Category: Sen clasificar
David Castro, o oportunista que usa a alcaldía para a súa promoción persoal mentres ten Ribadumia abandonada.

- Cambalache na Mancomunidade para que David Castro poida saír máis nos xornais e medrar no seu partido, a cambio de ser o monicreque de Gonzalo Durán.
- David Castro, co Concello de Ribadumia abandonado, ausentándose dos plenos e da propia casa consistorial, pretende presidir a mancomunidade.
Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa posición contraria, non xa a que David Castro sexa presidente da mancomunidade, senón tamén ás formas e a maneira de actuar do noso alcalde, e do resto desa camarilla, pois non se lle pode denominar doutra maneira, que se amorea ao redor de Gonzalo Durán.
En primeiro lugar, David Castro non nos parece persoa válida para desenvolver ese cargo, que implica moito traballo e capacidade de xestión. Para o caso de pretender cambiar á presidenta, do PP agardabamos unha aposta por alguén con algo máis de peso e capacidade, ademais de seriedade. David Castro ten o Concello de Ribadumia abandonado, ausentase de plenos de importancia capital como o do pasado 26 de decembro, cando se aprobou unha metedura de man na caixa de aforro da nosa veciñanza de máis de medio millón de euros, mentres el estaba de vacacións, e nin sequera é fácil encontralo no Concello, porque dedica máis tempo á empresa privada que ao servizo público, e iso a pesar dunha liberación de 1.500€/mes. Non só iso, David Castro foi o único alcalde reprobado por toda a oposición, incluído o PP, no pasado mandato, e acumula millóns de euros perdidos en axudas doutras administracións. Non podemos confiar en que un alcalde que deixa morrer as instalacións públicas, incapaz cunha maioría absoluta de aprobar un orzamento anual ou as contas, que ten disparado o período medio de pago ás empresa, ou sexa que é mal pagador, que perde axudas económicas importantes por non facer ben os papeis, que permite obras ilegais a empresas amigas e que alimenta conflitos entre os colectivos do noso Concello e non respecta aos representantes doutros partidos, estea en condicións de levar as relacións e accións conxuntas entre todos os Concellos da comarca.
O PP está usando a Mancomunidade para intentar, aumentando a presencia na prensa a conta dun organismo que polas súas características non acostuma a ter moitos conflitos, mellorar a imaxe dun alcalde que non ten peso político e que supón o maior Bluff do Partido Popular na nosa comarca. E dende a nosa formación non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar usando os organismos públicos para promover carreiras políticas.
Ademais, non só está o PP manobrando para usar a Mancomunidade en beneficio de David Castro e para cumprir de paso os caprichos infantís de Gonzalo Durán, ademais para logralo está usando á Deputación de Pontevedra, a través da cal comprometeu postos e investimentos a José Asperez e Carlos Viéitez, comprando vontades con cartos públicos, un uso partidista e interesado dos recursos públicos que non podemos compartir. Asperez por certo, nas súas primeiras declaracións desmontou pola tarde o dito por David Castro pola maña, ao falar de desagravios persoais e contra os seu partido como motivos do seu cambio de postura e non de ningunha suposta inestabilidade na Mancomunidade.
A realidade é que David Castro sentouse diante dos micrófonos para, con cara de formigón, mentirlle á cidadanía. A suposta inestabilidade política á cal se referiu David Castro non existe. Certo é que nos dous plenos que se levan celebrado dende o inicio do mandato da Mancomunidade, por certo con contido de pura xestión interna e sen grandes decisións, o BNG dedicouse a saírse un pouco de tono con propostas e debates artificiais sen relevancia co claro obxectivo de gañar protagonismo, pero hai que remarcar que todas as decisións se aprobaron co voto favorable da gran maioría de vogais, incluídos por certo os do PP, que votaron a favor de todo o levado a pleno pola presidencia e a Xunta de Alcaldes, no que levamos de mandato, pero tamén no anterior. Entón, se non hai desacordos na xestión e polo tanto non hai desacordos coa labor de Marta Giráldez, onde está a inestabilidade política? Onde está a mala xestión de Marta Giráldez que obrigue a forzar a súa saída da presidencia?
