aspectos técnicos das Contas dun Concello.
- Estratexias políticas nos ámbitos anteriores, no cal se analizaran diversas formulas para xestionar dende o punto de vista político todo o tratado nos temas anteriores. Este bloque irá da man da avogada Tania Varela, do Concelleiro Sergio Soutelo e do exconcelleiro Enrique Oubiña
Xa pola tarde terá lugar un debate, moderado poa Concelleira Cambadesa Noelia Gómez, ao redor da degradación dos funcionamentos democráticos nos Concellos.

Con esta iniciativa dende Somos Ribadumia afondamos na nosa aposta polo enfoque útil para a cidadanía da acción política, unha visión que é compartida co resto do municipalismo e que está no cerne de Agora Galicia. Nun tempo onde as grandes forzas políticas viven na autocompracencia, onde a xestión política está afogada polo tacticismo, todo se fai a golpe de publicacións nas redes sociais e de titulares, sen outro obxectivo que o de lograr rédito electoral e ter o poder para facer con el negocio ou atender a fins partidistas e personalistas, e onde as propias administracións deixaron de ser ferramentas para axudar á cidadanía e pasaron a ser mecanismos a través dos cales lograr fins partidistas, conseguindo con todo iso unha gran desafección da cidadanía cara a política e que triunfen discursos radicais e rupturistas co sistema democrático, nós defendemos o funcionamento da democracia e das institucións e o uso dos mecanismos legais e democráticos existentes, a falta doutros mellores, para facer da política a ferramenta útil e que sirva para mellorar a vida da nosa veciñanza que debe ser e que outros transformaron nun artificio. En definitiva, contra os que buscan aproveitarse do sistema ou vivir cómodamente del, nos apostamos por usar o sistema para mellorar a vida da xente.
