Category: Sen clasificar
Posible suba de case un 30% no recibo do saneamento.

- A empresa concesionaria da xestión do saneamento propúxolle ao Concello unha suba dun 28,20% da taxa de saneamento.
- O recibo pasará de 48.4€ a 62,51€ (IVE endadido) para as vivendas, e con subas de 30€ a 300€ para as empresas, un auténtico sablazo.
- David Castro oculta a situación sen facer nada.
- David Castro oculta canto nos vai supor a suba de impostos nos próximos meses.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia de que o pasado mes de setembro a empresa concesionaria da xestión do saneamento municipal realizou ao Concello de Ribadumia unha proposta de actualización das taxas de saneamento, tanto das de uso da rede, como do resto de taxas relacionadas con este servizo básico, acometidas, análises e inspeccións.

A proposta de actualización, escudándose en que a última actualización foi no 2012, e en que dende entón o IPC subiu un 28,20%, inclúe a solicitude expresa de que se aprobe nos termos propostos, o cal implicaría unha importante suba para a veciñanza e as empresas do noso Concello. En concreto, esta suba suporía pasar dos 48.40 € actuais (ive engadido) aos 62,51 € no caso das vivendas, e dos 105,08 € aos 134,71 € para pequenos negocios, escalando prezos en toda a táboa ata chegar ao máximo para as grandes empresas, que pasarían de pagar 1.155 a pagar 1480,71 €. A mesma porcentaxe de suba aplicaríase ao resto de servizos incluídos no contrato de xestión.


Esta proposta de suba, que David Castro oculta aos grupos da oposición e á opinión pública, súmase a outras subas previstas como a do lixo, que no caso máis optimista suporá unha suba do 50%, , pero tamén as xa acontecidas como a da auga, ou o golpe que nos meteu Augas de Galicia polo uso da depuradora de preto de medio millón de euros, que xa foron asumidos ambos polo Concello, cargándollos á caixa común da veciñanza. En calquera caso, David Castro, que mantén ao Concello sumido no caos económico, no vai poder aguantar moito sen repercutir estas subas no recibo, ademais no caso da do lixo vaino ter que facer obrigatoriamente.
O silencio de David Castro.
Dende Somos Ribadumia esiximos en primeiro lugar explicacións públicas, pois no pleno da semana pasada, nun momento no que se falou de impostos ao fío dunha moción do PSOE, David Castro evitou intencionadamente falar da situación á que se enfronta o Concello, que pode supor unha suba no curto prazo da maior parte das taxas municipais, e ademais en porcentaxes importantes, que poden supor no seu conxunto ao redor – coas estimacións máis baixas – de 120 €/ano máis por vivenda, polo que estariamos falando dunha suba conxunta e de golpe do 50% das taxas municipais, unha autentica barbaridade. Non só evitou falar da realidade do noso concello, senón que intentou arrastrar ao PSOE – que defendía nese punto o que nós consideramos e por iso apoiamos unha xusta rebaixa de IBI para quen aposte pola enerxía solar na súa casa – e de paso ao resto da oposición a “ convocar a comisión informativa de contas para falar e tomar acordos en relación aos impostos municipais”, unha trampa coa que pretendía, ocultando a realidade do que ten enriba da mesa, que a oposición lle validase unha suba de taxas.
No caso da suba do saneamento que nos ocupa, descoñecemos o motivo polo cal a empresa concesionaria pide agora unha actualización das taxas, polo que de partida, asumindo que como sempre David Castro non vai dar a cara e moito menos explicacións, imos pedir copia do contrato de concesión e analizar ben a situación, antes de facer máis valoracións, pero a suba proposta, con IPC ou sen el, parécenos esaxerada e ademais non consta que David Castro presentara ningún tipo de alegación ou resposta ante a proposta da concesionaria, polo que nos tememos que vaia aceptar a proposta.
O que si podemos adiantar é que dende a nosa formación non imos apoiar ningunha suba de taxas á veciñanza e ás empresas do noso Concello que non estea perfectamente xustificada, e que imos esixir a David Castro que cumpra os seus compromisos coa veciñanza e non suba impostos, nin de maneira directa nin, moito peor, cargándollos de maneira indirecta ao peto común, como xa fixo coa suba do recibo da auga e taxa da Xunta (gobernada polos amigos do señor Castro) sobre o uso da depuradora.
