Category: Sen clasificar
David Castro oculta que unha inspección da Xunta topou numerosas irregularidades na Gardaría Municipal.

- Material defectuoso e deficiencias nas instalacións.
- Irregularidades no funcionamento, con persoal sen pasar o recoñecemento médico e sen horarios definidos na Xunta e co Certificado de delitos de natureza sexual sen actualizar.
- En perigo a gratuidade da gardería por non cumprir as normas.
- David Castro non quixo responder preguntas no Pleno.
No pasado Pleno Ordinario, David Castro negouse a responder a diversas preguntas presentadas por escrito polo noso concelleiro Sérgio Soutelo segundo el porque non as entendía ou tiña dúbidas ao respecto das mesmas. Aínda Sergio Soutelo xa presentou un escrito ofrecéndose á alcaldía para resolver calquera dúbida, a realidade non ten nada que ver con iso, e o señor Castro unicamente tentaba gañar tempo ante varias cuestións. De todas elas iremos falando nos próximos días, pero de momento queremos por de relevancia a situación da escola infantil municipal, que en febreiro recibiu unha inspección da Xunta de Galicia, que emitiu un informe cheo de deficiencias e requirimentos ao Concello, que de non cumprirse, e non sabemos se se cumpriron, porque David Castro négase a explicalo, podería supor a expulsión da escola infantil da rede de escolas gratuítas ao perder o patrocinio da Xunta, ademais da situación de inseguridade na que estarían os nenos e nenas.

O informe da inspección contén, como dixemos, todo tipo de deficiencias. Por unha banda nas propias instalacións, con mobles, rodapés e plaquetas rotas que poden provocar cortes ou feridas nos nenos e nenas, e mobiliario tamén roto polo desgaste do uso e sen renovar ou que non é apto para o seu uso en escolas infantís.

Detéctanse en canto ao funcionamento irregularidades na determinación dos días de peche. No relativo ao persoal resulta que varias traballadoras non tiñan pasado o recoñecemento anual médico, que neste caso é obrigatorio porque se debe acreditar a ausencia de enfermidades infecto-contaxiosas e defectos físicos ou psíquicos que impidan ou dificulten atender aos nenos e nenas. Ademais detectouse que o Concello non actualizou no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ( RUEPSS ) nin os horarios de varias traballadoras nin o Certificado de Delitos de Natureza Sexual, un documento obrigatorio, por moito que as traballadoras sexan da confianza de David Castro, para traballar nas escolas infantís.

No relativo ás garantías para os nenos e nenas, o Concello ocultoulle á Xunta de Galicia as pólizas dos seguros de responsabilidade civil e sinistros cos que debería contar a Escola Infantil, que dende a nosa formación solicitaremos formalmente, non vaia a ser que aconteza como co desfile de entroido, que non tiña seguros específicos.

O goberno de David Castro tamén lle ocultou á Xunta o proxecto educativo e a proposta pedagóxica, algo que non ten moita razón de ser pois son documentos que están a disposición das nais e pais, salvo que ese proxecto e proposta non cumpran algún parámetro ou conteña algo que se queira ocultar, que non nos parece que sexa o caso, mais ben outro exemplo de neglixencia e de desidia de David Castro, que pensa que as cousas se autoxestionan soas.
Pasa o mesmo coa ordeanza fiscal da escola infantil, que define os prezos de uso. A Xunta detectou que varios dos prezos establecidos non encaixan nos parametros establecidos pola propia Xunta, en concreto parametros relativos aos prezos de comedor e de ampliación de horarios. Estes prezos, que deben pasar por Pleno, xa deberían terse solucionado, mais de momento non se modificaron.
E pasa o mesmo con boa parte da documentación que é obrigatoria ter incorporada ao rexistro da Xunta, e que o Concello non incorporou dende a municipalización da escola infantil. Estes incumprimentos supuxeron a advertencia da Xunta de Galicia de que de non resolverse a escola infantil podería ser expulsada da rede de escolas infantís financiadas pola Xunta e perder así a súa gratuidade.

