Category: Sen clasificar
Inaudito: David Castro pretende conmemorar o 25N coa Festa do Deporte.

- A axenda de actos, un cartel con moito recheo e sen case actividades para a veciñanza en Ribadumia.
- David Castro invisibiliza as actividades que vai realizar ESMAR en Ribadumia.
- O colofón á lista de actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres vai ser a Festa do Deporte!!
A estas alturas parecía difícil, pero dende Somos Ribadumia temos que admitir o noso asombro ante a axenda de actividades que o goberno local, co alcalde á cabeza, presentou para a conmemoración do 25N.
E imos empezar pola parte final desa axenda, dada a súa gravidade.
Referímonos ao alucinante feito de que o colofón a un mes de actividades en conmemoración do 25N , unha data e un mes no que se fala de vítimas, de mulleres maltratadas e asasinadas, vai ser unha festa. E nin máis nin menos que a Festa do Deporte, que se traslada de outubro a finais de novembro non sabemos se por incompetencia do goberno para organizala en outubro como era habitual ou por puro interese de deturpar o espíritu do 25N .
Non temos verbas para explicar o lamentable, o absurdo e o inaceptable que é que o goberno do señor Castro organice dentro das actividades do 25N un evento que debe ser efectivamente unha festa de reivindicación dos valores do deporte e de recoñecemento ás entidades e deportistas locais, non outra cousa, menos aínda un acto do 25N. É difícil entender como vai David Castro transformar este acto festivo nun acto reivindicativo e sobrio que correspondería cunha data tan importante como o 25N. Pero en todo caso non é xusto para o deporte local nin que se mezcle a súa xornada de recoñecemento cunha data onde se fala dalgo tan grave como a violencia machista nin que se cambie o espíritu dese evento e o foco de atención do mesmo.
En verbas do noso Concelleiro, Sergio Soutelo, “O 25N é unha data para recordar a situación das vítimas, das asasinadas pero tamén das que sofren maltrato a diario. Este ano o lema da ONU , “ÚNETE para poñer fin á violencia dixital contra as Mulleres e as nenas” pon o foco na violencia dixital, a través das redes sociais, un problema moi grave, especialmente entre a xuventude e infancia, sobre o que debemos poñer o foco e as políticas, por que provocan auténticos dramas. Pois David Castro vai falar de fútbol e deporte”.

Unha axenda de actividades con poucas actividades.
Se afondamos na axenda de actividades presentada a semana pasada topamos outras cuestións. Porque David Castro tivo a ocorrencia de que o importante era presentar un cartel cheo de actividades, pero cando imos ao detalle dese cartel, ademais do despropósito de incluír a Festa do Deporte na lista de eventos, topamos a realidade da actitude do goberno local ante a lacra da violencia machista.
Dun total de 12 actividades remarcadas no cartel:
– Dúas son presentacions. Por un lado a do propio cartel de actividades, que non deixou de ser unha foto no salón de Plenos de membros do equipo de goberno, nun espectaculo lamentable polas formas e o formato , sen representantes nin dos Servizos Sociais do Concello, nin do CIM, nin de ESMAR nin de ningúnha entidade ou colectivo.
A outra presentación será dun protocolo contra a violencia de xénero de aplicación para os traballadores e traballadoras do Concello.
– Outras dúas “actividades” remarcadas son un obradoiro dirixido ao persoal municipal, e unha proposta que se vai levar a Pleno, ou sexa un acto meramente político, e xa veremos se leva a algo positivo ou se queda na pantalla.
– Outra actividade é a lectura dun manifesto. Así, sen mais contido.
– Únicamente dúas das actividades están dirixidas aos alumnos do colexio. E ningunha delas é organizada polo Concello, pois ambas son organizadas polo CIM comarcal.
– Das dúas únicas actividades dirixidas á nosa veciñanza, unha está organizada polo CIM, a outra polo Concello.
– Outras dúas actividades anunciadas nin sequera van ter lugar en Ribadumia.
– E o colofón final vai ser a Festa do Deporte.
Visto este cartel , compre facer algunhas valoracións. O CIM é un órgano mancomunado que normalmente anuncia a súa propia axenda de actividades, que se realizan en varios Concellos. Obviamente son interesantes e positivas, pero non son actividades organizadas dende o Concello de Ribadumia, menos aínda as que van realizarse fora de Ribadumia. Dende Somos Ribadumia consideramos que o goberno en vez de dedicarse a organizar un mes de reivindicación e axenda propia, se dedicou a rechear un cartel con actividades organizadas por outras entidades, para aparentar que fai algo.

