Category: Sen clasificar

Enrique Oubiña sobre servizos sociais: “por moito que David David Castro minta, a realidade pásalle por enriba”.

  • O 4 de maio Enrique Oubiña denunciou a situación de 12 persoas ás que David Castro lles estaba negando o SAF. O 5 de maio pola mañá, deu de alta a 4 desas 12 persoas de golpe.  Un pouco forzado de máis para ser casualidade.
  • David Castro fala do nicho do traballador social, de menos de 5 metros cadrados e sen ventás dende un despacho de 25 metros cadrados, dúas ventás e aire acondicionado, pero non di nada das condicións laborais do educador familiar e da traballadora social.
  • David Castro nega os datos de Somos Ribadumia, pero non aporta os datos que segundo el serían os reais. Só palabrería.

    Dende Somos Ribadumia debemos lamentar ás cínicas e demagóxicas declaracións de David Castro, que dende un despacho de máis de 25 metros cadrados, dúas ventás e aire acondicionado, di que o despacho do educador familiar, de menos de 5 metros cadrados, e sen ventás nin apenas ventilación, é un espazo adecuado.

 David Castro non conta según que cousas. Por exemplo que desprazou ao educador familiar, que tiña o seu despacho co seu arquivo e documentación, aproveitando unha baixa deste, e que o colocou nun nicho que só se usaba de maneira puntual, debido ás súas características, que non son ás adecuadas para ter un despacho permanente, e menos para atender a familias completas, ou persoas con cadeiras de rodas, pois o espazo é moi reducido. De feito cando vai unha nai cun carriño, por exemplo, o educador familiar ten que atendela coa porta aberta, anulando o dereito a intimidade desa persoa. Para Oubiña “isto é o grave da situación, que ás persoas que van a servizos sociais non teñan intimidade”. Tampouco conta que agora o educador familiar non ten acceso directo a todos os seus expedientes, que quedaron no despacho que agora ocupa outra persoa con funcións distintas, nin que para poder acceder aos expedientes o educador familiar ten pouco menos que pedir permiso.

   Sobre ás declaracións de David Castro relativas á lei de protección de datos, recordarlle que el mesmo declarou no debate realizado entre os candidatos que tiña un rexistro de persoas usuarias, algo que o propio Oubiña lle recriminou. “É para o caso, a segunda traballadora social, á que David Castro entregou todas as competencias que lle sacou á traballadora decana, foi designada á dedo inicialmente, é escollida despois nun proceso selectivo realizado por un tribunal reducido de persoas que incluía á  que agora ocupa o número 3 da lista electoral de David Castro, que ninguén dubida da súa profesionalidade e eu ademais estou seguro que o proceso foi limpo e profesional, pero claro…. E hoxe mesmo calquera persoa que vaia por servizos sociais comprobará como outra persoa da lista de David Castro está facendo labores administrativas nese departamento, e recibindo ás persoas que van por alí, tomando nota de a que van… Tinto, e nunha botella cunha etiqueta que pon “viño”. Igual David Castro debería medir máis o que di, e o que fai”.

    Para o caso da situación do SAF, compre remarcar a cadea de feitos. Enrique Oubiña fixo público no pleno do 4 de maio a situación de 12 persoas ás que David Castro tiña bloqueado o acceso ao SAF. O día seguinte pola mañá de maneira milagrosa resolvéronse catro desas situacións, e apareceron, segundo declaracións do propio alcalde outras  que ao final renunciaron ao servizo, seguramente porque xa non era necesario. Moita casualidade nos parece iso, máis ben que David Castro deu orde de corrixir a situación logo de que lle explotara na cara. En calquera caso demóstrase que existían eses casos, e que David Castro, unha vez máis, actúa á salto de mata e aos ditados de Enrique Oubiña, que leva toda a lexislatura marcándolle o paso.

   O que David Castro non fixo, máis aló de acusar a Enrique Oubiña de mentir, é aportar datos que poidan desmentilo. “Non os publicou porque os nosos datos como en todas as ocasións anteriores son correctos. David Castro ten un problema moi grande se pensa que os seus contos lle van á durar sempre. Á xestión demostrase con feitos, e os seus feitos no departamento de servizos sociais están moi á vista, así que volvelos insistir, David Castro debe César á Sofía Núñez, que se agarra á Concellería con uñas e dentes, e el mesmo debe asumir responsabilidades políticas como máximo responsable de todo o que está acontecendo”.