Compre sinalar que sobre esta cuestión, a pregunta específica presentada para a súa resposta no Pleno foi “Corrixíronse todas as deficiencias expostas nese requirimento?” ( en referencia ao informe e requirimento da Xunta ) . Pois David Castro negouse a responder á pregunta con escusas que ninguén cree. A realidade é que descoñecemos se se cumpriron as esixencias da Xunta, pero temos moitas dubidas en primeiro lugar porque as taxas de uso da escola infantil deben modificarse en Pleno e a día de hoxe iso non aconteceu. Ademais a negativa a responder a pregunta, que cun simple SI quedaría resolta, xera moitas dúbidas. Dubidas que tampouco axudan a disipar os rumores sobre favoritismos nas contratacións de persoal.
Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación pola existencia de todas estas irregularidades, sobre todo no que afecta á seguridade dos nenos e nenas, pero tamén no que atingue á situación das propias traballadoras e polas consecuencias que pode traer toda esta serie de incumprimentos, pois perder a gratuidade da gardería pola desidia do señor Castro afectaría directamente as nais e pais usuarias da escola infantil.

O que non conten o informe da Xunta é ningunha proposta nin recomendación de que se lle manden ás nais e pais enquisas de valoración do profesorado como a enviada o pasado mes de marzo, e tal como asegurou David Castro naquel momento . Si se recomendan enquisas para valorar cales son os mellores días para pechar a gardería, e que non se peche determinadas datas por decreto como se está facendo, cousa eu tampouco se fixo. Así pois, demóstrase que unha vez máis David Castro mentiu ao tentar cargarlle a responsabilidade dos seus feitos a un terceiro, neste caso a Consellería de Política Social, e unha vez máis as súas mentiras quedan demostradas por documentos asinados e con número de rexistro.

Confusión en Barrantes por que o Concello mantén os sentidos restrinxidos de circulación un mes despois de rematada a festa do Tinto.

• Un mes despois de rematada a festa, no Caleixón Loureiro permanecen os sinais que obrigan ao sentido único e de prohibición de estacionamento en parte da rúa.
• Os sinais permanecen, pero a veciñanza non sabe se debe guiarse por eles ou ignoralos, o cal crea confusión, e posiblemente multas que non corresponderían.
• Pedimos a David Castro que aclare a situación con esa rúa e faga as cousas ben.
Para a celebración da pasada edición da Festa do Tinto, o goberno local procedeu ao reordeamento temporal do tráfico no centro de Barrantes, definindo algunhas rúas como de sentido único.
Un mes despois de rematada a festa, dende Somos Ribadumia comprobamos que algúns dos sinais temporais colocados para restrinxir e guiar o tráfico nalgunhas desas rúas seguen colocados. Referímonos en concreto á rúa Caleixón Loureiro. Na intersección desa rúa coa rúa capela e a rúa Remediós Alvarez, e ao longo da rúa Caleixón Loureiro hai colocados unha serie de sinais, tanto de dirección única, como de dirección prohibida e de prohibido estacionar. Dáse a circunstancia de que varios deses sinais non son homologados e/ ou están colocados dun xeito evidentemente pensado para ser temporal, pois aparecen amarrados de calquera maneira a postes que non corresponden coa sinalización de vías. Ademais para a colocación dalgún dos sinais procedeuse á retirada doutros que deben estar presentes.
O asunto é que o Concello de Ribadumia non emitiu ningunha comunicación, nin temos constancia de ningún bando nin resolución de alcaldía, polo que non queda claro se o sentido único neste tramo de vía vai a ser permanente ou se “por despiste”, quedaron eses sinais sen retirar. En calquera caso a situación crea confusión pois a veciñanza non sabe se debe facer caso deses sinais ou non, podendo dar orixe a multas se a garda civil actúa en base a eses sinais, pois unha parte da veciñanza ante a dubida non lle está facendo moito caso. Por isto, a veciñanza queixase da falta de información, de que se cambien sinais e sentidos da vía sen informar ás familias que viven nesa rúa, que non son poucas, e que aínda por enriba poida caerlle unha multa se non fan caso a uns sinais colocados de maneira bastante chapuceira. Ademais dáse a circunstancia de que o Concelleiro de Urbanismo vive nesa zona, así que coñecemento da situación debería ter abondo, co cal cabe interpretar que se os sinais non se retiraron ou foi por culpa dunha irresponsabilidade do concelleiro, que non sería tampouco raro, ou porque o goberno de David Castro quere meter un cambio de sentido das vías nesa zona pola porta de atrás.
Dende Somos Ribadumia entendemos que todo o centro de Barrantes debería someterse a unha actualización urbanística, de humanización e reordeamento do tráfico, eliminación dos semáforos, mellora da seguridade e dotación de aparcadoiros. E nesta zona en concreto do Caleixón Loureiro, os problemas circulatorios e de faltas de aparcadoiro son moi graves, máis dende que se ocupou o último edificio de vivendas, entre 2019 e 2021. Pola nosa banda levamos no noso programa, e veríamos como moi positivo unha reordenación do tráfico nesa zona, e dotar prazas de estacionamento. Pero as cousas hai que facelas ben, non de maneira chapuceira, con sinais mal colocados e amarrados a postes, recortando zonas de estacionamento, e aínda por enriba facelo con escurantismo e condenando á veciñanza a enterarse dos cambios vía multa.
Por todo o exposto, e logo de que esta cuestión saíra a relocer no último pleno sen que o goberno local fixera nada, este luns presentamos un escrito solicitando a David Castro que aclare a situación e que actúe. Se os sinais quedaron aí por error, que se corrixa o erro e se garanta que ningún veciño ou veciña vai ter que pagar multas pola incompetencia do goberno local. Se non foi un erro e se pretende manter no tempo o sentido único e as limitacións ao aparcadoiro, que se informe, que se proceda a unha sinalización correcta, e que se faga a actuación en toda a zona afectada, pois limitar unicamente unha parte da rúa non vai solucionar o problema nesa zona, e aínda pode agravalo.

