Category: Sen clasificar

Discutibles accións e actitudes en relación ao 8M.

  • Unha xuntanza dun suposto programa contra a violencia de xénero do que só se coñece o nome.
  • Xuntanzas con Garda Civil, hostalería e taxistas sen presenza nin dos servizos sociais municipais, nin do CIM comarcal, nin de ESMAR.
  • Nin rastro do programa pioneiro Conta Comigo, que incluía preto de medio cento de negocios locais e un grupo de apoio.
  • Faltas de respecto institucional ao deixar fora dos actos do 8M a diversos colectivos municipais.

  Como en ocasións anteriores, dende Somos Ribadumia evitamos facer valoracións relativas ao 8M e ás accións de goberno local ao redor desa data para non crear polémicas que poidan desvíar a atención do importante, pero pasado o día e os actos centrais do mesmo, cómpre poñer de manifesto uns feitos que nos parecen bastante discutibles, cando menos.

  No medio das actividades organizadas ao redor do 8M, figuraba unha xuntanza que, segundo constaba no cartel, consistía nunha “ Reunión de coordinación e seguimento do programa contra a violencia de xénero punto violeta : -non violencia; -empoderamento”. O evento aparecía axendado para o día 4 de marzo, e o propio goberno local publicou nas súas redes unha foto  da suposta xuntanza co seguinte texto   “O pasado luns tiña lugar a reunión de coordinación e seguimento do programa contra a violencia de xénero “Punto Violeta: non a violencia e si ó empoderamento da muller”, que engloba diversos axentes como o departamento VIOGEN da Garda Civil, os taxis, ou os hostaleiros locais, que xunto ó concello forman un tecido engranado”.

   Dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro. Como pode ser que se faga unha reunión desas características e non estean presentes os profesionais que a nivel local atenden as vítimas de violencia cando acoden a esa institución a pedir axuda? Dende o noso punto de vista, e partindo do descoñecemento que temos dese suposto programa de loita contra a violencia de xénero, pois non se fixo público nin en que consiste, nin como se está xestionando nin cales son os seus obxectivos, temos claro que esa xuntanza servíndose de toda a boa intención dos asistentes non foi máis que un paripé para dar a imaxe de que se fai algo, cando en realidade pouco se está facendo, ou nada. De feito, a realidade é que o goberno de David Castro fulminou o pioneiro programa posto en marcha da man de Somos Ribadumia, unha rede de puntos seguros que contaba con preto de medio centenar de negocios locais e cun grupo de apoio formado por persoas voluntarias ás que se lle deu formación específica. De todo iso non queda nada  e agora David Castro sacase da manga un invento que non sabemos se é unha broma ou se realmente pretende poñer o foco da violencia machista nos locais de ocio,  deixando fóra dese foco todo o demais. En calquera caso, o limitado do plantexamento, tendo en conta o punto de partida que foi o traballo feito entre o 2017 e o 2019,parécenos pouco menos que unha tomadura de pelo, cun tema para nos da máxima seriedade.

   Non imos valorar o contido da xuntanza, que tampouco se fixo público, pero dende o noso punto de vista, por moi positivos que queiramos ser, sen a presenza da traballadora social e do educador familiar do Concello e do CIM comarcal, entendemos que pouco se puido falar. Por certo que tampouco estivo convidada ESMAR, a única entidade da comarca, con sede en Ribadumia, dedicada a dar apoio ás vítimas da violencia machista.

  De fondo, os problemas persoais de David Castro.

