Category: Sen clasificar

Propoñemos a creación dunha mesa local do medio ambiente para a elaboración dun plan de actuacións e posta en valor dos espazos verdes municipais.

  • A falta dun plan específico axeitado provoca que as zonas verdes e de lecer non se atendan da mellor maneira.
  • Sería moi positivo contar cun plan de actuacións para o medio e longo prazo, e para facelo realidade propoñemos á creación dunha mesa local do medio ambiente.
  • Cun traballo técnico de base e un plan avaliado polas forzas políticas sería posible mellorar e poñer en valor todos os espazos naturais e de lecer.
  • Días atrás xa solicitamos ao Concello que se acollera a unha liña da Deputación que permitiría recibir árbores cos que ir mellorando a situación dalgúns espazos.

  Dende Somos Ribadumia levamos anos amosando a nosa preocupación polo estado dos nosos espazos verdes, parques e zonas de lecer. Atrás quedan xa os anos de cogoberno onde xunto ao PSOE como responsables das áreas de urbanismo e parques puxemos en marcha un plan de mantemento que sendo básico permitía ter un calendario de actuacións e un mantemento correcto.

  A realidade é que hoxe por hoxe Ribadumia conta con varias zonas verdes, parques, xardíns, carballeiras, sendas fluviais, e outros espazos públicos de esparcemento, que se veñen coidando con maior ou menor dilixencia, pero que adoecen dunha enorme falta de previsión nos seus coidados a medio e longo prazo, así como dun plan respectuoso de atención, desenvolvemento e de posta en valor, nun tempo ademais onde estes espazos están cobrando enorme protagonismo social. A cidadanía, nas zonas urbanas e semi-urbanas, cada vez máis esixe espazos públicos  de calidade e verdes, por enriba de prazas de pedra e formigón tan de moda noutros tempos, pero no rural onde todo o patrimonio natural e etnográfico é moi querido a veciñanza tamén esixe que as cousas se vexan coidadas.  Do mesmo xeito, a xente que nos visita toma nota, valora e transmite a posta en valor -ou non – dos espazos naturais e o respecto polo medio ambiente.

   Sen pretender criticar a quen goberna, o certo é que a xestión actual  xera problemas. Como exemplos máis claros, máis aló do mal estado xeral dos parques infantís e o de case abandono de fontes e lavadoiros, aos que con sorte cáelles un paso de desbrozadora ao ano, temos a decadencia da Carballeira de Ribadumia, que está perdendo árbores de maneira paulatina, ou a xestión de zonas como as sendas que percorren as ribeiras do río Umia ou a do río Armenteira,   prexudicadas polas rozas mal planificadas, excesivas como se ten denunciado, non so polo noso partido senón tamén por colectivos ecoloxistas, así como pola falta de arbores en determinadas zonas que aguanten o terreo na ribeira, provocando derrumbes e outro tipo de problemas, particularmente nas tempadas de choivas. Outros problemas veñen derivados como dixemos da falta de mantemento en parques, algúns sen zonas de sombra, ou dunha deficiente previsión, como no caso das limpezas de rueiros e elementos patrimoniais, que xeran queixas a pesar de que contamos con medios técnicos máis que suficientes.

   Dende a nosa formación pensamos que a Concellería responsable dos parques e xardíns, debe hoxe por hoxe ser unha Concellería con moito máis desenvolvemento.  Por ese motivo presentamos este pasado xoves unha moción onde propoñemos a creación dunha mesa local do medio ambiente, formada por persoal técnico cualificado e por representantes de todos os partidos políticos, co obxectivo de elaborar, avaliar e poñen marcha  un plan de actuación e posta en valor que permita unha planificación a medio e longo prazo dos nosos espazos de lecer, o cal facilitaría enormemente a xestión en todos os aspectos.

Solicitude dunha axuda a Deputación.

  Con independencia do falado, días atrás o noso concelleiro Sergio Soutelo presentoulle á alcaldía unha solicitude onde  animaba a acollerse a unha liña de axudas da Deputación, publicada a principios de maio e que permitiría recibir un lote de árbores, ata 35, cos cales sería posible por exemplo repoñer parte do arborado perdido na Carballeira de Ribadumia, aínda que respectando a quen goberna non expuxemos ningunha preferencia. Si solicitamos que se fixera a maior brevidade dado o carácter de concorrencia non competitiva da liña de axudas.  Pensamos que acollerse a este tipo de axudas, que son bastante escasas, se ademais se fixera contando de antemán co plan de desenvolvemento que propoñemos crear, axudaría moito á mellora das nosas zonas verdes e de lecer.