Orzamento 2024, tarde, mal e falso.

- Un orzamento feito a todo correr, copia-pega do de 2022.
- Datos falseados interesadamente.
- O PP da Xunta, nin está nin se lle espera.
- Abandono do rural nos investimentos, nula mellora dos servizos públicos e do apoio aos colectivos do Concello.
- O Período medio de pago en case 100 días, e o Concello ao borde da intervención do Estado, grandes logros da concelleira liberada de contas e de David Castro.
O goberno aprobou este xoves o orzamento para 2024. E fixo, como non podía ser doutra maneira, mentindo e enganando á veciñanza, presentando uns números que non se aproximan á realidade do noso concello e condenando ao goberno local a tirar de modificacións de crédito para completar o ano, algo por outro lado xa tristemente habitual.
O último orzamento de referencia é o do ano 2022. Con respecto a ese orzamento, temos un total que sube con respecto a ese ano case un 13%, que parece moito pero non é nada. Máis ben ao revés.
Pasamos de 4.293.795,18 no 2022 a 4.845.202,64 € para este 2024. 551.407,46 € máis que fai dous anos. De partida, este aumento orzamentario responde unicamente ao aumento das aportacións do estado ás arcas municipais, pois o Concello non incorpora remanente de anos anteriores, nin aumenta as partidas de fondos propios, ou os seus ingresos, e seguimos sen noticias dos importantes investimentos que a Xunta ía facer en Ribadumia a cambio do paso de David Castro ao PP.