    Con todo o que si sabemos do que está acontecendo en Ribadumia, estamos en condicións de asegurar que as ausencias tanto dos técnicos municipais e do CIM, como de ESMAR, nunha xuntanza desas características, teñen moito que ver con problemas persoais do Señor Castro cara eses profesionais e ese colectivo, e están na liña doutras actuacións deste goberno que leva semanas, nalgún caso meses, intentando invisibilizar o traballo do departamento de servizos sociais do Concello, sobre todo logo de facerse pública a situación do educador familiar, castigado nun despacho minúsculo e sen ventás, tal como denunciaron os sindicatos, ademais da nosa formación.  Unhas actitudes personalistas a través das cales David Castro debe pensar que “castiga” a esas persoas ou colectivos, pero en realidade o que está é transmitindo unha imaxe moi infantil e prexudicando á veciñanza, neste caso ás vítimas, que queren ter un servizos de atención pública aos que acudir sabendo que serán perfectamente atendidas, non mirar fotos do alcalde ao carón da Garda Civil.

 Os erros (ou non tan erros) de protocolo, outra vez.

Dende varios colectivos municipais recibimos queixas porque resulta que contra do que ven sendo habitual, o Goberno non mandou convites a participar nas diferentes actividades programadas polo 8M. Comezando polos actos propios do 8M , que este ano tiveron lugar no colexio, e para os cales o convite cos detalles do mesmo aos concelleiros da oposición chegou no mesmo día, nun intento de evitar así a nosa presenza. Máis grave nos parece que se ignorara intencionadamente a ESMAR dos actos oficiais. Ese colectivo converteuse en fundamental para axudar a moitas mulleres a saír adiante logo de vivir situacións dramáticas, e fai un traballo silencioso, pero necesario que merece todo o recoñecemento público, tamén que se lles teña en conta nestas datas, polo que o mínimo e convidalos formalmente a estar presentes. Da moita pena ver como o mesmo alcalde que foi correndo a Santiago a facerse fotos cando ese colectivo tivo o recoñecemento do goberno central a través dos Premios Meninas, agora manteña actitudes de desprezo e mesmo mostre a súa alegría ante a posibilidade de que a Asociación mude a súa sede social a outro Concello.

Cuestión similar coa Gala do Día da Muller. Sobre esta última, o Concello enviou convites por correo postal aos colectivos do noso Concello, pero obviou facelo vía telemática, algo que ademais é obrigatorio pois fai anos que a lei obriga ácomunicación telemática coas entidades xuridicas, non digamos xa unha chamada de teléfono, que foi xusto o que se fixo o ano pasado para o mesmo acto.

  En conxunto, é evidente que a este goberno a celebración do Día da Muller só lle interesa de cara á galería fotográfica, e que  para David Castro o realmente importante é castigar a quen polo motivo que sexa o incomodou. E así vai Ribadumia, que de ser referente nas políticas de feminismo e de loita contra a violencia de xénero pasou a irrelevancia, e a saír nos medios por cuestións nefastas como o regalo de cortauñas no ano 2022 ou o maltrato a traballadores e colectivos do noso Concello.

Falsidade documental nunha obra de 207.000€

  • Unha obra por valor de 207.000 € realizada sen cumprir prazos ,a direción de obra  falseando documentación, e o alcalde asinando todo.
  • A acta de replanteo da obra asinouse o mesmo día que a acta de final de obra.
  • David Castro permitiu o inicio da obra sen estar toda a documentación e regra e autorizou o pago da mesma antes de que se rematase de executar dita obra.
  • O arquitecto externo de man de David Castro, asinando documentos falsamente a cambio de 9.000€.

  No pleno celebrado onte o noso Concelleiro Sergio Soutelo puxo de manifesto, cos papeis na man,  a nefasta xestión no control de execución dunha obra de 207.000€. A denominación da obra é  “Mellora das instalacións térmicas en diversos edificios do Concello de Ribadumia ”, tivo un valor de 197.996,31 € subvencionados a través do Fondo de Cooperación Local para o ano 2023 da Xunta de Galicia, aos que hai que sumarlle os custes de redacción do proxecto e de dirección de obra, contratados ao arquitecto externo de man de David Castro a cambio de 8.954 € .