David Castro mantenlle bloqueado o acceso ao servizo de axuda no fogar a unha ducia de familias.

  • 12 persoas teñen concedidas horas de SAF e o Concello non lles dá servizo.
  • Ademais hai mala xestión das horas concedidas por Igualdade, tendo case 300 horas sen xestionar.
  • Hai queixas veciñais por lentitude de trámites, mesmo persoas que están perdendo axudas por malas actuacións do departamento de servizos sociais.
  • Esiximos responsabilidades a quen está facendo política coas necesidades dos demais.

    Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia a inaceptable situación na que están unha ducia de familias en Ribadumia ás que David Castro e a súa concelleira de política social e igualdade Sofía Núñez  lles manteñen bloqueado o acceso ao Servizo de Axuda no Fogar, tendo todos os parabéns do resto de administracións . Tal como explica Oubiña “fixemos unha consulta formal e encontrámonos con que case un terzo das 57 persoas que en Ribadumia teñen recoñecido o dereito a unha axuda de dependencia, non teñen acceso a ese servizo porque o goberno de David Castro llo ten bloqueado. É vergonzoso”.

   Resulta dun gravidade absoluta que despois de conseguir unha axuda que ten unha tramitación moi longa e enfarragosa, David Castro bloquee o acceso a esa axuda que tanta falta lle fai a esas persoas e a esas familias. Porque ademais do dito, resulta que David Castro nin sequera sabe como xestionar as horas para este servizo que concede a Consellería de Sanidade, e ten unha bolsa de case 300 horas sen usar. “Sendo eu concelleiro vivimos unha loita constante para aumentar o cupo desas horas, e seguían faltando. Agora David estraga as poucas horas que lle manda a Xunta e presume  xestión. Incrible”

   Preguntado en pleno por esta cuestión a concelleira de política social calou, como sempre, e o alcalde non foi quen facer nada máis que acusar a Oubiña de mentir e pretender que o departamento “nunca tan ben funcionou” un mantra que leva repetindo meses pero que día si e día tamén queda desmentido polos feitos demostrados.

Para Oubiña a palabrería do alcalde non tapa os feitos. En 12 anos que levo de concelleiro, en ningún pleno nin en ningún momento se expuxo este tipo de problemáticas, que van moito máis alá destes últimos feitos. Temos sido moi críticos coa política social do PP, pero nunca tivemos queixas deste tipo, e dende logo na miña etapa o departamento despegou e púxose como referencia para a comarca, aumentáronse as horas de dependencia, as políticas de igualdade e a atención as familias. Leccións a min David, ningunha. E discursiños tampouco, que eu sei moi ben do que falo”.

  A cuestión de fondo é a atención, esaxeradamente politizada, que se fai dende o departamento de servizos sociais. Hai traballadores pechados nun despacho, algún sen ventás, coas funcións reducidas, un persoal con longa experiencia que David Castro supliu con persoal de confianza, que dedica máis tempo a pasar informes da situación das persoas que van ao departamento que a facer o traballo que lle corresponde. Todos os trámites do departamento a día de hoxe teñen que pasar sí ou si por alcaldía e non poden ir adiante se David Castro non da o visto bo. E David Castro está bloqueando procesos de persoas as que el considera que se debe castigar. Noutros casos, a inexperiencia e tamén a falta de especialización dun persoal cuxa formación na maior parte non ten que ver co traballo social, lastran a xestión das moi variadas cuestións que pasan por ese departamento. “O grave de todo isto, é que cando a un veciño ou unha veciña se lle bloquea o acceso a un servizo ou perde unha axuda por non facer os trámites correctamente, estamos sacándolle o pan. Que quede moi claro: David Castro está sacándolle o pan á xente coa súa maneira de actuar. É indignante”.

     Pedimos a dimisión inmediata de Sofía Núñez, polas súas actitudes, resumidas na peineta que lle dedicou á veciñanza a semana pasada, e pola súa xestión do departamento de servizos sociais, o departamento máis importante do Concello. E por suposto por todo o demais, como falsear a declaración de bens ou ser apoderada dunha empresa que factura ao Concello.

   E esixímoslle a David Castro que se Sofía Núñez non dimite, a cese de inmediato. E que cese el tamén na súa actitude e devolva a normalidade ao departamento de servizos sociais. Xa está ben de xogar coas necesidades da xente.

Apostamos por un rural vivo.

