Category: Sen clasificar
David Castro rega con cartos o Arousa Fútbol 7 mentres nega subas e axudas ás entidades locais.
- Pasou de poñer 12.700 € no 2019 a case 21.000 € neste 2024.
- En catro edicións, o David Castro meteu 71.000€ nese evento.
- O Concello de Ribadumia aporta o 10% do orzamento do AF7, pero non recibe nada do beneficio económico.
- David Castro ao tempo que rega este evento deportivo, négalle melloras nas axudas ás entidades locais e aos eventos que organizan e castiga ás que lle resultan incomodas.
- Fondos da Deputación que deberían ir a eventos organizados por entidades de Ribadumia, desviados para o AF7.
David Castro ocultaba os datos do que lle custa o Arousa Fútbol 7 ao Concello de Ribadumia, tanto que tardou tres meses e dous plenos en responder ás preguntas relativas a esta cuestión que o noso Concelleiro Sergio Soutelo presentou por rexistro para ser respondidas en Pleno.
Tratábase de saber cando lle custa cada ano o Arousa Fútbol 7 ao Concello de Ribadumia. Vaia por diante que dende a nosa formación non temos nada en contra dese evento, pero sempre que non prexudique nin supoña un menosprezo ao traballo do resto de entidades deportivas deste concello e que o custo sexa razoable, nada do cal se da a día de hoxe.
No último Pleno Ordinario, o goberno local deu por fin os datos do que leva gastado o Concello de Ribadumia nos anos 2022, 2023 e 2024. Recordemos que o torneo trasladouse a Ribadumia no ano 2019, cun custe para as arcas municipais de máis de 12.000 €, logo tivo un parón pola pandemia e retomouse no ano 2022. Dende entón o Concello aportou en tres anos: 18.805,21 € nese 2022, 18.283,38 no ano 2023 , e xa nesta última edición, 20.887,92 €. En total, nas catro edicións celebradas o Concello tivo uns custes de 71.000€.
Para a nosa formación, xa non se trata da cantidade, que en calquera caso nos parece excesiva, tanto que este ano supuxo máis do 11% do orzamento total do evento, cifrado segundo datos da propia organización en 180.000 €, uns cartos que van a fondo perdido ao financiamento dun evento que recordemos, é privado. O que nos parece inaceptable é o agravio comparativo e a actitude que David Castro mantén cara as entidades do noso Concello ao tempo que pon alfombra vermella e cartos da veciñanza a este evento organizado por unha entidade de fora de Ribadumia.
Porque mentres que para este evento David Castro dispón todo tipo de facilidades e fondos sen reparar en gastos, aos clubs do noso Concello négalles dende o ano 2016 un aumento das axudas económicas, ata o punto de que ao haber mais entidades que no 2016, hoxe por hoxe están todas ingresando menos que naquel ano. A partida total, para repartirse entre todos os clubs é de 34.000 €. Por tal motivo ningunha entidade recibiu nos últimos anos máis de 10.000 €.
Dáse outra circunstancia, que é que a partida para eventos deportivos neste 2024 era de 12.000 €., que foron na súa maior parte ao Descenso do Umia. Así que nós temos curiosidade por saber de onde saen os cartos para afrontar este evento, que so pode ser de recortar noutras cuestións. A este respecto, temos que lamentar que do total de cartos que o Concello destina ao AF7, unha parte se sacou da partida que a Deputación da ao Concello de Ribadumia para eventos deportivos. Isto é o mais lamentable. Resulta que se lle racanean os cartos aos eventos que organizan os clubs do noso concello, e ao tempo cóllense as axudas que veñen da Deputación para darllos ao AF7.
A comparación tampouco se sostén ante outros eventos organizados por entidades locais. O que máis fondos recibe é o Descenso do Umia, pero leva a metade do que leva o Arousa Fútbol 7. Outros eventos como a Copa Ribadumia, a MINI- BTT ou o RallyMix levan pouco máis que apoio loxístico e uns trofeos, que todo ten un custe, pero moi inferior. De feito, a proba internacional de ciclocross que levaba un par de edicións asentándose con moito éxito e moito máis traballo por parte do Club Ciclista Ribadumia, este ano caeuse do calendario de probas locais, sen que David Castro movera un dedo.