Xa que David Castro presumiu de xestionar e de garantir que a veciñanza non ía sufrir subas de impostos, usando ademasi esa premisa, a de negarse a subir impostos, para xustificar todo tipo de recortes e a súa negativa a realizar investimentos importantes ou aumentarlle as axudas aos colectivos municipais, que cumpra ese compromiso ou que dimita.
Penoso e perigoso estado dos parques infantís do Concello.

• O estado actual de varios parques é totalmente catastrófico.
• Xogos rotos, pezas e anacos de xogos tirados polo chan, ponlas de árbores sen retirar, óxidos, falta de proteccións, estruturas en perigo de derrube …
• Completa inacción de David Castro, que tendo perfecto coñecemento da situación non se digna mandar operarios nin sequera retirar o que está roto.
A mala situación dos parques infantís do noso Concello non é nova. Pero o grao de degradación e de abandono dos mesmos chegou a cotas que non se poden aceptar.
Estes días dende Somos Ribadumia achegámonos a comprobar novamente o estado dos parques, e so puidemos comprobar a situación de abandono completo na que se encontran. Pero ademais do estado de abandono e falta de mantemento e atención, temos que por de relevancia a situación de perigo provocada porque tampouco se están retirando os elementos de xogo rotos ou degradados, nin se reparan os buracos no caucho.
Pezas rotas e tiradas polo chan, estruturas como tobogáns, que teñen certo tamaño e pensadas para que os nenos se suban e xoguen a case dous metros de altura, nun estado tan crítico que en calquera momento poden virse abaixo, moita podredume, os cestos e asentos dos columpios cheos de oxido e sen as gomas de seguridade, falla de peches perimetrais de seguridade (obrigatorios por lei) … a lista é longa.
Compre recordar que en setembro de 2022 denunciamos a que xa era unha moi mala situación dos parques infantís, e que se habían estragado 48.000 € dunha suposta intervención “ para poñer ao día todos os parques infantís do Concello” sen que ninguén fora quen de explicar o que se había feito nin en que parques. Dous anos despois, a degradación é completa, ata o punto de que hai pais que están optando por acudir a parques doutros concellos ou que evitan que os seus fillos e fillas usen os xogos porque son un perigo.
Unha vez máis pedímoslle a David Castro que compra as súas obrigas de alcalde, e arranxe os parques infantís do noso concello.
A solución de David Castro aos problemas de espazo do despacho do educador familiar: poñer aire acondicionado (non é broma).
- David Castro fai oídos xordos ás queixas da veciñanza pola falta de espazo e intimidade no despacho do educador familiar.
- Vai gastar 20.000 €nun aire acondicionado que non lle pediu ninguén, mentes deixar outros problemas sen resolver.
- David Castro ameazou con chamar ao despacho da alcaldía a cada unha das persoas que puxo queixa, pero négase a cambiar o despacho.
- Para reducir as queixas, está traslandando xestións de servizos sociais ao concello.
No pasado pleno o noso concelleiro Sergio Soutelo puxo de manifesto a existencia de numerosas queixas polo despacho do educador familiar, situación que xa temos denunciado tanto nós como os propios sindicatos. “Están entrando queixas no rexistro cada semana, todas polos mesmos motivos: falta de espazo para acceder tanto con carriños de nenos ou cadeiras de rodas como as persoas con mobilidade reducida, imposibilidade física de que estea nese despacho máis dunha persoa, ausencia completa de intimidade, espazo agobiante… A miña pregunta foi que resposta se lle estaba dando a esas queixas veciñais, xa sen valorar a situación do propio educador familiar .”
A resposta foi cando menos curiosa. De partida David Castro “asegurou que a súa intención era chamar ao despacho de alcaldía a cada unha das persoas que cursou queixa no rexistro “para explicarlle a situación dese despacho”. Ante iso aclareille que esas persoas xa saben cal é a situación do despacho, por iso puxeron queixa”. O señor Castro non entrou en máis detalles , pero deu a entender que o que pretende facer é explicarlle a esas persoas que o problema non é o despacho, senón o educador familiar e de paso lerlle a cartilla. Para nós estás actitudes ameazantes cara a veciñanza e de acoso e derribo a un traballador son totalmente inaceptables.
