Category: Sen clasificar
David Castro confirma en Pleno que o céspede de A Bouza non se vai mudar ata o ano 2025 (con sorte).
- Confirmou que a obra está sen licitar, e que posiblemente non se licite ata o ano próximo, sen concretar data.
- Cunha partida orzamentaria aprobada de 267.000€, dixo que “non ten cartos” e que “está buscando financiamento”.
- Se di que non ten os cartos, que fixo con eles?
- As mentiras de David Castro e de Miguel Castro ao Umia C.F., que o céspede se cambiaría en outubro, e que o cambio leva meses licitado, ao descuberto.
- Esiximos responsabilidades políticas. Miguel Castro debe dimitir por mentir, por enganar e por rirse na cara do Umia C.F., e David Castro como mínimo debe desculparse e darlle xa a volta á esta situación.
No Pleno Extraordinario do luns , celebrado logo dunha xogada de David Castro para gañar tempo e poder solventar certas cuestións expostas por Somos Ribadumia ás que debía dar resposta, topámonos cunha sorpresa maiúscula, que é que David Castro gastou os cartos da renovación do céspede de A Bouza noutras cuestións, deixando esta actuación no aire.
Preguntado varias veces por esta cuestión, David Castro declarou que o cambio de tepe do campo de fútbol de A Bouza non se pode licitar neste momento porque non conta con financiamento suficiente, declarando que se están buscando fondos para poder acometer a obra, pois fáltanlle, supostamente, 178.000€.
De partida, as declaracións de David Castro demostran que tanto él como os seus concelleiros e concelleiras, en particular Miguel Castro, Concelleiro de Urbanismo, levan meses enganando á directiva e a toda a familia do Umia C.F. ao decirlles primeiro que se lles ía mudar o céspede en outubro cando non era certo, e segundo fai semanas cando, despois de poñer dende a nosa formación de manifesto o retraso da obra, se lles dixo que “Somos Ribadumia minte, a obra leva licitada meses.” Tal como o noso Concelleiro Sergio Soutelo expresou no Pleno, as declaracións do señor Castro “quedou moi claro que dende Somos Ribadumia dicíamos a verdade ao facer público que a obra está sen licitar e que non se vai poder facer en outubro como estaba prometido, e polo tanto quenes mentiron foron David e Miguel Castro, este último moi insistentemente, e aínda por enriba, non é que a obra estea sen licitar, é que David Castro xa gastou os cartos e agora non pode facer o cambio de céspede”.
Porque o máis salientable non é o retraso na licitación, algo que neste goberno xa non sorprende, o salientable é que tres meses despois de aprobado o orzamento e dentro del a partida específica de 267.000 € para o cambio de céspede, David Castro gastou os cartos noutra cousa e agora non ten fondos para poder facer esta actuación, que por certo conta con parte de financiamento da Deputación, que se pode perder. O que non fixo David Castro foi explicar en que gastou os cartos, nin xustificou ningún tipo de urxencia que motivaran deixar esta actuación no aire, pois tampouco aportou o señor Castro unha data concreta de cando se vai realizar. “Dixo finais de 2024 ou no 2025. Isto nos parámetros nos que normalmente se move David Castro significa que a ver se no 2025 se fai a obra”.

Esta xestión dos recursos públicos, mentindo, enganando, e collendo cartos dunhas partidas e dunhas obras xa anunciadas e comprometidas para tapar os buracos da súa incapacidade, resulta totalmente lamentable e inaceptable. Dende Somos Ribadumia entendemos que un alcalde que minte e que engana á veciñanza e que non cumpre os seus compromisos, non ten lexitimidade ética para seguir no seu cargo. E outro tanto o Concelleiro de Obras, que leva meses sendo o altofalante da alcaldía, mentindo descaradamente e ríndose da directiva e de toda a familia do Umia C.F. que queda condenado a manter a situación dos últimos meses, con lesións recorrentes, e con penalizacións da Federación Galega de Fútbol que poden rematar no peche do campo e a imposibilidade de xogar nel. David debe, como mínimo, desculparse, e darlle a volta á situación de maneira inmediata, porque o campo de A Bouza non pode estar nas condicións nas que está, e senón quere facerse cargo das súas responsabilidades que dimita , e Miguel Castro debe dimitir de maneira inmediata polas súas actitudes, declaracións falsas e enganos ao Umia e ao colectivo que o conforma, que non é pequeno.
A Xunta multa (outra vez) aó Concello de Ribadumia polo pasotismo de David Castro.