E despois está “todo o demais”. David Castro mantén enfrontamentos, en maior ou menor medida con case todas as entidades deportivas do noso Concello. Recordemos o enfrontamento xudicializado co Xuventude Sisán, que David Castro debe agora resolver por mandato xudicial. Pero o máis grave é a negativa do señor Castro a renovar o céspede artificial de A Bouza, un capricho persoal del e do seu acólito Miguel Castro, que instaurou un ambiente enrarecido entre esa entidade e o goberno local, rodeado de ameazas veladas ou non tanto e de malas formas.
Dende Somos Ribadumia estamos e estaremos de acordo en que se apoien todo tipo de eventos deportivos, pero debe haber unhas prioridades, e esas prioridades deben ser os eventos organizados polas entidades locais que traballan cada día cos nosos nenos e nenas. E dende a nosa posición non podemos apoiar nin validar os comportamentos por acción ou por omisión das persoas que forman o goberno de Ribadumia cara as entidades deportivas do noso Concello. Esas formas, esas actitudes e esa maneira de usar os recursos do Concello e as decisións políticas para dar premios e castigos en base a intereses políticos e persoais parécenos totalmente inaceptable.
David Castro oculta a realidade sobre a xestión da reciclaxe en Ribadumia.
- David Castro fala dun suposto contrato de xestión dos mini puntos limpos, pero non hai constancia del.
- Con quen se contratou esa xestión? Canto nos vai costar? Para que queremos entón o punto limpo de Leiro?
- David Castro, sen presentar un documento, acusa de mentir a Somos Ribadumia , que presentamos informes, documentos e imaxes. O mundo ao revés .
- Manda comunicado para responder do que lle interesa. Pero cala ante a realidade do lixo amoreado no almacén municipal e en Leiro e do Punto Limpo paralizado dende fai máis de un ano.
David Castro tivo a ben ir á prensa a falar de que dende Somos Ribadumia mentimos no relativo á xestión dos puntos limpos de proximidade colocados fai uns días. Pero fixoo sen presentar un só documento que demostre o que di.
Chama a atención esta resposta que, como a que tivemos en relación coa Carballeira de Ribadumia, non se acompaña de datos concretos. Por qué as preguntas ante as declaracións son evidentes: que empresa vai xestionar eses mini puntos limpos? Canto lle vai costar á veciñanza de Ribadumia?
Hai máis preguntas. Certamente temos constancia do proceso de contratación dos puntos limpos de proximidade, pero unicamente para a súa adquisición e colocación. Non consta ningún proceso de contratación de servizo da xestión. Tampouco figura partida orzamentaria para tal fin, Pero, para que non quede dúbida, xa que David Castro oculta a documentación, o noso Concelleiro xa solicitou copia de toda a documentación relativa a esta cuestión, e así corroborar a versión do señor Castro .
Se se confirmara a existencia dalgún contrato de xestión deses puntos limpos, teremos que preguntarnos para que queremos entón investir máis de 300.000 € na ampliación do Punto Limpo de Leiro. E para que queremos ter un punto limpo se despois parte da súa xestión se vai derivar a través de terceiros. Isto tería algo de sentido se o investimento se realizara en dotar todas as parroquias en puntos limpos de proximidade para zonas rurais, como teñen concellos como Sanxenxo ou Vilagarcía. E se fixera outra xestión da reciclaxe distinta da que se está facendo. Pero non foi o caso. David Castro comprou tres puntos limpos de proximidade de carácter urbano, moi bonitos pero con pouca capacidade, mandou á concelleira do ramo facer unha foto e pensa que con iso xa está solucionada a xestión da reciclaxe.
Pouco serio nos parece. Como nos parece pouco serio e ademais indignante que gaste tinta en sinalar á Somos Ribadumia, pero que non explique como pode ser que case nove meses despois de rematadas as obras do punto limpo, este siga pechado, nin explique de onde saen e como se está xestionando as moreas de lixo que temos no almacén municipal nunha explanada en Leiro, por certo só carón dunha instalación deportiva pola que pasan nenos todas as semanas.
Pedimos a David Castro que abandone comportamentos infantís e cumpra coas súas obrigas, xestionar e dar a cara ante a veciñanza. E que explique o desastre da súa xestión da reciclaxe.
Ante as mentiras de David Castro sobre a Carballeira, datos confirmados.

- Non existe a día de hoxe ningún informe do Areeiro que confirme que o estado actual da Carballeira de Ribadumia sexa bo.