   No Pleno Sergio Soutelo puxo de manifesto varias irregularidades na documentación, irregularidades que supoñen falsidade documental entre outras cuestión e que son unhas actuacións da máxima gravidade:

  • A acta de replanteo da obra, documento imprescindible sen o cal a empresa adxudicataria non pode comezar a obra, e que debe redactar a dirección de obra, neste caso o arquitecto externo contratado para ese traballo, figura como redactada o 10 de novembro de 2023. Pero foi asinada o 24 de novembro, dúas semanas despois, e así se pode comprobar no propio documento.
  • O mesmo día, o 24 de novembro, o arquitecto asinou a acta de recepción da obra, dando por rematada, facéndose constar o seguinte : “las obras fueron bien ejecutadas, ajustándose sensiblemente al proyecto aprobado que sirvió de base para la ejecución de las mismas”.  Non só iso, ese mesmo día o arquitecto certificou a obra, dándoa como rematada por completo, e certificando que se había executado totalmente todo o que figuraba no contrato.
  • Dáse a circunstancia de que ese día 24 de novembro as obras, que por certo tiñan data límite de execución no 12 de novembro,  estaban sen rematar, de feito temos fotos tomadas o 2 de decembro, onde se comproba que unha parte desta obra, a que afectaba ao edificio de servizos sociais do Concello, estaba aínda a medio facer.
  • O 30 de novembro, David Castro deu autorización para o pago das obras, dando por valida toda a documentación, a pesar de que era evidente, e el tiña claro coñecemento pois as obras no edificio municipal de servizos sociais estaban ben á vista, que as obras estaban sen rematar, actuando así de maneira neglixente.

   David Castro, que se puxo moi nervioso ao ver os documentos que amosou Sergio Soutelo,  negouse onte a responder ás preguntas relativas as estas cuestións, alegando que as contestarían por escrito uns misteriosos técnicos, cousa que dubidamos bastante, pero non necesitamos esas respostas porque xa temos todos os documentos, que por certo son públicos. E temos pendente revisar varias contratacións máis, asinadas polo mesmo arquitecto, pois temos a sospeita de que esta  maneira de actuar non foi algo puntual.

   Dáse a circunstancia de que esta obra, como dixemos  foi levada por un arquitecto externo, que redactou o proxecto e exerceu a dirección da obra. Ese arquitecto non é para nada descoñecido no Concello de Ribadumia, nin é a primeira vez que sae a relocer nun pleno municipal. Resulta ser  o  mesmo “asesor misterioso” que saíu á luz nun pleno en setembro de 2022, cando  o noso concelleiro naquel momento, Enrique Oubiña, preguntou polo seu papel nunhas negociacións na sede da Deputación. Naquel momento David Castro declarou que a ese arquitecto había que estarlle moi agradecido, e que realizara os seus asesoramentos de maneira altruísta. A realidade é que e se arquitecto leva varios anos realizando traballos para o Concello, por valor de ducias de miles de euros, asi que o de altruista queda bastante en dúbida, quizais David Castro falaba dun “quid pro quo“.  

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas, que xa non é vaia contra da lexislación vixente, senón que ademais pon en perigo centos de miles de euros en axudas económicas, e non sería a primeira vez que David Castro perdera importantes cantidades por non cumprir ben cos procesos ou por non ter a documentación en regra. E dende logo, ante as acusacións fora de tono que o señor castro expresou no pleno, pretendendo que nos queremos o mal para Ribadumia, que lle quede que ben claro que por suposto nós traballamos por e para Ribadumia, non para desenvolver carreiras persoais na política, e dende logo apoiamos todos os investimentos que sexan positivos para a nosa veciñanza. O que pasa é que para nós non vale todo, as cousas deben facerse , pero ademais deben facerse ben.

Un concello é unha institución pública, e como tal debe funcionar con escrupuloso respecto á legalidade, e o alcalde debe ser rigoroso co cumprimento desa legalidade. Se David Castro non é capaz de xestionar o Concello, nin de licitar as obras en tempo e forma, que deixe o cargo, pero non nos parece de recibo que se entre nestes xogos, asinando documentos falsamente e facendo todo tipo de trampas para ocultar a neglixencia da súa xestión.