  En resumo, o noso obxectivo é darlle a volta á situación que temos é mellorar a calidade dos espazos municipais de lecer, así como a posta en valor dos nosos medios naturais e patrimoniais, e facelo realizando propostas concretas e través da busca de acordos que permitan superar as diferenzas políticas. Por iso tamén trasladamos está proposta ao resto de forzas políticas, para que con tempo suficiente, pois o próximo pleno ordinario será en xullo, poidan analizada e propor as melloras que consideren.

David Castro, un “bluff”como presidente da Mancomunidade.


Incapaz de xestionar o ente comarcal, non se atreve nin a convocar os plenos.
• Tomadura de pelo a conta da ampliación da ETAP de Treviscoso.
• Dende xaneiro, cero novidades, cero xestión, cero relación cos concellos da Comarca e cero logros.

As últimas novas publicadas sobre a Mancomunidade do Salnés poñen de manifesto os dous grandes erros que cometeu o PP na nosa comarca. O primeiro coa moción de censura no ente comarcal, rompendo o clima de consenso que existía e que debe existir nun ente destas características. O segundo ao colocar de presidente deste ente a unha persoa que non ten ningunha capacidade, nin de xestión, nin de relación e de busca de acordos co resto de alcaldes e alcaldesa, nin sequera cos do seu partido, algo imprescindible nunha Mancomunidade de Concellos.

A Mancomunidade nin é un Concello nin pode funcionar como tal. Require de xuntanzas e de acordos entre as diferentes alcaldías, para poder traballar en conxunto polos obxectivos comúns, sen os cales a Mancomunidade non ten sentido. O illamento de David Castro, incapaz de comunicarse cos seus homólogos, coa salvidade do seu pai putativo político Gonzalo Durán, outro alcalde que tampouco é quen de ter un comportamento acorde ao seu cargo, fan inviable o correcto funcionamento da Mancomunidade, que leva traballando en piloto automático dende que se consumou a moción de censura.


Dende Somos Ribadumia entendemos a posición dos alcaldes e alcaldesa do PSOE, pois a situación ao que o PP levou a Mancomunidade é totalmente inaceptable. Por iso pedímoslle en primeiro lugar ao PP provincial e autonómico que tome medidas e poña orde no desbaraxuste que ten o seu partido na comarca e que o coloca fora dos funcionamentos democráticos, ademais de manter conxelado o desenvolvemento da Mancomunidade, algo que afecta a todos os concellos, estean gobernados polo PSOE ou polo PP. E pedímoslle a David Castro que amose un pouco da sensatez da que tanto fala e mude a súa actitude. Xa que escoitou os cantos de serea de Durán e se encirrou en ter a presidencia da Mancomunidade sen pedirllo ninguén, agora que asuma as consecuencias e se faga responsable do cargo. Ribadumia é un dos concellos pequenos dentro da nosa comarca e precisa da Mancomunidade para enfrontar moitas cuestións. De feito a Mancomunidade, que sirve para máis cousas que ir a feiras de turismo, é un importante motor que nos pode levar a mellorar enormemente os servizos que se lle dan á cidadanía e impulsar o desenvolvemento en moitos ámbitos da comarca, pero para iso hai que deixarse de caprichos políticos e poñerse a traballar.

A tomadura de pelo da Xunta a conta da ETAP.
De todas maneiras, vendo como actúa o PP dende a Xunta, non nos parece que teñan moito problema coa situación da Mancomunidade do Salnés, máis ben ao contrario. O martes fíxose público que Xunta petoulle a David Castro coa porta nas narices coa ampliación da ETAP de Treviscoso e a coa substitución da tubaxe que da servizo ao Grove. A nova esixencia de que a Mancomunidade redacte un proxecto non é nin máis nin menos que unha tomadura de pelo e outra manobra evasiva para alongar a situación, algo que o presidente da Mancomunidade non debería aceptar. Porén, a David Castro, que resulta evidente que non consensuou a súa postura co resto de alcaldes e alcaldesa antes de ir falar coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nin despois de recibir a resposta ante estas problemáticas, o problema dálle igual, e limítase a manter a súa postura se submisión ante o PP.

Para nos é totalmente inaceptable que a Xunta pida agora, logo de anos mareando, que a Mancomunidade redacte de novo un proxecto. Pero máis inaceptable resulta que o presidente do ente comarcal volvera desa xuntanza sen ningún compromiso claro e formal e sen cartos para sacar adiante unha ampliación que leva anos proxectada e para a cal xa se dispuxeron os terreos, e que aínda por enriba diga que a reunión foi positiva e asuma o discurso de quen con total descaro se está a rir da nosa comarca. Unha postura a de David Castro que ademais non parece que sexa compartida polo resto de Concellos aos que como presidente da Mancomunidade debe representar. A realidade é que David Castro foi por cartos e veu de volta co recado de que os cartos os ten que gastar a Mancomunidade, e sen garantías de que sirva para algo, e el aceptou iso sen rechistar e sen asumir que cando fala como presidente da Mancomunidade, faino representando a posición de todos os concellos, non a súa persoal. Lamentable.