Silenciar a ESMAR.
Por outra banda, na lista de actividades e de actos previstos inexplicablemente ocúltase a existencia e a axenda da única entidade de axuda ás vítimas de violencia machista que temos na comarca do Salnés e que a día de hoxe segue rexistrada en Ribadumia e presidida e dirixidas por mulleres do noso Concello, que é ESMAR. Ademais este colectivo ten previstas varias actividades no noso Concello para conmemorar o 25N, que David Castro tamén oculta.
É totalmente lamentable que David Castro intente silenciar a existencia deste colectivo, e que o deixe fora dos actos do 25N.Do mesmo xeito que é incomprensible que se lle impida o uso a ese colectivo o día que tiñan solicitado para a súa Gala anual, ademais cando compren 10 anos, en favor da “Festa do Deporte” que o Concello podería organizar calquera outra semana, obrigando a este colectivo a axendar outra data. Ademais non é a primeira vez que pasa, pois xa o ano pasado ESMAR trasladou a súa Gala a outro Concello, por que o señor Castro non lle autorizou o uso do auditorio.
En resumo, David Castro disimula con recheos a falta de traballo e compromiso do seu goberno usando de pantalla asa actividades que organiza o CIM, tapa o traballo das entidades de apoio as vítimas de violencia machista e deturpa o significado e o espírito do 25N con festas deportivas. Unha actitude inaceptable nun alcalde, incluso nun alcalde do PP. Esiximos que se modifique a data da Festa do Deporte para sácala dos actos do 25N, e que se asuman responsabilidades políticas ante esta inaceptable situación.

David Castro ten contratado un “asesor externo” no departamento de Intervención. Confirmase o caos absoluto na xestión do Concello.

- Unha persoa leva semanas no Concello, actuando como se fora o Interventor Municipal, sen que David Castro explique o motivo.
- Se Ribadumia vai tan ben como di David Castro, porque fai falla un asesor no departamento de Intervención? hai problemas económicos?
- A realidade confirma que o Concello está afundido nun completo caos.
- Pedimos que se aclare a situación: que fai esa persoa no Concello, canto lle costa á veciñanza e a que datos persoais ten acceso.
Dende Somos Ribadumia tivemos constancia de que dende fai unhas semanas na casa consistorial traballa unha persoa, neste caso un home, supostamente realizando tarefas de asesoría no departamento de Secretaría-Intervención, unha situación sorprendente e complexa, por que as funcións de secretaría e intervención están legal e administrativamente moi reguladas, e non pode nin exercelas calquera, para ocaso de que se producise unha baixa, un extremo que non aconteceu, como tampouco pode entrar calquera pola porta da casa consistorial e comportarse como se fora o secretario ou o interventor do Concello.
A situación en todo caso require unha confirmación pública que imos solicitar por escrito. Pero para o caso de que isto sexa certo, e non temos moita dúbida por que é pública e notoria a presenza desta persoa no Concello, o departamento de Intervención non é un departamento de atención á veciñanza, senón de xestión interna, pero que si afecta directamente á veciñanza. En relación a isto non consta que houbese recortes nin en persoal nin en recursos nos últimos anos que xustifiquen unha asesoría externa deste calibre – se esta é a realidade – , máis ben ao contrario, e dende logo un aumento de persoal non consta no anexo de persoal do último orzamento aprobado, o do 2024, nin no borrador sobre persoal xa acordado cos sindicatos para o inexistente orzamento 2025, como non consta a incorporación de ningún “asesor” nin o aumento de plantilla nese departamento.
En calquera caso o feito de contratar un asesor para este departamento chama a atención por varios motivos. o primeiro que David Castro leva meses, e anos, asegurando que o Concello de Ribadumia non ten ningún problema de xestión nin de carácter económico, e ademais compre remarcar que a Concelleira de Contas é precisamente unha traballadora da administración local que ata xuño do 2023 exercía precisamente no Concello de Ribadumia, co cal supónselle – e cónstanos – formación e capacidade para desenvolver as súas funcións e axudar ao departamento, de feito ten unha liberación concedida para facer fronte ás responsabilidades do cargo. De todo isto desprendese que a priori non ten sentido contratar unha asesoría externa, polo que de sendo así, fica confirmado, e xa poucas dúbidas quedan, que o Concello de Ribadumia afronta unha situación económica complexa, froito da desidia do señor Castro e do seu equipo, e de aventuras como gastar os cartos dunha modificación de crédito de 840.000 € sen estar esta aprobada, por non falar da ausencia de orzamento deste 2025 ou das contas do 2024, aínda sen facer públicas, non digamos xa aprobar. O último motivo, deixando no medio cuestións éticas, políticas ou de xestión, é que esta persoa que pulula polo Concello segundo nos consta está xubilada dende fai uns meses. De feito , salvo erro ou unha triste coincidencia de nomes e apelidos, esta persoa era ata non fai moito o secretario municipal do Concello de Moraña, un Concello que precisamente leva paralizado meses, segundo as declaracións do goberno dese Concello, pola xubilación desta persoa.
Por outa banda, e quizais o mais preocupante, é que nos consta, ademais do dito, que esa persoa ten acceso a diversa documentación sen que poidamos determinar en que grao nin a que datos de empresas ou particulares accede, que se pasea por distintos departamentos do Concello e que actúa de facto como un traballador máis do Concello de Ribadumia, con atributos de interventor, cando non pode ser o caso, e ademais resultaría de todo irregular.
Á vista de todo o anterior, e co obxectivo de clarificar a situación desa persoa no Concello de Ribadumia, o noso Concelleiro, Sergio Soutelo, presentará ao longo do día de hoxe un escrito solicitando o seguinte:
· Que de maneira inmediata se aclare PUBLICAMENTE que fai esa persoa traballando nas instalacións municipais, cal é o seu posto de traballo, e cales son as súas responsabilidades e funcións concretas. Se houbese unha situación que xustificase certa discreción, que de xeito inmediato se convoque aos voceiros de todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal e se explique esa situación.
· Que dentro dos prazos legais establecidos, se me achegue copia do contrato que esa persoa, ou de ser o caso a empresa para a que traballe, manteñen co Concello de Ribadumia, incluíndo de maneira pormenorizada a duración do contrato e tamén o seu custe económico. Se a contratación fose de maneira directa a esa persoa, tamén o desglose dos custes de seguridade social e outros aos que teña que facer fronte o Concello de Ribadumia.
· Do mesmo xeito, que se me achegue copia, con data e sinatura, do documento acreditativo da súa asunción de responsabilidades na protección dos datos persoais aos que teña acceso.
· Un informe pormenorizado onde se explique a que datos e informacións ten acceso esta persoa, e en concreto que se nos aclare se ten acceso a datos de empresas ou particulares e nese caso a que nivel.