David  Castro falsea os datos de investimentos do PP en Ribadumia .

  • Nos últimos doce anos, o total de investimentos directos da Xunta en Ribadumia, coa salvidade do Colexio, foi de 0€.
  • David  Castro conta como investimentos os fondos de obrigado cumprimento, que non son investimentos no Concello, e ademais levan anos conxelados.
  • Ribadumia está moi prexudicada polas políticas do PP”,  argumento defendido por David Castro ata que se vendeu a ese partido.
  • Recordámoslle ao señor Castro que el pasouse ao PP co compromiso, incumprido, de paliar a falta de fondos da Xunta.
  • O que si nos deu a Xunta foron multas polo uso da depuradora, máis de 200.000€ polo uso da EDAR.

  Aínda que dende Somos Ribadumia non estamos participando activamente da campaña electoral, non podemos aceptar que David Castro minta para facer campaña en favor do PP.

  Vimos de ver unhas declaracións onde se falando duns investimentos en Ribadumia por parte da Xunta de preto de 11 Millóns de euros. Nada máis lonxe da realidade. Dende o ano 2011 o goberno da Xunta unicamente puxo o que era de obrigado cumprimento. Fora deses fondos, que se van  recibir goberne o PP ou goberne outro partido,  pero que co PP levan anos conxelados, o PP da Xunta non designou nin un só euro  a Ribadumia, coa salvidade dos 800.000€ que no ano 2021 se investiron no CPI Xulia Becerra Malvar e gracias á presión de Somos Ribadumia, non de David Castro. Un investimento que por certo non resolveu apenas ningún dos problemas do centro.

  Non houbo máis investimentos. Anteriormente á reforma do CPI, o único investimento en Ribadumia acometido pola Xunta de Galicia foi o edificio de vivendas públicas sito en Barrantes, promovido polo bipartito. Todo o demais, son partidas económicas xenéricas, e algunhas axudas como as destinadas ao polígono industrial, se chegaron a Ribadumia foi gracias a Somos Ribadumia, pois compre recordar que ao faltar nós deixaron de solicitarse e xestionarse, co resultado de que mentres o polígono de Cambados mellorou e recibiu a chegada de empresas, o de Ribadumia vai esmorecendo a cada ano que pasa, e ao PP tampouco lle preocupa moito iso.

   Dende o noso nacemento como partido político, cada ano denunciamos a falta de investimentos para Ribadumia nos orzamentos da Xunta de Galicia, e parécenos lamentable que David Castro saia agora falando de millóns como se falara de patacas no faiado. Máis no caso del, que ata febreiro do ano pasado, ten reiterado en numerosas ocasións, especialmente entre o 2015 e o 2019, a falta de compromiso con Ribadumia da Xunta. É máis, hai que recordarlle ao señor Castro que foi el o que dixo que se pasaba ao PP porque así ía, conseguir investimentos para Ribadumia, uns investimentos dos que a día de hoxe non se sabe nada.

A realidade é que con todos os números na man, co PP na Xunta Ribadumia perdeu. Perdeu por que o único que fixo a Xunta foi poñer paus nas rodas. Por exemplo cando se nos negou unha axuda a diversas axudas entre outras axudas para loita contra a violencia de xénero, no ano 2017, ediversos investimentos que por algún casual sempre lle tocan aos mesmos, ou cando ao longo dos últimos anos nos deixou sen pediatra e cun único médico durante varios veráns seguidos, ata que, unha vez máis gracias ao traballo de Somos Ribadumia, chegou un terceiro médico que  axudou a paliar a lamentable situación do noso centro de saúde, que vai parella aos recortes sanitarios que o PP da Xunta, co silencio complice de David Castro, leva anos practicando. Ribadumia tamén perde por exemplo con políticas como as aplicadas ao transporte público, que deixaron Ribadumia illada, pois non temos nin buses para ir ao Hospital do Salnés.