David Castro fala de inestabilidade política e dunha maioría que o PP tampouco ten, só conta con tres alcaldes de nove na Xunta de Alcaldes, que é a que decide o día a día da Mancomunidade, e dun apoio electoral que tampouco ten, menos el que perdeu a metade da súa masa de votantes nesta última cita electoral, por non falar de que na Mancomunidade non todos os vogais representan a un único partido, Asperez por exemplo sentase alí gracias ao apoio do BNG, e Silvia Álvarez, sendo socialista, logrou a cadeira co apoio de Xuntos, Somos Ribadumia e o BNG. Pero é que ademais David Castro falou, como fixo no seu día ao pasarse ao PP, dun suposto trato de favor da Xunta a cambio de que a Mancomunidade estea presidida por un alcalde popular. Terá o PP de Rueda explicar estes tratos de favor, pero máis aló diso a declaración cheira a conto, porque tamén Ribadumia se ía beneficiar moito do seu paso ao PP e o único beneficio foi para David Castro. Para o caso hai que recordar que os investimentos de maior importancia chegaron na etapa de Marta Giráldez de presidenta, e non gracias á Xunta, que nega financiamento a obras de importancia como a ampliación da depuradora de auga dende os tempos de Gonzalo Durán, que moito fala pero no importante tampouco foi quen de facer nada. Polo tanto, a promesa de investimentos é outra falacia de David Castro.

Queremos aproveitar por certo para felicitar a Gonzalo Durán pola súa epifanía política, pois despois de tratar a Carlos Vieitez de “Judas”, “traidor” e “transfuga” entre outros apelativos por supostamente entregar votos ao psoe fai catro anos, pedindo e logrando a súa expulsión do PP , agora parece que veu a luz e xa non ten tan claro iso do transfuguismo e da traición, nin que o señor Vieitez sexa tan mala persoa, e agradece os seus votos para colocar ao seu pupilo, co mesmo fervor que antes renegaba del.
Por todo isto amosamos o noso apoio a Marta Giráldez, é pedimos respecto para unha institución que non foi creada para que Gonzalo Durán ande a enredar coas súas paranoias persoais, nin para promover carreiras políticas e personalistas. E a David Castro pedímoslle que se deixe de perder o tempo cos enredos doutros, e non intente gañar con fotos e presencia na prensa o que non logra con traballo. Que se poña a traballar por Ribadumia, que para iso o elixiron os veciños e veciñas de Ribadumia.
David Castro convoca un pleno para coller 515.000€ da caixa e no canto de asistir, marcha de vacacións.

- Con escurantismo, ocultando documentación, convocando o pleno a horas de mínima repercusión e evitando a súa retransmisión a través das redes.
- Broma de mal gusto a Sérgio Soutelo, e grave falta de respecto institucional.
- David Castro, 1.500€ ao mes, pero aos Plenos que vaian os demais. El, de vacacións.
- 515.000 € para pagar facturas por non ter orzamentos.
O do pleno deste pasado 26 de decembro, convocado ao mediodía, non hai por onde collelo.
David Castro convocou un Pleno de carácter extraordinario para aprobar unha modificación de crédito de 515.000€. Xa de partida, que se convoque un pleno un 26 de decembro as dúas da tarde non nos parece moi razoable, tendo en conta as datas e o tempo necesario para preparar un pleno. Pero pasando o día e horas por alto, claramente pensadas para facer difícil tanto a preparación como a asistencia dos concelleiros e concelleiras da oposición e do público en xeral, temos que facer unha serie de apuntamentos.
O pleno convocouse como dixemos buscando pasar o máis desapercibido posible, ata o punto de non transmitirse pola canle municipal de YouTube, a pesar de telo anunciado. Algo moi lamentable, e indicativo da covardía de David Castro, que ten tanto medo á oposición e á opinión pública que usa calquera mecanismo que dispoña para evitar dar a cara publicamente.