Augas de Galicia multa con 5.000 € ao Concello de Ribadumia polos vertidos constantes da EDAR de Lois.

- Unha inspección o pasado mes de maio confirmou o que xa denunciamos dende Somos Ribadumia: a depuradora de Lois verte de maneira constante ao río Cañón.
- O Concello non se molestou nin en alegar ou presentar solucións para mitigar ou evitar a sanción económica.
- A Xunta multa ao Concello pola incompetencia de David Castro, pero quen pagan son o veciños e veciñas de Ribadumia, e con recargo a veciñanza de Lois.
- A nosa proposta para que se busque unha solución negociando unha actuación conxunta con Meis, gardada nun caixón.
“O Concello de Ribadumia ten un problema moi grande coa EDAR de Lois, e David Castro está máis preocupado de ocultar o problema que de darlle solución”. Isto foi o que dixemos o pasado 5 de maio, cando fixemos pública, logo de que David Castro intentase ocultala, a preocupante situación da estación depuradora de augas residuais sita na parroquia de Lois, con vertidos continuos ao río Cañón durante nove meses dos doce que ten o ano.
Por se os informes da empresa que xestiona esa EDAR non foran bastante claros, vimos de ter constancia de que o 7 de maio deste ano Augas de Galicia procedeu a realizar unha inspección nesa depuradora, dando como resultado a corroboración do que dixemos no seu momento, e ademais interpoñendo ao Concello de Ribadumia unha multa de 5.000 € “por vertidos de augas residuais urbanas sen tratamento ao río Cañon”.

E o máis grave non é tanto a cantidade da multa, que tamén, senón a desidia e o pasotismo do goberno do señor Castro. Xa non é que Augas de Galicia lle pillara a estación depuradora con filtracións e cun bombeo avariado dende fai meses ou anos, senón que o señor Castro nin sequera se preocupou de poñer solución ao problema ou cando menos minimizar as fugas continuas que padece a depuradora, deixando pasar o prazo dado por Augas de Galicia para alegar ante a multa ou para aportar probas de ter feito algo nese espazo de tempo. O resultado disto é que a veciñanza de Ribadumia ten que enfrontar cos seus impostos esta multa, e outras que poderan vir, pois se non se resolve o problema Augas de Galicia terá que seguir multando, e non descartemos que nalgún momento algún outro estamento tome tamén medidas.

