Category: Sen clasificar

O concurso de carrozas de Reis, nin novidoso nin atractivo para os colectivos.

  • Despois de anos perdendo relevancia, David Castro rectifica e volve ao sistema de concurso de carrozas de Nadal impulsado por Salomé Peña.
  • O concurso, pobre e escaso de recursos, vai repartir menos fondos dos que repartiu  Salomé Peña no 2015.
  • 300€ por participar, e 400€ para o primeiro Premio, parécennos cantidades moi pobres e pouco atractivas.
  • Animamos aos colectivos a participar.

Vaia por diante que dende Somos Ribadumia, como non ía ser doutro xeito, animamos igual que sempre a todos os colectivos do Concello a participar en todas as actividades que se organicen no Nadal. Ao final, os beneficiados son os nenos e nenas de Ribadumia, pero tamén o propio comercio e hostalería locais.

   Dito isto, debemos expresar as nosas reservas ante o concurso de carrozas de Reis organizado polo goberno de David Castro. De partida, o concurso non ten nada de novidade. O Concello de Ribadumia realizou concurso de carrozas durante os últimos catro anos de mandato de Salomé Peña. E de feito, Enrique Oubiña, que foi concelleiro na oposición nese mandato, recorda que “máis  aló de críticas puntuais por cuestións cos pagos dos premios, o formato en xeral tiña amplo consenso político e da cidadanía, con moitos colectivos implicados”. Este consenso rematou cando David Castro se encirrou en cambiar de formato, deixando fóra a varios dos colectivos habituais. Un cambio que recordamos non contou co apoio de Somos Ribadumia, que defendemos a permanencia do formato existente, unha posición que co tempo e  co cambio de criterio oito anos despois de David Castro, se demostra acertada.

  Agora parece que David Castro quere rectificar, pero racaneando os recursos económicos. O concurso de carrozas organizado polo goberno de Salomé Peña, sen ser ningunha marabilla, tiña premios algo mellores e en conxunto maior aporte económico que o formato posto en marcha polo  goberno de Castro oito anos despois. En verbas do noso concelleiro, Sergio Soutelo, “parece que o señor Castro non escoitou falar do IPC, e non ten en conta o que custan as cousas. 300€ de axuda para montar unha carroza parécenos pouco, a señora Peña no 2014 xa daba 200€, e dende aquela a suba de custes de materiais foi importante” .

   E non só se queda curto, ao noso parecer,  o apoio a elaboración de carrozas. Os premios resultan menores que os ofrecidos por Salomé Peña na súa última convocatoria. En concreto Salomé entregou 600€ ao primeiro premiado, 400€ ao segundo e 200€ ao terceiro, unha cifra que no seu día xa levantou críticas  por escasas. Agora David Castro ofrece premios de 400€, 300€ e 200€, unhas cantidades moi baixas.

    En total, o Concello destina 900€ en premios a este concurso, 300€ menos que  os 1.200€ que Salomé Peña dedicou a este concurso. Pero con independencia da comparación, á hora de organizar un concurso destas características o Concello debería valorar que ademais do custe económico que supón montar unha carroza cuns mínimos, un custe que non baixa dos 1.000€,  están as moitas horas de traballo voluntario necesarias, realizadas de maneira altruísta por persoas que teñen vidas e traballos e que no caso de facer algo así, van facelo poñendo cartos do seu peto e sacando horas do seu tempo libre, e pasarán despois a tarde de reis no desfile podendo estar de público ou atendendo á súa familia, polo que aínda que entendemos que falamos de darlle unha axuda aos colectivos que realicen carrozas, non de pagar a construción completa das mesmas, sería de agradecer que cando menos o pau económico recibira unha axuda que resultara atractiva, e que os premios tiveran peso suficiente como para animar aos colectivos.

  E non é unha cuestión de partidas económicas, senón de prioridades. David Castro non ten problema en gastar canto faga falla para apoiar ao Arousa Fútbol 7, por exemplo, e unha soa actuación na Festa dos Maiores xa custou case tanto como o que se vai gastar en premios nese concurso. Entendemos que vendo o que se gasta noutras cousas menos relevantes para as nenas e nenos do noso Concello, ben podería o señor Castro arrimar un pouco máis para mellorar o desfile de Reis do noso Concello, algo que sempre  irá ben, sobre todo se temos en conta a aposta pola campaña de Nadal que nos últimos anos fixeron outros Concellos e da cal Ribadumia quedou fóra. Ao noso entender, xa é hora de ir espabilando.