Dende Somos Ribadumia asumimos os atrancos do señor Castro, ao fin tampouco agardabamos algo distinto. O que non podemos asumir é que non se fagan as cousas dentro dos mínimos legais. Teoricamente antes do pleno deberíase elaborar o correspondente expediente de modificación de crédito, neste caso por un valor de 515.000 €, destinado a pagar as consecuencias de non ter Orzamento no 2023, e os problemas da mala xestión e da conxelación administrativa na que vive o Concello, cun período medio de pago disparado ata os 50 días e coas empresas chamando a diario preguntando polas facturas pendentes. Pois ben, ese expediente non existe. O único que se lle pasou aos concelleiros foi un resumo de media ducia de liñas cunhas partidas bastante xenéricas, e os informes mínimos necesarios. Pero o noso concelleiro, vendo a escasa documentación aportada, solicitou acceder ao expediente completo e comprobar que os 515.000 € fan falla realmente e o destino que se dixo está tamén documentado.
Tal como explica o propio concelleiro, “Cal foi a miña sorpresa, cando ao chegar ao concello o pasado venres 22, antes do pleno, a secretaria do Concello me comunica que expediente “como tal, non hai” , e me pon diante un ordenador cunha longa serie de facturas, emitidas todas no último trimestre, pero que nada teñen que ver coa modificación de crédito. Unha broma de moi mal gusto, pero sobre todo un desprezo enorme cara a oposición e cara o partido ao que represento, pois nós ao Concello imos a traballar non a perder o tempo, e por extensión cara a veciñanza, que ten dereito a saber que se fai cos cartos de todos e todas”. A falta dun expediente completo onde figure toda a documentación relativa aos puntos a aprobar no Pleno é unha infracción grave do 42 da Lei de Bases do Réxime Local, que específica que “a documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que deba servir de base ao debate e, no seu caso, votación, deberá figurar ao dispor dos Concelleiros ou Deputados, desde o mesmo día da convocatoria, na Secretaría da Corporación”, por tal motivo antes do pleno solicitamos por rexistro a retirada da modificación de crédito da orde do día.
Pero David Castro fixo oídos xordos. E fixo oídos xordos entre outros motivos porque nin sequera estaba no Concello. Resultou que David Castro convocou o Pleno Extraordinario, pero unha vez tivo coñecemento de que boa parte da oposición non ía participar nese pleno, vendo que o seu voto non era necesario para aprobar o único punto a tratar, foise de vacacións. Dende Somos Ribadumia non podemos aprobar esta maneira de actuar, que nos parece totalmente irrespectuosa cara as persoas que forman a corporación, incluídos os seus propios compañeiros e compañeiras de partido, sen os cales a modificación de crédito non sairía adiante. “O señor Castro puido convocar este pleno a principios do mes de decembro, ou en calquera data na que el tivera dispoñibilidade para asistir sen entrar en conflicto coas súas vacacións, e despois, sabendo a situación sobre vida que tivemos e que tres forzas políticas solicitamos o aprazamento dese pleno, puido aprazalo uns días, que non pasaba nada. Pero, tendo todas as opcións, optou pola soberbia e o desprezo. O señor Castro debería recordar que os alcaldes teñen responsabilidades, e que os 1.500€ que cada mes lle paga toda a veciñanza non son para sufragar ese tipo de actitudes”.
En calquera caso o pasado 26 de decembro, con total escurantismo e case a porta pechada, o PP aprobou esta modificación de crédito, por certo co apoio do BNG. E aprobouse ademais coa ausencia de todas e todos os concelleiros da oposición, salvo a concelleira nacionalista. Unha situación que, remarcamos, David Castro sabía de antemán que se ía dar e os motivos, pero que non lle supuxo inconvinte, ao contrario, serviuse dela para asegurarse o resultado da votación. “Noutras circunstancias, temos moi claro que ao señor Castro non lle ía saír ben a xogada”.
Dende a nosa formación xa adiantamos que nos imos asegurar de controlar cada un deses 515.000 € e analizar co tempo que faga falla a onde van eses cartos, por se houbera no medio algunha irregularidade, que vistos os últimos comportamentos de David Castro, tampouco nos sorprendería.
David Castro négase a precintar a nave ilegal de Cabanelas.

- 3 meses despois de saír á luz o escándalo da nave ilegal , o Concello non fixo ningunha actuación.
- David Castro mantén o silencio sobre unha obra que se alongou 3 anos sen ningún tipo de permiso municipal.
- A nave, sen ningún tipo de permiso nin licenza de actividade, sigue funcionando como calquera outra que si teña todos os permisos en regra.