  Do que si pode presumir o PP da Xunta é de deixar Ribadumia abandonada e cargándonos competencias que son súas. Por exemplo o Servizo de Axuda do Fogar, que teñen que xestionar os Concellos, recibindo uns recursos da Xunta ridículos. Ou a negativa do PP da Xunta a asumir a gardaría municipal, ou a ameaza constante de peche de aulas do CRA.

   O que si nos deu o PP da Xunta Galicia foron facturas por máis de 200.000€ que pretende cobrar por usar a depuradora, e iso enriba do canon da auga e Saneamento, outro regalo do PP da Xunta de Galicia en forma de impostos.

  E nos preguntamos: onde está o colexio novo? Onde está a legalización do Folla Redonda? Onde está a ampliación da depuradora de auga pública? Onde están os investimentos prometidos a David Castro, foran cales foran?

   Obviamente, todo isto non deixan de ser artimañas en campaña electoral, ás que o noso alcalde se suma porque vive co pánico a que o PP non logre o goberno da Xunta de Galicia. O que nos gustaría é que David Castro, en vez de mentir cos números, nos explicara no caso de que o PP non gañe o goberno da Xunta, como vai facer, e que chaqueta vai intentar comprar cando vexa que no PP a cousa esta fastidiada?

David  Castro admite os erros na tramitación da Conta Xeral pero culpa a tesorería e intervención.

  • Nun pleno tensado polos polas malas formas do PP, David Castro atacou ao persoal municipal para evitar responsabilizarse da súa xestión .
  • Confírmase que o Concello ten a día de hoxe diversas axudas económicas no aire por non presentar a Conta Xeral en tempo e forma.
  • Sae a luz os enorme retraso nos pagos e os altos importes que se deben, o desfase nas contas da festa do tinto, os gastos esaxerados en asesores urbanísticos e en servizos e suministros, entre outras cousas.

  O debate sobre a Conta Xeral do ano 2022, que tivo lugar no pleno celebrado este xoves tivo sorpresas. Claro que ao mellor moita xente non se enterou que había pleno porque David Castro quixo celebralo  case que con nocturnidade e alevosía, pois evitou anunciar como era costume a súa celebración co obxectivo de que ninguén se enterara e aínda que se emitiu en directo, algo pasa que levamos varias emisións  con cortes, conxelacións da cámara e outros erros na emisión que dificultan moito a visión por parte da veciñanza, outro entorpecemento máis.

   Por unha banda David Castro, que non quixo retirar a aprobación da Conta Xeral da Orde do Día a pesar das advertencias de irregularidades no proceso,  si admitiu que había erros e que a Conta Xeral se estaba presentando moi tarde. De feito, David Castro, na súa liña escapista habitual, ao non poder culpar a Somos Ribadumia dos problemas da súa xestión, non tivo reparos en sinalar ao departamento de contas, e en concreto a tesorería e a intervención,  como responsables do problema.

   Dende a nosa formación queremos deixar claro que non compartimos o expresado hoxe polo señor Castro. Se o departamento ten eivas logo de oito anos e medio de xestión de David Castro, alcalde e responsable  do persoal municipal e da área de economía dende que é alcalde, con esa área delegada con exclusividade e moita opacidade  en concelleiras dos seus partidos, o único responsable é el, que non é quen de organizar o traballo nin de xestionar os recursos necesarios para que o departamento funcione correctamente. Non nos parece de recibo que logo de oito anos de alcalde  David Castro diga agora que hai un problema no departamento económico, unicamente para evitar ser o branco das críticas, e dende logo parécenos do máis lamentable que use ao persoal municipal de escudo ante as críticas  á súa xestión, moito menos sinalando directamente como fixo no Pleno.