David Castro dedícase a usar o Concello de pantalla para facer públicas sentenzas  de procesos xudiciais entre particulares.

  • O Concello de Ribadumia trasladou á prensa unha valoración sobre o proceso xudicial aberto contra Miguel Castro a raíz das súas ameazas a Enrique Oubiña.
  • O Concello de Ribadumia é totalmente alleo a ese proceso.
  • Covardía de Miguel Castro, que non foi capaz de acudir el mesmo á prensa.
  • A xuíza absolveu a Miguel Castro porque Oubiña renunciou a presentar testemuñas.

   O 30 de novembro de 2022 Enrique Oubiña denunciou a Miguel Castro logo dun episodio de ameazas nunha cafetería de Barrantes. A denuncia foi admitida a trámite e este pasado 2 de novembro tivo lugar o xuízo. A sentenza resultou absolutoria por falta de probas que corroboraran a versión de calquera das dúas partes, que ante a xuíza ofreceron dúas visións moi distintas.

    Sobre o proceso xudicial, nós mantemos o respecto que nos solicitou Oubiña dende que tivo constancia da aceptación da denuncia, pois a cuestión, máis aló da evidente crítica política derivada da situación de concelleiros que mantiñan ambos no momento dos feitos e de que un deles ameazara ao a outro, non pasa de ser un lance persoal que  dirimir nos xulgados. Polo tanto non imos valorar a sentenza. Só diremos que mentres Miguel Castro se personou no xulgado acompañado por un avogado e declarando falsidades como que “non recordo  se coincidín esa mañá con Oubiña” ou que “se coincido con Enrique nun evento ou local marcho porque ese señor é “problemático”,   Oubiña renunciou á axuda da súa avogada e a presentar testemuñas, que as había, porque como el mesmo declarou “somos todos clientes habituais do mesmo bar e non quero causarlle molestias nin complicarlle a vida a ninguén por esta cuestión, cando ademais todo o mundo soubo o que pasou. Que lle poñan unha multa a Miguel ou non non vai mudar os feitos”, e no xuízo limitouse a expor os feitos, sen “facer por dar pena e realizar valoracións persoais fora de lugar, que podería, pero eu a diferenza de outros recibín de meus pais unha correcta educación, que inclúe facerme responsable dos meus actos”.  Tamén convén recordar que o xuízo tiña que celebrarse en maio pero Miguel Castro tivo unha repentina e breve enfermidade xusto ese día.

    Sobre o que si temos algo que dicir, é sobre o feito inaudito de  que sexa o Concello de Ribadumia quen faga pública a sentencia e mande valoracións á prensa, cando esta entidade é completamente allea a esta cuestión. Tal como expresou o noso concelleiro, Sergio Soutelo, “ é totalmente inaceptable é inadmisible que o Concello de Ribadumia, unha entidade que é representación de toda a veciñanza, non unicamente do grupo do Señor Castro, traslade aos medios unha sentenza ou calquera  documento relativo a unha cuestión que afecta a dous particulares sen que o Concello teña parte e ademais faga valoracións públicas de parte”.

Miguel Castro, ou no seu caso os Independientes por Ribadumia, partido ao que pertencía no momento dos feitos, poderían ter mandado a súa valoración se o consideraban. Pero meter ao Concello, usando esta institución como pantalla para non dar a cara e usándoa como voceira dunha das partes e  usando a visibilidade da mesma para darlle repercusión á cuestión e de todo inadmisible.

David Castro pénsase que é Gonzalo Durán e actúa como se o Concello lle pertencera, pero non é así. Esiximos respecto pola veciñanza, que non ten arte nin parte nesta cuestión, unha rectificación pública e unha desculpa. En verbas de Sergio Soutelo, “se David Castro dende o Concello quere facer públicas sentenzas xudiciais, que faga aquelas nas que o Concello e el como alcalde son parte  denunciada, que ten varias agocchadas no caixón”.