A ampliación da ETAP e a conexión de auga ao Grove non son obras importantes e necesarias unicamente para os Concellos con máis afluencia no verán. Os problemas de subministro neses meses págaos tamén a veciñanza de Ribadumia, con problemas en varias zonas do Concello nos meses de xuño a setembro, que quedan sen auga e con perdas de presión continuas. Cómpre unha solución e ten que ser inmediata, non podemos agardar a que os intereses políticos do PP e de David Castro, que nada teñen que ver coa veciñanza de Ribadumia, o vexan adecuado.

Novo desastre organizativo e manifesta irresponsabilidade de David Castro, nesta ocasión coa Feira da Familia.

A Feira da Familia, realizouse por decisión de alcaldía na praza do Concello, a pesar dos chuvascos que caeron ao longo da tarde.
• Estaba anunciado o seu traslado por choiva para o pavillón de deportes de Barrantes, como en outras ocasións, pero David Castro negouse a pesar das peticións das entidades participantes e das nais e pais.
• David Castro obrigou persoalmente aos responsables das colchonetas inchables a poñelas en funcionamento estando molladas, algo que vai contra das normativas vixentes e que puxo en risco a integridade física dos nenos e nenas.

David Castro suma e sigue no caos total de xestión en cada área do seu goberno e no seu delirio autoritario que o leva a pensar que as cousas hai que facelas unicamente por que o mande el, digan o que digan o sentido común e as normativas vixentes. Neste caso, tivemos que asistir, por que ademais estivemos presentes, ao desastre organizativo da Feira da Familia, con saídas de tono do alcalde e de outros membros do goberno, ameazas a traballadores, queixas das nais e pais, e en xeral un completo despropósito.

De partida, compre dicir que a Feira da Familia, que nesta edición cumpriu catorce anos, tiña anunciado, e así figura no cartel do evento, que en caso de choiva se trasladaría ao pavillón de Barrantes. Pero David Castro negouse en redondo a trasladar o evento, e iso que os chuvascos pola mañá e a primeira hora da tarde, facían evidente que a festa non se podía realizar ao aire libre. O resultado desta negativa foi o previsible. Primeiro un caos coa asistencia, pois moitas familias trasladáronse ao pavillón pensando con toda lóxica que a feira estaría alí. Non era o caso e iso xa xerou certo enfado. Outras familias ao ver que o alcalde insistía en realizar o evento na praza do Concello, nin se molestaron en asistir, e outras marcharon ao chegar e encontrarse todo mollado, co cal a asistencia de familias á feira, comparado cos anos anteriores onde sempre tivo boa afluencia, foi escasa.

A choiva estivo presente boa parte da tarde, ata o punto de que unha actuación de paiaso prevista tivo que realizarse debaixo dos soportais dun edificio, pois o Concello non tivo a previsión tampouco de colocar unha carpa. Con todo, o máis grave foi a situación creada coas colchonetas inchables. A empresa que as instalou, empresa sobradamente acreditada e que ademais é veterana neste evento, xa advertiu dende o principio que con choiva esas instalación en concreto non se poden poñen en uso. O motivo é evidente, coa choiva o plástico dese tipo de inchables, que non están homologados para traballar con auga, volvese moi esvaradío, e iso converte a esas atraccións en moi perigosas, pois os nenos poden sufrir lesións. Hai unha norma UNE, en concreto a UNE: EN 14960/2014, que deixa moi claro que este tipo de atraccións, en caso de choiva non se poden usar. Ante a as ameazas do goberno local a empresa inicialmente instalou as colchonetas coa esperanza de que ao longo da tarde a choiva pasara de largo, pero non as inflou nin as puxo en funcionamento, primeiro por precaución, e despois porque ao chover e mollarse non debían facelo. Xa na última hora da tarde, o alcalde apareceu polo evento e ameazou aos responsables das mesmas obrigandolle, ademais con moi malas formas, a poñer as colchonetas, que estaban totalmente molladas, en uso, ademais sen advertir ás nais e pais dos perigos, ao contrario, David Castro aínda se amosou fachendoso de ter imposto o seu criterio ao dos profesionais que xestionaban as atraccións. Afortunadamente desa hora xa moitas familias desistiran e foron poucos os nenos que fixeron uso das colchonetas. Non pasou nada, pero outra vez, como xa pasou co desfile de entroido, se chega a pasar calquera cousa, ningún seguro se ía facer cargo debido a irresponsabilidade dun alcalde que se cree por enriba do ben e do mal, e despois virían os choros.

Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as actitudes e comportamentos autoritarios de David Castro e de parte do seu equipo, nin por suposto esta lamentable xestión dun evento que tivo ata este ano moi boa acollida. Non nos parece de recibo ter á choiva aos colectivos, incluído un grupo de anciáns do xeriátrico, que voluntariamente colaboran no evento, gorecidos unicamente por unhas pequenas carpas pensadas para tapar o sol, non a auga, nin que os nenos e nenas que quixeron participar en actividades como as colchonetas ou os xogos que había instalados ao aire libre tiveran todo o material mollado e non digamos xa ter que participar nunha actuación gorecidos baixo o soportal dun edificio, un espazo por certo privado, pois pertence á comunidade veciñal do edificio, e deberíaselle solicitar permiso previamente.

Esiximos explicacións públicas e responsabilidades políticas.

Por que pasou isto?
A pregunta que todo o mundo se facía o domingo era “por que non se levou o evento para o pavillón?” . Estaba anunciado e non sería a primeira vez que se trasladaba por mor do mal tempo. O que pasou non o podemos saber, agardamos que David Castro teña a ben dar explicacións, pero tendo en conta o importante partido e a celebración vividas no campo de A Bouza – onde se encontra o pavillón- , co merecido ascenso do primeiro equipo do Umia, para nos é evidente que o que pasou foi que David Castro volveu demostrar que non é capaz nin de xestionar os eventos, nin o uso das instalacións, nin de solucionar os problemas cando xorden. A situación do domingo e o fiasco da feira, que quedou reducida á mínima expresión, e xerou críticas nas nais e pais, teríase resolto, primeiro organizando os eventos cun calendario diante para evitar atoparse con tres ou catro eventos de certa importancia o mesmo día. Para o caso e pasando por alto que quen xestiona o pavillón e autoriza o seu uso é o propio Concello, se o pavillón, logo de contar con el, polo que fora non estaba dispoñible, chegaba con trasladar a festa a outro pavillón, en Ribadumia hai outros dous, ou con dispoñer unha carpa onde colocar os postos e atraccións e onde as familias puideran participar abrigadas do mal tempo. E en último caso, se non había capacidade para algo tan sinxelo como o que expoñemos, pois sería suficiente con aprazar o evento, que tampouco sería a primeira vez que se fai. Pero, unha vez máis, David Castro optou por fuxir cara adiante, pero as consecuencias desa fuxida pagounas, unha vez máis, a veciñanza.

Un valado de bloques de cemento leva semanas  en risco de derrube no patio dunha aula do CRA.

  • A situación de perigo dese valado para nenos e nenas é evidente, pero o Concello non pasou de apuntalar e sinalar.
  • Nais e pais amosan a súa preocupación pola escasa seguridade e polo retraso no arranxo da situación.
  • Esiximos do Concello celeridade e unha solución inmediata.

  Dende fai xa semanas, un dos valados perimetrais da aula do CRA de Ribadumia está en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, o cal supón un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula.

   Operarios do Concello procederon  fai preto dun mes a apuntalar o valado a poñer unha rede a modo de separación polo lado do patio da aula, e xa non volveu por alí ninguén, o cal non nos parece nin de lonxe unha maneira dirixente de actuar.

   No que respecta ás medidas realizadas para asegurar a zona, non nos parece nin seguridade suficiente nin solución. Unhas táboas por un lado cuns puntais que calquera pode tirar ou mesmo roubar, non nos parece a mellor opción. Menos unha solución que deba orquestar un Concello, do que se agarda un mínimo de profesionalidade. Polo outro lado o patio da aula, que conta con columpios e xogos, non se pecha fora das horas lectivas e algún grupo de nenos ou non tan nenos pode ir por alí a curiosear, e unha rede de plástico entre a área de xogo e o valado tampouco nos parece moita protección ante nenos de catro anos, non digamos xa nenos maiores ou adultos. E non o décimos unicamente nós, cónstanos queixas das nais e pais usuarios, da propia Anpa e do profesorado, pero polo que sexa David Castro fai oídos xordos ante a situación. Como xa vimos en ocasións anteriores, como no desfile de entroido organizado sen permisos, a David Castro mentres non pase nada a seguridade dálle bastante igual.

  No que respecta a este abandono dun problema que está xerando preocupación, dende o noso partido debemos esixir que se actúe de maneira inmediata,  se retire ese valado que está poñendo en risco a seguridade de nenos, nenas e profesorado, e se proceda a dispor unha solución que dea seguridade, aínda que sexa de maneira temporal. Existen solucións técnicas moito mellores e de maior seguridade que unhas táboas e uns puntais. Agardar a que remate o curso para solventar o problema non nos parece nin de lonxe algo razoable. E agardar a levar un susto para actuar tampouco.