  • Actualización dos edificios e dos espazos públicos, parques  con zonas cubertas, con sombras, aseos e fontes de auga pública.
  • Remate das rede de saneamento e de auga pública, e solución nas zonas problemáticas , como Besomaño e Lois. Impulso á rede de fibra óptica.
  • Resolución inmediata de todas as obras sen rematar, e un plan ordenado de desenvolvemento no rural.
  • Modificacións puntuais do PXOM para favorecer a edificabilidade nas zonas rurais.
  • Plans de axuda á construción e reforma de vivendas no rural.
  • Dotación de servizos de conciliación nas aulas do CRA, e promoción de actividades culturais e sociais nos locais sociais.

  Unha vez rematada a rolda de xuntanzas coa veciñanza realizadas nesta última quincena ao longo e ancho do Concello, dende Somos Ribadumia sacamos varias conclusións que nos permiten completar as nosas propostas de cara a lograr que o rural Ribadumiense deixe de perder habitantes, e sexa unha alternativa válida e apetecible para vivir.

   Os problemas eras coñecidos: unha rede de servizos básicos (saneamento, auga, mais tamén internet) sen completar ou no caso da fibra óptica moi deficiente, os problemas habituais de falta de nenos que permitan manter todas as aulas do CRA, o estado de abandono dos espazos públicos e en xeral unha deixadez por parte do goberno local actual que se fai notar moito. En verbas de Oubiña “o que detectamos, máis aló do abandonado que ten todo David Castro, é que a xestión das obras públicas é desastrosa. Non se rematou ningunha das obras menores postas en marcha nesta lexislatura, co resultado de que temos medio concello levantado, con tramos de pista sen asfaltar e os postes do alumeado é teléfono sen desprazar. Tampouco foi quen David Castro de cumprir os seus propios compromisos en cuestións como saneamento ou auga, pois a xestión caótica do departamento, e a política partidista que fai á hora de decidir que obras acometer, deixou a moita veciñanza tirada”.

  Se queremos que a xente se vaia a vivir ao rural, “o primeiro que temos que facer é deixar de contar os votos que hai nesta casa e naquela e superar a política de facerlle arranxos e peches de perpiaño a quen non favorece”. As nosas propostas para recuperar vida no rural son sinxelas e claras:

  • De partida rematar todo o que está empezado. Ao tempo definir canto falta realmente por completar das redes de saneamento e auga, e “poñer enriba da mesa un plan que o deixe solucionado se pode ser en dous anos, que non sexa en tres. O mesmo para outro tipo de obras, ancheamentos de pistas, asfaltados, etc. Hai que ter un plan ordenado de xestión do rural, non andar con parches aquí e alá, empezar vinte obras e non remarar ningunha. Con nós haberá orde e unha axenda concreta de traballos, e todas as obras terán inicio e final”. No que respecta á dotación de auga, non só hai que completar a rede, tamén hai que solucionar os problemas das zonas máis altas ou alonxadas, como Besomaño ou Lois, ou as Mimosas en Barrantes e mesmo algún punto en Villaverde, que sobre todo no verán sofren caídas se presión na auga e mesmo quedan sen servizo semanas enteiras, como nos contaban uns veciños de Besomaño.  Nós poremos solución a eses problemas, instalando depósitos secundarios máis altos, ou equipos de presión, segundo sexa necesario. Tamén impulsaremos captacións secundarias, para non depender dun único subministro, e estableceremos liñas de axuda económica para que os comuneiros de traídas veciñais poidan mellorar a salubridade das súas captacións. En resumo, reducir a dependencia da captación mancomunada, e limitar os problemas que hai no verán.
  • Impulsar a rede de fibra optica, para que no menor tempo posible se poida dar cobertura a todo o Concello.
  • Hai que impulsar a construción e a restauración de vivendas no noso rural para asentar familias. Farémolo con modificacións puntuais no PXOM e con liñas e medidas de axuda concretas.
  • Tamén levaremos os servizos de conciliación ás aulas do CRA, para que os nenos das parroquias teñan os mesmos servizos que os do centro, arranxaremos todos os parques infantís e dotaremos espazos de sombra, espazos cubertos para os días de choiva, fontes de auga pública e aseos en todos os parques do Concello. Queremos que as nosas parroquias teñan espazos de lecer aos que dea ganas ir, e actividades que os animen.
  • Investiremos recursos en darlle vida ao rural con actividades culturais e sociais, reforzando o apoio ás comisións de festas e dando uso aos centros sociais.

