Category: Sen clasificar

A carballeira de Ribadumia  perdeu en cinco anos máis do 20% da súa masa arbórea.

 

  • De preto de 130 árbores contabilizadas no 2019, quedan 95, e baixando.
  • Supostas rareas selectivas e unha enfermidade que non se está tratando.
  • A solución de David Castro : pasar a motoserra.
  • Dende Somos Ribadumia propuxemos unha mesa de traballo para a xestión dese problema e outros. David Castro negouse a aceptala.

  A decadencia da carballeira de Ribadumia, un ben emblemático do noso concello, é perfectamente visible, para todo o mundo salvo para David Castro, que no último Pleno declarou que está nun “estado aceptable”.  

  A realidade neste caso, ademais de ser observable a simple vista, está avalada polos números.  En 2019 contabilizábanse na carballeira de Ribadumia preto de 130 árbores, e iso despois de perder varias árbores por unha enfermidade tratada no 2017 . Esa mesma enfermidade, un insecto, non un fungo como declarou David Castro en setembro do ano pasado, volveu atacar á Carballeira pola falta de coidados preventivos, liquidando outra decena de árbores dende o 2019 ata o momento actual.  En setembro do ano pasado  puxemos de relevancia a situación da Carballeira. David Castro un xoves negou esa situación en  Pleno,  e ao día seguinte deu orde de cortar as árbores mortas que segundo el non existían. O que non fixo foi proceder a dar ningún tipo de coidado sobre unha masa de arbores minguante, co resultado de que hoxe volvemos ter carballos xa moribundos na Carballeira.

  O curioso da situación é que fai unhas semanas, David Castro deu orden de realizar unha corta selectiva, supostamente para “rarear a masa arbórea” , en base a un informe do ano 2016 da estación fitopatolóxica do Areeiro, aínda que vendo como foi a rarea o que se fixo foi cortar preto da urbanización lindeira. Fora como fora, a realidade é que cortou unha vintena de árbores sás e deixou sen cortar e destaconar, como recomendaba o mesmo informe, arbores que están enfermas.

   O resultado da xestión de David Castro é que a carballeira perdeu mais do 20% do seu arborado en menos de cinco anos – xa só quedan 95 árbores das 130 contabilizadas  en 2019 – e vai seguir perdendo porque segue habendo arbores enfermas e moribundas e non se está aportando ningunha solución máis que pasar a motoserra. Tampouco se está repoboando nin se está traballando en ningún tipo de recuperación da masa arbórea, e iso que David Castro tivo oportunidade a través dun programa da Deputación de conseguir árbores sen ningún  custe para o Concello, mais non quixo facer a xestión.  Os números de David Castro en cinco anos son:  30 carballos cortados, 0 carballos prantados. De 130 árbores  a 95,  e baixando.  A este ritmo, David Castro vai pasar á historia como o alcalde que deixou morrer a Carballeira de Ribadumia.

David Castro, contra de calquera solucion.

Dende Somos Ribadumia presentamos fai meses unha moción cunha proposta para dende o ámbito político e coa axuda de persoal técnico, facer o que non se está facendo, que é disporr un plan de actuacións que permitan unha xestión da Carballeira e doutros espazos emblemáticos do noso concello e a súa posta en valor.

  Pero David Castro é como o can do hortelán, nin come nin deixa comer. Xa non é que retrasara  a moción meses e que despois impedira a Sergio Soutelo defendela no Pleno, é que se nega a aceptar o penoso  estado no que están as zonas verdes do Concello e o abandono ao que ten sometido o noso patrimonio e, o mais lamentable,  resulta incapaz de actuar e de aportar solucións e de xestionar unha situación que non só da mala imaxe, senón que está matando o noso patrimonio natural e cultural, e non unicamente  a carballeira de Ribadumia, pois outros espazos como as sendas fluviais  ou a ampla rede de lavadoiros, fontes e espazos verdes están pagando o prezo do abandono e das malas decisións de David Castro.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que a nosa posición debe ser a de axudar a mellorar o noso Concello, por iso, a pesar dos desprezos e da falta de educación e respecto de David Castro e do seu equipo, mantemos a nosa man aberta  ao diálogo e estamos dispostos a axudar ao goberno local a poñer solución aos problemas que enfronta Ribadumia.

 

 

 

David Castro impide a Sergio Soutelo falar no Pleno cunha estratexia de covardía e abuso de poder .