- Ningún informe do Areeiro di que non se deben plantar carballos, nin rarear da maneira en que fixo.
- David Castro nin sequera comprobou a existencia a día de hoxe de árbores enfermas na Carballeira.
- Mentiras e falsedades para tapar a súa incapacidade para recuperar unha carballeira que sigue acumulando árbores mortas.
Vimos de ter constancia dun comunicado emitido polo goberno de David Castro onde se nos acusa de mentir e de realizar acusacións infundadas, segurando unha serie de cousas, sen aportar ningún tipo de proba, que nos obriga a facer unha serie de aclaracións.
David Castro fala dunha visita e dun informe da Estación Fitopátoloxica do Areeiro que asegura que a Carballeira está nun estado óptimo. A realidade é que o noso Concelleiro Sergio Soutelo solicitou formalmente fai un ano estar presente se se producía unha visita dos técnicos da EFA. Soutelo non foi advertido de ningunha visita, e no Concello non consta ningún informe desa entidade, polo que puideron vir ou non vir. De feito, en base ás declaración en distintos plenos da Concelleira de Contas, non está claro se viñeron ou se falaron por teléfono. E en todo caso, no pleno celebrado no mes de outubro o goberno local admitiu que unicamente existe un informe da EFA, do ano 2016, e que as actuacións se fixeron en base a ese informe, totalmente desactualizado, e ademais esa afirmación é falsa.
Compre aquí deixar claro que o informe emitido polo Areeiro en maio do ano 2016 recomendaba, podar as ponlas mortas, retirar as arbores mortas e dominadas, destoconar, e aplicar funxicida para o oidio. Ese informe non recomendaba rarear a Carballeira da maneira en que fixo o goberno local cortando árbores innecesariamente, e aínda que expresaba que efectivamente nalgunha zona a densidade de árbores era alta, a recomendación era de únicamente sacar árbores dominadas nas zonas máis densas . Todas as recomendacións dese informe leváronse a cabo entre ese ano 2016 e o ano 2017, e no caso do tratamento contra o oidio e contra a enfermidade que naquel momento xa matara varias arbores, ata o 2019, como poden dar fe diversas comunicacións nas redes sociais do Concello.

O que non queda moi claro é como pode ser que, se a visita dos técnicos do Areeiro se realizou tal e como declarou no pleno de outubro a Concelleira Vanesa Jorge antes da rarea, puideran emitir un informe dicindo que a carballeira agora está en mellores condicións debido a unha rarea que aínda non se realizara naquel momento. Mentira enriba de mentira pois, insistimos, non existe informe desa suposta visita. Por certo ,si existen informes de visitas anteriores, a primeira no ano 2007 cando se detectaron as primeiras árbores enfermas, pois os problemas da carballeira veñen de lonxe, logo outro no 2009, para comprobar que os tratamentos dados naquel momento funcionaron. Todo isto está na hemeroteca e documentado no rexistro do Concello, igual que o informe de 2016, a diferenza dos supostos informes aos que se refire o señor Castro, dos que non hai constancia algunha.
Outra cuestión á que se refire o goberno é a que repoboar a Carballeira iría contra os supostos informes do Areeiro. Outra mentira, no único informe existente dende a chegada de David Castro non se di nada diso. Pero ademais, resulta que sendo David Castro alcalde e con posterioridade a ese informe da EFA, plantáronse carballos. En concreto cinco árbores o 11 de novembro de 2016, nunha actividade conxunta co xeriatrico. E isto fíxose, porque do mesmo xeito que nunha zona da carballeira a densidade era alta, noutra parte, nunha superficie que ocupa a metade da mesma, quedan ocos moi grandes que se pretendían cubrir. Pero a realidade é que naquel momento no goberno estaba Somos Ribadumia, e hoxe David Castro prefire ter sitios para palcos antes que carballos.

Logo está o baile de cifras de David Castro. Seguindo o fío das súas propias declaracións en setembro do ano 2023 unicamente había unha arbore morta en toda a carballeira. Logo en novembro resultou que en realidade había oito árbores, que foron as que se cortaron. Agora declara que se cortaron – a parte do rareado – dúas arbores enfermas máis, pero ao mesmo tempo asegura que non hai enfermidade ningunha que estea afectando á Carballeira. Pois ben, este mesmo venres puidemos comprobar in situ a existencia de cando menos unha arbore enferma e posiblemente, a vista do seu estado, xa morta. Ademais, o que non fixo o señor Castro foi seguir a recomendación do Areeiro e retirar tamén os tocóns das árbores mortas. Non so iso, convén recordar que no outono pasado, logo de cortar oito árbores, ordenou tapar os tocóns para que non se vira que se había pasado a motoserra, nun intento bastante infantil de tapar os feitos e soster a súa mentira de que á carballeira non lle pasa nada.