Dese medio millón de aumento con respecto a 2022, 385.069,14 € vanse as actualizacións e ao aumento do cadro de persoal, 252.151,78 euros xa unicamente para o persoal de gardería incorporado logo da súa municipalización. Así que de inicio temos un orzamento que apenas varía con respecto ao 2022, e polo tanto, como falamos máis abaixo, é unha estafa á veciñanza por irreal.
Centrándonos no propio documento, os investimentos reais, que son os cartos que o Concello dedica a obras, infraestruturas, mantementos das instalacións públicas e dotación de servizos sube con respecto ao 2022 178.527,30 €. Pero , aínda que no total pareza que o goberno inviste máis no Concello, en realidade inviste menos, porque a maior parte dos fondos van a tres cuestións concretas e puntuais: o bonus track da obra da rúa Condesa, onde o Concello vai pagar con fondos propios 80.000 € enriba dos 211.344,89 que xa puxo para ese proxecto vía modificación de crédito, a renovación do cespede de A Bouza, 267.178,91 € dos cales a veciñanza vai poñer 227.000 euros e poñendo a Deputación escasos 46.000€. O terceiro investimento vai ser o arranxo dos parques do centro de Barrantes, 169.512,22 € con cargo ao Plan +Provincia, antigo Plan Concellos. A obra dos parques de Barrantes, para o caso de que se leve adiante, non esquezamos que no parque da Carballeira o Concello xa presentou e anunciou anteriormente dous proxectos distintos e unha Pump track que non se realizaron, cómese dous terzos do Plan +Provincia, e os fondos propios do concello vanse tamén na súa maior parte á rúa Condesa. A consecuencia disto é o total abandono do rural, que apenas recibe investimentos para mantemento máis básico, fora as axudas fixas por exemplo do Plan Marco e fora a contorna de Puxafeita e Outeiro, unha zona que acumula xa preto de 200.000 € en investimentos e chapuzas viarias, non está claro para dar servizo a quen. Dende o noso punto de vista esta lamentable disposición económica é consecuencia da incapacidade de xestión de David Castro, que adoece dunha completa falta de previsión e de xestión, e que tampouco é capaz de encaixar os orzamentos na nosa realidade.

Do resto do orzamento:
- seguimos sen darlle un uso ás partidas para emprendemento e apoio ás empresas, conxeladas nos 38.000€ e quedando cada ano sen gastar, convertidas en partidas comodín para que o alcalde as poida usar en outras cuestións. Asi pois, apoio ao emprendemento e ás pequenas empresas do Concello: cero.
- Un ano máis, e van sete, as partidas a clubs e entidades conxeladas. Ou peor, porque primeiro, os custes nestes aos para esas entidades subiron moito, e segundo , ao haber máis clubs deportivos que no 2017 pero a mesma partida, os clubs máis veteranos están levando menos cartos. Apoios aos clubs, o mínimo. Non confundir co apoio a eventos privados como o AF7, que sube disimulado en varias partidas ata o punto que é imposible saber o que lle custa ao concello ese evento.
- Tampouco se melloran os fondos para o comedor escolar e para o transporte do CRA, e iso que é evidente que fan falla, pois son servizos con boa acollida. Ribadumia non avanza en servizos de conciliación dende fai anos, ao contrario, mantén os recortes realizados neses servizos durante a pandemia. Outro logro de David Castro: o de non facer nada.
As falsedades do orzamento.
Pero se por algo destaca o orzamento e pola súa falsidade. Por un lado, a última conta xeral aprobada, a do 2022, xa deixou patente que o Concello de Ribadumia precisa para un funcionamento mínimo situarse nos 5 millóns e medio. Non esquezamos que os números do 2022 deixaron un resultado final de máis de 6 Millóns de euros mobilizados.

Ademais, estamos en xullo, e moitos investimentos, como ben dixo a Concelleira de Contas no Pleno, xa están realizados ou comprometidos.
Pois sorprendentemente, partidas como a da Festa do Tinto, que xa tivo lugar e cuxas contratacións se realizan a principios de ano, mantén a partida de 120.000 €, cando no 2022 esa festa tivo un custe que rondou os 163.000 €. E esta non é a única partida que se mantén a pesar de que é evidente que os gastos ao cabo do ano son moi superiores. En total, o Concello oculta mais de medio millon de euros en gastos, que posteriormente terá que mover vía modificacións de crédito e desviando as partidas “comodín” dentro do orzamento.
Dende Somos Ribadumia non podemos apoiar uns orzamentos que non son acordes á realidade do noso concello, que inclúen partidas falsas por incorrectas, que entrampa os números e que supoñen un engano á veciñanza. Ademais todo isto deixando atrás tantas cousas por mellorar, dende os servizos de conciliación aos espazos públicos de todo o Concello.
Por motivos laborais, Sergio Soutelo non puido estar presente no Pleno, pero si asistiron membros do noso partido, e debemos lamentar o triste espectáculo protagonizado por David Castro, incapaz de defender os seus propios orzamentos, enleandose con tubos e cuestións particulares sen vir a conto de nada.