No pasado setembro saíu á luz o escándalo dunha nave construída ao longo de tres anos, entre 2020 e 2023, nun terreo onde está prohibido, sen ningún tipo de permisos municipais co silencio cómplice de David Castro, que sabendo da actuación, no canto de actuar contra os promotores da mesma, optou por intentar unha modificación do PXOM municipal para facerlles un favor.
Pasaron xa tres meses dende que saltara o escándalo, pero David Castro segue máis interesado en axudar aos propietarios deses terreos e desa nave que en defender os intereses do noso concello e en facer cumprir a lei. A nave, con orde de derribo de ditada pola APLU, carece de calquera tipo de licenza de actividade, non digamos xa de obra, e polo tanto o alcalde debería proceder ao seu precintado. Pero, en verbas do noso concelleiro Sergio Soutelo “o señor Castro segue mirando para outro lado, e ao facelo non solo se pon do lado de fora da lei, tamén actúa con falta de respecto cara o resto de empresas que teñen que pagar licenzas e permisos para poder facer a súa actividade e cara eses veciños que tendo terreos non poden facer unha casa por que o Concello non lles da permiso”.
A lei debe ser para todos e para todas igual, e a aplicación da lei tamén. Recentemente vimos como o alcalde dun concello veciño, neste caso Meaño, precintaba unha nave por carecer de licenza de actividade. Pero pola contra David Castro arriscase a coller un cabaleiro de tanto mirar para outro lado, e a algunha que outra consecuencia legal, ante unha actuación que non se pode tapar, nin por dimensión nin por tamaño, e ante a que un alcalde debe actuar, dende o primeiro momento e con corrección e acorde á lei, non intentado entrampar e usar os recursos públicos para modificar o PXOM a medida de quen se pasa a lei polos forros.
Esiximos a David Castro explicacións públicas e tamén que actúe como corresponde ao seu cargo, e recomendámoslle que se aplique a sensatez que tanto pide aos demais. Poñerse do lado de fóra da lei ten consecuencias, por moito carné do PP que teña.
As obras do punto limpo deixan á veciñanza sen servizo nunha das épocas de maior uso, e causan problemas ao Club Ciclista Ribadumia.

- O punto limpo, leva pechado case dous meses, sen que o Concello habilitara unha alternativa.
- En todo o período de Nadal, o punto limpo vai estar inhabilitado, e posiblemente non volvamos ter servizo ata marzo.
- 287.000 € nunha obra que era de todo menos prioritaria, para o caso de que fixera falta, que nós consideramos que non.
- O Club Ciclismo Ribadumia, coa escusa das obras leva o castigo de David Castro: unha lameira na entrada do campo de adestramento e a auga pública cortada.
- David Castro e Miguel Castro, polo medio das obras sen casco nin calzado de seguridade.
Imos comezar este comunicado polo final. David Castro e Miguel Castro fotografíaronse na obra que se está levando a cabo no punto limpo, paseando polo medio da mesma sen un so elemento de seguridade posto, nin casco, nin calzado de seguridade, por nomear o máis evidente. Un comportamento o destes dous por certo recorrente. De partida, antes de nada, o noso concelleiro Sergio Soutelo recórdalle aos señores Castro que “ a lei é para todos, e as leis de seguridade nas obras son de obrigado cumprimento para todo o mundo, por moi alcalde e concelleiro que un sexa. Esta maneira de andar como se todo fora deles sen ter en conta a súa propia seguridade é moi grave, e pode ter consecuencias para eles, para a empresa adxudicataria da obra e para o propio Concello, que é o responsable último. Un alcalde debería ser máis prudente e responsable”.