Á vista da resposta “pedinlle ao señor Castro que concretara a solución ao problema do despacho, que é o que xera ás queixas”. A resposta de David Castro foi para enmarcar. “Imos poñer un equipo de aire acondicionado de 20.000 €”, para seguidamente culpar da instalación dese aire acondicionado ao propio educador familiar. Cómpre remarcar que as condicións de falta de calefacción e aire acondicionado en todo o local de servizos sociais, non unicamente no zulo onde atende o educador familiar, son deficientes dende fai tempo, e nós mesmos denunciamos a situación en numerosas ocasións. O que David Castro non dixo foi que quen deu orde de mellorar esas condicións foron os informes realizados pola Inspección de Traballo, xa no ano 2022, polo que o que está facendo David Castro é intentar librarse dunha multa.
En todo caso, queremos recordarlle a David Castro que os equipos de aire acondicionado non fan aumentar o tamaño dos despachos, e no caso dos zulos como o que ten o Concello de Ribadumia para atender á veciñanza que acode a servizos sociais, poden ser ata problemáticos pola acumulación excesiva tanto de calor no inverno, como de frío no verán, ao non dispor ese zulo de ventilación. Neste aspecto insistimos en que as queixas están motivadas polo tamaño do despacho, non por outras causas nin motivos, e que ese é o problema que David Castro debe resolver con urxencia.
Para rematar, temos constancia de que para evitar que sigan producíndose queixas, dende o Concello están desviando trámites que ata agora se realizaban, como corresponde, nas oficinas dos servizos sociais comunitarios ao edificio do Concello, unha actitude absurda que só sirve para sobrecargar ao persoal da casa consistorial.
Ampliamos.
Logo de enviar o texto máis arriba aos medios, DavidCastro foi inquerido sobre está cuestión por un dos medios de prensa comarcais. E ante as declaracións feitas , onde se pretende dicir que a situación ven da época na que este partido formou parte do goberno e Enrique Oubiña levou entre outras a área de Servizos sociais, queremos facer as seguintes aclaracións:
- En primeiro lugar, no pleno da semana pasada Sergio Soutelo preguntou especificamente polas queixas da veciñanza, non pola situación do educador familiar. E o que esiximos nese aspecto é que se atenda ao que xa é un clamor das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios, que é ser atendidas en condicións dignas. O señor Castro pretende desviar a atención falando de aires acondicionados e de cartos, ( e sinalando a Somos Ribadumia, que xa nos parece caer no ridículo) pero nada diso era o obxecto do debate.
Pero vistas as declaracións, compre apuntar:
- A reestruturación de Servizos Sociais, coa adecuación do edificio que antes foi Concello e escola infantil, entre outras cousas, e o posterior traslado de todo o departamento dende o edificio do Concello, fíxose efectivamente por iniciativa de Somos Ribadumia, ao igual que a posterior ampliación para acoller o almacén de roupa e de alimentos deixando prevista unha terceira fase para aloxar a protección civil que non chegou a realizarse, pero en ningún caso se instalou ao educador familiar nun despacho inadecuado, nin moito menos no despacho que ocupa actualmente.
- O local de servizos sociais conta con dous despachos perfectamente válidos, previstos para a traballadora social e para o educador familiar, estando un deles valeiro por orde de David Castro dende que fai meses endureceu a súa guerra particular contra ese traballador, ao que non lle permite usar ese despacho valeiro e obrigandoo a estar nun oco que non estaba previsto para ser usado de maneira continuada nin moito menos para ter un uso continuado por parte da veciñanza.
- En ningún caso Enrique Oubiña ou Somos Ribadumia dispuxo a ningún traballador ou traballadora de maneira permanente, toda a xornada e todos os días da semana, no despacho no que actualmente está o educador familiar, que se usaba unicamente como apoio de maneira puntual para cousas moi concretas.