   Como alcalde, máis aínda logo de dous mandatos, David Castro debe saber cal é o regulamento que afecta á presentación de contas, os prazos e como debe facerse. Como expresou o noso Concelleiro no Pleno,  a vista do catalogo de escusas esgrimido estes días por David Castro e a Concelleira de Contas, Vanesa Jorge, “se o goberno non é capaz de facer o seu traballo, que marche, pero non nos maree con escusas. E dende logo, eu teño claro que un xefe que tira ás súas traballadoras aos cabalos, non é un bo xefe, nin moito menos un bo xestor”.

 En segundo lugar David Castro confirmou pola vía do silencio administrativo , ou sexa calando ante a pregunta directa, o adiantado onte por Sergio  Soutelo logo da Comisión Informativa, que o pleno tivo lugar hoxe e non outro día porque hai varías axudas económicas en risco de perderse por non ter as contas ao día. Así que, unha vez máis, “confirmase que cando dixemos dende o noso partido que a xestión de David Castro poñia en perigo investimentos para o noso concello, estabamos decindo verdades”.

   Indo ao propio resultado contable. Os números, analizados pormenorizadamente por Sergio Soutelo, non sen interrupcións e ataques dende a bancada popular, que aínda non aprendeu as diferenzas entre un Pleno Municipal e a barra dun furancho,  deixaron algunha sorpresa, ningunha das cales foi rebatida polo goberno local, porque os números son claros.

   O orzamento inicial foi de 4.293.795,18 €. Pero a realidade é que o goberno xestionou no ano 2022  6.051.968,47 € , máis dun 40% sobre o orzamento inicial. “O concello gastou o equivalente a un  orzamento e medio. Se o repite, en dous anos terá gastado os cartos  de tres anos enteiros.

   Deses  seis millóns , o Concello deixou sen gastar 1.040.660,51 €., pero curiosamente tivo que ir ao remanente a coller 1.758.173,29 €. En resumo, un total descontrol da xestión económica. De feito, iniciou o ano 2022 con 2.253.588,62 € de remanente, ao longo do 2022 xerou 1.568.822,61, pero ao final dese ano na caixa so quedaron 969.184,52 €. Non é un dato menor, pois iso significa que o goberno local gastou do remanente máis de 2.800.000€, unha barbaridade, o equivalente a máis da metade do orzamento anual. E chama moito a atención, por que a final de 2022 David Castro debia facturas por máis de 600.000 € (612.149,50). O ano anterior pechouse cunha débeda de 267.660,61 €. “Ou sexa, que David Castro non está pagando as facturas, e cando as paga, paga tarde, mal e arrastro, pois o período medio de apgo esta disparado xa ata os 59 días”.

  Nunha primeira valoración debemos salientar o descontrol nos custes en contratacións de servizos externos e suministros, que se disparou dos 1.568.954,87 € do ano 2021  ata superar e moito dous millóns de euros (2.173.579,08). Un 40% máis que o ano anterior. Cousa parecida coas asesorías de urbanismo, que partindo dun orzamento de 30.000 € que se subiu a 53.000€ , rematou supoñendo mais de 88.000€. Para Soutelo, “Xa é raro que un concello de 5000 habitantes teña tres técnicos en urbanismo, pero xa ter que gastar encima diso outros 88.000 € nunha empresa externa da para pensar, para pensar a que empresa se lle deron eses cartos e por que, algo que pronto saberemos, e para pensar por que se hai tanta carga de traballo non se contratou outra persoa e se aforraron a metades deses custes”.

  Tamén hai que salientar a opacidade en relación aos custes da Festa do Tinto, que xa supera os 200.000 €, dos cales unha partida de 166.000, que inicialmente era 120.000€ non se quixeron explicar, como tampouco se quere explicar como pode ser posible que se ingresaran por entradas para o xantar de confraternidade unicamente o  equivalente a 468 entradas, 11.700 €,  cando ao xantar acudiron case 800 persoas, “A  pregunta que nos facemos e quen lle pagou a entrada a máis de 300 comensais”.

  Por último saudar  felicitar e trasladar publicamente os nosos mellores desexos na súa nova etapa a Susana Abuín, a concelleira do PSOE que hoxe asumiu o cargo.