O período medio de pago en 98 días.
Queremos recordar en último lugar, que a actual concelleira de contas, en excedencia precisamente do seu posto como técnica da administración local, e que cobra o dobre que a anterior concelleira de contas, non foi quen nin de xustificar o retraso na presentación do orzamento deste ano, nin a ausencia do orzamento do 2023, o cal nos fai preguntarnos se está concelleira foi liberada como un pago de favores, algo moi típico de David Castro visto o acontecido na Mancomunidade con José Asperez, ou se sinxelamente non está á altura do seu cargo. En calquera caso, dende a entrada do novo goberno a xestión económica caeu en picado. O xoves púxose de manifesto que o período medio de pago xa está en case 100 días, triplicando o máximo legal de poñendo ao Concello ao borde da intervención do Estado. Exisimos actuacións e medidas que poñan freo a está situación.

Solicitamos ao goberno de David Castro que dote nos espazos públicos cambiadores de cueiros e zonas de lactancia..

• A maioría de locais municipais carecen de cambiadores de cueiros, e non hai ningún espazo de lactancia
• Propoñemos que se doten cambiadores de pañais en todos os edificios e parques públicos.
• Propoñemos tamén que se doten zonas de lactancia nos edificios e locais municipais.
• Do mesmo xeito, pedimos que cando se contraten aseos públicos, se incluían neles estes servizos.
Dende a nosa formación temos comprobado que a pesar de que somos un concello con moitos nenos e nenas pequenas, e polo tanto moitas familias que acoden ás instalacións e parques públicos, estes espazos non están actualizados para atender a esa realidade e a certas cuestións que ,cada vez máis, as nais e país reclaman. Neste caso concreto referímonos a ausencia de dotación de módulos cambiadores de cueiros, que favorezan esa labor tanto cando se está pasando un anaco nun parque, onde esta operación pode resultar ben incómoda, como cando se está participando nun evento cultural nunha casa de cultura ou no Auditorio, ou mesmo cando se acode ao concello ou ao local de servizos sociais para calquera trámite. E no caso dos locais públicos pasa o mesmo coa ausencia de espazos de lactancia, pois nin un só local de todo o Concello ten habilitada unha zona para facilitar esa labor.
Situación similar é a que se vive nos eventos de maior público, como pode ser a Festa do Tinto, pero tamén outras como a recente Ruada das Gotas. Nestes e outros eventos o Concello ven contratando dende o 2016 cabinas de aseos, pero non se está tendo en conta estas necesidades que son moi específicas pero afectan a moitas familias, e no caso de eventos de maior tamaño, a falta dun espazo cómodo onde dar o peito con certa tranquilidade ou cambiar o cueiro dun bebe, para esas nais e país que queren ssocializ e articipar dos eventos cos seus nenos e nenas pequenos, resulta algo incomodo, cando ten ben sinxela solución.
Por estes motivos, esta semana Sergio Soutelo presentou por rexistro unha solicitude para instar ao goberno local a que por un lado “dote de módulos para facilitar o cambio de cueiros en todos os edificios de titularidade Municipal, así como en espazos verdes e parques infantís, e que esixa ás empresas que subministran aseos portátiles para os diversos eventos que organiza o Concello a que inclúan cambiadores nos mesmos” e polo outro que “na medida das posibilidades dos propios locais municipais, se habiliten zonas de lactancia nos mesmos, e que na contratación de aseos portátiles se inclúa tamén algún modulo que sirva como espazo de lactancia ou se doten zonas específicas”.