Deixar de mirar para outro lado e actuar con sentido.
Dende Somos Ribadumia presentamos o pasado mes de maio unha moción propoñendo que o Concello fixera fronte aos problemas da EDAR colaborando co Concello de Meis, habida conta dun convenio de colaboración asinado para compartir conexións – cuxa existencia David Castro chegou a negar en Pleno – co obxectivo de ampliar a EDAR ou construír unha de maior tamaño e con vistas de futuro nun lugar axeitado. A proposta era seria, por suposto moi sensata, rigorosa no contido e por suposto realizable. E ata o día de hoxe segue sendo a única solución posta enriba da mesa por un partido político para rematar coa saturación que padece a EDAR de Lois e cos vertidos ao río Cañón.

Por desgraza, David Castro, un dos responsables políticos do fiasco de 900.000 € nunha obra no bombeo de Cabanelas que provocou un aumento dos vertidos cando os tiña que eliminar, e que vai permitir a enésima desfeita no río Umia coa construción dunha represa que vai ocupar máis de 1.200 metros cadrados de canle fluvial tamén en Cabanelas, gardou a nosa proposta nun caixón, ao lado doutras – de momento – sete mocións que se nega a levar a Pleno, e decidiu pasar de todo, tamén con isto.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar esta maneira de actuar e instamos ao señor Castro a que deixe de tirar os cartos da veciñanza en multas, que ademais de ser unha irresponsabilidade e unha falta de respecto cara a veciñanza tampouco ten as contas locais como para darse esas alegrías, e se poña a traballar por solucionar problemas, neste caso para rematar cos vertidos da EDAR de Lois, que supoñen un atentado ambiental de primeira orde, e ampliar a depuradora para dar cabida as necesidades da veciñanza, da presente e da futura.

Lamentamos a perda de oportunidade para Ribadumia coa parcela de Alfageme.

- Insistimos en que o Concello debería terse feito con esa parcela.
- Alégranos que adquira a nave unha empresa ribadumiense, pero chama a atención o proceso.
- Imos velar por un cumprimento rigoroso da legalidade vixente.
Dende Somos Ribadumia levamos meses defendendo que o Concello debería adquirir a parcela onde está a nave da antiga Alfageme, e de feito presentamos unha moción e varios escritos dirixidos a alcaldía neste senso. Os motivos eran moitos, ben xustificados e supoñían unha oportunidade enorme e tamén única de dotar un espazo público nunha zona de máximo interese ambiental, e xerar un punto de atracción turística.
Porén, o único que foi capaz de facer David Castro foi indignarse por que a idea a tiveramos nós, bloquear o debate da moción e negarse en redondo no medio dos seus habituais espaventos e faltas de respecto, perdendo así esta oportunidade, que gracias a incompetencia e aos prexuízos do señor Castor dificilmente se vai repetir.
Agora encontrámonos coa sorpresa de que logo de anos de bloqueo, e xusto despois de que nós propuxemos que o Concello adquirirse esa parcela, aparece unha empresa ribadumiense que se fai coa parcela. Dende Somos Ribadumia non temos nada que obxectar, ao contrario, pero chámanos moito a atención que as dúas empresas que puxaron a ultima hora non optasen por facer unha oferta un mes antes, cando a poderían ter levado por case a metade do prezo, entre outras cousas.
Dende Somos Ribadumia todo o noso apoio aos negocios que prosperen en Ribadumia, pero como dicimos isto tamén dicimos que imos velar por que a legalidade se cumpra, o espazo natural fique protexido como corresponde, e a empresa poida desenvolver a súa actividade con garantías legais. E non o dicimos por dicir. Temos exemplos sobrados do mal vicio do noso alcalde de mal axudar a determinadas empresas e persoas, mentres a outros veciños “de menos categoría” lles obriga, directamente ou a través da APLU, a derribar galpóns e galiñeiros. E para mostra , en Cabanelas temos unha nave ilegal nunha parcela onde non se pode edificar, levantada e traballando igual que o resto de naves que si actuaron legalmente e pagan os seus impostos, co silencio cómplice do alcalde que mesmo chegou a xestionar unha modificación do PXOM pagada con cargo á veciñanza, para intentar legalizar o ilegalizable, un intento no que polo visto insiste, gastando máis cartos da veciñanza só por contentar a unha empresa que actúa fora da lei.