   E a Miguel Castro esixímoslle un mínimo de seriedade, que nin saíndo exculpado dun xuízo foi quen de dar a cara. Se quedaban dúbidas sobre a clase de persoas que forman o equipo de David Castro e en concreto sobre o tipo de persoa que é Miguel Castro, ou sobre se o acontecido ocorreu como contou Oubiña ou non,  que non é o caso, esa maneira de actuar xa as aclara.

Os datos probados  sobre a modificación do PXOM que David Castro oculta.

  • A documentación non deixa lugar a dúbidas sobre a intencionalidade dos actos de David Castro.
  • Unha empresa leva dende 2020 obrando de maneira ilegal, sen ter nin un só permiso en tempo e forma, e actuando sen que o Concello faga nada.
  • A modificación do PXOM é un intento descarado de querer favorecer a esa empresai.

    Xa no seu momento valoramos a espantada de David Castro no relativo ás continuas retiradas da Orde do Día do pleno dunha modificación do PXOM que David Castro pretende aprobar pero que por varios motivos, vai aprazando.

   Ata o de agora, agardando a ter toda a información , ou cando menos toda a que o Concello puidera aportarnos, quixemos ser cautos. Ademais, temos moito interese por escoitar os argumentos do alcalde para defender unha actuación dende o noso punto de vista busca a legalización dunhas obras e dunha nave de notables consideracións, todo elo realizado fora de toda lei, tanto que conta cunha orde de derribo da APLU.

Pero vista a situación e que o señor Castro opta polo escapismo, queremos deixar claras dúas cousas: os feitos comprobados documentalmente, que polo tanto non son nin opinións nin posicións políticas, nin moito menos unha interpretación dos feitos,  e a nosa posición ao respecto.

Entre o ano 2016 e o xaneiro deste 2023 pasaron varias cousas en relación coa finca na que se encontra a nave da discordia. Coa documentación aportada polo Concello a cadea de feitos é a seguinte:

  • O propietario anterior solicitou ao Concello no 2016 un informe da situación urbanística da finca, que recibiu  como resposta que parte da finca estaba en chan non consolidado do polígono industrial, o resto en rústico (de especial protección).
  • Nalgún momento a finca cambiou de mans, e quen a comprou adquiriu máis parcelas, ata chegar aos case 5000 metros.
  • A principios de 2020, quizais antes,  o novo propietario comezou obras de recheo e peche de toda a súa propiedade, se pedir ningún tipo de permiso.
  • O concello non fixo nada, e non actuou ante uns movementos de terra moi evidentes.
Recorte da denuncia posta polo SEPRONA, que inclúe fotos das obras que se estaban realizando sen que o Concello aparentemente se dera conta.
  • Pero o 27 de febreiro dese 2020 o SEPRONA presentouse na obra, un recheo e un muro enorme que como dixemos non tiña permisos e redactou denuncia.
  • Ao día seguinte de pasar o SEPRONA o propietario presentou unha comunicación previa para facer un peche e igualar o terreo, que non tiña validez ningunha debido as características da obra.
  • Ao chegar a denuncia do SEPRONA ao Concello, o 13 de marzo,  este actuou e  decretou en base a  informes técnicos paralización de obra e facer a solicitude correctamente, con proxecto e todo o necesario. Isto foille comunicado á empresa o 4 de maio.  Nese tempo a empresa non paralizou as obras e o Concello tampouco deu orde de precintar a obra.
Captura do informe municipal feito con posterioridade á denuncia do SEPRONA, que remata de de demostrar que o Concello tiña xa constancia en marzo de 2020 de obras nesas parcelas. Obras sen autorizacións nen permisos.
  • A empresa presentou documentación alegando que a finca está no polígono, cousa, que non é certa.
  • O arquitecto municipal asina un informe o 6 de agosto onde  solicita da alcaldía que se realice un  informe xurídico ou que se fagan  consultas á Xunta de Galicia para clarificar a situación desas parcelas. O que non fai o alcalde é dar trámite á solicitude de obra nin tampouco mandar paralizala, de feito a empresa seguiu avanzando coas obras  como si nada.  
  • O concello, pois,  non fixo nada, nin sequera atendeu aos requirimentos do arquitecto municipal, e o proceso quedou na administración local paralizado.
  • Recalcamos que ninguén do Concello volveu pola obra a comprobar que estivera paralizada como se ordenara, e os propietarios das parcelas seguiron obrando como se non pasara nada, pois como xa dixemos, o Concello tampouco mandou precintar a obra en ningún momento.
Captura do informe inicial da APLU.
  • O 4 de xuño de 2021 aparece en escea a APLU, que detecta nesa finca unha nave en construción.  Unha nave nun estado de obra xa moi avanzado, como demostran as fotos que figuran no propio informe da APLU, e que ata ese momento non tivera ningún tipo de intervención da administración local.  O resultado de todo o proceso iniciado pola APLU é que en xaneiro de 2023 a APLU decreta a demolición da nave e reposición da legalidade.  O 27 dese mes de xaneiro o Concello recibe da APLU o decreto completo, que resulta demoledor en canto a situación de ilegalidade desa nave e do resto de obras de acondicionamento realizadas.
  • No medio disto, o 9 de xullo de 2021  a empresa propietaria da nave presenta proxecto de edificación no concello, pero non consta ningún tipo de actuación municipal, nin concesión ou denegación do permiso, nin requirimento de documentación nin tampouco ningún expediente de paralización da obra ou reposición da legalidade.
  • Tamén non medio disto – oh casualidade! – comeza a tramitación documental da modificación do PXOM, pero sen que o goberno local llo comunique a ninguén, non se fai público ata maio do 2023 que se intenta levar a pleno a todo correr e entregando so parte da documentación, sendo paralizada a manobra polas protestas da oposición.
Como podía saber a empresa denunciada no ano 2022 que se estaba tramitando unha modificación do PXOM cando ninguén máis tiña coñecemento, nin se somtera a pleno o inicio do trámite, nin sequera estaba a documentación completa ??
  • A quen o goberno si informou de que se estaba tramitando a modificación do PXOM é aos propietarios da finca, que expoñen ese feito como argumento ante a APLU para intentar parar o expediente de  derribo. Isto é dunha enorme gravidade, porque un proceso así non se pode poñer en coñecemento dun particular antes de poñelo en coñecemento de toda a cidadanía, e facelo así pode implicar un trato de favor.