  • David Castro bloqueu o dereito de Sergio Soutelo a defender a súa moción e a realizar preguntas. 
  •  Actitude covarde e de abuso de poder ao non lograr o obxectivo de que Soutelo se levantara e marchase.
  • David Castro pretende bloquear a voz da veciñanza e que non fagamos públicos os desastres da súa xestión. Spoiler: non o vai conseguir.

No Pleno deste pasado xoves volvemos vivir un episodio esperpéntico gracias ás actitudes covardes e aos abusos de poder de David Castro que se valeu da súa posición para bloquear as intervencións do noso concelleiro Sergio Soutelo.

  David Castro, que igual traía algo de jet lag logo de pasar uns días en Madrid, chegou  decidido a impedir que Soutelo expuxese na parte final do pleno as súas preguntas, preocupado polos asuntos que o noso concelleiro puidera facer públicos.

   En verbas do propio Soutelo, a estratexia do señor Castro foi evidente dende o momento en que no debate sobre unha moción presentada por nós, me impediu responder aos seus argumentos e aos do resto de partidos, abusando da súa posición de alcalde aínda que sabe perfectamente que como poñente tiña o dereito legal de falar e defender a nosa moción”. O normal sería, ante esa actitude despótica, levantarse e abandonar o Pleno, e de feito Soutelo valorouno porque este tipo de actitudes non se poden permitir, pero ao final, tendo en conta que tiñamos outras cuestións que falar de interese para a veciñanza, decidiu continuar, pero ainda asi abandonou temporalmente o Pleno nese momento para amosar o seu desacordo coas formas e actitudes de David Castro, volvendo aos poucos segundos para seguir co Pleno.

  Isto debeu ser un revés para David Castro pois foi evidente que o que quería era que Sergio abandonase o Pleno de maneira definitiva e non chegase ao punto de rogos e preguntas,  pero non tiña a valentía – nin motivo- para expulsalo. Máis adiante, ao chegar ao punto de preguntas para a oposición , volveu tentar que Sergio abandonara o pleno negándolle a súa quenda de palabra e forzando a situación nun exercicio tan absurdo como ridículo. Como Sergio non cedeu á provocación, o señor Castro  rematou por darlle a palabra, pero só para retirarlla aos poucos segundos pechando o pleno sen que o  noso concelleiro puidese exercer o seu dereito de control de goberno, preguntando por varias cuestións de interese para a veciñanza  e solicitando algunhas actuacións.

  Tanto a actitude, covarde e despótica, como o feito de impedirlle ao noso concelleiro exercer os seus dereitos, son totalmente inadmisibles, e dende a nosa formación tomaremos as medidas necesarias para corrixir esta situación e que non volva a ocorrer algo así. Os concelleiros e concelleiras teñen obrigas, pero tamén teñen dereitos, e o noso dereito a defender os intereses da veciñanza non o vai anular ningún alcalde.

  Dende Somos Ribadumia queremos amosar o noso apoio ao noso Concelleiro e ao traballo que realiza poñendo o interese da veciñanza por diante das súas posicións persoais, e agradecemos o apoio recibido do resto de forzas políticas.

David Castro leva a pleno unha nova ordenanza para a xestión da biomasa.

  • A norma propón  que os veciños poidan denunciarse entre eles, unha serie de multas, e varias cuestións de ética e legalidade discutibles, como a obriga de incluir nas denuncias particulares fotos das parcelas denunciadas.
  • Dende Somos Ribadumia aportamos varias melloras e correccións ao documento.
  • Propoñemos que o Concello dispoña un servizo municipal de xestión de biomasa.

  Este xoves terá lugar, se David Castro non volve meter a pata coa documentación e a convocatoria,  o Pleno Ordinario de novembro  no cal o goberno local ten previsto debater e aprobar unha ordeanza local para a xestión da biomasa.

  Vaia por diante que nós a priori non estamos en contra da aprobación deste regulamento, que de feito chega bastante tarde, pero non podemos pasar por alto certas cuestións que se recollen no borrador que para nós son mellorables, e nalgún caso inadmisible.