En resumo, David Castro é moi dado a sinalar de mentireiros aos demais, pero a realidade é moi terca e no caso da Carballeira está á vista de todo o mundo: cada ano que pasa dende que David ten a maioría absoluta, menos carballos, rareas innecesarias, arbores mortes e enfermidades que non se están tratando, informes que non existen e declaracións falsas para tapar a realidade. E mentres David Castro enreda, a carballeira está morrendo.
David Castro coloca uns puntos limpos de proximidade sen ter mecanismos para xestionalos .
- Coloca tres puntos limpos de proximidade pero non ten operativo o punto limpo de Leiro nin mecanismo para a xestión dos de proximidade.
- Sen punto limpo e sen xestión da reciclaxe, a donde vai ir o que se recolla neses puntos?
- Mesmo problema coas “illas ecolóxicas” colocadas en varios puntos do Concello.
- Moito falar de reciclaxe, pero vai todo a Sogama, e o que non acumulao o propio concello nunha explanada sen control de ningún tipo en Leiro e na explanada do almacén municipal.
- A privatización da recollida do lixo, o tapado de David Castro.
O chiste cóntariase só, se fóra a facer gracia. Pero non fai gracia ningunha. O goberno de David Castro vén de anunciar a colocación de tres puntos limpos de proximidade, Unha broma de mal gusto dado que non ten os recursos para a súa xestión, porque o punto limpo onde xestionar todo iso leva un ano pechado.
O punto limpo de Leiro pechouse en novembro do ano pasado. Primeiro por obras, despois por unha suposta falta de permisos, derivados dunha ampliación que xa dixemos que era innecesaria, e agora non sabemos por que, aínda que temos a sospeita de que David Castro vai incumprir outro dos seus compromisos e vai privatizar a xestión do punto limpo e a recollida do lixo.
E mentres, topámonos con medidas enfocadas á mellora da reciclaxe que son unha estafa á veciñanza. A última a colocación de tres puntos limpos de proximidade. Vaia por diante que nós estamos moi a favor de calquera medida orientada á mellora da reciclaxe. Pero as medidas teñen que ser efectivas. O problema da colocación destes puntos limpos de proximidade é que o Concello non ten actualmente xeito de xestionalos. Polo tanto, todo canto se deposite neles rematará no contedor do lixo xeral, ou sexa, en Sogama e sen reciclar.
E non é un problema novo. No verán pasado o Concello instalou unhas “illas ecolóxicas” en varios puntos do Concello, con contedores separados para papel, plástico, vidro e orgánico. Nun Pleno posterior saíu a relocer que o recollido nesas illas ecolóxicas se estaba tirando todo ao camión do lixo xeral, e polo tanto non se estaba reciclando, unha situación que se mantén.
Dous puntos de verquidos “controlados”.
A esta situación que para nós é inaceptable, súmase que David Castro, vítima das súa propia neglixencia, ao non ter onde acumular o lixo e enseres que deberían ir ao punto limpo, “habilitou” un punto de acumulación de lixo e escombro en Leiro, nunha explanada aberta completamente e sen ningún tipo de control, pegado a un monte e a unha canle de auga, a escasos cincuenta metros do Punto Limpo pechado, e con contedores procedentes do propio Punto Limpo.
Este ademáis é o segundo ”punto” de acumulación habilitado, pois o goberno local leva meses xuntando lixo, cheiros, filtracións e insalubridade para os traballadores do Concello na explanada do almacén municipal, unha situación que xa tivo algunha visita Garda Civil, pero parece que sen moito resultado, visto que se sigue actuando da mesma maneira.
Dende Somos Ribadumia queremos facer un chamamento a David Castro a que abandone esta maneira frívola e irresponsable de actuar, e recupere o goberno e a xestión do Concello. O Punto Limpo debe abrir de maneira inmediata, pois os problemas non deixan de medrar e volvemos ter a campaña de Nadal enriba. E xa que poñen recursos para facilitar a reciclaxe, que se xestionen correctamente.