      En resumo, no período de tempo que vai dende inicio do 2020 ata o día de hoxe, unha empresa empezou a obrar, e obrou con total impunidade recheando unha parcela de preto de cinco mil metros cadrados, pechándoa en todo o seu perímetro cun muro de considerables dimensións, levantou unha nave de aínda máis considerables dimensións, deulle contido e iniciou actividade na mesma. A día de hoxe esa nave non foi precintada, nin moito menos foron precintadas as obras que se realizaron neste tempo. David Castro permitiu que isto acontecera sen mover un dedo.

Resolucion da APLU, de xaneiro de 2023.

  David Castro, tendo constancia da APLU da construción da nave,  non actuou contra a construción, e fixo como que non sabia nada, ignorando incluso unha solicitude de permiso de construción presentada polos propietarios da nave, pero puxo en marcha un proceso de modificación do PXOM que vistos  os feitos, ten a clara intención de axudar na legalización desa nave, ata o punto de informar aos promotores desa obra ilegal de que o proceso de modificación do PXOM estaba en marcha para que puideran usalo nas súas alegacións ante a APLU.

   En maio de 2023 o Concello intenta levar a pleno unha modificación puntual do PXOM para  incluír a finca, e outras varias dentro do polígono industrial  nun claro intento de disimular as súas intencións reais. Pero retira o tema e nin sequera o inclúe na orde do dia do pleno  porque na Comisión Informativa a oposición advertiu da  falta documentación. Ademais, nese momento David Castro xa non tiña asegurada a maioría dos votos ao faltar do seu equipo dúas concelleiras.

   En setembro volve intentalo ocultando a situación da nave, e volve retiralo está vez coa escusa de que non se entregou ben a documentación aos concelleiros,  logo de que o psoe a ultima hora pedira documentación específica que precisamente se refería a esa nave.

   En novembro volve retiralo, con outra escusa peregrina, logo de que se fixera pública a situación da nave, e a oposición ao completo anunciara que ia votar en contra e falara de ilegalidade e falsidade documental.