- No tempo que Oubiña foi Concelleiro de Servizos Sociais nin houbo ningún requirimento da oficina de Inspección de Traballo, nin houbo queixas do persoal , nin moito menos queixas veciñais .
- Insistimos nisto último: queixas con Enrique Oubiña de Concelleiro, cero. Coas concelleiras determinadas por David Castro, houbo queixas de todo tipo, a traballadora social e o educador estiveron de baixa psicolóxica por causas relacionadas coas presións as que os somete David Castro, hai denuncias xudiciais interpostas polo persoal administrativo, e dende que se cambiou de despacho ao educador familiar, entra de media unha queixa semanal no rexistro do Concello por parte de veciños que piden que os atendan noutro lugar máis adecuado.
- A instalacións de equipos de climatización é unha esixencia da Inspección de Traballo, e reclamada polos sindicatos, unha actuación que por certo leva preto dun ano e medio de retraso sobre o propio compromiso de David Castro, que en xuño de 2023 anunciou que a obra estaría feita “en un mes”.
David Castro debe asumir as súas responsabilidades, explicar porque motivo mantén un despacho valeiro dende fai meses, que problema ten co educador familiar e porque lle quere facer a vida imposible, e deixar de sinalar aos demais. Para o caso, recordámoslle a David Castro que leva con maioría absoluta cinco anos, e neste tempo non fixo máis que crear problemas en servizos sociais.
Inaceptable a situación no colexio de Ribadumia.

- A coincidencia de dúas problemáticas e ningunha solución poñen en evidencia a xestión da Consellería de Educación.
- Resulta indigno que unha nai e un pai deban facer garda diante da escola.
- Non é aceptable que se lle negue o mestre de apoio necesario alegando unha cuestión burocrática.
- Esiximos actuacións e solucións inmediatas.
- Todo o noso apoio as familias afectadas.
Dende que saiu à luz os problemas que acontecen a día de hoxe no colexio de Ribadumia, onde coincide que na mesma aula de infantil conviven varios nenos con necesidades especiais superando a ratio establecida e sen o reforzo profesional que fai falla, e cunha desas nenas coa necesidade de contar coa presencia dunha enfermeira cuxa baixa non foi cuberta, estivemos agardando contando que a gravidade da situación feita pública traería solucións inmediatas. Pero vemos que pasan os días e dende a Consellería só se aportan escusas.
Dende a nosa formación, en primeiro lugar queremos amosar todo o noso apoio, tanto a esa nai e ese pai que se ven obrigados a facer garda diante do colexio polo único motivo de que o mesmo Conselleiro que se pasa o día falando do moito que gasta en instalacións non é capaz a dispor unha enfermeira e rematar cunha situación tan indigna para eses proxenitores, como aó resto de nais e pais que teñen que ver cómo os seus fillos e fillas non teñen a atención que lles corresponde porque o mesmo Conselleiro non quere tampouco desdobrar unha aula e poñer un mestre de apoio.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que ante problemas de solución tan sinxela como básica – dotar os profesionais necesarios para que nenos e nenas poidan recibir a atención necesaria – só escoitemos escusas. Non é aceptable que a Consellería non conte cunha lista de profesionais para cubrir baixas como a da enfermeira que atende á nena referida, e non é aceptable que coa escusa de que se entregou tarde un papel, a Consellería faga como que hai un neno que non existe. As aulas teñen estipulados uns ratios por algo, e se superan, sexa a principio de curso ou pola metade do mesmo porque chegue algún neno ou nena novo, ou se se detecta nalgún dos nenos xa matriculados algún que teña necesidades especiais, a Conselleira non pode obviar as súas obrigas.
Dende Somos Ribadumia poremos as queixas formais pertinentes e esixiremos que se actúe con celeridade.
Por outra banda, do goberno local, que no pasado pleno fixo moita declaración de intencións e asegurou que estaban seguindo o tema, cousa que agradecemos, agardamos algo máis que verbas bonitas e feitos vagos, e recordámoslle a David Castro que foi él o que declarou que se vendía ao PP porque así ese partido dende a Xunta beneficiaría a Ribadumia, cando de momento o que estamos notando é precisamente o contrario.