  O texto pretende establecer a obrigatoriedade manter limpas de maleza e especies pirófitas  as parcelas das zonas urbanas, núcleos rurais e faixas de seguridade, en consonancia coa normativa autonómica, pero inclúe medidas moi discutibles. A mais chamativa é a obrigatoriedade de que os veciños que consideren que unha parcela non cumpre a lexislación deben aportar coa correspondente denuncia e identificación da parcela fotos da mesma. David Castro pretende con esta obriga  ter un escudo cando un propietario dunha parcela denunciada lle proteste e poder cargarlle a responsabilidade da denuncia a outra persoa. Esta fórmula de descargo non é nova en David Castro, pero obrigar a unha persoa que  realice fotos da parcela doutra persoa ademais de que é algo ilegal, é unha medida que únicamente vai servir para crear e aumentar os conflitos entre a veciñanza, e ademáis resulta de todo excesivo e innecesario, pois a propia norma expón que deben ser os técnicos municipais os que se persoen  na parcela denunciada e comproben se efectivamente se cumpre a normativa ou non.

Como explica o noso concelleiro Sergio Soutelo  “David Castro  parece encirrado en buscar a división da veciñanza e favorecer enfrontamentos, e de paso escorrer as súas responsabilidades. O goberno local debe ser quen cada ano comprobe que dentro das zonas se seguridade se cumpren as normas , e non deixarlle a responsabilidade da denuncia á veciñanza, non digamos xa esixirlles fotos de propiedades privadas”.

  Hai máis incoherencias, como que mentres en toda Galicia o prazo límite para que as parcelas estean en condicións aceptables se establece a finais de maio, David Castro pretende alongado a finais de xuño, en pleno verán. Ou que logo de aberto un expediente por parte do Concello ante unha parcela sen limpar, pasados os quince días de prazo para a corrección da situación, non se estableza a obrigatoriedade de que os técnicos pasen por esa parcela a corroborar que se corrixira a situación. Neste aspecto consideramos que os expedientes que se abren deben pecharse, e os técnicos deberían pasar obrigatoriamente a corroborar que se corrixen está situacións que non esquezamos que teñen como obxectivo evitar incendios, as consecuencias derivadas dos mesmos, e en última instancia salvar vidas. Ademais, dicir que os técnicos  “poderán” pasar pola finca a comprobar se se corrixiu o que estaba mal, pode levar a un uso politizado da norma, con veciños aos que se lle mira con lupa e outros aos que non.

   Tampoco nos parece nada correcto que se fale de que o Concello poderá proceder ante un incumprimento á limpeza subsidiaria das parcelas, pero non establezca como corresponde nunha administración pública Unha tabla de prezos, deixando a porta aberta a que o Concello cobre o que considere, nin que non recolla a posibilidade ou alternativas para o caso de persoas que non poidan por algún motivo facerse cargo da xestión da súa parcela.

Traballar en positivo.

 Dende Somos Ribadumia analizamos debidamente todo o texto, e ademáis das cuestións que vimos de expor, topamos algún axuste máis que consideramos que debe realizarse e que melloraría unha norma que entendemos que pode ser necesaria, pero que non pode pensarse como un mecanismo de exención de responsabilidades políticas, e si debe aportar ferramentas que faciliten a sensibilización e participación da veciñanza na prevención de incendios. “Mais colaboración, máis recursos, menos denuncias e menos multas”. Por este motivo, presentamos unha serie de melloras ao documento que propón o goberno local, para corrixir incoherencias e as cuestións arriba mencionadas, e aportando algunha proposta que consideramos moi necesaria.

  Unha cuestión a remarcar que propoñemos é que o Concello saque a concurso -asumimos a incapacidade de David Castro para xestionalo directamente – un contrato para a limpeza de parcelas, creando así un servizo municipal de limpeza de parcelas. Esta medida  permitiría aportarlle á veciñanza unha alternativa pública, a prezos razoables, e facilitar e abreviar a xestión no caso de limpezas subsidiarias.  E dicimos isto sabendo que existe a posibilidade de que Seaga se faga cargo, pero é un servizo que non vemos que estea funcionando moi ben, de feito existen queixas por como xestionan a limpeza de montes – que é arrasando todo sen contemplacións –   ata o punto de que a norma proposta por David Castro nin sequera contempla a posibilidade de acudir a esa vía, e ademais nós apostamos por unha xestión mais próxima á veciñanza.

   Propoñemos outras cuestións como que cando se inicie a campaña de prevención se publique un listado de empresas locais e comarcais que dean servizos de limpeza de parcelas, pois non todo o mundo dispón dos recursos para manter as súas parcelas en  condicións e moitas veces o problema radica en encontrar empresas que fagan o traballo, ademais nuns meses, os de primavera, nos que para esas empresas hai moito traballo .