• 2.501€ por non resolver uns arrastres de terras, en Leiro.
• Advertido a principios de 2023, David Castro non fixo nada, provocando así a chegada da multa .
• O problema que orixinou a multa, segue sen resolverse, provocando posiblemente novas multas.
• Esiximos responsabilidades políticas é que o alcalde e o Concelleiro de Urbanismo paguen do seu peto as multas.
Na contorna da rotonda da Fonte do Corvo, na parroquia de Leiro, existe unha pista que baixa dende unhas fincas forestais e que nos últimos anos nos días de choiva arrastra terra e maleza que a miúdo remata na propia rotonda, dentro da PO-300, estrada de titularidade autonómica, provocando unha lameira e supoñendo un perigo para a seguridade viaria. Pois ben, a Consellería de Infraestruturas ben de multar aó Concello con 2.501 € por non poñer solución a estes arrastres e ao problema de seguridade viaria.
O máis grave desta nova multa, que se suma a outras por non resolver outro tipo de problemas, como á de 1.500€ que lle impuxo Augas de Galicia en marzo deste mesmo ano por non actuar ante un verquido nun regato en Sisán, é a desidia que a motiva.
Porque hai que remarcar que a multa chega, e así o recolle a resolución da Xunta, por non actuar logo de que se lle comunicara a situación ao Concello de Ribadumia. E non foi por falta de tempo. A denuncia ao Concello de Ribadumia realizouse en xaneiro do ano pasado, ratificada en setembro nun escrito onde se expoñía o problema e como se debía resolver. Foi ante a desidia do señor Castro e a Consellería iniciaría o proceso de sanción, dando prazo ao Concello para que alegara o que considerase. David Castro fixo oídos sordos das advertencias, non se molestou en presentar alegacións nin en resolver o problema, co resultado de que dende o Servizo de Vixilancia de estradas provincial propuxeron a imposición da multa de 2.501€, a máis baixa posible, pero non necesariamente a última.

En maio do presente ano comunicóuselle ao Concello a multa e a obriga de resolver o problema, baixo ameaza de novas multas coercitivas se David Castro seguía pasando de todo, como así fixo. Finalmente este pasado 6 de setembro o Concello recibiu unha resolución, onde se lle advertía, ademais da multa, de que dispoñía dun mes para solucionar o problema. O mes pasou, e o problema segue sen resolverse, polo que debemos prever que a Consellería siga poñendo multas, de entre 100 € e 1.000 €, ata que David Castro cumpra as súas obrigas. De non facelo, a Xunta podería optar por solventar o problema e pasarlle o cargo aó Concello, pero seguindo os funcionamentos habituais, iso implicaría que o Concello antes pagase miles de euros en multas, co cal, s resolución dun problema menor rematará custando moitos cartos.
Para a nosa formación é totalmente inaceptable que se dean estas situacións, e que David Castro actúe con este grao de desidia, ata o punto de que nin se molesta e presentar alegacións , non digamos xa resolver o problema que, en última instancia, supón un perigo para a veciñanza e xente doutros concellos que circula por esa estrada. E dende logo é intolerable que a veciñanza de Ribadumia teña que pagar multas motivadas pola vagancia do señor Castro.
Esiximos a David Castro que, en primeiro lugar e de maneira urxente solucione o problema que motivou a multa evitando a chegada de novas penalizacións, e en segundo lugar que asuma responsabilidades políticas: que el e o Concelleiro responsable paguen do seu peto as multas motivadas pola súa inacción e desidia, pero ademais diso que se depuren responsabilidades, pois Ribadumia non pode permitirse ter concelleiros e un alcalde que non cumpran coas súas obrigas, e ademais eses comportamentos supoñen rirse da veciñanza na súa cara, e non se poden nin se debe tolerar.
David Castro non asume responsabilidades a culpa á Xunta do retraso na obra do colexio.