   Na documentación da modificación do PXOM que se pretende levar adiante non se refire en ningún momento á existencia de edificacións ilegais e con orde de derribo, e refírese aos terreos a incluír na modificación como  eucaliptal e terreo ermo nun sitios e como terreos sen uso noutros.  Esta falsidade non só se recolleu na memoria da modificación, senón que se incluíu entre a documentación que se tramitou ante a Xunta para obter os informes sectoriais necesarios.

   A nosa conclusión, cos documentos aportados polo propio Concello,  é que se está intentado favorecer a unha empresa particular que ten unha nave en situación ilegal e con orde de derribo pendente de executarse, intentado modificar a calificación do terreo no que está. Se os documentos non foran bastantes claros, que o son, quedan confirmados os feitos polo silencio de David Castro, que non se atreve a dar explicacións públicas, nin ante o Pleno Municipal. E obviamente, a nosa posición neste tema é moi clara: non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar, non podemos estar de acordo con que se usen recursos públicos, cartos de todos, para favorecer a unha empresa que actúa fora da lei.  

David Castro enrédase coa Carballeira de Ribadumia.

  • En setembro David Castro asegurou que había unicamente un carballo morto, pero agora admite que cortaron oito.
  • Sigue habendo carballos enfermos, pero David Castro mira para outro lado.
  • Non aclara porque se cortaron os carballos, e evita comprometerse a repoboar as zonas que están quedando sen arbores.
  • A realidade: a Carballeira de Ribadumia está morrendo e David Castro non fai nada.

    No pleno do pasado xoves, o noso concelleiro Sergio Soutelo, logo de comprobar que o Concello, a raíz das súa denuncia no pleno de setembro,  realizou actuacións na Carballeira de Ribadumia, volveu interesarse polo tema, tentando que dende o goberno local lle aclarasen  porque motivo , se supostamente non había árbores mortas, se había procedido a unha tala.

Un dos carballos mortos cuxa existencia David Castro negou en setembro. A foto fíxose en agosto.

   As explicacións tanto de David Castro como de Vanesa Jorge non aclararon gran cousa, unicamente que a pesar de que David Castro en setembro asegurou que na Carballeira de Ribadumia “unicamente hai un carballo morto” e que non tiña constancia de ningunha enfermidade ou praga, menos aínda da existencia de carballos enfermos ou secos,  despois dese pleno o Concello procedeu á corta de oito carballos.  “Desta maneira confírmase que na carballeira había bastantes máis carballos secos ca un e que David Castro mentiu no pleno”.

O mesmo carballo, que despois do pleno de setembro David Castro mandou cortar a tapar o tocón. A foto é de finais de setembro.

  As enleadas explicacións de David Castro non serviron para aclarar moita cousa, nin tampouco para clarificar que vai facer o goberno local para resolver o problema da praga que está atacando á Carballeira, pois a pesar do corte de arbores mortas, segue habendo, como puidemos comprobar in situ, arbores enfermas, atacadas polo mesmo  bicho que xa se levou por diante as oito arbores cortadas polo Concello, e que se non se fai nada, e de maneira urxente, pode levarse por diante a carballeira enteira.

   O resumo en base as declaracións e feitos do goberno é que David Castro minte primeiro, e intenta tapar despois. Declara que non hai carballos mortos e despois manda cortar os carballos que nega que existan,  cortalos e tapar os tocóns para que non se note. “Fala de informes da Estación do Areeiro e xusto despois di que os do Areeiro aínda non pasaron pola Carballeira, e que hai que agardar. Di que hai que non hai ningún problema e xusto despois que hai que ver que problema hai e como resolvelo. Preguntolle se vai repoboar as zonas que están quedando sen árbores e responde que hai outras zonas con moita densidade de carballos”.

Unha das árbores enfermas que David Castro nega, atacada polo insecto que está matando a Carballeira. Esta foto é do 1 de novembro.

E mentres David Castro enlea e agarda sen facer nada, a carballeira morre.

   Dende Somos Ribadumia esiximos que se diga a verdade, e esiximos accións. Cando o mal que xa se levou por diante a case unha ducia de carballos se estenda a toda a carballeira, non haberá remedio.