En resumo, a nosa intención é equilibrar a vida no rural coa vida no centro, dando os mesmos servizos e impulsando actividades e outras medidas que animen as novas familias a asentarse en calquera das nosas parroquias.

David Castro pon en perigo un convenio de 704.000 € non facer correctamente o trámite administrativo.

  • O convenio aprobouse en pleno, pero o Concello non puxo os fondos correspondentes a disposición da Deputación para por en marcha a licitación.  
  •  A modificación de crédito necesaria aprobada en marzo, nula de pleno dereito por erros na tramitación, e sen aprobarse definitivamente por non publicala no Boletín da Provincia. Como se non existira.
  • O Concello tiña que ter cumprido a súa parte do convenio o 31 de marzo. Na práctica, o convenio esta incumprido e a Deputación pode suspendelo.

  No pleno do pasado xoves houbo varios momentos nos cales david Castro non sabía onde agocharse, sobre todo agora que se quedou sen concelleira de contas e non ten quen o protexa.

   Entre as cuestión que o noso voceiro Enrique Oubiña puxo enriba da mesa dese pleno está a situación irregular do convenio asinado coa Deputación para realizar unha obra na rúa Condesa, valorada en máis de 704.000 € , dos cales o Concello debe aportar 211.000 €.

    O que pasa é o seguinte: o convenio asinado no pleno do 2  de marzo establece que o Concello debe poñer a disposición da Deputación os fondos que lle corresponden antes de rematar o primeiro trimestre, ou sexa antes do 31 de marzo. Tal como explica Oubiña “a propia secretaría municipal confirmou que no momento de celebrar o pleno, dous meses despois, eses fondos non se puxeron a disposición da Deputación, mantendo así bloqueado o desenvolvemento do proxecto e  a licitación da obra”. O que non dixo a secretaria, e David Castro non foi capaz de aclarar, é por que motivo, habéndose aprobado no mesmo pleno do 2 de marzo unha modificación de crédito para facer fronte a ese convenio, os fondos non saíron do Concello.

  E aquí entramos na segunda parte deste esperpéntico exemplo da xestión de David Castro. Resulta que a modificación de crédito é nula de pleno dereito ao ser aprobada de maneira irregular e sen cumprir o procedemento regrado.

   “As modificacións de crédito deben ir acompañadas dun informe de alcaldía, outro de secretaría e outro de intervención. Eses informes deben poñerse no expediente da modificación de crédito e estar a disposición dos concelleiros e concelleiras para a súa consulta antes das comisións informativas e do pleno. Resulta que os informes de secretaría e intervención non están no expediente. A min pasoume secretaría unha copia dúas horas antes dese pleno, e logo de solicitalas eu expresamente, pero iso non suple a obriga de telos a disposición nosa en tempo e forma. Ao non facelo así, ese acordo resulta nulo de pleno dereito, porque ademais eses informes, o pasado xoves, cando se celebrou este último pleno, e dous meses despois de aprobarse a modificación de crédito da que falamos, seguían sen figurar  no expediente”.

   Polo tanto, tal como Oubiña lle deixou moi claro a David Castro no pleno “ se hoxe a Deputación reclamara ao Concello os cartos para iniciar a licitación, o Concello non tería dispoñibilidade de fondos para poder facer fronte ao pago, pois nin temos un orzamentos no que figure o investimento, nin a modificación de crédito feita ten o trámite completado, e ademais non  é valida”.

  En resumo, David Castro, logo de perder 1,3 Millóns de euros en financiamentos da Deputación  do Plan Ágora e do ReacPon, volve perder outros 704.000 € por inepto. E Ribadumia segue perdendo posibilidades de acceder a fondos doutras administracións. Xa va máis de 8 Millons de euros perdidos. Nunca tantos cartos hou para os concellos e nunca un alcalde tantos cartos perdeu.

Outras obras en perigo.

  A modificación de crédito aprobada en falso en marzo  non so dispoñía fondos para o convenio coa Deputación, tamén para outras dúas actuacións, unha correspondente coa aportación do Concello a un plan do GDR, con máis de 47.000€ para unha pista pump track, e outros 4.000€ para aportar a un convenio co IDEA para unha instalación fotovoltaica.

   Ambos investimentos quedaron no aire, ao non poder o Concello usar os fondos inicialmente dispostos. E os prazos están correndo. Se o goberno local non corrixe pronto a situación, esas obras perderanse. Está é a xestión de David Castro.