• O aparcadoiro está sen facer, pero David Castro nega responsabilidade e culpa á Xunta.
• David Castro, dúas semanas despois de que fixeramos público o retraso, aínda non falou coa dirección da obra.
• O aparcadoiro, sen data para a súa posta en funcionamento.
• Pedimos seriedade, respecto pola veciñanza e respostas.
Na mañá de onte tivemos coñecemento a través dos medios de prensa que a obra do aparcadoiro novo para o CPI Xulia Becerra Malvar se retrasou, en verbas de David Castro, “por pequenas variacións na actuación no muro do peche do colexio”, unha parte da obra que supostamente ten que realizar a Consellería de Educación, porque os 640.000 desa obra non daban para retirar unhas pedras e poñer unha cancela e unha verxa. En esencia, o que fixo o señor Castro foi culpar á Xunta dos retrasos dun aparcadoiro que segue indo a paso de tartaruga, con acceso ao colexio ou sen el.
Dende Somos Ribadumia consideramos unha tomadura de pelo que o alcalde aparecera un día prometendo que o aparcadoiro estaría, xa non rematado, senón que ademais operativo en sete días, e un mes despois, coa obra sen completar, apareza de novo para dicir que a culpa do retraso é da Consellería de Educación, cando esta administración non ten responsabilidade nin na realización dos accesos nin no asfaltado do aparcadoiro, unhas actuacións que forman parte do proxecto licitado polo Concello e están hoxe sen completar.
Ademais disto, non contento con dicir cousas que nos consideramos sen xeito nin dereito e practicar o escapismo, David Castro tivo a valentía de declarar que a estas alturas aínda non se reuniu co director da obra e que o faría onte. Que ata agora non tivera tempo para visitar a obra nin se preocupara pola súa evolución, deixa ben claro o pouco que lle interesa o tema a David Castro, e demostra o que levamos tempo dicindo, que é que temos un alcalde ausente que únicamente aparece para facer fotos.
Ademais do anterior, o señor Castro non deu unha data para a posta en funcionamento dese aparcadoiro que ía estar operativo o 11 de setembro, nin aclarou que vai acontecer coa explanada onde actualmente paran os buses, nin como se vai garantir a seguridade no acceso ao ximnasio e as aulas onde se realizan o plan madruga, escola de ocio e o comedor escolar. Pedímoslle respecto pola veciñanza, que deixe de mentir e de eludir as súas responsabilidades, e que dea as explicacións públicas que a comunidade escolar e o Umia C.F. levan meses requirindo.
David Castro ten paralizado o cambio de céspede do campo de a Bouza.
• Coa partida económica dotada dende xullo, e co compromiso de cambiar o céspede en outubro, o proceso de licitación está sen iniciar.
• Outra promesa de David Castro que vai quedar sen cumprir.
• 267.000 €, a maior parte collidos da carteira da veciñanza, paralizados.
• A Deputación na prensa presumindo de obras que están sen facer.
• E mentres, o Umia prexudicado por David Castro, acumulando lesións nun campo en estado lamentable, e coa ameaza , xa formalizada por un árbitro, de non poder xogar no campo.
Fai uns días o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presumía dos investimentos realizados en infraestruturas deportivas no Salnés. Cal foi a nosa sorpresa ao ver que entre a lista de investimentos realizados aparecían case 46.000 € (45.946,71 € ) para a renovación do céspede do campo de fútbol de A Bouza en Barrantes. Un investimento que está hoxe sen realizar, aínda que polo visto ninguén informou ao presidente da Deputación, que tampouco debe saber que non é a primeira subvención que David Castro perde pola súa incapacidade para facer cousas ben.
O cambio do céspede de A Bouza conta cun orzamento que supera os 267.000 €, dos cales David Castro unicamente conseguiu da Deputación uns pírricos 46.000 €, o 17% do investimento total – o resto sae de fondos propios – , cando outros concellos lograron ata o 100% dos seus proxectos desta mesma liña de axudas. Pero máis aló da incapacidade de David Castro para conseguir investimentos de importancia para Ribadumia, está a súa maior incapacidade para xestionar o pouco que consigue.
Dende antes do verán, o señor Castro comprometeu por activa e por pasiva á directiva e ao entorno do Umia C.F. que a obra de cambio de céspede se realizaría neste mes de outubro. Porén, debemos por de relevancia que a día de hoxe, con setembro moi avanzado, o proceso de licitación da obra, que ten a partida orzamentaria aprobada dende xullo, non se iniciou, polo tanto ese proxecto a día de hoxe non pasa diso, de ser un proxecto nun papel, e vai ser moi difícil, debido aos tempos nos procesos de licitación, que aínda que David Castro acordara poñerse a traballar ao leer este comunicado, o céspede se poida mudar antes de novembro, e somos optimistas, e contando con que a obra se faga.
Mentres David Castro sigue ausente do seu cargo, os xogadores, as xogadoras e os nenos e nenas da familia deportiva que conforma o Umia teñen que adestrar e xogar nun campo que está nunhas condicións lamentables, acumulando lesións e arriscándose a que algún arbitro lles impida xogar nese terreo de xogo, coa correspondente penalización para o Club.

De Feito, o pasado domingo o árbitro que pitou o partido entre o Umia C.F. e o Celtiga C.F. recolleou en acta a situación do campo, dándolle dúas semanas ao Umia -ats o próximo encontró – para resolver a situación, cousa que o club obviamente non vai poder facer.
Esiximos a David Castro que unha vez que colleu os cartos da carteira da veciñanza -incapaz de conseguir fondos doutras administracións – deixando así outros investimentos sen realizar, e visto o prexuizo que está ocasionando coa súa ineptitude ao Umia, que espabile e axilice a substitución do tepe de A Bouza, e que mentres non se solucione a situación, aporte alternativas ao Umia C.F. para poder xogar os seus partidos e asuma calquera posible sanción económica que poida recibir esa entidade por parte da Federación Galega de Fútbol.