Volvendo sobre a obra do punto limpo, queremos remarcar as consecuencias negativas que esa obra que está tendo na veciñanza. Comezando pola xeralidade, o Punto Limpo foi pechado sen aviso previo, e case dous meses despois, David Castro fíxose fotos, pero tomou moito coidado de non dar data de volta a posta en marcha, que dificilmente será antes de marzo, pois a obra iniciouse mediado outubro, ten 154 días de prazo de execución, e non parece que vaia avanzando a un ritmo particularmente acelerado, polo que a veciñanza vai estar meses sen ter onde depositar o lixo que non ten cabida nos contedores normais e os enseres de máis volume, algo que quizais no rural non o sexa tanto, pero nos pisos é un problema. Máis aló do uso normal do punto limpo, o Nadal é unha data de moitas compras e moito lixo, sobre todo cartón, plástico e vidro, e nestas datas moita xente opta pola comodidade do punto limpo, sobre todo porque moitos contedores que xa nos días normais se enchen en pouco tempo, nesas datas nas que o goberno apenas reforza o servizo fican inutilizables a maior parte do tempo, sendo punto limpo a unica alternativa responsable de xestionar todo o que se acumula nas casas neses días. Pero polo visto a David Castro todo isto dálle igual. “Pola nosa banda, non podemos compartir esta visión, dando por feito que a veciñanza ten que apandar co que lle poñan diante. O punto limpo non é un capricho nin un favor que se lle fai aos veciños e veciñas, é un servizo necesario e son os veciños e veciñas os que actúan responsablemente acudindo a el no canto de tirar o que non ten cabida nas súas casas en pistas e cunetas”.
Dende Somos Ribadumia asumimos que as obras causan molestias, pero un alcalde debe ser previsor, e buscar alternativas ou solucións temporais para minimizar os danos. Non foi o caso de David Castro, que nin dispuxo dun lugar onde almacenar temporalmente parte do material habitual que queda no punto limpo, nin buscou alternativa ou axuda en concellos limítrofes. “non fai falla pensar moito. Chegaba con trasladar as bañeiras do punto limpo e os depósitos de outros residuos á explanada do almacén municipal de maneira temporal, por exemplo, para minimizar os incomodos á veciñanza. Outra alternativa, sen darlle moitas voltas á cabeza, era chamar ao alcalde de Cambados, que aínda que sexa do PSOE non morde, e buscar un acordo para compartir temporalmente o punto limpo de Cambados, moi próximo a Ribadumia, cando menos para a recollida de todo o que non vai aos contedores habituais”.
Pero como sempre, David Castro fai e desfai para adiante, e os veciños e veciñas teñen que pagar as consecuencias do seu desleixo e da súa incompetencia.
E non só os veciños en xeral. O Club Ciclista Ribadumia está pagando sen ter culpa de nada as malas xestións de David Castro. Por unha banda, os acopios de terras resultantes da obra estanse realizando na entrada – que facía funcións de aparcadoiro – do campo de adestramento, onde case a diario adestran os nenos e nenas dese club, sen perimetral para evitar problemas e creando unha lameira que dificulta o paso a coches, nenos e adultos. Por outra banda, o Concello ten cortado dende fai semanas o servizo de auga pública nesta instalación, non se sabe se por causa das obras ou por outro motivo, pero non se resolve, cos incomodos que iso ocasiona ao club. “Seguro que se isto pasara a outro club do noso concello, non tardaba o señor Castro en resolver o problema nin media hora, aínda que tivera que levarlle a auga el mesmo a caldeiros, pero unha vez máis, en Ribadumia hai clubs de primeira e clubs de segunda” .
Dende Somos Ribadumia non compartimos esta maneira de actuar, castigando a unha entidade deportiva coa escusa dunhas obras. E por suposto, Sergio Soutelo xa presentou un escrito solicitando que de maneira inmediata se solventen os problemas que esta pasando esta entidade, que adestra nunhas instalacións municipais e polo tanto ten o mesmo dereito que calquera outra a ter uns servizos mínimos.
Por último, unha nota sobre esta obra, valorada en 287.000€, sumado a unha obra anterior para pechar a finca, vai superar de longo os 300.000 . Un investimento que enterra os moito investimentos anteriores, algúns como as xaulas para residuos electrónicos, moi recentes. Non temos nada en contra de ningunha obra, pero si temos claro que o punto limpo de Ribadumia non precisaba unha ampliación, pois foi actualizado no mandato no que Enrique Oubiña e Pepe Lede levaron urbanismo e medio ambiente respectivamente; o que precisaba era estar correctamente atendido e xestionado, que se valeiraran os contedores e as bañeiras de maneira habitual e non cando aparecían pancartas. Xestión, non obras. E dende logo, de nada vai servir un punto limpo máis grande se a xestión vai ser a mesma, unicamente para tirar cos cartos e converter unha morea de lixo grande en outra morea de lixo aínda máis grande.