En todo caso, a nosa proposta fixémoslla chegar a todos os partidos con representación e agardamos que de aquí ao xoves sexa posible consensuar un documento que agardamos se aprobe por unanimidade

A Festa do Deporte ten o formato esgotado, e perdeu o apoio das entidades deportivas.

  • A maioría dos clubs deportivos apenas presentaron candidaturas para recibir recoñecementos na Festa do Deporte.
  • Exceso de politización do acto e con escasa presenza das entidades deportivas municipais.
  • No canto de traballar pola unión e a posta en valor do deporte, David Castro traballa pola división entre as entidades deportivas e a veciñanza.

  O que debía ser un evento de posta en valor dos deportistas e do deporte no noso concello, nos últimos anos derivou nun acto de propaganda política e de competencia forzada  entre as entidades deportivas ata tal punto que os propios clubs están cada vez máis desconectados deste evento.

  Este pasado sábado tivo lugar a Festa do Deporte,  e o evento non fixo máis que poñer de relevancia os problemas dun acto pensado para ser unha cousa, pero que David Castro retorceu ata convertelo noutra, e as consecuencias desa maneira de facer.  Sen valorar o desenvolvemento do acto en si mesmo, con máis presenza de políticos que de deportistas e con ausencias moi notorias por parte das entidades deportivas, a realidade é que os clubs deportivos amosaron en todo o proceso, dende a presentación de candidaturas para os recoñecementos ata a  súa presenza na propia gala, o seu desapego deste evento, que debería ser unha festa para por en valor o deporte ribadumiense e aos deportistas do noso concello,  cun auditorio ateigado de deportistas, pero que rematou sendo un exercicio de propaganda e discurso político, e un intento de David Castro de quedar ben con todo o mundo – de cara a galería –  que tivo o resultado contrario.

   O noso concelleiro Sergio Soutelo mantén unha relación moi fluída con todas as entidades, polo que non se sorprendeu da escasa resposta dos clubs ante este evento “o problema está en como se xestiona todo isto, que é facendo todo ao revés de cómo se  debería facerse. Hai un exceso de intromisión política nas cuestións que deberían valorar as entidades, con xuntanzas para falar de temas deportivos ás que os directivos acoden e se encontran con todo xa decidido,  e ao tempo o goberno descarga nas entidades responsabilidades que debería decidir o goberno, que rematan creando conflito e discusións entre elas. O  propio  mecanismo de recoñecementos xera máis competencia que unidade no deporte local,  ademais de que algúns dos recoñecementos son bastante discutibles e producen máis friccións que consensos”. De feito, a maior parte dos clubs este ano apenas presentaron candidatos e candidatas, o cal tivo como correspondencia que os recoñecementos se concentraran en moi poucas entidades.

   Dende Somos Ribadumia temos moi claro que todo o mecanismo para premiar a deportistas, clubs, adestradores, medios e patrocinadores non tivo unha boa evolución no tempo e que o goberno de David Castro debe realizar cambios de calado.

   Por outra banda, non podemos deixar de por de manifesto que o feito de que David Castro manteña enfrontamentos con parte dos clubs do Concello e xere descontento no resto, xunto coa política de crear división que leva practicando nos últimos anos,  non axudan  en nada a que en Ribadumia poidamos ter unha festa do deporte que sirva para por de relevancia os seus  valores positivos,  nin moito menos amosar a potencia unificada do deporte local.  Por iso pedímoslle a David Castro que abandone a política da confrontación e opte polo diálogo e as boas prácticas, reconduza a relación con  todas as entidades deportivas, deixe de meter cizaña entre elas e entre a veciñanza, e que mude todo o funcionamento da Festa do Deporte para que sexa o  que debe ser, un escaparate da nosa potencia deportiva e unha xornada de convivencia entre entidades, deportistas e todo o que se move ao redor do mundo do deporte local.

  Por ultimo, dende Somos Ribadumia queremos parabenizar a todas  e todos os deportistas e clubs do noso concello, tanto a premiados e premiadas como a  finalistas na Festa do Deporte, pois o recoñecemento foi sen dúbida merecido,  pero tamén con independencia dese evento,  a todas as persoas que practican deporte no noso Concello e aos clubs que fan posible, gracias ao esforzo impagable das súas directivas ,  que sexamos un Concello con tanta forza no ámbito deportivo.